A lingua do inferno

Qué se falará no inferno. Estamos convencidos que latín. Hai moitas linguas mortas, pero o latín é da Igrexa. Pronto haberá outra lingua morta, o galego. ¿Asignaranlle un 50% de cuota na administración celestial? ¿Serán cooficiais?
<>

O avogado que escoitaba á Creedence

¿Sabiades que o líder da Creedence foi acusado de plaxiarse a si mesmo pola súa antiga discográfica, coa que editara os discos do grupo? Contouno aí atrás Diego Manrique. Certamente, as disqueras, como lle chama el, son maquinarias que consumen “a diós” (“esta pena tenme consumido…”), pero tamén hai que andar moi desesperado para plaxiarse a un mesmo, podendo plaxiar, por exemplo, a Enrique Bunbury (imaxínate o follón).

Oe, desculpa, e o Bunbury este, por qué escribe cancións?
Home, porque é un artista.
Ah…
<>

Eloxio do punk comercial

Green Day está ben cando “vende discos”, se non se poñen serios; cando se poñen serios fanse pesados e estúpidos. Os puristas (manda carallo: punkis puristas) dirán que eso non é punk, e nós preocupados. ¿Qué é o punk? ¿Os Sex Pistols? Ademáis de ser malos, eran enfermizamente comerciais.

Non se trata dunha “actitude” (agora a “actitude” é “cool”; ao saír da casa podes esquecerte o móbil ou o DNI, pero non a “actitude”). Offspring non nos gusta, nin Blink 182.
<>

Real politik

Tourís (o superdelegado, como mola) me regalaba unas invitaciones para ir a ver a José Tomás en La Peregrina, pero ya le dije que no. Buenó, tengo mejores cosas que hacer. Los toros hoy en día son un espectáculo bochornoso. Bo-chor-no-so, te lo digo yo, muy bochornoso.
<>

O PC cólgase

A outra madrugada mandaron unha mensaxe na que poñían que se lles colgara o PC no Obradoiro, cando queiman a Catedral e ceas no aparcadoiro do Hostal dos Reis Católicos coa peña empurrando. Rosetón de peixesapo con smog morno de pólvora de pataca da Limia. Non entendemos nada. ¿Lanzan os foguetes dende un ordenata (tamén o fojeteiro está sen curro)? ¿Ou era o partido comunista?

O partido comunista cólgase da fachada mudéxar durante o espectáculo de pirotecnia. O superaxente Feijóo aplaude, a redacción da Voz agarda para pechar.
<>

Haiku

lombo de gata
o mar ouro e negro
ourizo-choiva


¿Os haikus ían con título? ¿Basho titulaba os seus? Teño que consultalo, pero coido que non; iría contra a súa natureza (a natureza dos haikus, quero dicir, aínda que o Basho este debía ser xa medio haiku con extremidades. Sen ánimo de ofender).
_

Pero con dereito a veto

Premisa do vello humanismo: ou todos ou non vale. Qué, ¿imos todos? ¿comenzamos?
<>

A importancia de Barbra Streisand

Dáselle demasiada importancia a todo. Algúns dirán que non, mais cando se lle quita importancia a unha movida soe dárselle a outra. Ata ao bo humor, o riso e o pracer se lles da demasiada importancia. Dámoslle demasiada importancia ao superaxente Feijóo e o seu goberno-citröen.

- Inflúe na vida da xente.
- Xa, ese é o problema. Habería que sacalo do medio, a-sa-si-na-lo.
- Un acto sen importancia.
- Si, sacalo do medio, nada máis. Un trámite, ningunha xenreira.

A importancia da lei ou os cartos, de chamarse Ernesto, de amar e, sobre todo, ser amado. Mentras saquemos a esa cousa da Xunta.
<>

"Jakie Collins existential question time"

Aquí está o vídeo do que debe ser o primeiro single (non se pode insertar).
<>

Sobre o mar

as nubes son narcotráfico de bergamota e marfil; mástil a un lado. agasallareiche o ámbar gris dun cachalote

a miña muller
<>

O disco dos "Manics" por dentro

Hai pouco falabamos da portada do último disco dos Manic Street Preachers, hoxe falamos da música. Todos os temas foron compostos por Richey James, membro fundador do grupo desaparecido en 1995. Scotland Yard declarouno oficialmente morto o ano pasado, e o resto do grupo decidiu facer un traballo baseado exclusivamente no material que deixara sen publicar.

Semella un disco visceral (desculpen a palabra), como era o grupo nos seus comenzos, marcado democraticamente pola súa personalidade. Rock'n'roll. Se non inclúe cancións redondas, non importa.
<>

A cidade segundo Truman Capote

Truman Capote dicía que a única cidade do mundo non-provinciana era Nova York; caíndo na súa propia trampa (as palabras son boomerangs contra quen as emprega). Non sabemos porqué se lle valorará tanto. O mellor que fixo na súa vida foi pegar un chimpo de paiaso: a fotografía é portada dun single dos Smiths.

En canto a Nova York, poñamos que estaba ben cando aquela muller de provincias, Audrey Hepburn, camiñaba polas súas avenidas (¿permanecen as iconas, sendo outros?).
<>

Ecuación

O que vemos por aquí, tanto nos lugareños como nos turistas (vasos comunicantes, tempo) temos claro que é de paletos. Do que se colixe doadamente que nós somos os primeiros paletos.
<>

Eloxio do botellón

O outro día enviaron aos axentes da policía local a prazas, rotondas, praias e montes, coa misión de informar ás pandillas que andaban de esmorga de que era a última vez, que a próxima vez que os pillaran ían multalos, e o que é peor, ían avisar aos seus pais. Un dubidaba entre sobarlle as tetas á súa colega ou coller o vaso de calimocho cando se lle achegou a Autoridade.
- Para la próxima, multa, chavales, avisados quedáis.
- Tío, buen rollo... quieres tomar algo? tenemos de todo...
- Avisados quedáis.
- De qué, no te gustan las tetas de mi novia, bueno, no es mi novia, pero...
- ¿Cómo que no soy tu novia?
- Ya, si...
- Soy tu princesa... y fuí yo quién te desvirgó, capullo de-mi-er-da.
Esto é o que hai, tíraste un escandaloso e irreversible número de anos "madurando" e ao final a rapazada cáeche ben. Ai, mágoa que non cole misturarse con ela.
<>

Marionetas

Artistas preocupados e ciumentos: marionetas de si mesmos, e, a partir de aí, marionetas de todos os interesados. Na caixa de texto aspiramos, asumindo o risco e o ridículo, explicitando a influencia de Cortázar, a ser unha fiestra.

Nós tamén somos así, moi preocupados e moi ciumentos, e disimulamos mal. Insoportables.
<>

Suceso de mantel

Comeu un pemento de Padrón que era como un exército de jalapeños e chorou. Foi o intre "magdalena de Proust" que pensa deixar para a súa Obra Magna. A muller ríase, non sabemos se de que o pemento lle picara tanto ou da Posteridade Literaria encuberta.
<>

A lúa cambiou de sexo

Rapazas que se desmoronan sobre tacóns finos e duros de alcohol. Tíos moitos máis; espesos, babosos, graciosos, serios, ríxidos, locuaces, duros durísimos, bailando, imberbes, sabidos, poses de hip hop, fi-es-ta, cubata no ombreiro, volto o cuello da camisa con medio litro de Kalvin Klein, tambores tribais, bases, baterías, bongós, bits, "España es la mejor". Elas cambian de pel e de formas cando se xiran, olé, estamos no vran case eterno e a raia de coca das medias percórrelle as pernas ata a lúa; cando un lle mete man un tremer branco debúxase no mar; "soy el rey de la noche y derrocho placer". O mes de xullo é unha marca devaluada que aínda hai que consumir.
<>

Entra en comunismo.com e lévate esta moleskine

Admítoo, eu non contribuirei a cambiar nada. ¿Qué hai que cambiar e por qué? ¿Comunismo? Algún pensará que é unha nova bebida enerxética. Outros seguen guerreando entre eles para definir o que é e como debe levarse á práctica (palabra que lles encanta). Moitos inda cheiran xufre e ven rabos.

- Un larios con comunismo!
- Un comunismo con tres xeos, sen limón.
- Ai, o comunismo é para tomar con Bombay Sapphire; as especias da Bombay matizan, enriquecéndoo, o sabor vertical do refresco, pero non en exceso, ¿sabes? Impregna delicadamente a súa estructura sensorial...

E tanto rollo para botar un polbo e anotalo no diario, onde escribirá que primeiro foi o comunismo e despois unha noite de sexo salvaxe e exploración do outro.

Outra aproximación á liberdade

Esto di Sánchez Ferlosio: "Cuando la acción se ha vuelto inercia y rutina, ya sólo la omisión es resistencia, deliberación y libertad". Claro que tamén a omisión pode voltar inercia e rutina; hai que andar despertos (pero sen pasarse).
<>

Arquivo do blog

Outro

A seguir

ecoestadistica.com
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet