Don Xerar Pierrot



Hai unha definición de Pierrot que se pode consultar na Wikipedia e remata así, de aparencia fría e lunar, representa a lei, a orde, o mundo adulto e a represión. Na comedia da arte italiana onde naceu é gracioso ou garda un sentido que transcende o que ven sendo un trending topic con patas como o sería un Boris Yeltsin no seu día con aquel twist.

O iglú de plástico con pista de xeo da Quintana ocorréuselle a el, para cobrar entrada agás cando van os seus fillos e os fillos dos seus amigos e superiores, que sumados aínda deben ser uns cantos e fica prohibida a entrada aos mortais.

Alguén agardaba que soltara algo divertido? El, don Xerar Ilusión, si é un tipo que demostra a cotío o seu sentido do humor (e o seu espírito de traballo), así que deixen de ler esto e lévenlle aos seus fillos, a quen recibirá cos brazos abertos e un sorriso inmaculado.
_

Ollar a tele nunha cociña hostil

Estou soltando unha frase moi longa. Remato a frase. Pausa de tres segundos. Trago saliva para escándalo dos micrófonos. Pausa dun segundo. A sociedade vasca, xa me tardaba esa parte. Xa queda pouco. Punto. Pausa. Cámara dous. Sectores e colectivadades ás que agradecer a preocupación pola súa saúde. Esteamos Unidos. Punto. Punto e final.

A culpa é da miña sogra e os seus tomates ecolóxicos a forza de sulfato. Mencionar a Iñaki sería mencionarme. Pausa, digo punto. Punto. Pausa. Posdata. Grolo ao típico aparente Cabernet Sauvignon. Estamos Unidos. Punto. Centolo da ría a 35 o quilo. Dimito.
_

As educadas nécoras do Atlántico Norte

Este ano safo, non ollarei o tradicional discurso do Borbón felicitándolle as festas a todos os españois e soltando aquelo de que vogando xuntos na mesma democrática dirección venceremos á crise e ao terrorismo, que ETA xa non está, bueno, por se acaso. Teño coartada, preparar un pouco tradicional bacallao á biscaíña para 14 persoas ás que non lle gusta o peixe pero non pode faltar na mesa. Por dicilo ao xeito de Chateaubriand: tiven que improvisar o cabalo da miña dubidosa virtude sobre a firme extensión dos medos do país, errático, monstruoso aborto da fortuna.

Pero eu quería falar de cociña, tan irmá da necesidade como da ostentación e xa a fastidiamos, xa se me pegou, non pode un meterse cos coitelos e os tempos coas memorias de Chateaubriand por libro de receitas, ai, perdoa, é que eu non che son moito de peixe, pero está exquisito, de verdade. As nécoras da OTAN ben que as comeron.
_

A quiniela dos ministros e outra illa

Teño unha de 13, a ver se me dá polo menos para volver apostar na próxima. Errei no máis doado, o presidente, que se me foi a pinza e lle puxen Aznar, Aznar macho alfa, quero dicir, porque Aznar femia alfa xa sabían todos que ía ser alcaldesa de Madrid. Os madrileños non lle temen a nada, están por riba das vicisitudes, con perdón, Esperanza Aguirre na Comunidade e Ana Botella na Alcaldía. Xa ten mérito, non me digan que non.

No bar dicían que o van facer moi ben, que é xente moi preparada, con estudios, traballadora, todo eso, mentras eu, coitado, cismaba no último artigo de Vicenç Navarro: La derrota del capital financiero por el pueblo islandés.
_

Cando a carta de Trichet

Mandounos un amigo unha foto de don Xerar Ilusión montado nun carrusel para felicitarnos o Nadal e, cos ollos asolagados pola emoción, púxenme a buscar fotos do seu xefe en Madrid. Os do seu partido arrancan con ganas, por pouco expulsan aos fotógrafos que cubrían a sesión de investidura no hemiciclo requisándolles carretes ou tarxetas de memoria porque sacaban fotos onde se ollaban "os papeis de Rajoy":























O que está en vermello deben ser as correccións do mestre de primaria; faltas de ortografía, frases mal construídas e manipulación interesada de datos oficias, aínda que os expertos sosteñen que son evidentes erros do seu galáctico equipo económico.
_

Sisudos analistas traballando como taquígrafos

Estaba porque xa estaba, madeira de escano, león de titeriteiros de ouro, non foi unha anunciación divina nin un golpe de coraxe; flamante Mariano Rajoy de negro descorreu na súa investidura o veo do seu programa de goberno, que os sisudos analistas criticaron por ser idéntico ao seu ambiguo programa electoral, ese que case todos os partidos pasean polas prazas da nación catro anos menos un día, o chamado día de reflexión. Outrodemo, falan de Rajoy, como podían falar de Rubalcaba (si, diario Público, si), non de Radiohead.

O que hai que pensar, pouco, e escribir, moito, para xustificar un soldo e unha posición. O traballo que se toman para non descorrer o veo descorrido dende a súa fundación no 76 bica o estrafalario. Para qué remitirse a un Cebrián, abonda cun José Ignacio Torreblanca.
_

Dixo o presidente que estamos mellor que por aí fóra (II)

Que ben lle quedou o do Pompidou, unha desas metáforas das que nunca se cansan os escritores de discursos-solemnes-para-lerdos-e-profanos. “O museo parisiense exhibe sen reparos ascensores, tubaxes e cables, e nós destripamos aquí as dificultades ás que nos enfrontamos”, soltou sen necesidade de facer unha pausa, referíndose ao valioso Foro do Grupo Correo Gallego e repetindo o mantra dos nosos días, que por culpa de outros hai que sacrificarse.

Haberá que ir a París para ollar as longanizas high-tech, Sarkozy pode facer de guía, non por emigrar, que como veu dicir o presidente de todos os galegos non nos é preciso, para nada, aínda que esteamos mal, senón por amarmos a cultura.
_

Dixo o presidente que estamos mellor que por aí fóra

_

Un aplauso para a máquina

O que nunca se gripa, CR7, marcoulle onte á noite tres goles ao Sevilla, sacou peito e dixo que eso serviría para acalar bocas, e que quen o critica non entende de fútbol. Unhas horas despois, convidándonos a madrugar en domingo, o Barça proclamábase en Yokohama campión mundial logo de vencer ao Santos brasileiro sen aparente esforzo.

Dende aquí quero confesar que eu tampouco teño nin puta idea de fútbol, falo por falar, ou por esa envexa que seica produce nos demais como chicles envelenados nunha cadea de montaxe.
_

Xustiza para Ezequiel ou algo así

O que está claro é que cunha pancarta non abonda, un mundo de delincuentes e vendidos e Ezequiel Mosquera é tratado como un criminal, como un tramposo. A min eso non me parece ben, indígname, indígname profundamente, qué queren que lles diga. Dous anos de suspensión polo seu positivo en hidroxietil almidón, din que unha substancia enmascarante de outras, que non che fai correr máis e sen evidencias algunhas de dopaxe. A culpa é súa, claro, por ser un currante e por non chamarse Lance Armstrong ou Alberto Contador.

Estou por achegarme ao Concello e falar con Martiño Noriega (lean o artigo seu que colgaron no Proceso de rexistro) para armar unha boa, outra, máis grande, máis aparatosa, desas que lle sacan a don Xerar Ilusión o imbécil que leva dentro. Ou acaso o hipócrita linchamento dun ciclista galego é unha frivolidade para as elevadas aspiracións do BNG.
_

Rosa Díez pásase ao porno duro

Que me chamen de todo e me acusen de difamación, Rosa Díez vai aliarse con Francisco Álvarez Cascos para ter grupo parlamentario propio no Congreso. Segundo a lei, conseguira os deputados mínimos nas pasadas eleccións, mais non a porcentaxe de votos, polo que argallou unha aliaxe de cobre e estaño, a “lideresa magenta”, como lle chamou un hoxe.

Cantos rombos hai que poñerlle á película, que por suposto emitirase de madrugada para non traumatizar aos nenos? Rosa Díez e Álvarez Cascos, por favor, sacádeme a imaxe da cabeza.
_

Grao de dificultade das receitas de cociña

Agora son fan de Mikel López Iturriaga e o seu blog de cociña, El Comidista (antes Ondakín), baixo o paraugas furado de El País. Ás veces publica receitas que me considero capaz de facer ben e que me atraen, e inda que non sexa así sempre me divirte, sobre todo cando describe a dificultade do prato, exemplo: Garavanzos con anchoas, atún e espinacas crúas: dificultade: “para xente que lle falta un fervor”.

Logo ten ese tratamento pop dos asuntos todos, a tecnoloxía e os cacharros, as estrelas da música e as gambas en gabardina, máis por non dar o coñazo que por hortera e superficial. Xa teño os garavanzos en remollo.
_

Consellos saídos para deseñadores gráficos

A opinión é un lastre para a creación, dixo el créndose o carallo avantaxado de Hamlet. Pois nada, menos samba e máis traballar, que din.

É coñecida e socorrida a frase de Picasso: a inspiración ten que pillarte currando.

Das musas nada agarden, viven todas no estado de Nebraska, serrallo de Nick Cave, ou eso se deduce de tanto que fala da relación que con elas mantén.
_

As ligas vermellas de Pepe

Esquecíame de Pepe, o baluarte estratéxico de xenio Mou, eses outro petit Napoleón Bonaparte, desculpádeme por favor desculpádeme, non era a miña intención sabotar os seus 15 minutos de sona. Nin Andy Warhol nin David Bowie, para qué aspirar a 15 minutos se podes acaparar 90 por partido; claro que hai que valer.

Pepe estivo impecable, coño, dentro do seu traxe de Armani, agasallando bicos ás cámaras das damas do barroco salón de té, queredes suspirar ao ollar unha perna miña, así, un pouco máis? Case que o deixamos para outro día, non te ofendas.
_

O xenio da consola calva

Será cursi e eslamiado, apradiñará nenos africanos e cederá o seu careto para un xogo carísimo da PlayStation, venderá os iogures de outros por televisión e terá tantos amigos en Facebook e Twitter como Alejandro Sanz e Bisbal, pero ninguén xogará como el. Non é que esta noite contra o Madrid fixera algo que non soubéramos, e sen embargo fixo unha vez máis o que non agardábamos, sorprendéndonos e provocando a nosa admiración, e sempre suave como unha luva, sen berrar o seu protagonismo.

E era como se fixera falta que lle lembrara a súa xenialidade aos afeccionados, en particular a aqueles madridistas que festexaron o seu gol na final de Johannesburgo e o asubiaron hoxe cando foi substituído, co partido nunca resolto.
_

Clásico interesadamente tóxico

Eso de que a historia a escriben os ganadores é unha parvada: a historia escríbena os donos da historia, o que é aplicable a un Madrid-Barça. O Barça demostrou nestos últimos anos que se pode ganar, moito, cun fútbol alucinante, precioso (non preciosista, non de barroco salón de té para damas aburridas que usan máis colonia que auga). Malia a manifesta superioridade do equipo catalán en xogo e títulos, poucos fóra de Catalunya queren recoñecer esa superioridade, e cando o seu ciclo triunfal esmoreza falarase do Real Madrid de non sei cantas copas de champiñóns, esquecendo, como dixo hai uns días Arrigo Sacchi, que só o seu Milan, o Ajax dos 70 e este Barça aportaron algo máis ao fútbol.

Por eso xogadores de talento como Mesut Özil, podendo escoller, escollen ao Real Madrid e a súa pesada historia, para acabar chupando banco e sendo cuestionado.

Por eso a festiva imparcialidade de La Sexta fede.

Deica.
_

Historia de claraboias e samesugas

Sosteñen os de UPyD de Alto Vinalopó, en Valencia, máis criaturas nacidas do axuntamento entre Rosa Díez e Fernando Savater (con Vargas Llosa ollando?), que Sociedad Alkoholica non pode actuar no concerto Aúpa Lumbreiras, debido ao seu historial proetarra e as súas letras indecentes e antidemocráticas.

Como din en Kaosenlared, nada que engadir, nada que comentar, a mocidade botarase a perder se escoita grupos desta ralea; non debe permitirse.
_

A policía rusa pode facerte unha sangría
















Esta é a nova imaxe da policía do tsar, comezando pola muda do seu nome, de “militsiya” a “politsiya”. Querían modernizala, borrar a mala reputación que arrastra, e fóiselles un pouco a man, asociándose inmediatamente coa bandeira francesa ou os postes das barberías (fonte: Gràffica). Dende a Idade Media, os barbeiros colocaban un poste con raias helicoidais na fachada dos seus establecementos. Ademais de barbear, realizaban sangrías con samesugas: o vermello representaba o sangue e o branco a venda; o azul engadíronllo logo nos EE.UU., pola paranoia da bandeira.

Non deixa de ser irónico logo de tanta Guerra Fría, ou a constatación da victoria capitalista, os fillos de Putin copiando cores e raias occidentais, porque no occidente ignórase a bandeira rusa, para venderlle, tanto aos seus conxéneres como a nós, unha imaxe de corpo de seguridade amigo, aliado, civil, contemporáneo. Igual que aquí.
_

Que o explique el mellor

Referímonos, naturalmente, a Vicenç Navarro (si, somos uns pesados). Desta volta fala do BCE e o lobby da banca, explicando con claridade como funciona o negocio para eles, lembrando a famosa carta que lle escribiron a catro mans Jean-Claude Trichet e MAFO a Zapatero, prometéndolle mercar débeda pública se acentuaba o desmantelamento do que resulta que era o estado de benestar na súa máis nidia e redonda expresión.

Esta noite os líderes europeos non durmiron, sacrificáronse en arduas xuntanzas para salvar ao euro. Draghi dixo algo da liquidez dos bancos. Viáselle moi contento a Rajoy de atoparse entre a elite, os vellos bos amigos.
_

Munición antinorteamericana

O agora ubicuo Vicenç Navarro, a quen esta mentida crise elevará á categoría de antigurú, escribiu o seguinte artigo: “La interpretación neoliberal de EEUU que aparece en los medios españoles: el caso del corresponsal de El País en Washington”. Porque a vida é moi simple, ou estás comigo ou estás contra min, ou era ao revés, Antonio Caño, campión?
_

Estaba de bo humor

Os que veñen sendo os Planetas sacaron un disco sen Jota, o cantante. Afinando un pouco máis: o grupo, facéndose chamar Los Pilotos, acaba de publicar o seu primeiro traballo instrumental-experimental-psicodélico. Soa como os videoxogos do paleolítico, cando ías cunha nave verde esquivando asteroides de plástico.

Que Jota non participe no proxecto pode evitar que a balanza da súa carreira se incline definitivamente hacia a máis provocadora mediocridade. Aí gañou un punto.
_

Ten un cerebro que se chama Alfonso

Non é que teña dous ou máis, só ten ese e, afectivamente, chámase Alfonso. Tampouco é que o leve como un moño, unha lapa ou un disco duro externo, pois a relación que con el mantén representa un estadio superior de simbiose entre organismos unicelulares, non se fai notar. É o seu Rasputín, o Rubalcaba do PPdG, sacado das páxinas de Shakespeare pero en bo, nunca cometería unha atrocidade nin conspiraría contra o presidente.

O seu nome completo é Alfonso “Paramecio” Rueda, Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, cume momentáneo do descerebrado de todos os galegos e fillo de José Antonio Rueda Crespo, xefe do IRYDA en Pontevedra.
_

Arquivo do blog

Outro

A seguir

ecoestadistica.com
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet