Coas bólas ao sol (coa camisa posta)

Información dos demos da CIG, esos que ademais de cheirar a xufre e camiñar ameazantes con cornos e rabo, provocando trastornos no tráfico da grande cidade europea, non saben o que é traballar. Poden lela aquí.
_

Adiviña para os que asubían

Idiota de probada fiabilidade, que xa ninguén pide extravagancias como ter vergoña ou algunha idea de goberno, asegura na entrega das medallas de non-Galicia, o parafuso apertando inda a man ao corazón, sen descontextualizar porque carece de contexto, “grande exemplo dunha comunidade que sae do seu letargo sen rupturas internas e sen caer na tentación do ensimismamento empobrecedor”.

Quen é o grande exemplo da película? Non-Galicia, el ou o que lle escribe as sandeces?

Non se apresuren á hora de respostar, pode que o idiota non precise escribán, e pode tamén que Galicia non exista máis que o día de non-Galicia (será casualidade o quitar a palabra nazón do himno).
_

Ata as fanecas están enganchadas

Unha das primeiras disciplinas en valerse dos adiantos tecnolóxicos é sempre a publicidade, o exemplo témolo no WhatsApp, unha revolución no xeito de comunicarse das persoas que conseguirá que se maten aqueles que antes se prometían amor eterno (para que logo digan que xa non hai romanticismo). Nun bar de menú do día e fútbol está escrito, xiz sobre encerado: Fai os teus pedidos por WhatsApp, embaixo o número de teléfono e embaixo deste, entre paréntese, para confirmar pedido respostaremos Ok.

Antóllanseche unhas fanecas frescas, Ok. Con Franco as fanecas eran máis frescas, Ok. As fanecas frescas son máis traballadoras que os funcionarios, Ok. Tes fanecas?, non, esto é unha hamburguesería seria, trabúcase vostede de número, para un pouco co teléfono, Gonzalo, e dille á túa nai que se poña a ver como andamos de cebolas.
_

Sidra sen escanciar de 1934

Esta non é unha canción triste. Fuximos da peste do sentimentalismo e as patrias pequenas. Orgullo, exemplo, exemplo de palabras das que se apropiaron. Eles din orgullo e está ben. Os mineiros din orgullo e está mal. Dinamita e silencio. Non é preciso explicar, explicariamos só para quedar ben, non se trata deso. Derivámosvos non encarecidamente, con carraxe, ao artigo de hoxe de Isaac Rosa, e á canción popular asturiana.

Opina Corcobado que non hai que pasarse cando se canta un bolero porque a letra xa é excesiva, como esta Historia que nos tiraron á cara os ladróns de sempre. Os mineiros son un exemplo imperecedoiro dos que non se deixan roubar sen conciencia.
_

Xeometría faise a interesante



Outra esperanza branca para Inglaterra, din non sen malicia que herdeira de P. J. Harvey. Murmurio e tormento, devota do flamenco, cunha Fender Telecaster, acompañada de armonio e batería, os beizos entallados en vermello, pestanas como reixas disparadas, blusas vermellas, pantalón negro, tacóns altos e abelorios de ouro, a melena recollida con dor, xente como Brian Eno ou Nick Cave xa lle xurou amor eterno.

Non sei quen me aburre máis nestos días, se Nick Cave ou P. J. Harvey. A Anna Calvi, que así se chama a personaxe, haberá que escoitala máis: escoiteina hoxe e inda non me aclaro, con esa emoción de Euclides poñéndose duro nas clases.
_

As ovas do emprendedor

Pegándolle á prensa salmón, que andamos escasos de bifeníl policlorinado, atopamos esta entrevista ao director do que será diario.es, Ignacio Escolar, na que explica o modelo de xestión no que se sustentará, no marco das actuais crises económica e xornalística. Ideoloxicamente asegura que non se posicionarán á esquerda, como podían pensar lectores de Público, senón que serán “abertos”, o que me parece estupendo, porque Público non era de esquerdas.

Economía e finanzas na súa cor natural, reza o lema da páxina, mais non é a prensa salmón acuicultura? Máis salmón, máis rodaballo, máis salmón que volve ás súas augas doces para procrear páxinas, espazos para sisudos analistas económicos.
_

Estas son as túas posibilidades


_

Morno carro de ósos 15.820



Imos tirar do fío dos Roots, esta vez arroupando, vestindo unha das novas cancións de Fiona Apple. Falso grupo de hip hop se atendemos ao tópico, instrumentistas sobrados que demostran decotío cualidades proscritas no mundo do rock como versatilidade e profesionalidade (non prefabricadas). Nin bling-bling nin discos raiados nin rimas raiadas. Músicos que viven do seu oficio, que a día de hoxe si, cobrarán unha pasta, tamén o escolleron e curraron.

A canción non pasará a historia, non a meterán en ningunha desas constantes divertidas listas do mellor de, mais é un exemplo de como se pode entender a música, como dicía Ferrín: non se pode ser poeta tódolos días.
_

Arquivo do blog

Outro

A seguir

ecoestadistica.com
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet