Outra historia con lobos



Este foi o ano no que descobremos a Radiohead. Con todas, non é que non os coñecéramos e non se me ocorre outra expresión menos ridícula. Para rematar, soubemos hoxe do responsable dos seus vídeos para o disco “Hail to the Thief”, Gastón Viñas, ilustrador arxentino do que colgáramos “2+2=5”. Dáselle moi ben traducir en imaxes esos estados de alienación que obsesionan a Thom Yorke. Poden ollar algo do seu traballo en grapevineindustries.

En “A wolf at the door” tiran de fábula infantil, de conto de nadal, para un pouco repetir, repicar, rapear o mesmo. A misericordia non é para os lobos, nin Greenpeace lles sacudirá a sona que arrastran polos montes pelados.
_

Ti paraches en algún sitio

Esa é a pregunta e-sen-cial, nada de quén somos de ónde vimos ónde imos, paraches en algún sitio? quén, eu? ollos grandes, bicicletas verdes, á horterada de facerse preguntas tópicas sobre a tópica existencia engadámoslle o matrimonio, o adulterio, os horarios de Iberia, as películas consideradas interesantes, o café e a prensa, os prexuicios propios e alleos, mentira, porque os prexuicios son sempre propios pero non se recomenda confesalo, xardín botánico de Bruxelas, un loiro longo, bueno, pero ti paraches en algún sitio, que te coñezo.
_

O novo autoproducto de P. J. Harvey

A P. J. Harvey gústalle máis arriscar que a unha nécora a auga salgada. Faltaría máis nunha Anti-Señora como Ela. Habería que analizar as similitudes entre o risco e a masturbación, co louvable que é o risco (e a masturbación, pero aplicada a outros usos). Acontece que hai xente que arrisca moito, mesmo en plan suicida; raras veces sae nas revistas e case mellor así.

Habería que analizar as similitudes entre o risco e a documentación, entendida esta última como un superficial poñer o dedo no mapa e qué boa e arriscada son.
_

Entrevista a Julio Cortázar en TVE no 77


_

Pánico en Roma

Ás 8.45 a.m. compareceu o alcalde da cidade, Gianni Alemanno, ante os medios para enviar unha mensaxe tranquilizadora a todos os romanos, logo de que se filtrara unha denuncia á Arma dei Carabinieri que os empurrou á histeria colectiva. Segundo datos aínda sen contrastar, a eso das 3 (a.m.) un viciño da Via della Gatta sorprendeu a dúas persoas de sexo sen identificar entregándose a carnais praceres ante un televisor no que nun primeiro intre puido recoñecer a Cristiano Ronaldo e Elsa Pataky, polo que lixeiro, inflado o seu peito polo sentido do deber, chamou para denunciar o flagrante caso de sexismo, quero falar co Papa, co señor Comisario e con Amnistía Internacional, hai dous sexistas fronte a miña casa, ah, e quero falar tamén coa Liga Norte Para Os Dereitos Dos Consumidores Indefensos, eu son liberal, pero este é un caso intolerable de desorde privada e exhibición pública, qué será de nós con esta xente en flagrante detonación reducindo a entullo todos os marcos da legalidade, ou, como dixo Dante, noi siam venuti al loco ov’io t’ho detto, che tu vendrai le genti dolorose, ch’hanno perduto il ben dello intelletto, qué horror, qué horror, mentras o alcalde agarda a que se esclareza a gravedade dos feitos para decidir se declara o estado de excepción, chegaron á nosa redacción inquietantes novas: un membro do partido Ecoloxistas Mediáticos En Acción tirouse dende un cuarto andar da Via del Plebiscito ás 8.55 a.m., minutos antes de que Nais Católicas Por Unha Televisión Sen Sexo se manifestaran diante da RAI. Está previsto un comunicado televisado do primeiro ministro da república ás 10 a.m., do que só podemos adiantar que fará un chamamento á tranquilidade, asegurando que el ás veces tamén olla na tele anuncios de dubidoso contido e aí o teñen, temos un primeiro ministro que é un exemplo para todos os italianos de fortaleza moral, que se monta orxías con menores? pois claro, eso non lle ofenderá nunca a un telespectador italiano, é o que facemos todos en maior ou menor medida. Despedimos aquí a conexión en directo ata as dez a.m. e voltamos aos nosos estudios, onde agarda Silvio Berlusconi para continuar coa teletenda.
_

Repetitivo adeus á liberdade
















Como di Albert Pla, claro que sí, y es que ya estamos hartos de estar en contra, de ir a ver pelis en contra, de ir a manis en contra, de ir a conciertos en contra, a partir de ahora estaremos a favor, a favor hasta de ir en contra. Lean o sinxelo artigo de hoxe de Ignacio Escolar sobre a lei antidescargas, aínda que a nós alucínanos máis a lei que queren sacar adiante en Italia, de sumo agrado para o Tío Sam, que obrigará a un blogueiro a sacarse o carné de xornalista, disque para evitar a saturación de información non veraz, que empobrece a lingua e oculta as fontes. Recoñecen estas tres características na prensa maioritaria tradicional? Agás a ocultación das fontes, que máis que lexítima é imprescindible, as grandes cabeceiras levan toda a vida manipulando a información segundo intereses, a miúdo mentindo ou ocultando feitos sen cortarse e con total impunidade, e valéndose de libros de estilo que só serviron de amparo para ir degradando esa lingua da que agora se declaran fervorosos valedores.

O que non se entende é que a xente se trague tanta hipocrisía. Ou si, enténdese, vale. Y mañana, si amanesemos, ya veremos lo que haremos.
_

A publicidade xa é outra relixión



A cadea estatal RAI e Mediaset, que tamén é estatal, interromperon a emisión dun anuncio do novo Renault Twingo, onde se olla a dúas lesbianas, a lo menos lesbianas por un intre, coqueteando nun cóctel ata meterse nunha habitación; mentras a morena fica en roupa interior negra a loira véndalle os ollos cunha media de seda, aproveitando para roubarlle a blusa que fai xogo co seu novo Twingo. E xa está liada; uns que non se mencionan as características técnicas do vehículo, asociacións de gays e lesbianas que é un anuncio sexista, e Berlusconi non sei, queixaríase de non participar no anuncio.

Hai dous despropósitos manidos: o das características do producto e o de sexista. Se o telespectador lle fixera caso a estos novos puritanos (vale, o puritano son eu), anuncios como os de Danacol ou Activia habería que elevalos á categoría de rigorosa divulgación científica, un ben sen precedentes para a saúde do consumidor, e os anuncios de José Coronado ou Susanna con dous enes Griso non se apoiarían nun contido sexista, que por certo, eu xa non sei qué é sexista e qué non, pero non penso preguntar en ningunha asociación de gays e lesbianas.

Para redondear a polémica que ten a Italia sen durmir, sen mercar coches e ao mellor mesmo sen follar, os responsables do anuncio deféndense: “Queriamos crear un anuncio que fora orixinal, divertido e, asemade, non pecara de vulgar”. Poden estar contentos, porque sen facer nada orixinal, divertido nin... cool? gañaron unha nada desdeñable presencia nos medios, o cal, curiosamente, concederalles unha imaxe orixinal, divertida e nada vulgar.

Eso si, para a próxima que conten co presidente, coño.
_

Teño unha idea, Telmo

Iniciada a carreira pola alcaldía de Pontevedra, Telmo Martín estrea unha web para que os cidadáns aporten as súas ideas. Non para ser alcalde, obviamente, senón para que Telmo sexa un bo alcalde. Chámase quecheilusionadepontevedra (por qué algúns medios lle escamotearán o enlace?), e divídese en catro áreas: emprego, mobilidade, sociedade e servizos. Se alguén precisa axuda para propoñer unha idea pode chamar ao 986 84 38 04.

- Ola, eu chamaba para propoñer un par de ideas.
- Excelente, estimado ilusionado. Cóntenos esas ideas.
- Ese é o problema, que non se me ocorre nada.
- Entón para qué chama?
- Outro carallo, aí pon que se precisas axuda chames a este número.
- ... Oh, si... claro, estimado ilusionado, déanos o seu nome e enderezo e nós xa nos encargamos nós de facerlle chegar ao futuro alcalde as súas... os seus par de ideas, non se preocupe. Moitísimas gracias por chamar. A semana que ven chegaralle ao seu domicilio un bolígrafo asinado polo futuro alcalde, Don Telmo Martín.

A qué agardan para contribuír ao benestar dos pontevedreses, en 48 horas xa contan con 63 ilusionados (así lles chaman), dos que eu salientaría o que fixo esta seria proposta: medidas económicas para un estado de excepción.
_

Qué gañamos nós xulgando

Si, un debera calar a boca, non xulgar como outros xulgan, ata que olla no vídeo a Miguel Ríos lucíndose no papel de amigo afectadísimo, papel polo que se merece un Oscar, tres Grammys e 600.000 euros (prorrateando as perdas estimadas en concepto de piratería, que o rockeiro granadino vende moito no top manta).

E veña correndo todos ao despacho, que hai que ultimar o disco de homenaxe póstuma e anunciar o primeiro single, un dueto con Antonio Vega.
_

Trapicheando cunha dor que non é súa

En El País e Público, sempre á esquerda do PP, podía lerse o seguinte titular: “Estrella Morente canta a su padre y se derrumba ante su féretro”. En El País poñían o vídeo, de-ca-li-da-de, por-su-pos-to. Hai que tocarse os collóns. Estiven escoitando “Omega”; recoñezo que me atrapou a súa violencia, unha violencia que recolle os versos de Lorca dun xeito natural, para sacarlles unha violencia inédita, outra violencia, ou a violencia que os domesticados lectores do Lorca/Icona ignoran (pero non é un disco contra os idiotas, é unha búsqueda limpa e cega...). Créome eso de que o trataran como un apestado... os mesmos que agora escriben titulares nauseabundos como o citado, e que alí andan, de campeóns transidos de dor.
_

Unha persoa que vive da música (re)



Hoxe temos o pracer de facerlle unha reseña a Dirty Ray, alter ego de Kevin Weatherill. O cantante dos Immaculate Fools sobreviviu a un éxito moderado en España e Alemaña, a unha xira cos Rolling e a un cancro de intestino. En internet apenas circula material sobre a súa obra e a do seu antigo grupo, do que conservamos algún vinilo. Tanto Google do carallo. Ten un Myspace, eso si.

Adícase a tocar blues e folk, cancións vellas e novas, polos garitos de Europa, coa voz crebándoselle, un pouco como Tom Waits (oh, sacrílega comparación!), pero sen ningún eco mediático. Viviu en Guitiriz.
_

Dó no Albaicín



E inevitable capela ardente na sede da SGAE. Vaia plan máis chungo, que a SGAE che faga de tanatorio. Morreu Enrique Morente. Non teño ningún disco seu, non podo co flamenco por moi moderno e transgresor que sexa, pero o tipo sempre me caeu ben. Agora falan da súa bonhomía, e fixo que Teddy Flautista lle descobre unha placa de bronce, na sede da SGAE.

28 alxibes na cabeza voada do río. A cal é unha man que se protexe do sol. Alhambra puta, vomítao antes de que leamos a prensa de mañán.
_

Por qué se lembra un dunha canción como esta



Chámase pop cando os rocketas irreductibles ollan con desprecio. Unha definición como calquera outra. Porqué me lembro non o sei. Primeiro lembreime da canción, o que a canción me evocaba veu a posteriori; cada vez entendo menos da cabeza, a película esa dos neurotransmisores. O sistema nervioso parasimpático non ven con garantía. Parasimpático, a quén se lle ocorreu un nome tan enganosamente ortopédico.

Era un pub con xardín (non o Momo) onde descobriamos grupos novos. O vran sería eterno e eu atreveríame a entrarlle a aquela compañeira do instituto. Vinilos e casetes, quedando unha vez máis de brando.
_

Os cables de Evaristo



Habería que preguntarse polo criterio de Wikileaks á hora de filtrar información segreda e, asemade, polo criterio dos medios escollidos para ir publicando dita información. Pode entenderse como un recado ou agasallo presuntamente envelenado da organización ás cabeceiras privilexiadas e como un xeito de aproveitar a tirada das mesmas. Obama considera “actos deplorables” as filtracións.

Polas filtracións ou polos cables?

Antes recorrín a Morrissey esquecéndome inxustamente de Evaristo, da Polla Records. Unha personaxe menor para eles que ben lles daría para algún cable. A Abu Ghraib con el.
_

A urbanidade de Eduardo Mendoza

Cando o escritor di, medios diante, que non escribe segundo un plan estudiado para contar unha historia que se faga interesante, senón para saber cómo remata esa historia que el comenzou, non cae no patético exercicio de humildade no que outros caen. Quere contar unha historia entretida e entreterse, non ser un pesado nin reinventar as normas da narrativa. Ten certa retranca, sinceira, cando non se manifesta cáustico. Unha historia ben contada. As palabras non pesan. Os estilos trabállaos tan ao servizo do que conta que non se aprecian se un non se detén a buscarlle as costuras, maldade inútil porque non as ten.

Linlle un breve artigo sobre Poe que era unha aclaración do que el pensaba do autor norteamericano para un director de teatro ofendido. Segundo Mendoza, o mérito de Poe fica nos relatos detectivescos ou de aventuras, como Os crimes da rúa Morgue ou Arthur Gordon Pym, onde amosa un uso maxistral do tempo narrativo, personaxes perfiladas por si soas e, por suposto, unha linguaxe que é transmisora dos feitos, non unha demostración de cualidades. Literatura de xénero que transcende o xénero. A moitos, intrigas como Os crimes da rúa Morgue antollaránselle que estarían ben no seu día, pero que agora fanse infantís e acartonadas, exactamente o mesmo que pensa Mendoza pero aplicado aos contos de terror.

Intriga e aventura (mar): ben. Terror e fantasía: mal.

Na poesía non quere meterse, como se coincidiran o urbanita que teme unha linguaxe radical e o irónico comodamente refuxiado no seu bo facer como traductor da ONU que descobre que pode vivir da literatura. Ás veces son os mellores, como lembraba Montalbán de Chester Himes.

A poesía, o amor e o terror, para outro día.
_

Jack o destripador 2

Cando deixa de escoitar
as voces que manexan
                                               a súa vida
o deserto exténdese
como unha alfombra vermella
                                                                dentro do desexo
logo peliculeiras rúas
de néboa e carbón de millonario
                                                                    orzamento.
_

Raphael e os aseados mariñeiros marselleses



Non me gustan os heroes. Ás veces aínda soño cun mundo no que sobren. Mentras retrasamos ese día, os heroes están abocados a representar o papel de mártires cutres, porque Hollywood precisa tempo para reciclar unha biografía e convertila nunha mensaxe dixerible, inocua e entretida. E heroica, a maior gloria da democracia imperial. O heroe destos días, Julian Assange, debe pagar a súa ousadía.

Recorro por segunda vez a esta canción, preguntándome porqué a Morrissey non o meten en Guantánamo, acusado de violar a un sobriño de Obama. Se teñen problemas de espacio, poden construír en Europa.
_

Prescindamos de Dostoievski

Hoxe é o día das palabras tochas, polo que lles propoño un exercicio de honestidade. Cantos lectores renegados (hai moitos xeitos de renegar) coñecen de El Jueves? Hai que madurar, sen dúbida, pero, ai, hai moitos xeitos de madurar. El Jueves, Retranca, cousas así, están ben cando es novo, despois como que non pega e ao que importa, eu non penso quedarme aí!, pois non penses tanto, non che vaia saír unha hernia.

Comprázome en recomendarlles un xornal satírico en internet, elmundotoday (gracias a Óscar), onde poden ler novas non tan buscadas como esta. É prescindible, non se discute, como prescindible é rirse, como prescindible é un Forges.
_

O anacoreta e as súas ofertas

Aí vai de balde un calendario de mesa do 2011. Non fai falta subscribirse, nin encher un formulario nin visitar o perfil que non teño en Facebook ou Twitter. Imprímese nun papel groso ou cartolina (210 x 210, entra nun A4), dóbrase e xa fica operativo, óllese ou non. Sagaces deseñadores estrañarán o magenta dun troquel, pero é que este calendario é como esas tendas de campaña que as tiras dobradas ao chan e aparecen montadas (haberá casos de variñas asasinas?).

O fabricante non se responsabiliza do uso irresponsable do material, así como das posibles secuelas físicas ou mentais derivadas do mesmo, polo que lles encarezo a decantarse por unha Quechua e pirarse ao monte, a meditar entre os toxos.

Deixo dúas versións (non están a tamaño real, poden solicitalas dirixíndose ao departamento encargado): a orixinal e outra apedrada.























_

O fillo bastardo de Margaret Thatcher

Por qué considero a David Cameron un inimigo natural, criado nunha burbulla, sen outra preocupación que demostrar que non é unha persoa falta de carácter, e a Tony Blair un trepa, un pallaso fillo de puta? Voltamos a Morrissey, que en “Irish Blood English Heart” declama: I’ve been dreaming of a time when the english are sick to death of labour and tories and spit upon the name Oliver Cromwell and denounce this royal line that still salute him and will salute him forever, que é como dicir PSOE e PP a mesma merda é en fino.

Suponse que debido ao obsceno camaleonismo do que agora se denomina socialdemocracia, agrandado pola habilidade dalgúns para inspirar o máis profundo noxo. Ao marxe destos caprichos da percepción, si, son todos iguais.
_

Sintaxe contra o primeiro ministro

O primeiro ministro británico, David Cameron, declarouse fan dos Smiths. Jonnhy Marr escribiu no seu twitter: “David Cameron, por favor, deixe de dicir que lle gustan os Smiths. Prohíbolle que lle gusten”. Foi unha polémica branda, residual, unha polémica sen polémica á que contribuíu o propio guitarrista e compositor armado dunha razón que, non por obvia, deixaba de precisar unha explicación satisfactoria, explicación da que se encargou Morrissey logo de enterarse:

“Gustaríame, se mo permiten, ofrecer o meu apoio a Johnny Marr, quen falou aos medios de comunicación esta semana en contra de David Cameron. Para aqueles que expresaron a súa preocupación polas palabras de Johnny en vista de que David Cameron prometeu fidelidade inmensa á música dos Smiths. É certo que a música é unha linguaxe universal, a única linguaxe universal, e é de todos, dun xeito ou outro. Sen embargo, con crueza debo informar de que David Cameron caza e dispara e mata veados; aparentemente, por pracer. ‘Meat is murder’ ou ‘The queen is dead’ non se gravaron para esa xente; de feito, fixéronse como unha reacción contra ese tipo de violencia.”

É unha explicación tan restritiva (Morrissey e a súa interminable cruzada a favor das espinacas) como incontestable. Perdeu reflexos e veleno (a idade non entende de mitos), pero conserva a flema, a intelixencia e a boa letra.

Aproveitou, por certo, para dispararlle, máis gratuitamente, a outras iconas do poder, como o príncipe Guillermo, a súa prometida e a raíña. De Beckham dixo: “É tan idiota que aínda ten que aprender a manexar as súas primeiras palabras”.

Podemos achacarlle moitos defectos, pero dubido que a envexa hacia xente con diñeiro e influencia sexa un deles.
_

Activistas prosaharauís detidos no Congreso

[...] Funcionarios de la Policía que se encontraban en la tribuna de invitados cuando se produjeron los hechos escucharon que, además de las proclamas políticas, también gritaron contra los diputados. En concreto, utilizaron la expresión "¡Diputados, chorizos!", han asegurado fuentes parlamentarias. [...]

Diario Público, sempre á esquerda do PP.

Aivá lo que ma llamao, será...!
_

Os soños de Rosa Díez

A nosa adorada Rosa fashionvictim Díez está doente polos resultados do seu partido nas eleccións cataláns, superado nada menos que en 1.689 votos por Coordinadora Reusenca Independent, agrupación que presentaba como número 2 a un popular travesti, Carmen de Mairena. A nacionalista española, cráneo previlegiado e hime de ferro rosa, procura comprender a unha sociedade que prefire “cousas cutres” e “forzas antisistema e xenófobos”. Pode tardar en entrar no Parlament, pero entrará e porá orde na vida pública (e privada, se fora mester) de Catalunya.

Como oportunamente lembra Fernán Vello, aquí o único travestismo criticable é o travestismo político e ideolóxico desta loitadora da democracia, por non falar da súa linguaxe groseira e acomplexada. Vaia dous, ela e Savater. Só lles falta fichar a Ronaldo.
_

Apoio a túa causa

A cheminea fiestra regañada
quería o lume baixo o xugo
                                                         da estética
e o compromiso
crepita entre as piñas a foto
                                                           que enviaches
con aquelas bragas de corista
soviética renegando do partido
                                                                 en Fisterra.
_

A Guardiola non lle tocas ti un pelo

Eso semellan dicirlle os xogadores do Barça a Cristiano Ronaldo. Se queres pelexar pelexa comigo. O artista madridista non sei se abriu a boca despois do partido. O martelo percutor, adornado de olladas desafiantes e bicicletas gratuitas. Mourinho dixo que o seu equipo xogou mal e xa está. Qué vai dicir un fachendoso que, aínda podendo gañar Liga e Champions, debe rendirse á evidencia.

Nun xornal deportivo arxentino, Olé, escribiron con vicioso enxeño arxentino: “Manita en el culé”. Cristiano segue a facer amigos (para qué quere el o Facebook?).
_

Unha canción de Serrat



Había un vasco de orgulloso e traballado bigote branco que tocaba cancións de Serrat nos soportais do Vilar. Para nós non había moita diferencia entre Serrat e Madonna, ambos gozaban de renome e aburrían. Cantautores hoxe non, gracias. O vasco apreciaba esta interpretación de Juan Perro, que pertencía a un disco de homenaxe de resultado moi desigual. Aí coincidiamos. Aí, no estremecedor “Romance de Curro el Palmo” de Antonio Vega e no vomitivo do título: Serrat... eres único.

O vasco despois fixo de extra nunha peli española que rodaban na zona vella, interiores da catedral incluídos. Déronlle un bocata e unha Coca-Cola e perdémolo de vista, pero fixo que segue co mesmo repertorio.
_

As pelis de espías xa non son o que eran

Julian Assange, ese Robin Hood da información, xa se está pasando, estase a gañar un sopapo ou un tirón de orellas. O groso dos cables din que están relacionados con espionaxe, unha espionaxe branda e caprichosa (os temibles servicios segredos adoptan formas de prensa rosa).

Alguén os leu xa? Nin nos xornais escollidos para publicalos dan feito (The Guardian, El País, Der Spiegel, Le Monde e The New York Times); os de El País onte a noite aínda non chegaran a onde describen a Zapatero como un esquerdista trasnoitado.

Tamén ten que ser un curro miserable, pasarte noites enteiras lendo todo eso.

Os ianquis están mal, mal moi mal. Entre a evidencia e a paranoia, permiten descricións de dirixentes de moitos países que serían de escojonarse se mañán mesmo non te enviaran a U.S. Navy e fixeran do teu alboio unha desfeita.

Pero non pasa nada.

E a ONU, que non se pode espiar porque por natureza é transparente (lóxica perversa)? Supón entón un delito que a espiaran, e de ser así, acataría EE.UU. o conseguinte veredicto?

A ONU lembra a EE.UU. que é un organismo “inviolable”. Xa está.

A ONU condena enérxicamente a limpeza étnica levada a cabo polos serbobosnios. Xa está. É a mesma frase, só hai que cambiar os nomes e ás veces engadir algún adxectivo guapo.

Tranquilos. A ONU si é inviolable, porque non se pode violar aquelo que non existe. Existe, si, pero só a efectos dos soldos e dietas dos seus funcionarios, comenzando polo presidente, agora chamado Ban Ki-moon (xa lle cambiarán o nome).

Vou facer contraespionaxe ao moble-bar, a ver se me meteron un axente da CIA nun microchip dentro do tinto.
_

O recanto do presidente






















Hai unha sección nas páxinas de cultura de El País que me encanta. Chámase El Rincón e consiste nunha foto comentada dos estudios dos artistas, escritores e intelectuais que lle confiren lustre e prestixio ao país (valga a redundancia). Este, como poden ver, é o recanto de José Ángel Mañas, aquel eximio novelista da Xeración X. Gustaríame ollar o recanto de Lucía Etxebarría ou Sánchez Dragó, de Pérez Reverte ou Juan Manuel de Prada, pero a miña preguiza, pecado capital polo que sen dúbiba estou condenado a un existir mediocre, impídeme buscalos. Mañas amósanos un xadrez (é un tipo intelixente), unha portada enmarcada do Marca (é un tipo do pobo, con afeccións normais e solidarias, nada rebuscadas), unha máquina de escribir e un teléfono de roda negro (é un tipo de fetichismos sobrios), un PC (é un tipo adaptado ás novas tecnoloxías) e libros, moitos libros.

Libros moitos libros moitos. Eu, de natural bruto, ignorante e, en consecuencia, escasamente recibido en fogares ilustrados, sei de persoas que atesouran esos interminables volumes que elevan o espírito e ennobrecen a intelixencia, vacinando contra as anacrónicas supersticións do poder e o costume. A unha viciña, por mercar a colección completa dos Premios Planeta e Nadal, agasalláronlle unha librería de formica con arabescos labrados e un forno microondas. Agora sae cun mozo ben parecido que traballa no rexistro do concello e quenta o almorzo nun minuto. Eso está ben. O que quero dicir, non sei se seguen o meu pobre raciocinio, é que poucos len os libros que acumulan nas súas bibliotecas e despachos para a fausta admiración das visitas; costume que acho, esta de non ler os libros, Diderot e D’Alembert desculpen a blasfemia, san e recomendable.

Vostedes que cren? Mañas leu (e conserva tras varias mudanzas) todos esos libros? Eu diría que si (é un tipo serio).

Vostedes leron algo de Mañas? Eu non (xa dixen que son un ignorante).

Chegados a este punto, feble como son en todo o que se refire ao exercicio e rigor do intelecto, e en xeral a todo o que supoña exercicio e rigor, e constancia, pregunto, pregúntome: cómo será o recanto do noso presidente, o presidente de todos os galegos e galegas? Afortunadamente, carezo da imaxinación necesaria para facerme unha idea.
_

Unha canción para o barón de Verulam



Carallo cos Cowboy Junkies. Os Cowboy Junkies, tan tranquilos, tan tradicionais, tan bucólicos e tan maiores. Os Cowboy Junkies, que por estes pagos foron coñecidos discretamente por aquela deliciosa reinterpretación do “Sweet Jane” de Lou Reed.

Agora son tan modernos como Tomás Fernando Flores.

Nunca pensei que os escoitaría en S.XXI. E Sir Francis Bacon fixo que tampouco. Ou si, a tecnoloxía avanza que é unha barbaridade.
_

A botica de Eilen Jewell

A vontade de estilos, en Jolie Holland, é máis evidente. Quere cambiar o mundo, amar ou morrer demostrando o moito que vale. Eilen Jewell non. En Eilen Jewell a música flúe. Non molesta. Podían chamarlle easy listening e non ofenderían a ninguén, sen ter nada de doada nin superficial. Fai música e vai vivindo. Nada máis, e ese nada máis pecha a unha muller supostamente fráxil e sen moito que contar. Todo o contrario.

A comparación digamos que se debe a que non son un entendido; son as mulleres que me cativaron no mundo da música actual, un pouco por casualidade. Holland escríbelle á morfina. Eilen Jewell á codeína.
_

Lao Tsé en Atenas

Ollaron a xogada na que Iniesta deixa pasar o balón para que reciba Villa e poida marcar, no partido contra o Panathinaikos. A progresión de Iniesta rematará cando se faga de todo invisible e xogue sen balón. Fútbol mental. Tao, se me apuran. “Goberna mellor quen goberna menos”, dicía Lao Tsé. Unha frase; como esa hai moitas outras do filósofo chinés que se axustarían ao que está a facer o manchego. Non se chega a ese estado doadamente.

Non é que Xavi sexa inferior, para nada; acontece que Xavi ten que facerse visible nese segundo que mete o pase mortal para Messi.

Messi é o balón.

O resto é superfluo (aínda que nada sexa superfluo nin importante).

Non pretendemos humillar a ninguén. Hai grandes xogadores tanto no Barça como en centos de equipos polo mundo adiante, pero non é o mesmo. Pensan que somos uns flipados? Pode ser, pero nós non contamos (e non somos modestos).
_

Este é o piano






















"And the piano has been drinking
Not me, not me, The piano has been drinking not me"
_

A actitude pode ser un lastre



Mallorquina que comparan con pesadez coa pesada de P. J. Harvey, Maika Makovski con Havalina, grupo indie madrileño. Pensaba que o indie xa non existía, ou que a lo menos ninguén quería pasar a vergoña de considerarse indie. A venerada actitude, esa laca que deixa tesas todas as carencias. Digamos que neste caso o sentido do humor que osixenaría a actitude é un pouco forzado, que o discurso é pobre, pero a canción engancha.

Créditos oficiais:

Maika:

Voces, suspiros y jadeos varios
Coros satánicos distorsionados
Piano de película de terror
Contrabajo
Utensilio de percusión consistente en un bote de cristal lleno de cristales pequeñitos

Manuel Cabezalí:
DrumKit consistente en: funda de un banjo, bandeja metálica de un horno y una cacerola. Todo ello aporreado con una cuchara de palo y una baqueta con un calcetín alrededor.
Bajo acústico
Guitarra acústica (con una cuerda rota :)
Coros satánicos
Voces, suspiros y jadeos varios
_

A Caixa de Texto é un tabloide sensacionalista






















Quen posa é Irina Shayk, a moza rusa de Cristiano Ronaldo. Non pensen en Soft Porn (é a moza de Cristiano!). Ela quéixase de que a revista incumpriu dúas cláusulas do contrato: quitarlle o tanga que levaba posto nas sesións co Photoshop e airear que é a moza do astro madridista. O director da publicación aduce: “É preciso mencionar este feito para situala, porque se ela aparece nunha portada é por ser noiva de quen é”. Cristiano aínda non se pronunciou, se ben a frase que acompaña a foto podía atribuírselle a el.

O lector debe pensar que caímos nunha amarela, ridícula guerra sucia. É o que queremos, eso e continuar escribindo sobre o Madrid, Cristiano e Mourinho. Certamente, non é tentador, é estúpido. Poden gañarlle ao Barça, poden gañar a III Guerra Mundial.
_

Os donos da linguaxe

“Cando as gaivotas perseguen ao barco, é que alguén vai lanzar sardiñas ao mar”

Aínda que é unha frase sacada de contexto, e que posiblemente o propio Cantona sacou de contexto naquela histórica rolda de prensa, máis adicándose a probar o seu enxeño que sendo tendencioso, non sei porqué repiten que é unha frase sen sentido, cando está sobrada de sentido, de varios sentidos. Ou si o sei, agora que volve á actualidade ao afirmar nunha entrevista en Presse Océan, xornal de Nantes, que unha revolución que cambiara o mundo sería posible se fóramos todos a retirar os cartos que gardamos no banco. Teñen que ridiculizalo, pero con sutileza. Coido que mesmo citando a Bertolt Brecht (“qué é o roubo dun banco en comparación con fundar un?”) non o tomarían en serio, porque Brecht non está de moda.

Adorado dianteiro francés do Manchester United que puido evolucionar ao colgar as botas en inxenuo histrión (dubido lle preocupe), Eric Cantona solta unha proposición, para os interesados xa concretada no Facebook. Non di a crecente clase media-baixa-baixando estar farta dos bancos? Si, pero só escoita a economistas, políticos e intelectuais responsables coas ideas claras.
_

Imprenta chinesa de tipos móbiles

Estase a elucubrar diariamente sobre o impacto que as novas tecnoloxías, resumidas no ordenador e o móbil, supoñen para o ser humano entendido como fenómeno cultural e social. Compárase o poder de computación destas tecnoloxías co invento da imprenta de Gutenberg; un salto cualitativo non exento de polémica. Dun xeito simplista, aínda hai quen pensa que o da imprenta foi un logro humanista, mentras o que vivimos nós agora non sería máis que unha revolución tan banal como perversa, un poderoso instrumento destinado a escravizarnos e deshumanizarnos, ao servizo do consabido consumismo. Alienación, berran, mentras os creadores da posmodernidade aducen que esta revolución significará a definitiva democratización integral dos homes, a verdadeira igualdade de oportunidades, a liberdade.

Pasan os séculos e o asunto da liberdade segue a inflamar mentes e corazóns. A liberdade, sempre dubidosa, como di Santiago Auserón neste artigo, “El lenguaje y los medios técnicos”. Nunca nos cansaremos de repetilo: a liberdade non é un atributo limpo e sólido que un poida adquirir como un ben de consumo. A liberdade é eso, sempre dubidosa, gozamos a súa procura, ás veces somos libres buscándoa, e cando pensamos que a atopamos perdémola. Mais non nos desviemos do que nos ocupa. Trouxo o invento de Gutenberg A Liberdade (maiúsculas)? Pode que potencialmente, pero si trouxo un pouco máis de liberdade (minúsculas). Dende logo, foi un paso brutal.

Damos por válida a comparación entre o S.XV e o XXI, polo de agora, mentras non se esclarece ese futuro do que falan os gurús, os visionarios, os profetas. Adaptámonos, uns con lentitude e receo, outros con alegría, pensando que estamos detrás do novo lume, do home novo, pero xa sabemos que o lume, a palabra, teñen propietarios, aínda que Richard Stallman proclame o contrario. Qué lle queren, sinto decepcionalos, pero como Albert Camus, escollo a intuición, e a miña intuición é alérxica aos sumos sacerdotes, chámense estos código aberto, Bieito XVI ou Steve Jobs.

Déixoos cun vídeo sobre o uso da imprenta chinesa de tipos móbiles de madeira, ao parecer inventada antes de que Gutenberg nacera, uso que se conserva no distrito de Rui’an, na provincia de Zhejiang. Estou encantado co Mac, pero non me disgustaría para nada traballar alí como traballan eles.


_

Mañuzo de grelos

As gaivotas descarnan
o retrato sen significado
                                                   a fiestra devólvelle
vimbias enfurecidas
vento escrito na man
                                            baba de caracol
sempre ese caracol
de presidiario 98477
                                            que agora queren quitarlle.
_

A tele e os marcos

O galego, como pobo, é pacífico. Como individuo é buscador de preitos, rosmón e desconfiado. Saía hoxe na tele unha aldea de Lugo con 9 viciños vivos e case 200 preitos incandescentes. Non é unha idiosincrasia que morra co rural; adáptase con naturalidade aos usos das nosas pequenas cidades. Si hai algo que cambiou, precisamente por mor da televisión, por mor de TVE, para ser máis concretos: suprimir a publicidade no medio dunha película impídeche saír da casa para mover os marcos.

Esto supón un impacto no comportamento social moi importante, tendo en conta que gozamos dun videoxogo incorporado ao maxín gracias ao cal, en alta definición, podemos mover marcos mentras ollamos a Angelina Jolie e Barack Obama salvar ao planeta dos malosmalísimos.
_

Lonxa de soidades

O gato procura defender
a porta urbanizada
                                         de bolsos de muller
chave funámbula
bigotes espiñas de prata na máscara
                                                                            transparente.
_

Escravos de Apple

Di un tío: Richard Stallman describiunos á perfección: Son "pioneiros en productos con esposas dixitais. Apple é o inimigo público número un, pero paga moito para dar outra imaxe. Engana á xente para que se sinta cool perdendo a súa liberdade".

Entón, se usas software libre es unha persoa libre? Guau!

Para min a liberdade vai por días, e nunca se me ocorre botarlle a culpa ao Mac.

Nin á lavadora. Por suposto, un é libre de rexeitar radicalmente o consumismo da sociedade e vivir sen mercar roupa ou lavala a man. Realmente é libre? Seguro?
_

A familia de Neko Case













Esta é só unha das miles de casas que leva pintadas Amy Casey. Todas máis ou menos no mesmo plan, suspendidas no ar por fíos que non semellan os da Parca. A ledicia estética é máis forte que o legado tráxico. Vexámolo así. Casas de Pensilvania, onde naceu a artista; fogares colgados da próspera industria da costa leste norteamericana.

A casa aparece no libreto dun disco de Neko Case (o único que non me gusta é o tratamento do texto). Como para chamarlle corta polos artistas que recruta para as súas movidas.
_

O Bernabeu non é sitio para xogar

Podían proclamar esta mesma noite ao Real Madrid campión de todas as competicións posibles, mesmo o mundial de Brasil do 2014. É o que importa. Non gañou no Molinón gracias ás xogadas de Ronaldo ou as declaracións de Mourinho á súa prensa, gañou porque o tempo, balanza avara, cedeu hacia o final do partido ao peso das moedas. O Molinón é un campo como calquera outro; xogan once contra once e ás veces alguén do público cágase na nai que botou ao árbitro.

O Bernabeu non; máis que un estadio, é un colector de trofeos, unha chatarrería de ouros e pratas, de copas e loureiros brunidos, na que se deixan fotografiar algunhas personaxes como ratas borrachas de gloria. Serei un pobre soñador, pero non infeliz.
_

O perdedor foi Webber

Ao final o gran premio de Abu Dabi resultou unha sentencia cruel. Era normal que Alonso entrara por detrás dos Red Bull e perdera o campionato. O éxito das últimas carreiras só convidaba ao optimismo ao comentarista da Sexta, porque a superioridade mecánica da escuadra austríaca ao longo da tempada foi incuestionable. O que ninguén imaxinaba era que o Ferrari rematara detrás do Renault de Petrov. Andrea Stella, enxeñeiro do ovetense, pedíalle por radio que tirara de talento para adiantalo, o que me lembrou aquel chiste do cura que asistía a un combate de boxeo cos amigos, un deles o adestrador do boxeador que estaba a levar unha malleira:

- Padre, rece por el.
- Eu rezo, pero como non dea máis forte lévaa clara.

Queda por esclarecer se a clasificación final foi consecuencia dunha estratexia de Red Bull (que presumían de non usar estratexias e deixar aos seus dous pilotos matarse entre eles) ou casualidade, porque o de Webber foi moi estrano, abondo máis decepcionante que o de Alonso.
_

O clavicordio de Bach

Segundo os modestos entendidos, Johan Sebastian Bach era un compositor aburrido, acomodaticio, conservador e cobarde. Os modestos entendidos son todo o contrario. Por qué era así está ben claro: sempre compoñía cun puto clave, e ás veces metíalle un violín (que sería dun sobriño, ou algo así, ao que non lle daría nin as gracias).

Sinceiramente, tanto lle costaba contratar a un productor de prestixio, Nigel Godrich, por exemplo (Radiohead, Paul McCartney), meter unhas boas bases, gravar un videoclip con Lady Gaga e abrirse un perfil en Facebook? Non, ao maldito luterano non o sacabas do clavecín nin a patadas. Como lle escoitei dicir unha vez a un, qué desperdicio de rapaz.
_

Territorio preocúpanos tanto El Aaiún

O do pobo saharauí é un escándalo infinito do que España é responsable directo. Dame polo cu que Marrocos expulsara á xornalista do Grupo PRISA Àngels Barceló para que nos vendan á súa heroica defensa das liberdades democráticas e a liberdade de información e blablablablablablablabla...

Se o traballo desa tía ten algo de heroico eu son o Papa (o Sáhara Occidental non precisa heroes nin heroínas, senón unha solución). Mater dei ora pro nobis peccatoribus e chúpame a polla.

Pensar que España abandonou ilegalmente aquel territorio. Nin a descolonización fixeron ben, e agora hai que encubrir as decisións da liña sucesoria que une a Franco con Zapatero, que para eso está El País dende a súa fundación. E coidar as relacións bilaterais con Marrocos, claro, non vaia ser que non poidamos pescar polbo nas súas medievais costas.

Tranquilos, dentro duns meses a Barceló (ou a calquera outro xornalista) daranlle un premio polo seu labor informativo, xogándose a súa integridade física, desafiando ás leis do réxime alauí e blablablablablablablablablabla...
_

Un culín á saúde de Manuel Preciado

O Sporting é un equipo de primeira, con xogadores de primeira e un adestrador de primeira. Obviamente, non pode competir con equipos millonarios como o Real Madrid ou o Barcelona, que xogan na súa liga particular. O adestrador chámase Manuel Preciado. Non lle chamo Manolo porque non me sinto con confianza para facelo. Por qué non lle chaman Pepe a José Mourinho, xa que está tan de moda o da proximidade? O caso é que en Madrid están indignadísimos, oe, polas declaracións do cántabro respostando a Mourinho. Mourinho pode soltar todas as sobradas que se lle antollen. Os demais teñen que acollerse a esa degradante linguaxe impersoal que o mesmo serve para falar do tempo que do presidente do FMI, sempre con deportividade, faltaría máis.

Afirma Preciado que o Sporting é un equipo de pobo, considerándose el, dedúcese, tamén de pobo. Non como Mourinho, que é un home de outra galaxia (o pobre non ten culpa de ser tan guapo e tan intelixente e con tanta clase e tan rico). Se eu fora edil no concello de Xixón, mandaba erguerlle unha estatua a Preciado no porto de El Musel; que o mar rompa no vaso.
_

O manifesto Marxophone

“España xamais adoptou a moderna moda francesa consistente en comenzar e realizar unha revolución en tres días”. Carlos Marx (New York Daily Tribune, 9 de setembro de 1854)

Imos logo con Marxophone, que se supón que non é unha discográfica. Nin multinacional nin independente. Asociación duns poucos artistas con I’m an artist, “grupo de profesionais” que se encarga da loxística: fabricación, distribución, promoción, xestión das xiras. O nome que lle puxeron é obvio. O manifesto co que se presentan, encabezado coa cita de Marx, pode lerse en jnsp.

Están Alfaro, Nacho Vegas, Christina Rosenvinge ou Refree, co que se estrean o 15 deste mes, mais non pensen que o mundo é marabilloso: saben quén anda por aí, chupando micro, horrorhorror: Julio Ruíz.
_

Fernando Alfaro e os críticos



O regreso de Fernando Alfaro chámase Fernando Alfaro y los Alienistas e data do 2007. Remexendo na rede atopei o disco, “Carnevisión”, que se pode baixar de balde aquí (ou mercar en Marxophone; capítulo seguinte), e moitas críticas para subnormais con pretensións. Basicamente, repróchanlle que montara un grupo novo para seguir a facer o de sempre, o que facía con Surfin’ Bichos e Chucho. É o que poderiamos chamar o síndrome toca para min, cando e como eu quero, unha doenza adolescente mal curada que eles disfrazan de teoría da creatividade: bah, xa non corre riscos co estilo. Se Alfaro non corre riscos asegúrolles que os sherpas que se precipitan polo K2 son aburguesados de sofá e mando a distancia; ten un estilo definido, pois claro, cómo non vai lembrar aos Surfin’ Bichos e Chucho? Qué queren, que se pase ao Hip Hop? Alfaro segue amosando inquietude e un discurso propio, como ten que ser.

Si é certo que está máis próximo a “Diarios del Petróleo” que a “Koniec”, pero non é o mesmo; postos a delirar cos arreglos ata meteu unha coral de mineiros asturianos, precisamente nun tema, “La mancha en el interior”, que remata así: “Hartos de protagonizar hazañas de usada rectitud, nuestros músicos recogen ya y marchan a un mundo mejor”.
_

Qué é a literatura

O facha enfant terrible das letras francesas, Michel Houellebecq, a quen lle concederon por fin o Goncourt, está acusado de plaxiar frases... da Wikipedia! Xa ten mérito o asunto, cos críticos rendidos.
_

Salitre solapa

A néboa é un gabán de mil ollos
os soños desbordan
                                           ao tempo
ondas detectives dobres
perdidos no porto
                                       alfándega
algas vermellas nos teus xeonllos
                                                                      de caramuxo.
_

Rexeita o Premio Nacional de Artes Plásticas

Velaquí a carta de amor que lle escribiu Santiago Sierra á ministra de Cultura. Como non o coñecía, estou buscando apresuradamente algo da súa obra en internet, máis preocupado, recoñézoo, en atopar a trampa da súa renuncia que en valorar o seu traballo. Non é que me caiga mal (xa digo que non o coñezo) ou que me desagrade o que fai; si ollara un fotograma do polémico vídeo “Los penetrados”, que me deixara indiferente.

Fillo aínda da educación, sempre sospeito de aquel que mete barullo. O artista semella supeditar a obra á denuncia (moderna, seria, conceptual); non é algo nin novo nin malo (levado con xeito). Calo, entón, deixándoos coas palabras á ministra.























_

Festa a golpe de luns



Xa que estamos co deportivo do asunto, imos con Basement Jaxx. Mencionámolos o outro día a raíz do concerto dos BellRays, pero non colgaremos a canción coa que se fixo famosa (e respectada) Lisa Kekaula; colgaremos “Red Alert”, outro pelotazo do grupo (foi a música dun anuncio de Coca-Cola) no que cantaba Corrina Joseph.

Antes do éxito mundial, pulían o dance nos almacéns e pubs do sur de Londres sen o fanatismo infernal polos BPM do house. A festa era humana.
_

Eloxio do pan e o allo (II)

Escribía Vázquez Montalbán que un día a lectura será deportiva (“...en tiempos mejores, que sin duda llegarán, no habrá otra posibilidad de lectura que la deportiva...”). Con lucidez e unha bondade non inxenua, chega a esta conclusión que inclúe ao oficio de escribir, porque nesos “tempos mellores” perderá sentido o patetismo que pretenda ir máis alá do xogo do libro, ou de calquera manifestación artística. Suponse que tamén desaparecerá a diferencia entre culto e popular.

Aínda que estamos no camiño, dubido que eu chegue ver esos tempos. Mentras tanto, qué outra saída hai que non sexa unha deportividade crítica? O fair play do que el fala, aínda que a fisura de Pániker sexa eterna.
_

Estrañando a un paisano

Agora somos de Fernando Alonso, para qué negalo. Collémoslle un pouco de simpatía ao longo de dous anos de perdedor, mentras os medios remitían naquela triunfalista cobertura asfixiante. O psicólogo que se preocupe de si mesmo. Este ano tamén leva as de perder (Alonso, non o psicólogo), porque o seu coche é máis lento que os dous Red Bull, pero conduce ben. Están disputándose o campionato en Brasil e xa retratou a Hamilton.

O asturiano perderá, se non pasa nada raro, deixando definitivamente claro que é un piloto dotado e serio, demasiado serio. Por eso seguimos estrañando a Räikkönen, que só era serio vendendo reloxos caros.
_

A campá epiléptica



Hoxe actúan The Bellrays na Nasa. Escoitei, dende que viñen a estudiar, queixas interminables sobre a fraca axenda musical da cidade, que si, non é Madrid, Barcelona, Valencia, Lisboa ou Bilbao; no concello saberán de dezasete pés negros, un romántico, dous punkis, o actor, catro rocketas e algún que non hai por onde collelo; antóllaseme xusto recoñecer o labor de salas como a Nasa ou Capitol, que non deixan de traer, co vento institucional en contra, a grupos interesantes. O que non poderán facer nunca será pagarlle a U2 (nin falta que fai) ou ao teu grupo favorito (se non cadra), ese que tanto te queima non poder ver.

The Bellrays fan rock de garaxe misturado con soul. Cando falan das súas influencias, non sabes se acreditan no que din ou se consultan unha enciclopedia por debaixo da mesa. A cantante é Lisa Kekaula, máis coñecida pola potente voz negra que lle prestou ao dúo electrónico Basement Jaxx en “Good Luck”. Se che gusta o rock’n’roll, non o perdas.
_

A zona vella é privada



Este é un vídeo da manifa de onte contra a visita de Bieito XVI. En case catorce minutos, o tempo que tardou o cámara de Galiza Contrainfo en ser agredido, óllase a desproporcionada resposta policial aos manifestantes. Non os deixaron entrar na zona vella e, cara o final, déronlle un pouco de uso ás porras, non vaia ser que un día perdan a súa función. Semella unha broma macabra que sexa a xente que se expresa na rúa considerada intransixente e violenta, cando todos temos que tragar a violencia que a visita do Papa trae. A represión do Estado non se limita a uns universitarios na procura de emocións; a policía chama aos pisos nos que, en fiestras e balcóns, se olla o estandarte coa mitra de Eu nom te espero, para pedirlles/esixirlles aos propietarios que o retiren; a todos os residentes da zona vella se lles reclamou a documentación pertinente.

Argallan unha guerra civil en miniatura, guerra que gañan pola vía militar, victoria que consolidan gracias á propaganda dos seus poderosos e serviles medios de comunicación. Abúrreme a retórica de moitas forzas de esquerda, pero é de sentido común darlles a razón. Eso si, se me permiten unha crítica constructiva, á hora de contrainformar eu escollería unha linguaxe máis neutra; non montaría as imaxes con heavy metal, nos discursos equilibraría as reclamacións obxectivas sobre o enaltecemento ideolóxico.
_

Jack o destripador

Vermello é o corpo
ferruxe que acho
esqueleto e piñeiro
                                         conciencia
da quenlla
no acuario
                        do teu corazón inútil.
_

Armas dun porteiro
















Estamos ante a eclosión do pechacancelas do futuro. Abundan as crónicas no fútbol de videoxogo que practica o Barça. Eso vende moito, e non só entre a xuventude, non vaian pensar. Qué pasa, que xogar como nunha PlayStation é fascinante, pero para que o público maioritario se enganche hai que ofrecerlle uns efectos especiais convincentes e un serio grao de violencia. Os que desenrolan os xogos sábeno ben; as artes marciais, ou derivados modernos coma o Full Contact, nunca pasan de moda.

O exemplo é Víctor Valdés (antes falábase mal del, agora non se menciona, quizais por eso), espalládevos que vou sentrar, e ti sácate do medio que te fendo, porque podo convertirme en patada, catana, machada ou mazo de Taramundi.
_

Unha sinxela entrevista

O venres entrevistaron a Suzanne Vega en Carne Cruda. Gústame desta muller algo máis que o corte de pelo e esos ollos de mar simétrico onde bule unha cidade. Tópico. Tópico un pouco como as súas cancións, que nunca me dixeron nada. Magnetismo da voz e da letra pola voz e a letra mesmas. Carguei un disco no iTunes, que no xénero púxolle easy listening. Non é pexorativo.

Gústame sen chamarme; nin violencia nin apego. Como na entrevista, que podería ser a entrevista a unha decoradora de interiores. Por qué non, tamén vale.
_

Os políticos demostran un grande sentido do humor

Hoxe, máis que nunca, está en xogo a Democracia no Occidente.

A frase podería atribuírselle a Barack Obama (co permiso de ZP e de Feijóo, por suposto). Comicios nos EE.UU. para renovar na súa totalidade a Cámara de Representantes e un tercio do Senado. Os demócratas levan as de perder, o que non teño moi claro é o qué, van seguir no allo, a Obama déronlle o Nobel, xa fixeron Historia. Non aprenderon nada de Cánovas e Sagasta? Coido que si, abondo.

Estas eleccións confeccionadas polo maximalismo mediático non agochan guerras libradas segundo estado e interés económico particular (todo axuda), como a de California, onde o gobernador, Schwarzenegger, en compañía de James Cameron (o director de Avatar), pide o voto, directamente, contra os magnates do petróleo que queren botar abaixo a coñecida proposición 23 segundo a cal se priman as enerxías renovables. Un hippie, Arnold Schwarzenegger, e James Cameron (o director de Avatar), outro hippie. Así vai o país.

Déixoos co vídeo onde a James Cameron (o director de Avatar), se lle aparece sorpresivamente Schwarzenegger, e xuntos, como nunha sardiñada entre viciños, piden o voto para defender a súa proposición mentras rin un pouco.


_

Os Pixies rebentan a maratón

Os Pixies agasallan na súa web 20 pistas dun concerto que ofreceron no 2004. O eterno xuntarse outra vez do grupo de Boston é, posiblemente, o máis flagrante e honesto; o mesmo quedan cada dous anos, tempo estimado para pulirse as ganancias dunha xira. Xuran e demostran que non se soportan e que nunca máis, xamais gravarán unha mísera canción nova.

Como esas estatísticas coas que nos abafan nos xornais, cando se refiren á fame ou á reproducción dos insectos: cada 30 segundos regresa un grupo do pasado ao planeta. Ou regresan os Pixies cada 30 segundos? Sería unha plusmarca imbatible.
_

Como se antes non se bailara



A fin de semana está aí. Preparados para ir á disco ou ao club a bailar. Quen precise practicar pode escoitar esta canción antes de quedar. “Not in love”, do dúo canadense de electrónica experimental Crystal Castle. Porqué experimental e non, por exemplo, vangardista, é algo que tardarei anos en averiguar, pois aínda estou cos subxéneros dentro do metal. Pero eso a quén lle importa, verdade? Hedonismo posindustrial, comunión de corpos e luces (ai, a envexa).

Para a gravación contaron coa voz de Robert Smith, que lle vai como unha luva. Sacúdanse os prexuicios, que o baile e a promiscuidade, san ou insán, non é patrimonio de rapaces e rapazas alucinados. Alucinemos nós tamén.
_

Chega de políticos e familia

Hai un par de días que morreu Néstor Kirchner. Os medios, nacionais e internacionais, convidan á contención, cando non ao loito. Nada de bromas. Os intelectuais arxentinos glosan a figura do finado e retratan a dor incólume da viúva, ao tempo que perfilan espontáneas cábalas sobre o futuro político do país. Presentouse Maradona na Casa Rosada e Chávez escribiu no Twitter: "Ay mi querida Cristina... Cuánto dolor! Qué gran pérdida sufre la Argentina y Nuestra América! Viva Kirchner para siempre!!"

Estaba pasando, coido, por un odiado Rasputín da Pampa, que seguía gobernando ao través da boneca vella da súa muller. Agora mesmo a súa gloria é inmortal. Nada do que sorprenderse. Mais confiemos en que o exemplo de familia política manifesta non se espalle.
_

O cemiterio moderno

Sacharon no ceo
                                   regos brancos
estremas estrelas dun perito
para estimar a plantación
                                                      dame un bico
agora que choven patacas negras
sobre o avión
                             da Cidade da Cultura.
_

Aquí tampouco está a verdade
















Esta foto é de Ernesto Bazán, un siciliano que viviu e fotografiou Cuba durante 14 anos (casou alí). Está a presentar o primeiro libro dunha triloxía sobre a experiencia, que é a experiencia do pobo cubano, non a súa; non hai ideoloxía nin denuncia, non hai xornalismo nin máis literatura que o seu amor ao branco e negro. O primeiro que confesa é que el non é “un predicador”, e que atopou na Habana a súa infancia en Palermo.

Aos de El País interésalles contar que foi expulsado da illa en 2006 por impartir talleres de xornalismo. A ver se nos queda claro dunha vez, mentras o utilizan sen cortarse, aproveitando que o rollo freudiano xa non vende.
_

Os homes explicados por un bote de tinta



Neste vídeo amósannos o proceso de elaboración das tintas para artes gráficas con amable música clásica de fondo (poden quitarlla). Limpos traballadores especializados que aman o seu traballo. Un proba as emulsións facendo e desfacendo con dúas pequenas espátulas fortuítos cadros de Kandinsky.

Non hai explotación. Nin rastro dos Tempos Modernos de Chaplin. Atractivas tintas caíndo en botes de aluminio.
_

Agardando a Bieito XVI















Un podería gabarse dun índice de tolerancia alto, alto tirando a estúpido. Visita do Papa a Compostela, vale; a cidade non é propiedade da nosa falta de fe. Un pastón escandaloso que non sei se duplica o de Barcelona, cando alí vai botar un día enteiro e aquí ven dar unha misa, vale, os galegos de Feijóo somos xenerosos para estos asuntos. Un escenario que están a montar no Obradoiro que nin os Rolling cando se sinten... xenerosos, vale. 6.000 axentes da orde e 2.000 cadetes (estos últimos non irán armados), vale. Controis constantes para entrar e saír da cidade, ou para moverse por ela, non importa se vas currar, vale. Secuestro dunha revista, Retranca, por satirizar a visita, e non xa por un xuíz alcólico, non, pola imprenta coa que traballa a revista, que considera a sátira desproporcionada. Unha sátira é unha sátira, desproporcionado é arrogarse unha autoridade moral anacrónica para romper un contrato e, casualmente, sen tempo para que a revista busque outra imprenta; aínda que o director, vale, asegura que non están vinculados coa revista por contrato algún.

Nun dos comentarios desta nova pode lerse o seguinte: “Yo trabajo en la industria gráfica, ésta empresa también nos imprime cosas es un gigante a nivel estatal porque tira precios si por mi fuese no les envia ni un trabajo más.”

Antes do apocalipse católico-policial irei ao súper por provisións (“deja ya de buscar en los demás lo que hubieras podido encontrar en unha farmacia”), baixarei as persianas e subireille o volume a Eilen Jewell.
_

Xa temos a Boise no mapa

Unha aclaración sobre o vídeo anterior, no que se pode ver perfectamente que actúan nun local de Austin, Texas. Non vaian pensar que Eilen Jewell se criou a dúas mazás do rancho dos Bush. De paletos con éxito andamos sobrados (e non confundan paletos con xente de aldea). Non sei qué será peor, así e todo, porque naceu en Boise, Idaho; a quén se lle perdeu nada alí?

No Google din que lle chaman o estado xema pola súa riqueza en recursos naturais, e que recibe influencia do océano malia atoparse a uns 500 km. Bueno, si, agora que teñen a Eilen Jewell.
_

As botas de Eilen Jewell



Esta rapariga chámase Eilen Jewell, non sei se o dixen. Podo repetilo. Baixo esa apariencia de universitaria solícita, boas notas, nunca contradí a papá e axuda a pór a mesa os domingos, está a muller que escoita obsesivamente a Billie Holiday e a catrocentos e catrocentas máis; con apenas 31 anos manéxase polo infinito mapa da música dun xeito alucinante. Fáltalle sal e pementa pero, contradictoriamente, con esa voz que non é extraordinaria, transmite con convicción o potente contido das súas cancións, ou das cancións alleas coas que se atreve (acaba de publicar un disco de homenaxe a Loreta Lynn). Pégalle a todo, gospel, blues, jazz, rockabilly, folk, rock’n'roll, o que lle boten, con desconcertante naturalidade. Entre Emmylou Harris (diáfano pasado) e Jolie Holland (retorcido presente), semella ficar nunha cómoda terra de ninguén onde se adica gozar do que máis lle gusta.

En directo nótase que o pasa ben, que emociona e entretén, qué máis se pode pedir. Soe acompañarse dunha base rítmica solvente e un guitarrista, Jerry Miller, que eu, que son un ignorante, non coñecía e me deixou flipado; nada de masturbarse co mástil: ao servizo da canción e, sen embargo, qué linguaxe, tan limpa que doe e cargada de olor, de sabor, de paisaxes interiores. Ben pode presumir ela, Eilen Jewell, de telo fichado. Con todos vostedes, señoras e señores, Eilen Jewell cantando "Sea of tears".
_

Antón está de viaxe (XI)



O idiota subía da praia encaramado ao lombo de algas do carro, agarrando a gancha como se fora o báculo dun bispo, a lanza victoriosa dun emperador romano, hasta, summa Imperii, e a radiocasete a pilas retumbando no outro ombreiro, superpoñendo un ritmo de discoteca ao ritmo das vacas. A avoa ía diante, encorvada dentro dun loito antigo coma o mar, pano e chal comidos de lixivia, curto e vivo camiñar servíndose do caxato co que, retrasándose, vareaba ás bestas cando se detían, cornos atravesados, lentos látegos azoutando costras de bosta perseguidas polas moscas. El sabía que esa non era a súa avoa, mentireira, pequenas casas encaladas, aboladas, de entradas tomadas por aparellos estragados e testos con xeranios, o barrio non quería ollar e el fitaba ao barrio dende o seu trono verde e brando e esvaradío, podía matala coa súa lanza, ninguén sairía a chorala ou socorrela, tampouco viría o seu pai, que traballaba nunha plataforma e gañaba moitos cartos. Do chalé do señor notario, no alto, saía unha rapaza en chándal, era a quinta mañá, activaba o cronómetro e botaba a correr. Soltou a gancha para comprobar que levaba a revista debaixo do xersei remendado; xiraban a casete e as rodas co carro, que ao coller os buratos do piche soltaba algas entre as madeiras rebentadas.
_

Había que matar aos exquisitos



Esta semana pasáronse pola península os vellos The Psychedelic Furs. Vellos ou non tan vellos, porque retomaron o grupo con algúns cambios e material novo que editarán a comenzos do ano que ven. Penseino dúas veces, e se temos que soportar a mercenaria volta de bandas que forman parte do pasado, agradécese que sexan aquelas que nos gustaron sen importarnos en exceso e que o fagan con xeito.

Deixaran “Pretty in pink” e pouco máis, pero a verdade é que só por esa canción xa se merecen un respecto. Por esa e pola versión que o cantante, co grupo Love Spit Love, fixo do “How soon is now” dos Smiths.
_

O chigrero que cruzou a ponte

Mañán non vou estar. Teño que ir recoller o Príncipe de Asturias ao Teatro Campoamor, en Oviedo, e bueno, se hai que ir vaise. Qué premio me concederon? Tamén fan vostedes cada pregunta; Escanciador Mayor del Reino, cal senón? Pero non pensen que vou alí a escanciarlle sidra aos convidados, non, para eso xa están os camareiros, eu, en-ca-li-da-de-de-pre-mi-a-do, escanciarei unicamente unha botella para a Princesa Letizia. A brasa que lle penso dar aos meus netos.

- E conteivos cando o voso avó lle achegou xentilmente o primeiro culín á Princesa?
- Si, avó, unhas duascentas veces, e xa che dixemos que eso dos reis só sae nos libros.
- Os reis non existen nunha sociedade avanzada como a nosa, avó!
- A calar! Agora castigados sen lambonadas...

Sempre sospeitarei da educación que reciben os nenos. Podes ter 27 netos e os 27 republicanos. Eso non está ben, non señor, estase a perder... estase a perder o respecto, polo que lles convido a gozar deste intre tan doce.
_

A neta sindicalista de Catherine Deneuve














Continúan as movilizacións en Francia. Folgas e manifas. Unhas detrás de outras, queimando as esquinas, como dixo Raúl del Pozo. Será a tradición ou Sarkozy, que tirou de manual sobre a democracia para desautorizar formas de expresarse como “a violencia máis cobarde, máis gratuita”. Non lle falta razón, porque a violencia de estado nunca é gratuita; trata de preservar o negocio. En España, gracias a Deus, rexeitamos historicamente o exemplo francés (un mal exemplo, non tanto polo seu pernicioso contido moral como polo baixo que chega, non se escoita, qué exemplo é ese?).

Hai outra foto desta mesma rapaza ante os mesmos antidisturbios na que se lle ve a faciana que aquí promete, podendo ser tranquilamente unha neta de Catherine Deneuve (non a atopo en internet). No país viciño son preguiceiros, eso si nos chega alto e claro, e as estrelas de cine malcrían aos fillos, que se cren con poderes para rexeitar as pelotas de goma.
_

O que hai que oír (en castelán)

Están á volta da esquina as eleccións municipais; os candidados e candidatas intensifican a súa campaña antes da precampaña. A avezada Corina Porro xa abriu blog e twitter. Logo de pasar polo primeiro, arrepíntome do que escribín o outro día sobre os gustos de Feijóo. Corina pon unha lista en Spotify do que escoita cando vai currar ao Porto: Celine Dion, Diego Torres, Carlos Baute, Beyoncé, Lady Gaga, Carlos Núñez, Cómplices... e para cando ten que poñerse dura “The final countdown” de Europe ou “Don’t stop me now” de Queen.

Mais non todo ía ficar nunha ordinaria lista de gustos musicais. Colgan un vídeo cun cantautor galego, Carlos Bau, adicándolle unha canción a alcaldable. O tío é un crack, mesmo lembra que colaborou con Antonio Vega. Escóiteno porque non ten desperdicio.
_

O xornalista avalia as súas queridas limitacións

Hoxe tragueime o retrato de Rubalcaba que lle mandaron ir buscar a Juán José Millás ao Ministerio de Interior. Nun longo artigo/entrevista, algo así como 48 horas na vida de, o escritor e xornalista deixa entrever que o seu único propósito, como un cazador, é traerlle aos lectores a alma do político, e que non descansará ata conseguilo. Cóntao sen ningunha convicción, como pedindo perdón polo baixo, por un lado, e cumprindo, polo outro, aínda que o resultado final, con diálogos breves e citas enxeñosas, inclina a balanza hacia o traballo ben feito (se non es capaz de aprecialo é que es un ignorante).

Teño a mesma impresión do ministro que antes de ler a reportaxe. Un tipo intelixente e preparado, escandalosamente máis preparado que todos os gabinetes de Aznar e Zapatero xuntos, pero que encarna el mesmo un poder gris que perpetuará as nosas estatísticas. Herr Rubalcaba, chamáballe Reig.
_

Os bolseiros teñen alma

Hoxe en día, na retransmisión dos partidos de fútbol, José Ángel de la Casa, un funcionario en perigo de extinción, xa non está só, nin moito menos. Non importa a canle; mesmo para un partido de terceira rexional preferente, na cobertura publicitan tecnoloxía de vangarda, dúas persoas encargadas de conducir a narración, un ex xogador e un ex adestrador para as análises dos-que-saben, un ex árbitro para as xogadas conflictivas, e a pé de campo un bolseiro e unha modelo que está a ler un libro de Roberto Bolaño.

No Real Madrid - Milan escoitouse unha voz dicindo que Mourinho debería sacar inmediatamente a Ronaldo do campo, porque empezaba a facer o parvo, a cegarse el so, co partido encarrilado. Se atopan un cadáver nunha cuneta de Madrid, compadézanse da alma do bolseiro.
_

O gas dos desconfiados

Aos investigadores non lles queda máis remedio que chorar nas distintas administracións para financiar as súas investigacións, a non ser que o que investiguen sexa de interés multinacional, como semella o caso deso que chamaron O Gran Burato, a uns quilómetros da costa. Foi a Consellería de Industria quen se puxo en contacto cos investigadores para preguntarlles cántos cartos precisaban. Mal rollo. Aceptamos vivir colonizados por unha cultura que dá noxo, unha cultura resumida nas películas e series de televisión norteamericanas e nas receitas económicas do FMI. Aceptámolo, pero xa non sei se aceptaríamos unha invasión militar. Ao mellor aí abaixo non hai máis que dúas bombonas de butano dun pesqueiro afundido, e sería peor, porque a explotación do xacemento apunta ao oligopolio das petroleiras. U-lo gas?

Érgueste pola mañán e ollas a US Navy na boca da ría. En Santiago, o edificio de Historia empregaríano de cárcere, e o de Mediciña de hospital psiquiátrico, para reprimir aos catro insurxentes bloqueiros que Feijóo en primeiro lugar tacharía de perigosos e trasnoitados. O gas é de todos. O gas é progreso para todos. Cajo no jás. Estou delirando, obviamente, pero non pensen que lle andamos tan lonxe.
_

Eduardo Mendoza lévase o Planeta

Supoño que non haberá ningún energúmeno que erga a voz para criticar ao gañador do Premio Planeta deste ano. Eduardo Mendoza é un novelista, e o demais son pallas mentais. Parabéns.
_

Comic Sans para un fax da Deputación






















Pode considerarse á Deputación de Pontevedra como o viveiro ideolóxico do PPdG. Algún pensará nunha xuntanza bizantina de persoeiros que debaten a proxección metafísica do galego nas aldeas do S.XIII, trabucándose, porque a Excma. Deturpación, perdón, Deputación, é a primeira en pór en práctica políticas de benestar social e crecemento económico. ILoveLouzán, aínda que o meu corazón lle pertenza, é notorio, a Feijóo.

Accidental lector, non te sintas so no camiño hacia a luz e o bilingüismo harmónico. En feijoomente dan conta das fazañas democráticas que o noso amado presidente cultiva na ría, unha a unha, de aí o acertado título do blog.
_

Os gustos do presidente

Hoxe tiven unha revelación, como Pablo de Tarso cando, chamándose aínda Saulo e sendo un bandido, O Señor lle largou un lóstrego que o tirou do cabalo, deixándoo tres días cego (eso é coacción). Qué música escoita o presidente de todos os galegos (só por curiosidade antropolóxica, porque eu son finlandés de toda a vida)? El dirá que, tanto na música como na política, os seus gustos son eclécticos. A clase política moderna é así, obscenamente baleira, recorrendo sempre a un vocabulario de opositor a inspector de facenda de canas relambidas, xersei de pico e subscrición a unha revista de viños.

O meu propósito, sen embargo, non é criticar ou ridiculizar. Deus, cos anos, foi suavizando as súas maneiras, e xa non te queima os fusibles nin o router nos seus accesos de cólera; entra no subconsciente da moza para que polo Nadal che agasalle o novo disco de Phil Collins. Pregunten na Xunta.
_

A publicidade é importante pero non tanto

Non perdan o tempo aquí e entren na páxina de andaime, que ten moito mérito e non enganan a ninguén con ese subtítulo de Engenharia social e cultural. Non me gusta o logo nin o fondo do blog, pero si o deseño dos folletos do Mercado entre lusco e fusco e, qué carallo, eso é o de menos.

Hai xente aí traballando desinteresadamente por unha idea que son moitas ideas, ou esa é a miña impresión.
_

Concurso de sensacionalismo sabido

E o gañador é o xornal español El País, polo seu intento de colar unha cobertura totalizadora dende postulados dificilmente éticos do rescate dos mineiros chilenos. Velaquí unha proba. Trending Topics, lentes de sol marca Oakley, Serrat, Alejandro Sanz, un grupo en Facebook chamado "Mineros chilenos emergiendo de las entrañas de la tierra como Kylie Minogue".

Todo son escusas; o dereito á información, a obriga económica de satisfacer ao moderno mercado dos medios e, por suposto, o final feliz que ocultará unha miseria profunda e sen relevancia.
_

Se García Lorca o fixo



Esta canción, “La Misteriosa”, está no disco “Cantares de Vela”, de Juan Perro. Como fala dos barcos galegos que faenan no norte de África, aproveitando que andaba por aquí facendo algo máis que cobrar por subirse a un escenario, decidiu, ou o empurraron, non sei, a traducila. Rechía, si, pero é o primeiro intento; faise gracioso, e logo colleu soltura, seguridade, como contan que demostrou o sábado no San Froilán. Unha choiva sen tregua e unha carpa ben pensada que permitiu gozar do concerto (acústico, el e Joan Vinyals).

Tamén cantou “Poco talento” na nosa lingua, que vou traducir agora mesmo con curiosidade e respecto. O máis divertido de "A misteriosa" é cando lle choca a palabra Marrocos, que na orixinal si lle rima, e claro, cómo pronuncia o x. Non sexades malos.
_

Cando lles pasará por fin algo serio aos nenos?

Están nais e pais coraxe, ollándose no espello de películas norteamericanas, enrarecendo eso que chaman xuntanza no colexio, propósitos para o novo curso. A moitos ninguén lles gana a intelixentes e preocupados, aquí é onde senta o meu Gustavo Adolfo, verdade? seino polo estoxo dos lapis, e quería preguntar, quería preguntar se van mandar un resumo exhaustivo do que aquí estamos a tratar por e-mail; paréceme, na miña modesta opinión, importante.

Óllanse os dous profesores de primaria (uns incompetentes, por suposto) e acordan que si, enviarase un correo electrónico aos pais con todos os puntos tratados, se arranxan algún dos dez ordenadores que hai. Hora de marchar con moito que dicir.
_

As nubes galegas non venden














Que fixeran un selo coa Muralla de Lugo é estupendo. Nada que obxectar. Como reza a publicidade, “contribuirá a que Lugo desfrute de máis proxección internacional, especialmente no ámbito do turismo”, e como asegura Pepiño Blanco, “este selo non conmemora só unha efeméride senón unha forma de facer cidade”. Vale, moi ben. 10 anos de patrimonio da humanidade e o San Froilán.

Pero por qué lle puxeron ese basto ceo laranxa que vai cegar os ollos da humanidade (e España en violeta,  por se alguén leva lentes de sol)? Podían deixar o ceo normal, por moitas nubes negras que aloxara. Nubes galegas, qué pasa.

Agarden, recapacitei, está ben así; imaxínense a ocorrencia de Feijóo mentras da conta dunha ración de polbo ante as cámaras, coas nubes galegas sempre chove, con las castellanas, no, los ciudadanos tienen derecho a elegir qué nubes quieren en su cielo, el lunes estudiaremos cómo realizar una consulta popular y democrática con la máxima brevedad y eficiencia posibles, oh, qué brillante estadista estoy hecho, está bueno el pulpo este, no es el del mundial, ¿verdad? claro que sería un honor para mi... no, eso estaría mal, Alberto, la dieta, piensa en la dieta.
_

Cando a dádiva de Billy Corgan



Esto ten os seus anos, cando os Smashing Pumpkins eran os reis do Rock mundial a todos os efectos. Regresarían máis tarde, sen fortuna, sen inspiración; unha sombra desesperada por recuperar o seu trono da que non paga a pena falar, así que centrémonos na época gloriosa. Non empregamos termos superlativos caprichosamente: entre o 95 e o 2000 foi o grupo que dominou o mainstream dende preceptos underground, o máis influínte, o que máis vendía, o que congregaba a unha multitude devota en calquera recanto do planeta, o que sacaba os discos máis ampulosos e longos. Billy Corgan era un tipo raro (máis raro do normal) e infantiloide, como o resto do grupo (un nome estúpido, letras patéticas), pera facía unha canción demoledora no tempo no que un se prepara un café.

O día que actuaron nos estudios de Radio 3 contan que colapsaron os arredores cos tres tráilers que se trouxeran de material, tres tráilers para un miniconcerto de presentación do que por entón era o seu novo disco, “Adore”, podendo solicitar unha guitarra española, soltar dúas idioteces e largarse. Non, tiñan que presentarse aparatosos, espectaculares, incontestables, como unha corte amosando ao mundo a súa magnificencia, e proba delo foi que, como maxestades seguras do seu poder soberano, convidaron ao público a achegarse ao escenario, a estar á súa mesma altura durante o concerto.

Insisto no de superlativos: non eramos fanáticos para nada, a súa grandeza asentábase no extremo oposto ao noso gusto polo pequeno e comedido (amargao!), ao costume de criticar ou ignorar a esas bandas grandilocuentes que petaban estadios de fútbol, dende Led Zeppelin a Metállica, U2 ou Queen, e agora Muse; pero tiñan un puñado de cancións que che daban un subidón importante, sendo moi socorridas como música para sentarse a deseñar, dou fe.
_

Caneo de Iniesta

Recibira un balón aburrido nunha xogada sen debuxo, pegado á banda, no medio do campo, rodeado de catro lituanos con licencia para sachar, catro lituanos e un metro cadrado, e dos catro se foi, deixándoos coa picha feita un lío, pero non se foi como unha bala de canón, non, foise camiñando, ao mellor botou a correr pero todos ollabamos que ía tranquilo, camiñando.

Góstame pensar que nun intre así gravita e levita co cerebro transparente, unha pelota de coiro e as medidas do campo por suficiente corazón.
_

Un nó exposto no baño

Os segundos gotean negros
do saco de sangue
                                       e sorrí
sorrí agardando que sobrio alguén
                                                                         venza a porta
para descobrelo na intimidade
drenando unha denuncia
                                                     no azulexo
de augas mexos frases papel
                                                            para limparse o cu.
_

Está de moda o deseño forte














Hoxe é día de premios. Na séptima edición do concurso ÑH ao mellor deseño xornalístico de España e Portugal, organizado polo Capítulo Español de la Society for News Design (así se chaman), repartiron a esgalla. La Voz de Cádiz, El Correo Gallego e i (lisboeta), foron recoñecidos como os xornais mellor deseñados do ano nas súas correspondentes categorías: ata 20.000 exemplares de tirada, entre 20 e 60.000 e máis de 60.000. A mellor portada de xornal foi para La Verdad de Murcia e a de revista para o Magazine de El Mundo, moi patrióticas ámbalas dúas co do mundial de fútbol; estilos diferentes, o mesmo efectismo.

Trabállase unha erótica da publicidade e o deseño, vale, pero dubido que no fútbol esa erótica (por outra parte tan abaratada) chame aos seareiros tradicionais, porque non entran nas análises dun mercado que os considera fieis. A quen buscan é a nenos soñadores e nenas que mollan as bragas e as súas nais. O de Murcia é sinxelamente desagradable. O outro non precisa Photoshop, senón un podólogo.
_

A modestia como signo de perspicacia

Onte concedéronlle o Nobel a Vargas Llosa. Por fin. Xa podemos todos, lectores e detractores, morrer tranquilos. Acaso pensan que a el lle preocupaba O Premio? Carece de vanidade, non desexaba ganalo, dáballe igual. Os vanidosos, os que estos últimos anos fixemos quinielas escribindo en todas elas o seu nome e falando mal, somos nós. Explicáballo onte a Juan Cruz por teléfono; dicíase convencido de non ser un escritor para este premio, e porqué? “Porque llegué a la conclusión de que yo no estaba en la identikit del Nobel; yo soy un escritor conflictivo, tomo posiciones incómodas, me equivoque o no siempre digo lo que me parecen las cosas, y todo eso me hizo creer que no era el escritor que encajara con la manera de ver la literatura por parte del jurado”.

Está a asegurar que os Nobel de literatura só llos dan aos servís e aos cobardes? Semella. Harold Pinter, un cobarde; Faulkner, un cobarde; Camus, outro cobarde; Saramago e Darío Fo, dous cobardes consecutivos. Este ano fixeron unha excepción e premiaron a un valente, a un bravo defensor da liberdade da palabra no mercado, e, sobre todo, premiaron a un home polo súa Obra, non polas súas ideas políticas, e leva razón porque a Obama concedéronlle o da Paz sen ter feito nada, só por estar aí.

Gracias, don Mario, moitísimas gracias polo premio.
_

Arquivo do blog

Outro

A seguir

ecoestadistica.com
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet