As alcachofas o mesmo son granadas



Agora é Karlos Arguiñano quen, de novo, populariza a cociña. Ás dotes de comunicador que demostrou ao longo dos anos en distintas canles de televisión, medrando como empresario ao tempo que entraba nos fogares da península, máis ameno que didáctico e estaba ben así, para ensinar a manexarse con potas e alcachofas, engadiu recentemente o comentario político, a análise da actualidade, los recortes en sanidad y educación me tienen asombrado, los gánsters que han estado manejando la economía mundial, gánsters, si, son unos auténticos gánsters, y encima ahora hay que apollarlos a esos, a los gorileros, reafirma, apresurándose algúns a respostar que un cociñeiro ten que limitarse a cociñar.

Non teman, non acabará escribindo en Le Monde diplomatique, aínda que estaría simpático, a liberdade non é esa palabra tan sobada e baleira, deso se trata, un cociñeiro que semella flamexar un xamón asado cunha copa de coñac mentras se bebe o resto da botella pode falar do que lle pete sen que ninguén se escandalice; non lle envexa nada a moitos pensadores, é unha voz máis e hoxe prepararei unha receita súa.
_

Xa están aquí










Os interesados en seguir a este colectivo que entende a axitación social como sentar arredor dunha caldeirada de raia (ou eso entendín eu), non teñen máis que visitar o seu blog, se queren.
_

E xa queda menos para o ascenso

O equipo marcaba goles e o partido nunca estaba sentenciado, como se destaparan a mala hora e a ansiedade, os falsos medos atávicos, como se os do Xerez trouxeran botellas fermentadas de meigallos. Oloroso Frijolito, si, xa sei, Oloroso non ten a culpa, nin é de Xerez inda que se o fora tampouco se ía notar a diferencia, co parafuso fixando a man solemne ao corazón de eucalipto, desculpen a obviedade, a algúns non se nos pasará o desexo de matalo, sabendo que o asasinato lle quedaría tan grande, nin o día do ascenso.

A crónica do partido teñen onde lela, dende o Faro e o Atlántico a Praza Pública e o Dioivo e Sermos Galiza. O xute de Álex López non foi épico, xogar con dez non foi épico, porque faltan Tarragona e Córdoba e porque non nos gusta a épica, gústanos o fútbol do Celta.
_

Instrucións para ler ao profe

Non se precisa o apoio loxístico da armada nin un teléfono para consultar dúbidas, abonda con saber ler e posuír coñecementos elementais de matemáticas. Agora que todo o mundo está conectado (primeiro a escola, despois internet), o interesado no seu maxisterio non ten máis que escribir en Google vnavarro.org e premer enter no teclado co que venden os ordenadores. A partir deste primeiro paso, tirando de scroll como un fío de Ariadna, o normal é que saias do grotesco labirinto que nos inculcan como poder e verdade.

Tan doado ou máis que o prospecto do Frenadol, e como no anuncio, se queres, se non queres entón considerarase que es subnormal e precisas axuda, haberá que armarse de paciencia e convencerte así sexas Garda Civil de misa de 11 ou escolta de Aznar. Efectos beneficiosos para a deusa saúde garantidos.
_

Antón está de viaxe (XVI)

O comisario estaba escribindo un libro que se titularía A groseira morte de Antón Reboiras. O escenario queríao impecable, mais había elementos que o estragaban. Un brazo apoiado na bañeira e outro dentro, como se estivera observando os arabescos que formaba o sangue na auga agora fría; a cabeza hacia atrás non caída, altiva de falar co seu reflexo nos azulexos embazados, que para chulo no inferno aí ía el, e ao carón a coitela de afeitar, o tetrazepán, o vodka e a nota, non podía ser e receaba do feito mesmo, non era dese tipo de xente, era unha morte demasiado estética para alguén tan groseiro e a estética era tamén groseira, a non ser que.

Entre os xeonllos flexionados flotaba unha maqueta do iate que lle comisaran o ano pasado e que alí seguía, no peirao máis caro do norte, eso tampouco tiña sentido, nin como mensaxe nin como abandono ao sentimentalismo, e mentras os outros o saturaban de información e os flashes iluminaban o baño como lóstregos, el comezaba a desvariar, Marat, a morte é revolucionaria, o coñac non.
_

Olimpíadas de 1920

Xa se sabe que a historia está para fantasear con ela, dende os tempos de Heródoto ou Plinio o Vello aos libros de texto das escolas actuais. Feitos gravados nun palimpsesto salientado polo rigor, a ideoloxía, a relixión, a ciencia, a desaprensión, o fanatismo, a literatura, a estupidez e outros moitos inventos do ser humano. Tarántula de tinta tecendo épocas e séculos, tarántula que obedece á súa natureza, aínda que algúns se arroguen alimentala como unha mascota a exhibir no salón da casa. Feitos pasados lexitiman prédicas actuais. Historia do fútbol en España, relación dos xogadores que a representaron nos xogos olímpicos de Amberes en 1920:

Zamora (Barcelona), Eizaguirre (Real Sociedad), Otero (R. Vigo), Arrate (R. Sociedad), Carrasco (Real Unión de Irún), Samitier (Barcelona), Artola (R. Sociedad), Belaustigoitia (Athlético de Bilbao), Sancho (Barcelona), Eguiazábal (R. Unión de Irún), Sabino (Athlético), Pagaza (Arenas de Guecho), Moncho (Vigo), Sesúmaga (R. Unión de Irún), González (Vigo), Patricio (R. Unión de Irún), Vázquez (R. Unión de Irún), Pichichi (Athlético), Acedo (Athlético), Silverol (R. Sociedad)

Podían deixar de aburrir con eso de que a historia a escriben os vencedores. Hegel e Cutty Sark. Nin rastro do Madrid nin do Deportivo de La Coruña, a Gdansk do Caudillo, que de seguida unificou a nación que coñecemos, a que sae nos libros, e fichou a Alfredo Di Estéfano para conquistar Europa do único xeito que podía. A versión non ten obrigatoriamente que divertilos ou convencelos.
_

Arquivo do blog

Outro

A seguir

ecoestadistica.com
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet