Todos á biblioteca




















Exposición de Sebastião Salgado. Biblioteca pública de Santiago Ánxel Casal, Xoan XXIII s/n. Malo é o horario de vran que se marcaron, nin tardes nin findes, malo para os que queiran ir e aínda traballan, mais os bibliotecarios tamén son persoas, e seica non hai cartos para ampliar persoal.

Bulide, antes de que se entere “O Señor das Tesoiras” ou don Xerar Ilusión. Que non se cosquen. Non lle dicir nada a Antón Losada. Permítese pensar e gozar.
_

O diploma e o suicidio

Concurso de cartaces para uns torneos de tenis. Nin un diploma que colgar da parede branca e cotrosa. Qué fracaso, colega. Aínda non ollei os gañadores. Presentara dous traballos. Serán os outros mellores, quén o sabe? Subxectividade. Circunstancias. Escusas non. Teño que esforzarme máis, traballar máis e acertar cos deseños. Facer autocrítica sen desmoralizarme, crer, ser positivo, optimista... puaj, prefiro suicidarme, penseino seriamente, pero achei moitos inconvenientes; se te aforcas quédache marca, o gas cheira mal, non teño licencia de armas e cortarse as veas na bañeira para quedar como Marat é pretencioso, ademais de deixarlle á muller o traballo de limpar. Eso sen contar o da nota de suicidio, que tres ou catro liñas ían levarme unha semana e non ficaría satisfeito.

Non sei qué é peor, non gañar un concurso ou recibir unha mala crítica. Rafael Reig di que as malas críticas as traga con dous whiskys, o terceiro xa é para estar noutro lugar. Peor a crítica, sen dúbida, que é directa; un concurso sempre podes dicir que ten moito de lotería, premio!, foi vostede agraciado como perdedor, se tanto lle agradaría un triste diploma na parede nos chinos véndenos variados e baratos.
_

Velaquí un maniqueo

A modo de réquiem pola desaparición de Galicia Hoxe suxiro un artigo de Antón Losada no País reivindicando a Feijóo, para maior escarnio dos traballadores e das familias dos traballadores do xornal galego. Sostén o sisudo analista que gobernar non é doado nin simple, que o mundo no que vivimos tampouco o é, e que Feijóo xa se decatou delo, “empieza a hacerse las preguntas correctas y a admitir que ya no le quedan respuestas fáciles”.

Para cando unha medalla Castelao desas para o xornalista?

Nin goberno nin terra son simples, moito pensa este home, pensa tanto e tan ben que mesmo achou como xustificar a política do noso presidente. Plantexa, ademais, a dicotomía goberno-oposición, como se PSOE e Bloque foran o mesmo partido. Os do goberno son, agora, por fin, serios e responsables, e os outros, o Bloque Socialista Obrero Español (dG), uns destronados que practican unha oposición baleira.

Sihomesi, como diría o Reig, pídete algo na barra que pago eu.

Descóbrenos, asemade, que non hai cartos para todo o que nos gustaría, convidando con sutileza ao realismo, a unha inevitable austeridade.

Un campeón, está feito un campeón, o sisudo analista da política nacional.

Nin goberno nin terra son simples, e non o entendo porque segundo o que escribe el aquí somos todos iguais, todos contribuímos en igual medida á crise, todos acatamos a ditadura dos mercados (esa interesada abstracción) e nos movemos polo clientelismo, se somos políticos, ou pola carraxe, se somos cidadáns de a pé.

O noso presidente fai o que pode. Case me alegro, agora que o penso, se chega poder facer máis eu collo a maleta e lárgome, non sei, a Madagascar, ou a Groenlandia.

Xenial, tío. Saícheste. Bótalle unha peza aos de Galicia Hoxe (págocha eu, tranquilo).
_

Quenda para Galicia Hoxe

O único xornal galego e en galego dos quioscos saíu hoxe por derradeira vez, estrangulado polo noso presidente, o presidente de todos os galegos, “o mesmo que entrega ufano as medallas Castelao, símbolo de galeguidade”, como di o director na súa carta de despedida. O mesmo que aproba axudas fabulosas aos medios afectos. O mesmo que aducirá que non era rendible dada súa falta de lectores, falta de lectores que el mesmo se encarga de cultivar dende o parvulario... En fin, lean ao Caetano Díaz.
_

As sete diferencias













Á esquerda ollan o logo creado para a promoción turística da cidade arxentina de Bariloche. Á dereita, o dunha empresa brasileira de promoción turística. O da esquerda comezou a rular hai uns días por internet, e usuarios de distintas redes sociais denunciaron a semellanza, por non dicir a copia, como os clásicos delatores. Os da esquerda din que pagaron 12.500 euros pola imaxe e o lanzamento da campaña.

Inspirarse no traballo de outros está ben. Copiar un pouco un día malo e logo disimular, bueno, vale, ninguén é perfecto, pero non te pases. O pasatempo é doado, lembren os xornais da infancia.
_

Sabías que a Bryan Ferry le huele el aliento

Ser ex axente da KGB ten que estar ben, e se ademais es escritor de best sellers e te cres a personaxe, arrasas. Un tal Daniel Estulin cumpre ambos requisitos, non hai máis que ollar unha foto súa, semella un chuloputas e el preocupado. Arrasou cun libro sobre o Club Bilderberg e agora confía, claro que confía, en revalidar o éxito con outro sobre Wikileaks.

Titular sacado da entrevista que tivo a amabilidade de conceder a Público: “Assange é unha personaxe tráxica, cómica, dantesca e sinistra”.

Non se axusta de todo ao que logo “revela” sobre o frontman da axencia, e como reclamo non está moi currado, pero lles vale.

O que ven dicir este artista en non quero saber cantas páxinas é que Wikileaks é unha montaxe da CIA creada como unha canle B de información. El prefire a palabra conspiración, con tino para os escaparates. Paralelismo que hoxe entenderá moita xente: o banco malo.

O Julian Assange, naturalmente, un pringado.

A moitos nunca nos fixo falta ser ex axentes de intelixencia nin escritores para pensar que o das filtracións era unha ridiculez, independentemente de que estiveran amañadas ou non pola CIA.

Traballo de investigación? Todo para ti.

Tamén aproveita (na entrevista, nunca poderei falar do libro) para dicir que os medios que publicaron as filtracións non teñen obriga de contar verdade algunha, ou que Bin Laden morreu en 2001.

Sempre nun ton condescendente, qué queres que che conte, a masa social é tan inxenua.

Gustoume o final: “Pero eu non son importante, se alguén quere gastar o seu tempo, fantástico. Pero non son importante, el [por Assange] si”.

Algún día mandareille un e-mail demostrándolle que Miguel Costas xa sabía do que falaba hai case 30 anos.
_

Jolie Holland ou a falsa narcótica



Chegará ás tendas o 28, Pint of blood, dentro de catro días; mentras tanto, o que non aguante pode escoitalo en streaming en Paste Magazine, onde tamén colgaron este vídeo no que aparece soa interpretándolles The Devil’s Sake. Coido que é a súa máis lograda escolma de cancións.

Chámenme esaxerado, sacrílego e ignorante se queren, mais despois de Billie Holiday nunca atopei unha voz que me fascinara tanto como a desta muller.
_

Araña de castañolas amarelas



Para a ocasión púxolle nome ao grupo que a acompaña, The Grand Chandeliers. Pint of blood é o seu quinto disco de estudio, editado novamente en Anti-Records, dos colegas de Tom Waits. Estou a falar da autora de Old fashioned morphine, esa canción que só pode parir unha vez na vida unha compositora ou compositor.

Escoitei este suposto single, nada máis. Semella continuar a liña de The living and the dead, aínda que eso non ten ningunha importancia, como se quere marcarse unha muiñeira con Jim Morrison.
_

Sereibreve

O que lle chamaron ao Puma polo asunto dos salarios, do seu salario. Lembráronlle que se pasou a lexislatura pasada criticando os soldos do grupo de goberno, os mesmos que agora aproba alegando que se o electorado estivese en desacordo cos números que reparten non volvería votar como votou ao PP. Segunda tenencia de alcaldía e concellería de medio ambiente, 2100 euros mensuais. Chamáronlle hipócrita, os canallas de SAL e Bloque.

Contraatacou doado; hai xa oito anos cobraba abondo máis no sector privado, non sei se en Otis, Iberdrola ou Endesa. É o que ten ser un político de raza que eclipsa á mesma alcaldesa, que nada lle debe ao conde de Romanones.
_

Taxar a túa cabeza

O número 3 da lista do PSOE de Sanxenxo, co teléfono sen batería dende o martes, vai promover un pacto tránsfuga, ao pasarse a concellal non adscrito. Ruxe ruxe. A decisión tomaríaa logo de que un empresario do pobo lle ofrecese a cambio 200.000 euros, oferta que para convencelo tería que subir a 300.000. Non sei de qué se escandalizan, qué formidable ética manexan estos fillos de Romanones.

Eu pediría a lo menos 500.000, consciente de que un lavado de cerebro e o carné do PPSOE costan cartos. Non pensen que ía ter conflictos éticos ou morais, eso é para retrasados. Celebraríao con champaña e caviar.
_

A primicia do bolígrafo



Vai un fan dos Smiths pola rúa e crúzase co seu ídolo. Casualidades tan gordas como inexplicables. O fan, perturbado ante a incrible e inmutable presencia de Morrissey, pálpase a chaqueta como se fora epiléptico, primeiro para comprobar que está vivo, e segundo buscando un bolígrafo, unha estilográfica, un lapis, algo, algo que escriba, outrodemo, ante un desdén, o de Morrissey, que de seguida se transforma en arrepío, afasta de min ese sucio instrumento cargado de tinta.

Algúns especularon coa carreira literaria de Morrissey, considerando o seu talento e a súa cultura. Inxenuos. O de Manchester xa a penas se molesta en pórlle letra ás novas cancións, como demostra nesta que presentou na BBC o outro día. Síntoo polo fan.
_

O sisudo analista da vida política do pobo ataca de novo

E xa postos, como apuntou sagaz cal detective de Scotland Yard un amigo meu, por qué a maioría dos votos a José Luís Rodríguez se contabilizaron nunha urna da Adina? Qué pasa aí? Non se me alporicen que non insinúo fraude; o fraude, en todo caso, sería, como sempre, anterior. Non fai falta nacer ou estar casado nunha parroquia para currarse algo de influencia. As variantes son moitas.

Tampouco vaian pensar que teño algo persoal con José Luís Rodríguez, non Zapatero, “El Puma”, para nada; como analista político de provincias en paro, ao primeiro galgo lle teño que sacar punta. Teño que xustificarme.
_

Unha concellería de urbanismo ben vale un baile












A foto ilustra os últimos contactos do PP de Sanxenxo para evitarse un goberno en minoría, que non llo desexan a ninguén. José Luís Rodríguez opina o mesmo, e como merecida chave que é, o ex alcalde do PSOE e candidato de VIPS está disposto a pactar cos populares a cambio dunha concellería importante como sería a de urbanismo. Louzán aínda non se pronunciou ao respecto.

As negociacións semellan encamiñadas, se reparamos no clima distendido, por non dicir festivo, da instantánea. Ese burdeos do Mercedes bronceado nas meixelas, e ela deixándose querer, como na canción de Sergio Dalma.
_

Aínda non tomaron unha decisión

Sería unha estupidez. A decisión foi anterior. Que ergan a acampada só é relevante para don Xerar Ilusión Férveme o Cu. No Correo deixábano claro hoxe en portada, con dúas fotos enfrontadas: os de Sol recollendo e os do Obradoiro ficando, os ósos nas pedras, asemblea do 13 de xuño de 2011, aínda non se tomou unha decisión, a modo, está a chover.

Poden ser ubicuos, camaleónicos, penetrantes. As acampadas, tan simbólicas, poden pasar de indefinidas a periódicas, mentras artellan a acción cívica, esas palabras que lustran dentro das tendas.
_

E despois a culpa é dos rapaces

Teiman os que saben, os anémicos académicos, en que as mensaxes de texto que se envían polo móbil os novos para quedar empobrecen, esnaquizan a lingua, calquera lingua, a que pillen por diante, ignorando interesadamente o fracaso dun maxisterio que non tiveron reparos en vender. A xuventude economiza palabras, e ás veces cun enxeño que xa quixeran para si algúns académicos e poetas. Lean este comentario publicado no Diario de Pontevedra sobre os pequenos enredos que manteñen sen pechar a formación dun goberno estable en Sanxenxo:

“La verdad seria una utopia pero seria el posicionamiento mas democratico.Y os pregutareis¿ por que ?.La clave del enigma seria que no habria dedazo.Sino que asta la mas pequeña de las decisiones tendrian que ser consensuadas entre el cuadripartito.No se podrian demoles las votaciones con malloria absolutista.Sino consensuada.Pero todos los partidos quieren poder totalista y abasallador.”

Deixo a ligazón por se alguén non se fía e pensa que manipulei o texto para levarme a razón. Non escollo o comentario polos seus erros ortográficos ou anacolutos (qué palabra máis chunga). Nin sequera semella dun pepeiro. Arrastra unha considerable empanada mental, coa conseguinte lixeireza espesa na escrita.
_

A capital do desexo

Hai cousa de 20 anos, con Xerardo Estévez de alcalde, o concello organizara unha campaña para acadar os 100.000 habitantes censados (chegando a uns 92.000, se non lembro mal). Superar ese teito no padrón non é que conteña un simbolismo do que gabarse golpeando os puños contra o peito; o importante son os cambios que trae en asuntos fiscais, en representatividade orzamentaria, ou como carallo se diga, cara a Xunta e o Estado.

O caso é que don Xerar Ilusión, sen tomar aínda posesión do bastón de mando, está a facer unha campaña inversa abondo máis efectiva: media Compostela quere empadroarse nos concellos do arredor, saír correndo, fuxir como se foxe dunha bomba nuclear, non te poñas sentimental agora, cari, xa te mercarei unha cómoda mellor, levamos o colchón para estos días e punto, bule, bule.
_

Intraorquestra



A xogada consiste en reivindicar o repertorio e as maneiras das antigas orquestras. Xogada porque o acusarán de buscar algo distinto para seguir vendendo discos e ofrecendo concertos. Deixémolo nunha cuestión de idade. Jorge Ilegal y Los Magníficos sacan un disco con boleros, chachachás, joropos, tangos, twists e outros paus de extrema actualidade. Será unha xogada comercial non recoñecida, mais conseguida con respecto a esas músicas, sabendo interpretalas con certa naturalidade, facéndose con instrumentos da época e mesmo resucitando a uns xastres para que lles confeccionaran os traxes correctos.

O repertorio divídese en clásicos máis ou menos esquecidos e composicións súas, de Jorge Martínez, no que enraíza esa naturalidade que lle debe tanto ao vivido como a un traballo de documentación. Son as letras as que se encargan de diferenciar unhas e outras. Se che gustan os Ilegales e os Panchos, que non é unha combinación tan retorcida, este disco vaiche gustar.
_

A quen lle importe o Granada que erga a man
















Esta foto é do Faro, non podía ser doutro medio. Posa Paris Hilton logo dunha mariscada, no despacho de billetes de Balaídos, amosando a súa entrada para o partido de mañá, o primeiro das eliminatorias para ascender a primeira. O rival é o Granada, que nos visitará coa ausencia, “a sensible baixa”, do seu goleador, o hispano-suízo Alex Geijo, un rapaz intelixente.

Dirán os Planetas que en Granada tamén teñen unha tenda Stradivarius, como se na franquía venderan violíns en lugar de moda barata. Nunca pasan do superficial. Paris Hilton é do Celta, non imos deixala soa.
_

O galo en pepitoria é duro



Os buscadores de internet son malos; buscas unha receita de galo en pepitoria e rematas escoitando a Aztec Camera. Un problema de disciplina, supoño, que a quen máis prexudica, neste caso, é ao galo, agardando na neveira unha receita á altura da súa orgullosa crista. Non, a pepitoria non é cool, nin comer carne algunha é cool, qué se lle vai facer, tampouco Aztec Camera e aínda hai xente que os escoita.

A base da pepitoria faise con xemas de ovo duro, améndoas e azafrán. Knife foi producido por Mark Knopfler e non sabes moi ben, hoxe, se é un disco de pop ou de new age e a quén lle importa. Tempos aqueles, dos que non renegas.
_

Acuso de plaxio a Thom Yorke



Vostedes ollaron o vídeo co que Radiohead presentou o seu último traballo, The king of limbs. Non paga a pena mentir; Lotus flower rexistra a día de hoxe 10.267.356 visitas en YouTube, e fixo que non contan aos usuarios chineses, que seica non lles deixan, nin aos indios, que pasan o día purificándose no Ganges e xa se sabe que os asuntos do máis alá o único ADSL que toleran é unha invasión dos EE.UU. As imaxes foron moi comentadas por mor da danza solipsista que se marcaba Thom Yorke, moi súa e obra do afamado coreógrafo inglés Wayne McGregor.

Desculpen se lles arruino lixeiramente a sona de dúas persoas elevadas, un pouco por méritos propios, tamén é verdade, á categoría de símbolos avant-garde, pero coido que o vídeo é un rebuscado plaxio do Loco de Sergio Makaroff, inxustamente ollado 1051 veces. Se fora Calamaro poñíanlle unha conferencia a cobro revertido con Mahatma Gandhi.
_

Días de 1975 (II)



Esto sae dunha lonxana galaxia sepia da miña cabeza. Tiña 3 anos. Franco aínda vivía. Os maiores referíanse a Triana como os Pink Floyd españois. Os pantalóns eran “de tergal” e non de campá, a primeira televisión era un aparato fantasmagórico, Telefunken, posiblemente, e ninguén tiña conta en Facebook. A non ser que a altísima e benemérita, en palabras de Fernán Vello, Real Academia de la Historia diga o contrario.

Para nada é un patético exercicio de nostalxia nin unha exaltación da escuridade dos tempos. Aquela xente dicía “algo”, se non queren preguntarllo directamente ao Generalísimo, poden recorrer a Aznar ou a Pío Moa, grandes oídos ámbolos dous.
_

Arquivo do blog

Outro

A seguir

ecoestadistica.com
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet