Satisfacción na corte de Mou

Unha fonte próxima ao contorno do contorno dos egoastros con gastroenterite crónica do Real Madrid confirma que Mou, CR7 e Pepe gozaron da final da liga dos champiñóns e celebraron o resultado. Tanto o xogo despregado por ámbolos dous equipos como os goles evidencian que as negras falanxes do Barcelona medran monstruosamente; non mercan un árbitro e tres directivos UEFA, xa se permiten subornar a Michel Platini e a unha entidade como o Manchester United.

Alguén escoitou nos últimos 25 anos a Sir Alex Ferguson eloxiar como eloxiou ao vencedor?

De qué xogaba Antonio Valencia, de Pepe con tutú? Para cometer faltas tan brandas e inocentes mellor deixar pasar aos contrarios.

Era o corpiño protocolario o que matiña teso, impertérrito, a Ángel Mª Villar?

Cuestións ociosas, se unha persoa que sabe de fútbol valora obxectivamente a admirada filosofía blaugrana, porque o que fan os rapaces de Guardiola poden facelo os de Mou cos ollos vendados e grillóns nos nocellos.

A van der Sar xa lle vale, puido disimular mellor no gol de Messi.

E o que fixo Iniesta cara o final do partido? Quén se cre que é? Qué risa, jajaja.
_

E ti, tes problemas na alma?

A pregunta é de monseñor Rouco Varela, presidente da Conferencia Episcopal Española (CEE, por certo: cando a UE se coñecía como CEE as siglas da Conferencia Episcopal eran as mesmas?). Cando lle preguntaron a el polos mozos indignados que están a emporcar as principais prazas de vilas e cidades, considerou que os seus problemas, as conductas riscadas, non só se relacionan co marco político e económico que lles tocou vivir, tamén coa súa alma.

Esa é a pregunta, entón, cómo estás da alma. Eu a verdade é que debo andar peor de outros órganos; nin o teño claro nin lle interesa a ninguén. A miña pregunta é por qué monseñor dixo que o anteproxecto de lei de morte digna “non é unha lei de eutanasia”.
_

A futura cabeza do alcalde

Comparecencia ante a prensa do que será investido alcalde na sede do seu partido. Sobre a mesa, un enxame de micrófonos e tres botellas azuis coas súas copas ao carón. Á esquerda, un vaso con bambús; á dereita, as bandeiras de España e Galicia. Ponse os lentes. Os xornalistas escriben.

- Quiero en primer lugar manifestar mi más profundo agradecimiento a la ciudadanía, a todas las compostelanas y compostelanos que han depositado en mi su confianza. Quiero decirles que no los defraudaré, que el camino no será fácil, “memoria de una piedra sepultada entre ortigas”, como decía el poeta, pero quiero decirles a todas las compostelanas y los compostelanos que yo no los defraudaré, que arrimaré el hombro como un compostelano más por el futuro de esta ciudad tan histórica. Trabajaré hasta el desvelo, con los buenos ojos del Apóstol en mi nuca... Y dicho esto quisiera decir que es mi responsabilidad, la responsabilidad que los votantes han depositado en mi junto a su confianza, quisiera decir... decía que es mi responsabilidad anunciar que ya me he puesto en contacto con la Delegación del Gobierno en Galicia para subsanar un problema que se está alargando innecesariamente como es el de la acampada en el Obradoiro. Ante la pasividad del gobierno saliente al respecto, y puesto que nuestra potestad no se hará efectiva hasta el 11 de Junio, me he visto obligado a interceder para que la cochambre, porque esa es la palabra, la cochambre, para que la cochambre, decía, pueda ser retirada de nuestra más emblemática plaza para disfrute de turistas y lugareños.

Un impertinente ergue a man:
- ¿Se ratifica en sus palabras de que la sala Nasa apoya el terrorismo y el Concello debe cortarles las subvenciones?
- Yo jamás he afirmado que la sala Nasa apoyara el terrorismo. Dejé claro que habían hecho un homenaje a dos personas que habían atentado contra la paz y la seguridad ciudadanas. Nada más que eso. Esas palabras fueron tergiversadas interesadamente para ofrecer una imagen de mi como un regidor y una persona, que por cierto son la misma persona, como decirlo... retrógrada, ¿entiende lo que le digo?
- Si, pero, entonces, ¿va usted a cerrar la Nasa?
- Yo no soy quien de cerrar nada. Habrá que valorar los pros y los contras y, llegado el día, se decidirá si son o no son viables las subvenciones a un local cultural que parece no ser capaz de gestionar positivamente las ayudas pecunarias con las que generosamente, ingenuamente, diría yo, el señor Bugallo ha alimentado sus oscuras y algo dudosas, eso es cierto, actividades.
¿Alguna pregunta más? ¿No? Bien, pues eso es todo, por hoy. Muchas gracias a todos. Ahora pongámonos a trabajar.
_

Ao sisudo analista da vida política do pobo case lle cae a pipa

O domingo á noite, máis que correr, voei sobre o resultado das eleccións. O PP, en Sanxenxo, ten que pactar para formar goberno; non obtivo maioría absoluta. Se non mo advirte un amigo coido que pasaría a lexislatura e quen sabe se o S. XXI sen reparar nos datos, que proxectan un escenario político complexo. Barállase a posibilidade dun cuatripartito, cos de SAL dispostos a negocialo todo menos a figura do alcalde; nin Catalina González nin Salvador Durán.

Un cuatripartito no pobo! Hai que remontarse á Italia preberlusconi para comprender o que significa. Será Francisco Villaverde o noso Giulio Andreotti? Regresará Telmo “O Escaldado”? Quizais son preguntas para as que nunca se ache resposta.
_

O 15-M dende un bandullo educado

É dun blog de El País, si, que algo bo ten, El Comidista. O autor, Mikel López Iturriaga, seica xa fixo de todo, dende traer os cafés a exercer como xornalista musical. Como cociñeiro dubido que algún día se adique á profesión en plan Adrià ou René Redzepi, mais de todo se aprende.

Como é un tipo divertido e sen prexuízos (ou cos prexuízos ben disimulados), nos comentarios é habitual que lle chamen de todo.
_

Arquivos vectoriais para persoas

Que boa falta fan nestos tempos escuros. Son artigos e algún libro de Eduardo Galeano.
_

Furgas para Illustrator

Interesante páxina esta, recursos2D, para que o deseñador gráfico se forneza de vectores para Illustrator. Arquivos .ai e .eps que non se deixan nada atrás: coches antigos, furgallas modernas de todas as marcas (para os manuais de identidade corporativa), bandeiras, selos, instrumentos musicais, arabescos, texturas, gotas de auga, árbores, edificios, xente... Ao mellor tamén sae Feijóo.

O traballo dun deseñador non pode ser copiar, pero hai casos nos que valerse destas copias non só non está mal, ás veces é razoablemente imprescindible, como no caso dos vehículos de empresa.
_

Santiago dá positivo

A broma de Sei o que nos figestes... mudou en realidade e pesadelo; don Xerar Ilusión foi elixido alcalde de Santiago. Algún de vostedes é agnóstico ou ateo? Eu si, segundo os días son o un ou o outro, mais hoxe son fervoroso crente, vou rezar o que non está escrito, aínda sabendo que non servirá de nada, golpeándome contra as paredes, falando cunha caveira, alporizado como Mourinho preguntándome por qué, por qué.

Para tranquilizarme, alguén podía dicirme que a penas se notará a diferencia cos gobernos de “El Tibio”, igual mo creo; desfará e recortará en áreas sen importancia, como educación e sanidade, arriba a Cidade da Cultura e abaixo a Nasa.

Semella que os únicos galegos cordos e que saben controlarse co alcol son os pontevedreses, porque hai outras alternativas para castigar aos desgraciados do PSOE.

O bipartidismo, maldita sexa, qué lle meten á xente na bebida, na cabeza.
_

A segunda vida paralela de José Luis Rodríguez “El Puma”

Ilusións ilusións, ás dez da noite, escrutados un 60% dos votos maisoumenos, un xornal que non era o Faro, que aínda tiña as porcentaxes todas a cero, consentía a victoria do PP en Santiago e na Coruña. Doado. Ficaba a espiña en Vigo. En Sanxenxo prometía: 6 concelleiros para o PP e outros tantos para o PSOE, dous para SAL, a escisión dos populares, dous para o BNG, e un para VIPS, que ficaban en posesión da famosa chave, agardando as posibles ou imposibles alianzas.

Foi un breve erro informático (xa dicía un que non cadraba moito), de seguida puxeron a cada concelleiro no seu sitio, mais non me discutan que sería un resultado entretido, cun vello Mercedes de cor burdeos vagando por Silgar en plan querías falar comigo?, agora estou ocupado sacando o cóbado pola xanela.
_

Así non hai que repartir



Estaba hai uns anos en voga o dos concertos acústicos, que axiña abreviaron en unpluggeds. A moda, que comezaba a ser decadente, derivou coa crise en necesidade, polo que agora son lexión os que actúan sen máis roupaxe que unha guitarra e un amplificador (en propiedade nunca foron desenchufados), tanto en salas de festas como en radio e televisión. Uns máis espidos que outros.

Como adoita dicir Josele, sen perder as ganas de rock’n’roll, está o vatio moi caro, se por el fora tocaría sempre con banda, pero non corren tempos de dispendio e fortuna e indo el so non ten que repartir o que pagan.
_

A palestina é bela

Se o Bloque goberna Compostela con maioría absoluta, non se preocupe, estamos preparados. En calquera das boutiques de Adolfo Domínguez poderá facerse cunha palestina do PP polo engurrado precio de 79,5 €. Como dixo o compadre, non pasarán, e antes mortos a que nos colla a viruxe.
_

Memoria do porvir

Os corredores quedaron sen pedalear na lava. As ladeiras do Etna semellaban un imperial parque de atraccións que un cable solto condenou a cíclope de lume morto, a xoguete avariado, para escarnio e decepción dos telespectadores. A subida nin sequera era moi empinada. O novo neno/rei, Contador, fíxose coa etapa e a maglia rosa, sacándolle algo máis dun minuto aos seus rivais para o triunfo final.

O ciclismo sempre foi duro, incluíndo longas carreiras entre lameiras e adoquíns. No Giro deste ano é como se quixeran venderlle ao pobo unha apariencia de PlayStation deseñada para androides (e Wouter Weylandt era humano).
_

O crítico non foi compracido

Tiña ganas de ollar Habemus Papam, película que Nanni Moretti presentou esta semana en Cannes. Dende que lin a crítica de Carlos Boyero, teño aínda máis ganas. Segundo o crítico, o director italiano malgasta ao longo do filme a brillante idea da que parte, un cardeal que, nomeado Papa, fica bloqueado pola envergadura do cargo, decidindo o Vaticano contratar os servizos dun psicoanalista (ateo ou agnóstico, suponse). Pásase de listo e de gracioso, seica, cortándose cun agardado acedo retrato da curia romana. A un director de cine non se lle obriga por contrato a facer “xornalismo de investigación”, non ten porqué afondar en sabidos casos de corrupción e pederastia, agás que non sexa dono do seu traballo e os productores consideren oportuno aproveitar os últimos descréditos, neste caso, da Igrexa, para facer caixa.

A subxectividade da que presume Boyero divertiume co preito moral que lle interpuxo Almodóvar, ofendido como un neno porque non falara ben da súa película nada menos que dende as páxinas do seu fiel País, pero coido que cando radicaliza o discurso hacia o seu punto de vista, carente de humor, priva á xente de perspectiva para sacar outras conclusións. El e Almodóvar eran os dous pratos da mesma balanza. Acusar (sen acusar, claro) a Moretti, o mesmo de A habitación do fillo, de pallaso, é un desatino.
_

Canteira de terror

Imaxinen por un intre que o Bloque obtén a maioría absoluta para gobernar Compostela. Tranquilos, xa non é o partido que foi, os seus afiliados non firen a decencia democrática con negros cornos nin cheiran a xufre. Qué pasaría na Nasa, pois que lle triplicarían ou cuadruplicarían o asunto da subvención. Como diría don Xerar Ilusión, non fai falta ser moi intelixente para sabelo.

Tampouco hai que chamarse Albert Einstein para encarecer as consecuencias dun goberno nacionalista; en lugar dun caixeiro mexado ardería a mesma catedral, o Pórtico da Gloria e os ósos do apóstolo. A algúns váiselles a pinza.
_

Terroristas no escuro teatro

Os da Nasa son terroristas. No bucle do contorno, abeiran e homenaxean a terroristas, como aqueles rapaces que se cargaron un caixeiro automático na Praza de Galicia, poñendo en perigo integridade física e liquidez de toda a cidade. Terroristas subvencionados polo Concello, dato fiscal que moitos ignorabamos pero que non lle pasou inadvertido a Xerar Ilusión Conde Roa. A partir de agora, nin un peso dos de antes para terroristas; o escándalo non se pode manter por máis tempo.

Non vaian pensar que con esta esquelética e inofensiva campaña de burla dirixida a don Xerar Ilusión pretendo mobilizar o voto útil (comando s). Voten en conciencia o que lles saia do carallo, que diría un cura. Permitan que os terroristas continúen coa súa programación cultural.
_

Os marcianos votan PP

Atención a esta frase twitter de Xerar Ilusión Conde Roa, firme candidato do PP para arrebatarlle a “El tibio” a maldita alcaldía compostelá: “Encontramos la forma visual de cómo Santiago se comunicó en los últimos 25 años con las mentiras”. Mandeille un e-mail a Nostradamus preguntándolle qué quería dicir exactamente. Respostoume dicindo que lle dera tempo, que todo misterio ten un límite.

Agardando a resposta definitiva do profeta, dame por pensar que os marcianos están metidos no allo. E vai ser que tamén son, os marcianos, do PP. O das civilizacións avanzadas non era ningunha película.
_

Os porcos sempre foron máis intelixentes

Por eso lles abonda con repetir unha mensaxe ata o vómito. E Ignacio Escolar, que non aprende, pretende dar leccións básicas de euskera.
_

Mantracelta

O Madrid anda escaso de efectivos, ou, se queren emular a un xornalista deportivo, de efectivos creativos. Özil non é un xogador serio, non se adapta como debera aos currados esquemas de Mourinho. Ás veces perdóanlle a vida e esta semana ficharon a Nuri Sahim, do Borussia Dortmund, vendendo que é o Mesut Özil da banda dereita. Ningunha contradicción (os dous son turcos). Xa soñaba o rapaz con Ronaldo e co mellor equipo da historia e o mundo, que xa é fixación.

Aos do Celta quédanos o mantra galego, que non lle envexa nada aos orientais; despois de dilapidar os puntos ganados ata marzo para ascender, sempre podemos dicir, bueno, este ano non tivemos problemas para manternos na categoría.
_

Soidade contra unha montaña, como sempre
















Hai algo de leprosería, de balneario desbordado polo persistente pingar de persoas negras na lumieira da entrada que se van correndo hacia os resortes vencidos dunhas poucas camas, coa pel marcada cunha pobreza que identificamos con tempos pasados. Non é unha desas fotos de Nike ou El País Semanal nas que minten, máis que recalcan, o suor, a cicatriz, o músculo e o rostro con ridículas pinturas de guerra. Queren vendernos a humanidade primitiva dos seus deportistas de élite, ao tempo que verten sobre eles a sombra de tramposos e drogadictos. Poden vendernos o que queiran; os tramposos e drogadictos son eles, e si, algún ciclista ao que lle poden os negocios.

Non se trata de xestas, de evocar época ou épica algunha. Pedro Horrillo (retratado aquí ao finalizar a súa proba favorita, unha Paris-Roubaix), caeu por un barranco de máis de 60 metros no Giro do 2009; sobreviviu, leva unha vida normal. Correndo como profesional, fillo de currantes, sacouse a carreira de filosofía. Trabucábase un dos seus directores deportivos, Javier Mínguez, ao dicir: “nunca será un bo ciclista, pensa demasiado”.
_

Giro de Italia, antimateria

Unha das carreiras de tres semanas máis duras da historia do ciclismo, a que arranca mañá. O director, Angelo Zomegnan, non quixo que se escatimara no deseño das etapas, remachadas pola ancha xeografía de portos de montaña de vertixe, tanto para baixar como para subir; Alpes, Dolomitas e o Etna dúas veces, a saber se unha co volcán apagado e outra botando lava. A organización esgrime dúas razóns explícitas para xustificar o percorrido, que son gañar audiencia e conmemorar o 150 aniversario da gloriosa unificación da república. Agardo que se apunte Lance Armstrong.

Algún malpensado pode atopar unha razón implícita: a min como se vos metedes antimateria (ocorrente xiro que lle escoitei a Josele Santiago), nin patrocinadores nin directores nin médicos de equipo, o que queira a maglia rosa terá que enfrontarse cunha natureza secularmente ignorada polos orzamentos de obras públicas.
_

Un baile na festa da democracia












Non se escandalicen os roqueiros; en todo caso, que asistan a un dos mítines do PSOE lucense e logo que xulguen se o que toca o alcalde, Xosé López Orozco, paga a pena ou non. Ten o mesmo dereito a animar o inicio da campaña electoral cun grupo de música como calquera dos charramangueiros que saen na MTV. Supón un exercicio de honestidade, non temos nada que dicir e sóbranos qué calar, polo que nos cinguiremos a facer o que mellor sabemos, que é amenizar esta gran festa da democracia. Ademais, os roqueiros, esos que gastan sona de disolutos e contraculturais (dúas palabras perfectamente podres), agás excepcións, atópanse na mesma situación, nada que dicir e moito que calar.

O Tribunal Constitucional revogou a última hora a sentencia do Supremo sobre Bildu, permitindo que se presente ás eleccións, o que non gustou a PSOE nin PP, que para sorte da democracia son previsores e teñen pactadas “vías sucesivas de impugnación”. Todo en orde, podemos rir e bailar. En Madrid os socialistas contrataron a Jaime Urrutia.
_

Mañá venres no CGAC














Información na Asociación Galega de Deseñadores. Sempre poderán cantarlle a unha guapa moza aquelo de "déjese usted de museos de arte contemporáneo y véngase conmigo a la hera".
_

Cidadán con dereitos

Hoxe que non está Mourinho ata podemos ollar un partido de fútbol, mellor ou peor, pero un partido de fútbol, co que ata puiden decatarme de que dende os micrófonos de TVE non é un partido equilibrado. Ao narrador acompáñano dous ex xogadores como analistas en representación cada un do seu vello equipo, Eusebio e Sanchís. Mentras ao do Barça semella non costarlle ser correcto ata a estupidez, preocupándose en louvar por igual a uns e outros, Sanchís só fala do Madrid e do guapos que son.

Os cidadáns temos dereito a queixarnos formalmente ante un desagravio semellante, protesto, ti non sabes con quen estás a falar, esto non quedará así, vou chamar á UEFA. Agora entendo a Dolores de Cospedal, e a Florentino no palco alimentando a súa ansiedade con facturas.
_

A outra Interpol

A Interpol ten prohibida nos seus estatutos meterse en "crimes políticos, militares, relixiosos ou raciais"; o que non é obstáculo para que a súa tarefa se centre, cito á Wikipedia, "na seguridade pública, o terrorismo, o crime organizado, tráfico de drogas, tráfico de armas, tráfico de persoas, branqueo de cartos, pornografía infantil, crimes económicos e corrupción". A qué se adican entón, a perseguir aos amantes infieis dunha telenovela? Grande parte do terrorismo non se basea en reivindicacións políticas, militares, relixiosas ou raciais? Crimes políticos, militares, etc., non están relacionados co tráfico de armas ou drogas? A pornografía infantil carece de antecedentes relixiosos? Etcéteraetcétera.

Escoitemos a Interpol, a banda neoiorquina. Escoitémolos, nada máis, porque o vídeo oficial desta canción semella propaganda da outra Interpol, traballando despois dun atentado que deixará cicatrices íntimas e un prato de sopa arrefriándose, que diría o Premio Nobel.



Escoitaron o seu sentido discurso, logo de cazar o holograma de Bin Laden?

Interpol, a banda, comenzou como eco do novo século de Joy Division en Norteamérica. Esta canción, Evil, do seu segundo LP, pertence a esa época. Logo adicáronse a ensanchar obxectivos, a eso que chaman crecer musicalmente e buscar unha identidade propia. Como pasa ás veces con este tipo de grupos prometedores, si, creceron, mais perderon a súa identidade, o que non impide que gocemos das primeiras cancións.
_

Puido escoller unha vida normal

Poñamos que si, os ianquis mataron a Bin Laden, triunfou a democracia e os neoiorquinos contemplan marabillados un ceo de confeti no que se van formando palabras grandiosas que nin sequera ditou o Pentágono. Fíxose xustiza. Descansa a aguia en todos os corazóns. Aparece Obama co xesto solemne do deber cumprido.

Non sexan escépticos porque tiraron o cadáver ao mar (e outras moitas informacións). Alégrense e pensen como un: a culpa foi súa, se escollera España para esconderse non o pillaban.
_

Unha gozada ollar como traballa

The Art of Hermann Zapf from Johnny Dib on Vimeo.


Convido a deseñadores e tipógrafos a pescudar, no tempo que dura este pequeno documental, o nome do protagonista, alemán nacido ao final da I Guerra Mundial, autor de tipografías como Optima, Palatino ou Zapfino. Non se trata de gustos persoais. A Palatino plaxioulla Microsoft, é dicir, escarallouna e cambioulle con sutileza o nome polo de Book Antiqua (a SGAE non se pronunciou).

Está casado cunha calígrafa e as súas mans son firmes, exactas e cultas. Como última pista deixo a ligazón á web que lle fixeron. Calquera escusa vale para pasar un intre con tan respectado mestre.
_

Xeitos de perder a cabeza

Está feito todo un axitador, Antón Losada. Dende a súa bitácora e o seu twitter queixouse dos políticos que non aceptan debates nin preguntas nas roldas de prensa, convidando aos seus compañeiros de profesión a non cubrir comparecencias reducidas con silandeiro fascismo a propaganda, o que se materializou rapidamente na iniciativa #sinpreguntasnocobertura, aplaudida e apoiada por nomes de peso do xornalismo nacional.

Desculpen o meu receo, pero grupos como o PSOE e UPyD adhíronse con entusiasmo e a mesma rapidez, tamén asinan, encántalles respostar preguntas, qué fará vostede para combater o desemprego?, poñelos a todos a traballar, o meu é un programa serio, oia, quero que quede ben claro; malversou vostede fondos públicos?, quén, eu?, non, amigo da prensa, claro que non, e non quererá arriscar vostede o seu posto de traballo, verdade?, porque podería acusalo de difamación, ou, cunha simple chamada, facer que me traian a súa sucia cabeza nunha bandexa de prata, como naquela película.

Xa me dirán qué cambia. Losada podía preocuparse primeiro por escribir mellor, e se non lle é moi difícil, en galego.

Por certo, aínda hai xente que se traga a pantomima dos debates entre candidatos? Eso é para que te leven de urxencias ao hospital, doutor, doutor, o meu home perdeu a cabeza, non difamaría a un poderoso político?, qué va, moito peor, chega do traballo e ponse a ollar os debates da televisión.
_

Unha frase para Telmo



Os publicistas gozan dunha mina coas campañas e precampañas electorais, días que conforman un único tempo, dende a morte de Franco ata hoxe. Suculentos contratos non expostos a graves nin leves crises económicas, co tráfico de influencias inherente ao asinado entre partidos e empresarios ante a tutela última dos banqueiros. Non descubro nada novo, só pretendo criticar o traballo dese gremio encargado de venderlle as propostas dos candidatos á cidadanía, traballo ao que acordaron colocarlle un antes e despois de Obama, xa saben, programas 2.0, democracia e internet, xuventude, participación, rexeneración, interacción, inmediatez, proximidade.

Detéñome hoxe na “caravana da ilusión” de Telmo Martín, firme, optimista aspirante á alcaldía de Pontevedra. Suponse que idearon “caravana da ilusión” como un claim. Aínda que tecnicamente non o sexa, os creativos, que acharon neste anglicismo o que denominarei con redundancia un amuleto multifunción, pensarán que si, que é un claim e dos bos, e tampouco semellan errados, óllase a Telmo contento e convencido.
_

Arquivo do blog

Outro

A seguir

ecoestadistica.com
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet