Mou non se vende

Hoxe coido que non había nova ningunha sobre Mourinho en El País. As Festas. O Descanso. Eu quero que non se esquezan del, quero participar no seu circo, alimentar o seu infantil ego. Tantos ruído e furia, tanto special one, tanto para que? Para que se quede. Se eu son o presidente do Real Madrid obrígoo a cumprir o contrato, inda que o incumpra porque pode; pronúnciome ante Os Sagrados Medios: a miña vontade é que remate cando menos a tempada no club, que pelexe pola Champions (a poder ser por métodos deportivos e sen declaracións bla bla bla) e logo que se vaia.

Se marcha agora, que legado á altura da súa vaidade deixa? Unha liga e unha Copa de Su Majestad El Rey de Fútbol, gañadas ademais nun miserable clima de refrega inventada? Inda que gañe a puta Champions, xa dixen corenta veces que por títulos que non sexa, mesmo que lle dean as máximas condecoracións militares, a presidencia do goberno que el considere, un Nobel de algo, e que Berlusconi lle busque unha moza que o faga feliz se pode.
_

Gústame Marta Echeverría

Libro sobre Nacho Vegas. Repito a preposición: sobre. Non o considero necesario. Na editorial venden que non é a haxiografía dunha pequena estrela do rock. Máis ao meu favor. O autor, Carlos Prieto, ancorándose en Cajas de música difíciles de parar, retrata a un artista que aparentemente evoluciona dun egotismo de noite e heroína a unha conciencia de clase, asturiana, que evita con solvencia, ás veces con certo academicismo, a obviedade.

Dígoo eu sen ter lido nada do libro. Será interesante, mais prefiro as cancións, e iso que contou na radio de que canta cancións de Víctor Jara na casa. Que escriban sobre Bob Dylan e nos deixen tranquilos, Marta, ti sabes.
_

Vai ser defecto da máquina

Un madridista de incógnito, o que non deixa de ser un oxímoro, observa a Messi nunha pachanga entre amigos. Pásanlle o balón e arma a perna para rematar así como lle ven e esvara con tan mala sorte que dispara hacia a portería do seu equipo; misteriosamente, o balón cambia de idea e volve como un sutil torpedo á portería contraria. Gol.

Comentan que agora CR7 fica unha ou dúas horas máis nos adestramentos tentando que lle saia algo semellante, practicando cunha máquina que lle pasa a pelota.
_

O verídico enxeño da xente

Un tuit que me enviou un amigo:

- Douche 50 euros e fasme un logo bonito do meu restaurante.
- Ok. Douche 5 euros e sácasme unhas cigalas e un solombo pouco feito.
_

A sintaxe do neno

A macabra danza da privatización das miñas mans

Os idiotas, os perdedores que non saen nas películas, os mortos, esa é, basicamente, a miña xente.
_

#deusvososeñor

O Vaticano en Twitter dende hai uns días ou semanas. El País celébrao: seica xa era hora de que se modernizara. Non sei quen ten máis gañas de que se queimen con eles, se O Xornal ou A Igrexa. Xa tuitea Bieito XVI (así sexa a través dos seus community manager, espíritos santos da rede)? Tampouco é tanto xesto; o revolucionario, perdón, o milagroso, sería que lle habilitaran unha conta ao seu deus, e que este se dignara por fin dirixirse á humanidade (pregaria: só son 140 caracteres, enróllate). Imaxinen o estilo:

@deusvososeñor: No ceo almorzando café con leite e torradas con queixo Philadelphia, que ademais de estar divino axúdame a coidar a figura.

@deusvososeñor: Tarde no faladoiro de Tomé de Aquino. Non entendo nada, abúrrome inmortalmente. Moito discorrer e nin un canapé barato.

@deusvososeñor: Encarneime na directora do FMI e folleime ao adestrador de pádel de Aznar. Con esta xente dá gusto. Son os que me fan sentir orgulloso da miña Creación.

Ou algo un pouco máis clásico:

@deusvososeñor: En verdade dígovos que aquel que pretenda penetrar a miña inabarcable conciencia será borrado da miña listaxe de amigos no Facebook.
_

Wert está inspirado

Galopa galopa, xinete de FAES, sobre o elemental lombo do fascismo. Perdón, Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa. Un respecto. Moito curro e inda así interesadas incongruencias: imponse un modelo, mais se as “comunidades históricas” o incumpren non pasa nada, págaselle unha escola privada ás familias que desexen unha educación en castelán. Pagamos, cos nosos impostos, unha escola privada e en castelán. Creamos máis escolas privadas e en castelán. Desmantelamos a ensinanza pública e metemos o dedo na chaga da situación do galego (sobre todo), o catalán e o éuscaro.

Con esta astucia non se entende que o ministro só sexa ministro e inda non recibira un Premio Nobel (porque o afecto tamén é importante, que llo pregunten a CR7).

Se non temos nada contra o castelán, eu mesmo enténdoo perfectamente, por exemplo:

“Delincuentes juveniles ayer
hoy hombres peligrosos
viejas caras, nuevas caras
pero las mismas cabezas.

Qué les empujará?
No viven sólo esperan
van agotados de esperar.

Agotados de esperar el fin!”
[...]

Matiz: non esgotados de agardar a fin, a nosa fin: desesperados, saídos.
_

Arquivo do blog

Outro

A seguir

ecoestadistica.com
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet