Aproveitando uns días no D.F.

Eu tamén asinei un contrato con Pemex, e polo precio de dous floteis desos agasallo un puticlub con todo o que ten que ter un puticlub dentro, maiormente altos cargos da Xunta (sublime depravación!). Vou arrasar nas vindeiras eleccións, xa veredes. Se ao final se constrúen ou non, os floteis, eso a quen carallo lle importa?
_

Tres puntos e a emoción da moza

Entrou e marcou e todos descobremos que se trouxera de Corea á súa Sara Carbonero. Moito máis guapa que a orixinal, por suposto, a un lado da portería que Park Chu-Young perforou con tranquilidade e alegría. Non se pode dicir que se gañara gracias a el, gañou o equipo xogando ao que sabe, esta vez con recompensa, de novo desordenado e inseguro atrás, por iso lle empatou o Xetafe e o gol de Park foi o dos tres puntos. Arsène Wenger, o do Arsenal, non sabe o que se perde, claro que os ingleses non xogan como os galegos. Agora a gozar, que veñen as xornadas máis duras, primeiro vingarse do Granada e logo, todo seguido, Sevilla, Real Madrid, Deportivo e Barcelona.

O pracer da vitoria, anécdota, foi dobre, en tanto este cronista ollou a retransmisión por unha canle boliviana: dous profesionais que sabían falar e seguir o partido e non ocultaban o moito que lles gustaba o Celta, tanto polo xogo que despregan na actualidade como pola súa historia. Ademais de rirse das imaxes que lles servían dende España.
_

Deshabilitáronse os comentarios para este vídeo

Hai que recoñecer que é moi cómodo sobrevivir, porque vivir non é, contra PP e PSOE, atrincheirarse nun lugar con Wi-Fi e indignarse e rirse coas que montan os dous. Algúns estáncanse para sempre nesa postura, negra auga, imposible movelos ou alentalos a participar nunha alternativa, como esos rapaces que se tiran horas co portátil na cafetería sen tomar nada, falando polo Skype, nun intre histórico: moitos terán que erguerse (inclúome) da trincheira, xa non confortable, unha trincheira de Guerra Civil, con arames de espiños, sen munición, con fame e frío e lama e asediados... polos cascos azuis.

Non é doado, certo, un escoita este rock publicitario (case unha redundancia) das xuventudes do PP e non pode evitar escachar coa risa e a vergoña allea. Por iso o avezado community manager deshabilitou os comentarios para o vídeo, estarían queimándose con el un usuario detrás de outro.
_

Cales son os móbiles das súas señorías?

Porque ese é o carallo, cales on os móbiles dos parlamentarios para perpetrar semellante desafección por aqueles que os elixiron? Como a pregunta se nos queda grande, reformulámola: cales son os móbiles dos parlamentarios? Nos últimos anos, Blackberry. Coa escusa-comodín de aforrar e modernizarse, o Parlamento sacou a concurso o suministro, mantemento e consumo durante tres anos de internet, telefonía fixa e móbil. Internet e fixo xa están adxudicados a Telefónica, fica o dos móbiles, que antes era obrigatorio que viñeran en galego e agora xa non, seica pillalos para configurar en galego é máis caro ou imposible segundo a marca. Serán iPhones: os usuarios de Mac sabemos da xordeira en Cupertino coa nosa lingua.

Por outra banda, Parlamento/Xunta/PP/Amigos si considera innegociable que os novos ordenadores portátiles empreguen Windows 7 Professional, en detrimento do software libre introducido na anterior lexislatura. Esta xa é unha pregunta máis doada de respostar, mesmo estúpida: Por que? Porque temos que mover os cartos, ti tamén fas cada pregunta. Cada portátil será adquirido coa súa correspondente indivisible impresora, non vaia ser que as súas señorías teñan que compartir tinta, 1.200 euros + IVE a parella, e entón a seguinte, última pregunta que nos facemos é: outroraio, que tanto teñen que imprimir, as listas de convidados das vodas das súas fillas e fillos?
_

Dayna Kurtz non estivo en Galicia



Hai unha elegante tempestade nesta muller, intérprete apaixoada e medida, compositora audaz, perseguidora de cancións esquecidas, unha e outra vez desforrando os caixóns baleiros de jazz, blues, soul, rock, folk. Como adoita pasarlle aos grandes artistas norteamericanos, como lle pasou á súa adorada Nina Simone, o recoñecemento gózao en Europa, porque ao outro lado do Atlántico están demasiado ocupados descobrendo produtos de mercadotecnia, fetiches prefabricados e melosos ata a náusea como Diana Krall.

Contan que tocou por algún garito da península, sen a súa estupenda banda, a guitarra rota, trasfegando coñac ao ritmo dunha fecha por tema. A Galicia non veu, así que haberá que situarlle o país no mapa porque lle gusta o bo xantar, como aos de Nova Orleáns.
_

Os miserables por Gabriel Pacheco








































O ilustrador mexicano adapta o libro de Víctor Hugo. Soberbio. Aquí poden ler algunhas consideracións sobre o seu propio traballo. Aquí o seu blog.
_

Os horizontes titulares do presidente

Deixen de queixarse polos recortes en educación, abandoen a loita, tiren as súas erradas reivindicacións á papeleira, rápido, antes de que un veciño se lles ría na cara; non é que se estean cargando a educación, é que sobra; para que se lle vai pagar a 100 profesores de historia, por exemplo, cando xa o noso presidente imparte leccións sobre a materia nas roldas de prensa? Só hai que poñer a tele!

- Y tú, hijo de quien vienes siendo?
- Yo trabajo en el grupo PRISA, señor presidente.
- Muy bien, muy bien, un gran grupo de comunicación; pues escribe, hijo, escribe lo que voy a decir con solemnidad: “uno no puede declararse independiente de la realidad, y la realidad es que Cataluña, Galicia, País Vasco, Andalucía... el conjunto de comunidades autónomas... la realidad es que todas somos España desde hace 500 años”.

Un non pode declararse independente da realidade, profunda observación, algúns poetas deben estar alucinando nas súas tumbas, este home é unha mina, non sei que vou facer cando o deixe ou o boten.
_

O acento no erro

Esto dixerono uns cantos comentando o novo logotipo de General Optica: canto dano fixeron esos “deseñadores” que convencidos afirmaban: as maiusculas non se acentuan. Optica, non vaias a optica, por moitos lentes que te poñas non lle vas pillar o acento a palabra. Somos uns repugnantes, se nos puxeramos a traballar e non criticaramos tanto, fixo que o mundo iria mellor, Mairena non sexas coñazo.

E unha guerra perdida, grandes e pequenos estan convencidos de que as maiusculas non se acentuan, un xefe meu mesmo dicia que quedaban mal acentuadas, que era antiestetico, e sabia moito do asunto.

É unha guerra perdida, mais como dicía o outro, eu quero darme o gusto de gañar unha batalla, e meter aos prisioneiros nun campo de concentración con cursos intensivos de ortotipografía, vocábulo desagradable, que remedio, como zapatos ortopédicos para corrixir a edición de texto.
_

Esta é das que se fan cortas


_

Juan Valdés con gotas

Hai prioridades como proporcionarlle traballo e comida ao pobo; esa lóxica perversa, interiorizada, que hoxe repetiu a vicepresidenta do goberno de España, a feliz boca dereita de Mariano. Representaba a súa preocupación pola manifestación de Barcelona. Raúl del Pozo non deixa de ser efectista citando a Josep Pla, respectado exemplo de payés sensato, práctico, o pobo o que quere é que haxa pan nas panaderías e que os autobuses funcionen, vaia, estamos de acordo, resulta que para que haxa pan (comestible) nas panaderías, o panadeiro ten que saber que levadura empregar, e ten que cobrar o que é xusto, para os clientes e para el, non o precio que lle impoñan dende as mafias de Madrid, Bruxelas ou Washington. A independencia non é atavismo, si, ten un compoñente de identidade e orgullo, mais tamén, o principal, de economía.

Non é pecharse, ao contrario, se a miña pel é gobernada por outros, eu non podo decidir sobre a miña relación cos demáis, movereime na vida ao arbitrio de intereses alleos e non quero negar a relación cos demáis, quero escoller eu con quen me xunto e en que condicións (como se me pego un tiro). 

Lembrouno o outro día Paco Rodríguez, con ton de avó aburrindo, tanto ten: sen soberanía non hai socialismo, o avó Carlos, carallo, non dá pasado de moda e ben que o xubilan a diario.

Déixoos cos anuncios, hainos moi bos, e está aquel que fai de Juan Valdés subindo en burro polos Andes, ca-fé-au-tén-ti-co, "porque Dios lo quiere así, solo, Dios lo quiere así, cortao, Dios lo quiere así, con leche, Dios lo quiere así, carajillo, Dios lo quiere así... Nescafé".
_

A velocidade é a miña verdadeira vocación



Seguimos no modo matar, poucas veces se deseña sen a necesidade estéril da autocensura e a corrección, cando maquetas páxinas que gardan unha coherencia mais todas distintas, pasando de todo, sen escoitar(te), improvisando, ocorrencias, a única norma é non repetirse e de súpeto tes duascentas ferramentas nas mans e nada de tempo, escoitando impaciente teclado de cabichas, The Raveonettes, The Horrors, The Horrors, The Horrors, The Horrors e algunha lectura do día, Raúl del Pozo escúdase en Josep Pla para denigrar o nacionalismo catalán, a manifa de onte, “sentimental e pueril” e non lembro que máis, gústame como escribes, Raúl del Pozo, como te distancias a golpe de cultura, entendo que naceras na España anónima (a Rafael Reig tamén lle pasa, todo hai que dicilo), pero a min non me vas vender o que ti mercas por contrato. Mans axitan sombras.
_

Rolexdeluxe



























Así funcionan, el e máis o seu reflexo de rebaixas, como un luxurioso reloxo suízo, que te cravo o meu minuteiro, que pose ao sol, que confianza transmite, porque xa o dixo o seu xefe, España precisa un goberno que transmita confianza, e Galicia non precisa goberno, e moito menos autogoberno, abonda cunhas racións de polbo á feira para os acólitos e unhas fotos.

Acabo de decatarme do que pon no letreiro, un que é lento; “Joya”, os de publicidade estaban inspirados. “O marco incomparable da portada de Feijoo”, como di Xosé Manuel Pereiro.
_

Quixera ser como eles para rebentar



Están arrasando, non se sorprendan se Scarlett Johansson declara algo. Son de Southen-on-Sea, que debe ser algo así como o Sanxenxo da Gran Bretaña, no esteiro do Támesis, preto de Londres. Abonda cos datos. Son anfetamínicos, se queren saber que música fan e se desfilan para o NME, pregúntenlle aos de Pitchfork; eu non saín do primeiro disco deseñando unha axenda de duascentas páxinas que tiña que estar hai unha semana.

Expulsados da sala Mobydick de Madrid logo de cargarse parte do decorado, censurados na MTV por un vídeo “de mal gusto”. A vida é marketing para os que andan rebotados, en Inglaterra; cartos e portadas. Son uns pallasos e fano moi ben.
_

Receita doada de sopa Kaurismäki

Inauguramos a nosa sección de cociña cunha sopa en honor a Aki Kaurismäki. Sinxelo prato de culler, aparentemente como as películas do director, aparentemente porque, mentras a sopa non ten dificultade nin truco, o seu cine si; hai unha ollada profunda, humanista, comprometida e irónica detrás do esquematismo da cámara. O outro está tirado: rustrir cebola e porro relados, engadirlle, tamén relados, cenoria e pemento vermello e verde, chícharos, logo o caldo, fideos e, aos 5 minutos, uns dados de salmón fresco, apagas e deixas outros 5 minutos. Serves con ar de alfavaca. Opcional: podes poñerte o mandil escoitando aos Leningrad Cowboys ou, como fixemos nós, a banda sonora da segunda tempada de Treme.

Mesturamos unha popular receita finlandesa e unha sopa minestrone de Arguiñano, tomándonos algunhas licenzas; de caldo empregamos a auga de cocer uns langostinos o día anterior; o pemento verde era pemento italiano e pemento de Arnoia; o vermello, do piquillo: eran os que había na neveira (mentras non teñamos que vendela para comer). Se non lles sae, a nós non nos conten películas.
_

Un tema que non está no tempo

Non sei se vostedes empregan, se poden empregar con senso, a palabra exquisito a miúdo; nós pronunciámola como se fora a primeira vez. Exquisito é este inglés que tira as súas cancións dos distintos estilos da tradición popular estadounidense con limpa devoción de frade ou augardenteiro. Non é un fan de Elvis, o seu non é un grupo de rockabilly, é abondo máis, a voz destila unha traballadísima augardente de algodón.

Outono de novidades discográficas como ourizos de castañas, ourizos cool como os de The XX ou The Raveonettes, ou máis familiares, Bob Dylan, Van Morrison, dos que xa daremos conta se a bolseira quere. Hoxe ficamos con Paul Ansell’s Number Nine.
_

Nacer para que te chamen de todo











Non, a min tampouco me gusta o cabezallo de eldiario.es, nin me gusta nin me desgusta, neutro, “funcionalismo racional suízo”, como dixo un, e ao ler os comentarios de tantos o corpo pídeme defendelo. Quédame algo de humildade e de respecto (respiro con alivio). Moitos que din ser deseñadores non sei que frustracións arrastran. Trolls? Algúns serán trolls, outros son directamente subnormais: a frecha xira á dereita e non á esquerda, imperdoable, o diario tiña que ser horizontal, que todos mandáramos o noso logotipo e despois se votara ao mellor, faltaría máis, democracia real xa, a Helvética é un fiable instrumento de alienación de masas, sábeno ata Aznar e Frijolito.

1º: O director xa dixo que non ía ser un xornal de esquerdas, senón “aberto”, a frecha circular está ben explicada, inda que, admítese, non moi conseguida a súa integración para formar o d (mellora en tamaños grandes).

2º: É o xornal de quen o edita, en ningún sitio se dixo que sería o xornal onde todos podemos meter os pezuños.

3º: Calquera deseñador con algo máis que coñecemento dos filtros de Photoshop está en contra desos concursos “horizontais” que tanto dano lle fan á profesión.

4º: O recurso da Helvética e do azul non será orixinal, pero si correcto, e os responsables teñen que pensar en parvadas como financiación, mercado, consenso, sostibilidade. Os xenios, as mentes preclaras, naturalmente, poden saltarse esa parte.

Sempre me pareceu grotesco eso que venden dende que existe internet que chaman “interactividade” e “á carta”, conceptos moi pouco desenrolados porque esta xente inda non pode ler EXACTAMENTE o que lle gustaría ler, que por suposto é o que deberiamos ler todos.
_

O elefante pasado de Fabio Capello


Propóñolles un pasatempo, identificar neste vídeo ao adestrador italiano, pai espiritual de Mourinho, pai espiritual, á súa vez, de si mesmo e do mundo tal como sae nas wikipedias e xornais de prestixio. Non se fíen da data, a canción é de canda min, que aparento quince anos na gloria inda que teña algúns máis. Steely Dan, a quen tiven o gusto de coñecer lendo algo sobre o seu disco Gaucho, aí atrás, en 1980. Unha pista:

Parécese a Lou Reed, pero nada que ver (máis delgado).

O pasado, ese territorio que nos venden por fascículos en setembro, o teu primeiro amor, camisa lunares, Aníbal cruzando os Alpes ao lombo dos seus elefantes, ignorando as preguntas do psicoanalista sobre Roma.
_

O espello da política

Rebumbio máis ou menos combativo que se armou co despido de Javier Gallego e a cancelación do seu programa diario “Carne Cruda” en Radio 3. Mesmo algún que di estar do seu lado solta estupideces, mais ningunha comparable á de Tomás F. Flores, odire, reclamado por El Mundo, xornal no que colabora, para defenderse do que se lle acusa, despido improcedente: “Carne Cruda” seica era un programa “sensacionalista” e “kamikaze”, propio dunha emisora pirata, sen o rigor que se lle supón ao produto de RTVE; desaparecelo non resposta a unha coerción ideolóxica.

A moitos resultaralle familiar esta lóxica manipulada, semellante á que empregan para desprestixiar ao presidente dun país, Hugo Chávez o primeiro, tachándoo de demagóxico porque nacionaliza recursos cos que garantirlle á xente traballo e sustento (que ridículo: traballo e sustento!).

Continúa co teu pro-gra-ma-de-van-gar-da, cabrón (merda, pegóuseme o sensacionalismo, agora vanme botar a min tamén).

Inciso: non me comparen o caso de Javier Gallego co de Diego Manrique: este último controla moito de música, e de chismes, e el mesmo está feito un chisme pesado, retrógrado, detrás da súa aberta máscara; o seu si que non foi ideolóxico.
_

Arquivo do blog

Outro

A seguir

ecoestadistica.com
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet