A montaña deséxalles 2010



Xa coñecen o conto, se Mahoma non vai á montaña, a montaña vai onde Mahoma. Neste caso eu son a montaña, e Mahoma son os Sundays. Fixen a 13/14, que diría a moza. ¿Que esto non está aquí e alí non se pode? Pois mo baixo todo, e logo subo unha canción aquí, porque eu o valgo e fruslerías.

Baixei a discografía completa máis algo máis. Nin Ana Belén nin Ramoncín, desgraciadamente, mo terán en conta. A brindar contra a Meca. Bo ano novo.
<>

Tiroulle o iMac de 27’’ á cabeza

Tiroulle o iMac de 27’’ pulgadas, Core i5 de Intel a 2,66 GHz, 2.560 x 1.440 píxeles de resolución, 4 GB de memoria, Disco duro de 1 TB, SuperDrive de doble capa a 8x, Gráficos Radeon HD 4850 de ATI con 512MB, envío gratuito por 1.749,00 euros. Ela saiu ilesa de tamaño atentado doméstico. Quen non o contou foi o ordenata; siniestro total. Preguntáballe que a quén quería máis, se ao Mac ou a ela, porque igual no Mac atopaba unha excusa para o medo de amala, a ela ou a outras. Non podía recomendarlle ao seu psicoanalista por razóns obvias, pero coñecía a outros tan bos ou mellores que o seu. Eu quérote, de verdade, dicíalle.
<>

Tremendo tema dos Sundays



Quedamos con ganas, polo que nos puxemos a remexer na internet. Resulta que os Sundays editaron tres discos. Gardamos o primeiro, "Reading, writing and arithmetic" (baixámolo do eMule, en vinilo, hai cousa de vinte anos), logo perdémoslle a pista, por razóns típicas, falta de tempo e falta de medios, e pensabamos que só sacaran un máis, pero non, sacaran dous. Entre esos dous discos que nunca escoitamos hai cancións soberbias, como a desta entrada, "When i'm thinking about you", de "Static and Silence" (o terceiro, o derradeiro).

O reproductor de música que aquelamos para o outro blog ficou inútil por un acordo ao que chegou a casa con Youtube, no reproductor do que tiramos aquí non está esa canción, así que vai, curiosamente, vía Youtube. As fiestras estalan en fría e doce dor da choiva, mentras a música leva a outra cidade, a outras persoas. Absterse jevimetaleros e linkinparkers.
<>

A velocidade pasou por Pontecesures

O AVE non nos comunicará coa meseta, transportaranos vertixinosamente ao Primeiro Mundo e os Tempos Modernos. A comunicación é o de menos, que para eso xa inventaron o Facebook e o Twitter. Políticos e executivos plantaranse en Madrid ou Barcelona en dúas ou tres horas. AVE arma electoral, prazos arma arreboladiza. Xente que se pode permitir o precio do billete. Alternativa para as pontes aéreas. Mentras nolo venden, RENFE segue a suprimir liñas e a abandoar estacións, vendéndonos o razoamento de que non son rendibles. Xa non hai proximidades, só media ou longa distancia.

Cómo fai unha vella que vai de Padrón ao mercado de Santiago. Eso non é nada: cómo colle un estudante o tren de Vigo a Santiago, se pilla unha velocidade media semellante á do AVE chinés, 350 km/h; a inmaculada máquina infernal sáltase Pontevedra e Vilagarcía fixo, en Compostela comenza a frear, e aos 15 minutos vara na Coruña, na praia do Orzán.
<>

O museo do polígono

Se alguén é afeccionado a eso das exposicións e os museos, e anda por Santiago, recomendámoslle que pase do CGAC, da Casa da Troia e da Casa da Parra, e dende logo que pase da Cidade da Cultura, que alí como moito atopará os planos que se deixou o arquitecto Peter Eisenman logo de cobrar. A máis ambiciosa exposición de arte está no polígono do Tambre, onde non deixan de amorear o mobiliario e os monumentos urbanos que van retirando do centro, como a fonte da Praza Roxa ou aquela estrela tan chula que puxeran para o cambio de milenio. Algúns bancos ou farois quizáis non atesouren un gran valor en si mesmos, pero forman un conxunto artístico contemporáneo de visita obrigada.

Aínda que é unha exposición aberta, no sentido de que sempre estará engadíndoselle algo, acadará unha entidade máis seria cando suban para alí o hangar da estación de RENFE, que xa dixo Pepe Blanco que o AVE está por chegar, e algunhas naves cesen definitivamente nas súas actividades. O museo é de entrada libre as 24 horas os 7 días da semana.
<>

O discurso de Su Majestad visto pola gata

Este ano non quería perderme o discurso de Noite Boa do Rei. Primeiro porque sempre mo perdín, e segundo porque anunciaban unha revolución no formato. Vale, máis ben ao revés, supoñendo un lastre á hora de valorar dito discurso. Suposición errada. Facíanse cábalas: decorados sacados de “Fama, a bailar”, vertixinosos cambios de plano... ata un discurso propio. Eu pensaba nos programas de música dos primeiros 80, ou nunha marioneta aforcada da que sairía unha lingua republicana, algo así. Insisto, non sei como era antes, pero non atopei ningunha diferencia. Cambiaban de plano con cada parágrafo, si, de esquerda a dereita, e de fondo a bandeira, o belén, o abeto e unha fiestra que daba a un xardín no crepúsculo.

Coa familia cumprindo nas visitas de familia, a gata e máis eu estabamos preparados. Dinlle unhas barriñas de salmón desas que tanto lle gustan, abrín unha botella de champaña e acomodámonos no sofá. Su Majestad, que semellaba dirixirse a nós, comenzou a falar de corazón, de terrorismo, de tempos difíciles, de innovación consustancial e tradición inmensa. A gata, aos dous minutos, estaba na súa caseta acolchada.
<>

O demo está no "z"

O superaxente Torquemada ataca de novo. Por se a alguén se lle esquece o que está a facer e a onde quere chegar. Por se alguén se resigna, aceptando que todo está feito. Non, aquí queda moito traballo que sacar adiante, como nos calabozos da Inquisición ou nos estadios latinoamericanos que mencionabamos aí atrás. Hai que torturar longamente, nada de matar a un herexe e pasar rápido a outro herexe. Díxolle Torquemada a Carlos Aymerich, o do Bloque, que el non ten problema coa Lei de Normalización Lingüística, pero se queren que a aplique en consenso (é un cachondo mental) o primeiro que deben facer os nacionalistas é rexeitar o topónimo Galiza. E logo, ¿non era que os dous, Galiza e Galicia, eran válidos, avalados ambos por filólogos e historiadores? Pois non, e esto non é un déjà vu, esto é un a ver se deixamos as cousas no seu sitio dunha vez, por favor.

Postos todos a repugnantes, podiamos esixir un mínimo de coherencia, é dicir, que devolvan os restos de Castelao a Buenos Aires. O autor de “Sempre en Galiza” dicía que non voltaría á súa terra, nin vivo nin morto, ata que Galiza fora unha república. Se non é unha república nin se pode chamar Galiza, ¿por qué o trouxeron para o Panteón de Galegos Ilustres, en Bonaval (se ademáis a súa vontade era descansar en Pontevedra)? Porque o PPdG é máis galeguista que vostede e ca min.



Certo é que andan sobrados de alternativas; se non queren devolver tan incómodo cadáver a Arxentina, que xa sabemos que non hai cartos para parvadas, poden modificar, cheos de razón, o título do libro, que se chamaría “Sempre en Galicia” ou mesmo “Siempre en Galicia”. Aproveitando, tamén podían reescribir a súa biografía definitiva:

Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, escritor y político gallego nacido en Rianjo, La Coruña, de padre madrileño y madre toledana. Luchó infatigablemente por integrar su a(o re)trasada “tierriña” dentro de la corona española. Se vió obligado a emigrar en tiempos de la II República, cuando sus libros ayudaban a prender las llamas de iglesias y conventos.

Descansar, o que se di descansar, non sei se descansará moito.

O GALEGUISTA Torquemada (e os outros detrás), por certo, moita presa ten en que Caixa Galicia e Caixa Nova se fusionen, por aquelo da GALEGUIDADE dunha caixa GALEGA unida e forte. Conmovedor ímpeto político para un pingüe trapicheo económico.


"The devil is in the details", refrán inglés.
<>

Apuntes sobre a final do campeonato mundial de clubs

Non se preocupen, como dixo Guardiola, o futuro do Barça é negro. E o que lles costou o partido; se en lugar do Barça esta final a disputara o Madrid, o partido sería moi distinto; posiblemente o Madrid ganaría fácil.

“La Bruja” Verón dixo que o que quixera espectáculo que fora ao teatro: hai que recoñecerlle certa sinceridade. A ver se o ficha o Madrid.

Os partidos de fútbol pola tele serían máis levadeiros sen ter que escoitar ao comentarista da cadea, que por non saber nin sabe o que é “o tempo narrativo”, que curiosamente vai parello ao tempo deportivo.

Escribir “en quente” ás veces está ben. Logo un ponse a pensar e ou non escribe nada ou escribe mellor, pero peor.
<>

Días do 2009






Aínda que dentro de 15 días ninguén se lembre do que por unha vez podemos chamar con propiedade unha xesta, nos xa temos qué contarlle aos netos do 2009. O Barça seguirá sufrindo nalgúns partidos, enfrontarase a equipos con carácter, ordeados, que xogan coas liñas xuntas e disparan contraataques con xogadores admirados tipo CR7 (xa saben, o da folha seca e Paris Hilton). É impensable que repita o deste ano, gañar os seis títulos posibles. É alucinante. Esto foi alucinante: gañalo todo cun fútbol tan guapo como certero, xogando contra rivais cada vez máis pechados, máis rudos, aplaudidos por colocarlles cans de presa a Xavi, Iniesta e Messi.

Polo de agora ninguén discute que a xesta (proeza, fazaña ou como se queira) é Obra de Guardiola; o entrenador desfondouse como un bocoi de seda e osos, ao rematar o partido, e chorou (hoxe permitirémonos algunha licencia). Ah, que os homes non choran. Visca el Barça, coño, i visca Catalunya.
<>

O pasaporte de Aminatou Haidar

Estampado na medialúa un selo de aduanas; pase a páxina, o sol que se pon, cunha liña de lume no horizonte recortada pola silueta negra das cabuxas; outra páxina e hai roupa tendida, e as cámaras dunha productora española: están rodando unha película moi comprometida, "duríssima" (o logo da productora, un acento circunflexo sobre o "Z", resalta entre as bandeiras castigadas polo vento e a area). Na seguinte páxina aparece Rosa Díez sentada cos fillos de Aminatou; o home ofrécelle té.

Páxina en branco, a señora Clinton, dende Washington, en presencia de Moratinos, nin menciona o caso sen resolver desta saharaui en folga de fame. Fíltrase que é un asunto bilateral, que os intereses dos EE.UU. en Marrocos esíxenlle non intervir. O PP apela ao espírito de Perejil.
<>

O desdén da dereita

O colectivo Queremos Galego fixo pública a resposta negativa do presidente da Xunta a reunirse cos seus representantes. Feijóo informoulles que deben dirixirse á Secretaría Xeral de Política Lingüística, que si, que é urxente que manteñan unha xuntanza con Anxo Lorenzo. Nada sorprendente porque non só a burocracia pertence por "lei natural" á dereita, tamén o tempo, a lingua, o pensamento e dende logo a riqueza de toda sociedade. O seu desdén hacia calquera forma de diálogo que crean unha ameaza aos seus primitivos intereses está aí, sempre o estivo; como as vellas locomotoras e os camiños de ferro, forma parte da paisaxe social de moitas xeracións.

Ben é certo que este desdén é insignificante en comparación ao meu desprezo, que nace da profunda convicción de que a vida sería un pouco máis levadeira sen elementos coma o noso presidente (para min en primeiro lugar; son egoísta, non enrollado). Outros que din ser de esquerdas funcionan coa mesma soberbia barata (non temos reparo en alimentala), e acuden ao diván en plan todo controlado.
<>

Teño a alma estragada

“Aspiremos ao mundo que debera existir: ese brillo de divinidade que todos levamos como inspiración na alma que chamea.” Barack Obama

Levo toda a mañán ollándome o peito, apalpándoo e axitándoo, por se noto algo, se soa como unha hucha petada de moedas ou se arde purificándome e iluminándome. Nada. Debo ter a alma estragada (entre outras cousas), ou son o que se entende por un desalmado. Moitos fican abraiados con Obama, e sobre todo fican abraiados con cómo fala, coa súa “oratoria”. O discurso que soltou na recollida do Premio Nobel da Paz xa o coñecen, saiu e sae bendito en todos os medios.

Mencionou a Martin Luther King e a Gandhi, que sempre quedas ben, xustificando a guerra como único xeito de derrotar ao Mal. Por Afganistán anda, derrotando e apoiando ao narcotráfico, aos talibáns e a Bin Laden. Como Bush, pero coa alma máis brillante.
<>

O encargado de producción



O grupo de Antonio Luque. Imperdoable non ter posto ata agora nada del. Este sevillano está máis preto do funcionariado que das estrelas do rock, tardando os seus anos en poder deixar a fábrica de Bollycao onde traballaba como encargado de producción (cool, ¿verdade?). É un dos mellores letristas, con diferencia, do pop español, movéndose con amabilidade entre o surrealismo e o costumismo, cantando en castelán cando todos cantaban en inglés, pulindo melodías. Coido que acaba de publicar un libro.

Táchano de escuro, mesmo críptico, e de soar demasiado a The Cure e a Echo and the Bunnymen; o escuro non é el, senón o cerebro dos consumidores de rock; afirmación esta que nin el compartirá, el non ten problema co que se diga. Vive en Málaga e gústanlle as sardiñas ao espeto.
<>

Haiku

favor da mera
leito onde pelexan
os condenados
_

Pinochet tamén defende ás marcas

Os dos iogures podían facer un anuncio con Pinochet (¿seguro que está morto?). O prócer que levou o benestar a Chile sentaría tras o augusto escritorio do seu augusto despacho, onde en lugar do tinteiro, escuro, espeso, pesado e viscoso, colocarían un danacol ou un activia desos, e alzando outro coa man, pronunciaría estas augustas palabras:

" Yo, Augusto José Ramón Pinochet Ugarte, Comandante en Jefe del Ejército de Chile, Presidente de la Junta Militar de Gobierno, Presidente de la República y Jefe Supremo de la Nación, quiero manifestar mi amor a Chile y a los chilenos; por eso no torturo ni mato ni desaparezco ni robo para otros países. Como Danacol, que no fabrica para otras marcas."

Sería un éxito de marketing sen precedentes, de tal envergadura que nin o xuíz Garzón nin a xustiza británica serían quen de conseguir que se retirara o spot da televisión.
<>

Un equipo Pinochet

Non che sabía eu ese chiste que conta Eduardo Galeano, que a saber se é invención súa ou unha mostra máis do humor que une a todos os latinoamericanos (a autoría esváese). Di o escritor uruguaio que no "idioma internacional do fútbol", aínda se chaman Pinochet os equipos que son moi malos, porque enchen estadios para torturar á xente.

¿Cómo sentaría aquí chamarlle Pinochet ao Real Madrid? Este domingo vou facer a proba no bar; a ver se saio vivo (oia, esa é unha broma de moi mal gusto).
<>

A actualidade segundo Galeano

Estamos a ler “Espejos”, de Eduardo Galeano, título que habería que abandoar polas bibliotecas de institutos e facultades. Nada de poñelo nos temarios, que xa se sabe que pasamos de ler todo aquelo que nos mandan. O libro é “una historia casi universal”, que ese é o seu subtítulo, case nada ambicioso, case 600 relatos que lle pegan un limpo repaso á historia (a-His-to-ria). Sería imposible salientar algún desos relatos, todos igual de ben escritos, todos incisivos, estimulantes, oportunos e desapaixoados (entendendo este último adxectivo, con perdón, ao Bertolt Brecht, como un alonxamento reflexivo que nos quita un pouco o peso das emocións, convidándonos a unha observación crítica). Sería imposible, pero a continuación vai un fragmento dun desos relatos, no que comenta con lacónico sentido do humor o intervencionismo dos EE.UU. en América Latina ao longo do século XX:

“...algún estudioso llegó a la conclusión de que los Estados Unidos eran el único país donde no había golpes de estado, porque allí no había embajada de los Estados Unidos.
Esta conclusión fue confirmada cuando el general Pinochet obedeció la voz de alarma de Henry Kissinger, y evitó que Chile se volviera comunista por la irresponsabilidad de su propio pueblo.”

Este relato lémbranos o que está a suceder en Honduras (golpe de estado, eleccións "democráticas"...), unha historia sen final que posiblemente inaugura unha nova forma de actuar por parte da diplomacia norteamericana. Unha nova forma de actuar para preservar os intereses de sempre: os relatos de Galeano, sitúense hai 30 ou 3.000 anos, falen de Cleopatra ou o antroido, a seda ou Stalin, gardan unha actualidade salvaxe.
<>

Copenhagen, capital da Ribeira Sacra

O primeiro e máis visible efecto da ampliación do encoro de Santo Estevo, no Sil, cortesía de Iberdrola, será o descenso do nivel da auga. Que non se diga que non estudiaron o impacto medioambiental na zona. Dito efecto encadearase a outro, non necesariamente ligado ao equilibrio da biomasa, ou como se chame: os catamaráns, que levan á xente a dar unha volta en plan turismo rural, non poderán navegar entre os canóns; mais non cunda o pánico porque as deputacións de Lugo e Ourense xa teñen a solución a este pequeno contratempo; van substituír o negocio das embarcacións por unha ruta do viño (no Salnés temos experiencia). É máis, se a eléctrica se deixa de parvadas e seca ben o río, os guiris gozarán da oportunidade de ir dunha adega a outra camiñando (de paso practican senderismo ou "trekking"), en "mountain bike" (hai que habilitar un carril bici) ou no 4x4 (visiten as adegas pero non beban).

Quedan poucos políticos como Baltar, que ofrece solucións reais e concretas a problemas reais e concretos. Nada que ver con Obama, que se paseará a semana que ven por Copenhagen en bicicleta e nos querá convencer de que para o próximo cumio contra o cambio climático EE.UU. comprométese a consensuar unha saída rendible para as empresas que facilite a reducción de emisións de CO2 á atmosfera. Palabras valeiras das que desconfiar. Baltar, se eso, mañán mesmo trae a Al Gore para que nos solte unha videoconferencia. Todo sexa pola Ribeira Sacra.
<>

A competencia

Din que co avance de internet e as tecnoloxías calquera se cre fotógrafo, deseñador, xornalista ou escritor. ¿Cal é o problema? Sempre houbo fotógrafos ou escritores malos; a diferencia é que agora son máis, e que os bos poden achegar os seus traballos ao público máis doadamente. O que teme a competencia ten un problema grave.

Estamos a falar de pasta, claro, que é o único que conta.
<>

Pregunta de inxenio

Presten moita atención, que é difícil, e lembren que o primeiro acertante pasará un día con Robe Iniesta nos lendarios estudios Abbey Road de Londres. Atención. Por favor, compañeiros, redobre de tambores. A pregunta, están todos preparados, os telespectadores poden participar tamén dende os seus fogares, xa saben, chamando ou enviando un sms ao enderezo que aparece no inferior das súas pantallas. A pregunta... ¡é a seguinte!:

¿Cal é a diferencia entre Promusicae, a SGAE e a AVT? - pronuncia a modo.
Repetireina unha vez máis: ¿Cal é a diferencia entre Promusicae, a SGAE, e a AVT?

Saben o que é a AVT, ¿verdade? ¿E a SGAE? Claro que saben o que é a SGAE; ao noso programa "Cráneos Previlegiados" apúntanse os mellores cráneos do país, apúntese vostede tamén e veña por un dos nosos premios, e atención porque o tempo comenza XA. Teñen 30 segundos.
<>

O negocio medieval



Din que as redes P2P están "matando a música". Xa nos gustaría, que se cargaran a Loquillo, a Rosario, a Bebe, a Víctor e Ana, a Ramoncín, a Miguel Ríos, a Robe Iniesta, todos os progreways, os auténticos... Vetusta Morla autoeditaron o ano pasado o seu primeiro álbum: venderon máis de 35.000 copias (disco de ouro). Eles recoñecen que non teñen ningún problema con este asunto das descargas en Internet. Traballo sentido e ben feito, abaratamento, que non empobrecemento, de recursos publicitarios, eliminación de parásitos na cadea, precios razoables... suponse que os tiros van por aí.

Co que sacan quizáis non poidan mercarse un castelo en Escocia, pero van saíndo adiante, proxectándose, os seus seguidores participan dunha emoción, venden, comen, crecen... en fin, e non terán problemas cos politonos e o top manta. Claro que Miguel Ríos tampouco; ¿víchedes algunha vez un disco do noso eterno rockeiro na manta despregada dun nixeriano? Eu polo menos non.
<>

A propiedade é do de sempre

Non abundaremos no mal que nos caen os da SGAE e a ministra de Cultura, mais si insistiremos en que si se deben protexer os dereitos de autor. O modelo ao que se aferra a SGAE é repugnante. O "debate" está puerilmente radicalizado, e agora resulta que "os bos" son os internautas; friquis togados, ribetes de almidón no rato, de súpeto, que organizan manifas e distribúen manifestos infestados de palabras gordas e serias. Ata o PP está con eles.

¿Buscar, consensuar un marco legal beneficioso para todos? Case nada.

Tiven un xefe que me dicía que todo o que facía dentro da empresa era "propiedade intelectual" miña. Cando me despediu, non me molestei en levarme nada, e non había resentimento ningún. Coidaba que era propiedade súa e que tiña mellores cousas que facer.
<>

Dereito de cita (II)

Pode darse o caso de que o autor "fique legalmente impedido" incluso para citarse a si mesmo, porque ¿de quén é propiedade a propiedade intelectual? Do autor non é, do lector tampouco, e da igual porque hoxe en día ningún texto garda valor per se, o valor dispénsanllo os enlaces. Lembremos.

Os que velan polos dereitos dos creadores en internet son oenegés da Cultura, e o seu afán colócaos nun punto de vista trasnoitado. Xa o dixo... Shakespeare.
<>

Arquivo do blog

Outro

A seguir

ecoestadistica.com
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet