Partido político para as vindeiras autonómicas















Asoballaremos o bipartidismo, derrubarémoslle aos xigantes de barro e cobiza os seus viveiros de votos, adeus vomitiva UPyD, prenderemos a Gloria Lago e Anxo Lorenzo nunha gaiola diglósica, sentímolo, bloqueiros e demais familia, alguacís da última esperanza, pero estamos chamados a arrasar. Alfonso Rueda, o presunto cerebro do presidente de todos os galegos, pode convocar eleccións cando queira.

O noso programa é o noso slogan (idea dun redactor do Proceso de rexistro): Peludos para todos. Porque defendemos o dereito a unha morte digna de ácido úrico. Pániker está connosco, e Vicente apúntase a un bombardeo atómico e pon a empanada.
_

Novidades discográficas do Piamonte



Imos coas novidades da semana. Un disco dos Jam que está arrasando agora mesmo en todo o planeta, Sound Affects, e outro dun vello Duke Ellington explicándolle aos modernos Charlie Mingus e Max Roach como ser modernos, Money Jungle, se che gusta o jazz tes que pillalo, díxoo O Gran Cifu. Non, o de Berlusconi non o temos, vaite a Milán, si, xa sei, en Il vero amore, cuarto disco do presidente que votaron os italianos (e non ese tecnócrata formado en Goldman Sachs que resposta ao nome de Mario Monti), “escóitanse 11 pezas con sonoridades napolitanas, pero con toques latinos, mesmo brasileiros”, eso di a frase de promoción.

Sempre lle digo ao xefe que temos que quitar o das peticións, arrincar o teléfono se é preciso, porque lle restan lustre ao programa, algúns non aprenden por moito que me pase con eles, en fin, déixoos cun tema que anos despois interpretará Morrissey, That’s Entertainment. Paul Weller sempre foi máis que un mod.
_

Non lle fagan caso a Ignacio Ramonet

Outro que non sabe do que fala, que vai por aí sen máis propósito que enchernos a cachola de andrómenas. Poden comprobalo vostedes mesmos nesta entrevista e máis no editorial deste mes de Le Monde Diplomatique (en español). Lembren que un editorial seu do 97 foi a semente do movemento altermundista Attac, Asociación pola Taxación das Transaccións Financeiras e pola Axuda aos Cidadáns (que estupidez máis gorda!).

Non teñan medo, non se lle entende nada, como bo francés de Redondela que é, entre outros motivos porque en lugar da sinatura rutilante prefire o coñecemento e o compromiso, palabras xa desacreditadas o século pasado.
_

O desproporcionado embigo de don Xerar Ilusión



Este é o vídeo do desaloxo da Sala Yago, xa saben, o que okuparon para reivindicalo como dinámico espacio de cultura, denunciando o seu ruín e ruinoso abandono por mor dos intereses particulares de sempre (e o fenómeno falando do inmoble como se estivera máis coidado que Buckingham Palace). Menos mal que lles deu por un cine vello e pequeno, porque se okupan a CdC (non confundir con AC/DC), don Xerar Ilusión chama a Obama para que lle preste aos marines todos, devólvochos mañá, non te preocupes, é que teño aí a uns rapaces que non aprenden.

Ao sisudo analista da vida política do pobo gustaríalle salientar o modesto da okupación, poñela a un lado do fiel, e ao outro a resposta militar do alcalde. De medrar, como é de prever, o descontento social e as protestas, aquí Franco vai quedar como un tipo brando e permisivo.
_

A derradeira praga de Exipto

O sisudo analista da vida política do pobo ergueuse con resaca, que para algo pasou a noite de estudio de televisión en estudio de televisión, iluminando a contertulios e telespectadores coa súa ponderada análise dos resultados electorais e a cachimba unha vez máis confiscada. Malia o seu estado, non ignorou este serán datos non por secundarios menos significativos, como por exemplo que Telmo xa é senador porque el o vale, que Paz Lago continúa o seu meteórico ascenso hacia a nada e que en Sanxenxo UPyD obtivo 66 votos.

Con estos votos o sisudo analista pretende invertir o Libro do Éxodo, “o sangue será o voso sinal nas casas onde morades. Cando eu olle o sangue pasarei de vós, e non haberá entre vós praga exterminadora cando eu fira o país de Exipto”, enrollado que é o colega.
_

As viaxes ideolóxicas teñen un precio

Ir da capital a unha aldea remota, en domingo, é algo complicado senón tes coche; vas exposto ao capricho de certos elementos, colles o tren a Pontevedra e agardas que alí haxa buses; resignación e paciencia, eso debemos dicirnos un xaponés que sacaba fotos do tren como se fora un espía industrial disfrazado de turista e máis eu. Había buses, si, mais non regulares, buses fretados pola Deputación para carrexar xente aos colexios electorais. Observaba como bloqueado o espectáculo, a gran festa da democracia, cando dun deles baixou o mesmo Louzán facéndonos acenos coas mans para que subiramos, come on, qué contento se puxo o xaponés, o presidente da Deputación semellaba un guía turístico en canto se puxo a falar con el, que seguía sacando fotos.

— This is Pontevedra, my friend.
— Oh, pretty!
— I am the boss of... todo esto.
— You are the boss?
— Very important boss, podes creelo, amigo.

Pasoume a cámara para que lles sacara unha foto xuntos.

— He is the boss of... to-do, to-do-es-to, my friend.
— My name is Rafael.
— Oh, my friend’s name is Mi... Miguel. He said vo-votar, votar... ao Bloque. Do you understand? Io, Io votar too, ao Bloque. Karl Marx, independence... It´s good!

Non vaian pensar que me mandou baixar inmediatamente, para nada, farfullou un yo respeto todas las ideologías, ou algo así, e logo, con máis claridade, díxome que era un inxenuo, que lle debía unha e que o precio do billete era de 2 euros con 20 céntimos.
_

A felicidade era a faixa de Camilo José Cela

Tempos de bonanza, coido que hai unha teleserie que se chama así con moitos capítulos. Índice Dow Jones: no 89 Camilo José Cela recibe o Premio Nobel e no 91 Jesús Gil y Gil arrasa en Marbella con garda montada e jacuzzi, co que se disparan as expectativas españolas. Sabémolo porque andan estos días coa editora Carmen Balcells por tódolos lados: o escritor ofrecéuselle ao político para escribir unha novela sobre a súa vila (a de Gil y Gil) por 250 millóns de pesetas. Levaría o excelso título de Viaje sentimental a Marbella. Rodarían un anuncio para televisión nun convertible con Marina Castaño ao volante (un Morgan ou un Saab).

Non se sabe porqué non foi arriba o proxecto, pero a letra pequena é marabillosa, a axente considerou, para facer viable o proxecto, mesmo negociar “cun gran banco” a compra dun millón de exemplares para agasallar aos seus clientes. Daquela é que os bancos, ademais de enrollados, eran ilustrados; podían darche a escoller entre a batería de cociña ou o libro dunha gloria nacional.
_

Non á abstención, di Vicenç Navarro

O novo heroe do rock. É esto quedar ben entre amigos? Difusión de ideas e propostas entre xente non afín? Sexamos realistas, votemos á esquerda.
_

Comandante Fermín Muguruza

A min non é que me entusiasmen as dramatizacións que lle meten en Carne Cruda ás entrevistas, pode que para atraer a un público máis novo, nin o sei nin é importante, xa que se fan unha escolma das personaxes que ata agora pasaron polo programa (aínda que non fora fisicamente) e do que no programa falan, onde se meten, o que publicitan, e con quen, como oínte é para estar agradecido. Hai tres días, quenda para Fermín Muguruza.

Non imos facer reviradas apostas como quén cairá antes, unha Ana Pastor en TVE ou un Javier Gallego en Radio 3, o lóxico sería el, pero como a ela lle teñen tantas ganas estos que veñen agora, nunca se sabe. Imaxínense o que nos ven aí, con Muguruza aínda vetado nas comunidades de Madrid e Valencia.
_

Noticia de penúltima hora local

O ex presidente de escaleira da comunidade do edificio Ansar, sito no céntrico e caro barrio de Ansariño, recoñecido oftalmólogo ao que mesmo lle deron un premio en Atlanta, Georgia, e fillo predilecto desta cidade, explica na súa recén publicada biografía os motivos polos que decidiu no seu día presentarse como candidato ao cargo que as urnas lle concederon, cargo que ostentou con man preclara e mente de ferro durante oito interminables anos. Nin as escaleiras quedaron.

En declaracións a un coñecido xornal de Madrid do que non imos dicir o nome porque non se lembra del nin o corrector, o biografiado asegura que é a primeira vez na historia da nosa democracia que un cargo da súa categoría e responsabilidade explica o seu porqué, espindo a alma ante quen foi o seu electorado.
_

Un paxaro dominicano no manglar de Madrid



Imos con algo fresco, abrir as fiestras aínda que co ar entre tamén a megafonía das eleccións. Este fenómeno é un cantautor moderno, imaxinativo, experimental, tóxico, cun aquel dos 80, dominicano que vive en Madrid. A canción pertence ao EP que editou este ano, Dulus Dominicus, e ofrece máis rock’n’roll que moitos grupos de rock’n’roll.

Dulus Dominicus non é un salmo de igrexa, é un paxaro endémico de La Española (Haití/República Dominicana) ao que alí lle chaman cigua palmera e voa como ave nacional. Aquí presumimos de voitres e quebrantaosos.
_

E non hai unha app para o iPhone?

“Creo haber sido consecuente con el joven que fui. Creo que me encargué de asegurarlo cuando canté sobre los riesgos de envejecer. Abordé el tema varias veces durante el viaje en el Playa Girón. No me quise dejar escapatoria y me advertí de sillas tentadoras, de cansancios y otras oportunidades. Incluso cuando dije, en “Oda a mi generación”, “sigan exigiéndome cada vez más, hasta poder seguir o reventar”, sabía que nada ni nadie me pediría más que yo mismo. Claro que ahora hay un acumulado de vivencias, pero las distancias que pudiera notar de entonces a hoy son más por biología que por convicciones.”

“Yo esperaba ver caducar mis canciones. Habría sido feliz con eso, porque los males que señalé estarían superados y las metas que soñé habrían sido superadas. Más bien me contraría que la realidad no deje que envejezcan. Ojalá mañana mismo dejaran de tener sentido.”

Silvio Rodríguez

Esto e máis nunha entrevista en kaosenlared; hai aí, e en Rebelión, e na propia web do trovador, Zurrón del aprendiz, material para unir puntos sen morriña, sen vicios de cantautor ancorado no seu discurso plasta.


_

Eran todos do Deportivo

Non volverei ver, polo de agora, un partido do Celta en Cacheiras, e menos un derbi. Alí estaba eu, unha oliva cercada por 50 caníbales con xersei de marca, berrando, a tele a un volume de concerto de rock, o verde da herba cegador. Non deixarían de min nin as sobras para o can. Cando o gol en propia meta escapóuseme un comentario confiando en que ninguén me escoitaría. Trabucábame: todos desviaron a ollada do televisor hacia min cunha frase escrita na fronte: a por el.

Non é o mesmo ser valente que suicida, así que paguei o viño e largueime. Volverei despois de falar con Abel Caballero, cando me preste o apoio loxístico preciso para enfrontarnos ás hostes de César Augusto Lendoiro. O piano de cola que usa para inaugurar prazas tamén vale.
_

Canción dos mobles da caverna



Non é tan doado escribir unha canción de amor, aínda que a industria se empeñe no contrario coa súa opulenta batería de novidades, a industria e a historia; matamos un mamut, metémonos nunha caverna, descubrimos o lume e sentamos a cantar cancións de amor, aínda seguimos. Segundo os enterados esta canción non é unha canción de amor senón que vai sobre drogas, vaia, e cal é a diferencia? Con razón hai que controlar os sentimentos.

Esta canción de Coque Malla (outro co que quedas mal se saes a defendelo) foi moi popular a través dun anuncio de Ikea. Ao mellor non quería falar nin dunha muller nin dunha droga, e si dos mobles da caverna. Nada cambia para nós, gozosamente.
_

Emigrante sen posibilidade de retorno

Cando puido tornar decatouse de que o país, a terra, o mar no que nacera, xa non existía, onde vai, que fixeron con el, quen son os responsables do que Manuel Rivas chama o escamoteo? Aproveiten para lelo antes de que tamén a el o desaparezan, como na Arxentina de Videla pero seica dentro da máis intachable legalidade.

Non o conta por cego pesimismo, é que lle enxertaron uns eucaliptos, tres rotondas, un paseo marítimo e un AVE na cachola. Que tópico, verdade?
_

Versión de Rosalía de Castro

Onde vai que morreu a lingua galega, cando morreu Rosalía de Castro, cando naceu Rosalía de Castro, cando morreu a nosa avoa, chal negro de la contra a cabeceira da cama, unha biografía de San Agustín, non lle coñecín parella, un tuberculoso morreu esmagado na canteira, non, tío, non te poñas en evidencia, cando Ferrín foi acertadamente elixido presidente da academia de anacardos da RAG.

Falamos unha lingua morta, o que ten moito máis mérito que morbo, síntoo polos intelixentes que aínda buscan na lingua matar ao pai, e tampouco odio a Galicia Bilingüe, só me producen unha mágoa científica.
_

Os cadrados ventos do miserable



Agora que estamos supostamente coas eleccións non me sae da cabeza Paul Heaton, non pola voz nin as cancións, aínda que sexan inseparables desa tranquila turbomix do talento. Non son tan pesado tendo en conta que son quen de escoitar 50 veces unha canción no mesmo día; poño a ligazón por segunda vez á entrevista que lle fixeron en Efe Eme.

Difícil moi difícil escoller unha canción súa, así que tiro pola tanxente e vai unha versión dos Smiths. Ao que non lle guste que fale comigo. Non é proselitismo, só ganas de sangue.
_

Non votarei a IU

Ignoren aos dous que van despois e quédense con Isaac Rosa (está mal dicilo, xa o sei):



Cómodo e doado gañador do debate a cinco de noutronte, IU, Gaspar Llamazares, #llamazaresfuckingboss. Non votarei aos seus porque teño a quen votar aquí en Galicia, aínda que as veces teña gañas de matalos. Si, será FPG se deixan no pobo ou Bloque, qué pasa, Vargas Llosa escribe publirreportaxes para o esperpento de Rosa Díez e a nós van chamarnos tendenciosos?
_

The complete banker en Dublín


_

Paris Hilton mercou uns pementos en Belvís

Era a segunda feira do outono do Mercado entre lusco e fusco (+ magosto da asemblea de San Pedro). No cartaz poñían castañas, comida e bebida “todo o tempo na barra”. Espazo de troco. Cumpriron, claro que cumpriron, non fai falta que nolo conten para saber que cumpriron, a non ser que queiran matarnos de envexa aos que non estivemos alí.

Ao día seguinte, en La Voz de Galicia, xornalismo serio, metían no mesmo saco ao Mercado e Paris Hilton: casualidade, despiste ou aforro de espacio? Nada deso, por alí pasou a rica, loira, hierática e sensual celebrity, para pillar uns pementos de Padrón.
_

Trofeos de caza maior

Os fans de Metallica puxeron precio á cabeza de Lou Reed polo disco que perpetraron a medias, Lulu. Polo de agora non hai constancia de que os fans de Lou Reed puxeran precio ás cabezas do grupo anxelino, ou non lle quedan (fans) ou os neoiorquinos van de civilizados.

Na política do presidente de todos os galegos de arrasar Galicia nada fica ao azar: os xabarís tamén deben desaparecer.

Paredes furadas por cornos de veados, canteiros de porcos feros e a cabeza de Lou Reed coa boca atoada de billetes.
_

Nanorrelato que si lle enviarei a El País

Corto e pego do propio xornal, sección política, con esos laranxas tan atrevidos que se gastan. Enviareilles un nanorrelato escrito por un dos seus (a lo menos suponse que estará en nómina), Javier Martín, Obama-McCain, sí; pero R&R, no (un título case sobrenatural, por dicir algo):

“En tierras de bipartidismo absoluto casi todas las teles autonómicas programaron el debate. La excepción corrió a cargo de uno de los reinos del PP, Galicia. Tele Galicia pasó de Rajoy. Ni en sus dos teles ni en sus emisoras de radio recogió el debate en directo. Siguió con su programación habitual, el capítulo 121 del exitoso serial Padre Casares.”

Tamén xa lle vale, qué é eso de “Tele Galicia y sus dos teles”, TVG, coño, que vivimos tempos propicios para chamarnos a ofensa, aiváloquenosallamao, tele galicia, pos anda que vos, jo, en Tele Galicia, ademais do Padre Casares, temos a Gayoso e a Superpiñeiro, e unha poetisa un-der-ground que reinterpreta en horario de máxima audiencia os clásicos de Juan Pardo que non escoitou na súa vida, quero un avogado pero xa.
_

Nanorrelato que non lle enviei a El País

Tiñan que cubrir a campaña electoral e non dispuñan de 540.000 euros como Rubalcaba e Rajoy, os titáns da telexenia (esa enfermidade tan rara), polo que decidiron incentivar aos seus lectores para colaborar e sentirse escritores e xornalistas por un día. Tres coleccións de premio para o gañador do concurso, todas da casa: relatos breves, poesía e música clásica. Máximo: 280 caracteres. A Vargas Llosa gardáronlle a extensa tribuna do domingo para que pedira o voto por UPyD como interesante complemento do PP.

Estou con El País, en canto me pareceron máis ríxidos e artificiais os debates dos xornalistas, dos sisudos analistas, sobre o debate, que o debate dos líderes políticos. Como diría Sampedro, para qué queremos liberdade de opinión se non temos liberdade de pensamento.
_

Un coñecido empresario de Vilalonga

Hai un blog que parecemos ler todos os lilainos da diáspora (agás o cool Manuel Jabois), As Cousas de Sanxenxo. Non escribo diáspora por fardar ou esaxerar, trátase máis ben deso tan de moda gracias ás axencias de cualificación que chaman profecías de autocumprimento, inda que non teñamos onde, fuxiremos. Nunha profecía de autocumprimento reparaban a semana pasada na citada bitácora: Paz Lago será a nova alcaldesa do pobo. Borrárana das listas para recuncar no Senado, polo que lle foi chorar a “un coñecido empresario de Vilalonga afincado na Coruña”. O coñecido empresario de Vilalonga púxoa en contacto co presidente de todos os galegos, quen á súa vez rectificou a Louzán para que a incluíse como candidata ao Congreso, coa fin de engordar o seu currículo e poder convertila na indiscutible sucesora de Catalina. O empresariado local concederíalle a súa bendición.

Garda certa semellanza con outra profecía desas: Ana Botella, a amada dona de Josemari sin Complejos, será alcaldesa de Madrid, mais aí non me meto, se queren saber algo do asunto poden ler a Jabois, que para algo ascendeu ao lexítimo prestixio do xornal El Mundo, para falar de mulleres e pallas, basto voyeur da prosa de Francisco Umbral (a envexa corróeme, unha vez máis).
_

Esta noite no Maycar













Nun par de horas comeza o circo da campaña electoral, un ruidoso circo dentro do tétrico e ruidoso circo da democracia; trapecistas, funámbulos, pallasos, homes-bala, domadores dos drogados leóns do Congreso. Todos á rúa armados de vasoira, barreño e cola, porque o marketing non puido desterrar nin tan históricos instrumentos nin a vontade dos afiliados, malia ser a democracia unha ditadura do marketing, ou precisamente por eso.

Afortunadamente para Pablo Iglesias, Felipe González pasou rápido de Pablo Iglesias, co cal hoxe en día non identificamos ao un co outro. Este valo, de feito, é inconcibible nos nosos días. Vémonos logo, que hoxe vaiche ser boa.
_

A estereotipada chamada da ministra

Chama a ministra de cultura, Ángeles González-Sinde, a Santiago Auserón; o xurado, un xurado, concedeulle o premio Nacional de Músicas Actuales. Non sei como consiguen os números de teléfono, non creo que alguén como Auserón coincida con xente do poder en festas mundanas, oe, pásame o teu número, podes pensar en política ou sexo, en economía sempre, non, non creo que fora así, ansiolíticos telefónicas (idealicémolo un pouco).

A primeira vez que o escoito, Nacional de Músicas Actuales. O famoso xurado argumenta a súa decisión con estereotipos, mais o premio suponse que o merece. Opina Diego Manrique, quen sería máis normal que tivera o seu número.
_

O que eu sempre dixen de Tony Blair

Pero ben explicado, que para eso o artigo é de Vicenç Navarro. Non pretendemos facerlle a competencia ao Proceso de rexistro, ou si, queremos roubarlle ata o derradeiro lector, pero non sei eu se daremos. Lean, lean (a este paso voltaremos aos tempos nos que a alfabetización será considerada perigosa e, agora, antidemocrática).

Ler unha merda detrás de outra, aí non hai problema.

Les o Proceso de rexistro? Es un pringado.

Les A caixa de texto? Fin de semana en Las Vegas con todos os gastos pagados, entra no noso Facebook.

Primeiro hai que ler o artigo de Vicenç Navarro, amigo. Entendelo non é difícil se fuches á escola e aprendiches o básico.
_

Suicidio do libro de matemáticas

Algúns fixo que o coñecen, por que se suicida un libro de matemáticas? Porque ten moitos problemas. É un chiste malo, mais cando cho conta a túa filla, vivíndoo e sen enrollarse, riste, con baba ou sen baba, riste. Xa se sabe, un chiste malo ben contado ten gracia, e ao revés, un chiste bo mal contado irrita. Un, que é un negado que nin sequera o tenta, sabe do que fala.

Os petit-suisse (normandos, non suízos) obran miragres dentro dunha xeración; á súa idade o seu pai non sabería nin o que era o suicidio, sen entrar en valoracións morais, e para ela é unha palabra comprendida máis.
_

Un regreso que se quere honrado



Quen o ía imaxinar, estamos afeitos a que volvan xuntarse grupos coa pretensión de demostrar que teñen algo novo que dicir. A pre-ten-sión-de-de-mos-trar, así é, non o achaquen á miña pedantería (que se o prefiren adiante). Sempre se me antollou máis criticable eso que o evidente interés en explotar unha marca de réditos deficientes. Política Antonio Vega, os cartos nunca veñen mal, e a min nin che conto. Antonio Vega si, Jane’s Addiction non, podería resumirse.

Regresan os Primitives, de existencia tan breve como o seu grande éxito, Crash, dous minutos e medio. Pode que tampouco traian nada de interese, pero é unha desas reunificacións das que te alegras, e non da reunificación de Alemaña.
_

Ten a ONU tantas portas como festas

Sábese do poder de organizacións como a UNESCO, semellante á concellería de cultura e deportes de calquer vila, organiza as festas patronais e mesmo trae ao adestrador do Real Madrid para que imparta unha conferencia maxistral no Pazo de Congresos. Malia tan pírrica capacidade de mobilización, os EE.UU. non lle perdoan a simbólica decisión de admitir a Palestina como estado membro de pleno dereito. Os maiores, a ONU, xa lles dixeran que non hai unhas semanas. É como se pretenderan agora entrar por unha porta traseira.

As represalias foron fulminantes; EE.UU. retiroulle o apoio económico á organización, despoxándoa do 22% do seu orzamento, e Israel acelerou a construcción de colonias nos territorios palestinos ocupados, e os países que votaron a favor que se preparen porque poden quedar sen festas e sen patrón.
_

Arquivo do blog

Outro

A seguir

ecoestadistica.com
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet