Non ían desencamiñados, unha mágoa























Ou son de Compostela ou aquí estableceron a súa base de operacións. Din practicar shoegaze-dub-psicodelia. Como se pode apreciar no single de adianto do seu segundo disco, que semella unha variante do Kill all hippies de Primal Scream, os indies non lles caen nada ben: o indie onde vai que non é indie, na industria mandan a hipocrisía e o conformismo e eles si representan tanto o risco creativo como a marxinación que se lle supón a un grupo underground. Serán Primal Scream uns vendidos.

Atraeume a portada, sinxela e de clara mensaxe. Unha Bodoni con manchas e unhas gafas de pasta, símbolo indie, con pingas de sangue, sobre un papel gris engurrado. Funciona. Unha mágoa que mencionen aos Smiths na canción, comigo que non conten.
_

No silencio do salón



Este tema é un dos cinco que inclúe o EP que ven de publicar Daniel Rossen, un dos membros de Grizzly Bear. Titúlase Silent Hour/Golden Mile. Seica o gravou como terapia de illamento tras o espectacular e imprevisto éxito do último álbum do grupo, Veckatimest. Voga o seu afán experimentador hacia espacios máis tradicionais, sen repetirse e sen perder identidade e sen caír nesa moda do retro que se conforma con imitar de xeito máis ou menos convincente.

Quen queira pode entreterse buscándolle referencias: atopalas non lle restará orixinalidade ao traballo. Soberbio malia as letras. Para escoitar no salón cos ollos pechados (volume, maría), viaxar, deixarse de libros de autoaxuda e meditacións en DVD.
_

Se non abre a boca

Saberán desculpar os xentís lectores a escatolóxica historia que me dispoño a contar, comprendendo os motivos que a elo me obriga o sentido do deber e a xustiza, palabras, aproveito para llelo comunicar, que xa non poderán adquirir nun bazar polo ofensivo precio dun euro cada unha, pois foron nacionalizadas polas forzas da dereita sen medo a contradicirse e agora suben na bolsa a unha velocidade que os expertos califican de histórica.

Corrían días de descontento entre as pernas do alcalde, chegando a arder contedores e neumáticos que cortaban o acceso a zonas sensibles do seu poder, polo que, cunha coraxe e capacidade de lexislación que a historia, sen dúbida, honrará, decidiu adicar o pleno a redactar esta proposta de resolución.

O rapás, é que si non caja, non queda a justo.
_

Antonio Luque pásase aos Pixies



Esta podía ser unha canción dos Pixies, tanto pola violencia doméstica que narra como polo son, unha melodía que cabalga cos catro xinetes do apocalipse. Só lle faltan as voces de Frank Black e Kim Deal. Chegar á furia do grupo de Boston non é doado, aínda que ao andaluz eso non lle vaia preocupar tanto como preparar unhas ovas de pescada no seu punto.

Así é o seu novo disco, ¡Menos samba!, un desfase, un imos gravar rápido e meter de todo, sen pensar na obra-perfecta-acabada (con baldosas luminosas), hedonista e alporizado e divertido e, como sempre, enxeñoso.
_

Baldosas luminosas a 887

Onte deron a coñecer máis cifras da Cidade da Cultura. Suponse que ten que saír no DOG, non na tele. Licitaron para o edificio de Servizos Centrais mobles e outras dotacións por valor de 347.249 euros: cadeiras, por exemplo, a 333,5 cada unha, butacas a 590, papeleiras-cinseiro a 483, a lista é longa mais eu quédome co máis imprescindible, as baldosas luminosas, a 887. Tampouco será culpa do presidente, príncipe da austeridade, senón do arquitecto, Peter Eisenman, ao que non lle valía unha visita a Ikea para amoblar a Súa Obra (por favor, sería vulgarizala!).

Pola fiestra ollo O Complexo como unha maqueta, non sei se colocaron xa as baldosas luminosas (baratas, non me digan, eso non son cartos). O que si ollo, o que si me cega, son as piñas escintilando atravesadas por este forte sol de marzo, luz de aceiro para os esquíos que se descolgan dos piñeiros.
_

Pregunta retórica seca

Non remataron de escanciar a sidra da responsabilidade, pero din que en Asturias UPyD podería levarse a chave do goberno rexional. Esto de ser a chave, opina o sisudo analista da vida política do pobo, pon cachondos aos partidos, tendo que esforzarse neste caso por borrar da cabeza as imaxes de Rosa Díez e Savater coas mans embaixo dos escanos. Poden pactar PSOE e IU, ou Cascos co PP. Non se lle albisca moita chave ao partido magenta, aínda que a democracia nos ensine que a democracia non existe.

O mesmo tema son as posibles alianzas entre PSOE e IU, precisas tamén en Andalucía se non queren que goberne o PP. O faquir coida que o lume ou os cristais rotos son unha mala ilusión, como o PP e o PSOE, e o marco actual impide sacarlle rendemento a unha política de mínimos.
_

Vontade de aniquilación


_

O teatro non é para algareiros

Agora resulta que no teatro non se pode celebrar o Día Mundial do Teatro. Estou en contra dos días mundiais todos, mais xa que o celebran e programan actividades, neste caso, o lóxico será que se xunten, os da farándula, no teatro, no Salón Teatro, que é a sede do Centro Dramático Galego (CDG, non confundir con CDC). A Xunta cheirábase un “acto reivindicativo” e actuou con presteza, destituíndo á directora do centro, Blanca Cedán. O comunicado oficial é un primor.

A paranoia non ten que xustificarse con vaguedades, hai que operar, extirpar este foco infeccioso que nunca está contento co que facemos, e cos cartos que se lle deron para que enredaran coas súas parvadas, mandacarallo. Que aprendan de Torcuato Luca de Tena.
_

Os extraterrestres sonche xente ben coñecida



Mandáronme este vídeo para que o colgara, o vídeo. Non se quixeron identificar, por se don Xerar Ilusión se entera. É comprensible, eu porque non vivo en Santiago, porque alí non está o patio para xogar. Medo, medo dá pisar as súas rúas! O vídeo en cuestión pois xa o ollarán, se queren, vai duns marcianos que naturalmente van arrasar con todo e dos remorsos dun neno. E a propósito do eximio alcalde compostelán: ligazón a unha páxina onde analizan todos os bailes do que é capaz sen desenguedellarse.
_

Ti que farías se naceras en Mineápolis?



Un que non ten moita imaxinación tiraríase ao tinto. Estos rapaces non. Curiosidade. Minnesota, o estado ao que pertence á cidade, é o máis frío do país, e no pasado, ou sexa aí atrás, foi capital mundial madeireira e da moenda de fariña (de trigo); agora é un centro de negocios e seica o lugar máis alfabetizado, cunha magnética vida cultural (aínda que dubido que aos de Nashville ou Nova Orleáns lles dea por subir).

A información non é máis que información. Mineápolis, cidade de auga, medio sioux medio grega, lanzada á vangarda do pasado anterior á enciclopedia, ou eso ou abúrrense moito, non sei que pensar mais a voz de Channy Cassell quere convencer.
_

Documento para a historia

Velaquí temos ao presidente de todos os galegos prantando unhas árbores simbólicas na Cidade da Cultura. Abraia o xeito co que manexa a pa, que logo lle entrega ao que será algo así como un pipa dos apeiros sempre do trinque, qué lle paso, presidente, a pa ou o lejón, pásame a pa, pásame a pa, bota un pouco de terra sobre os tenis das raparigas e comproba que o símbolo mantense vertical.

Non sei se como xornaleiro se gañaría o bocadillo de alcriques e a botella de viño, faime os rejos dereitos, Frijolito, que esto non é San Caetano. Ten razón quen me enviou o vídeo, a culpa é nosa por entrar en La Voz de Galicia.
_

Esos exemplos de prosperidade

Non se perdan a relación de empresas que dun xeito ou outro ameazan aos traballadores que pensen secundar a folga do 29 de marzo publicada por Galicia Confidencial, con intimidacións que se poden resumir nun se mañá vas á folga xa podes esquecerte de vir traballar o luns. Seguimos dereitos hacia o maio de 1886 en Chicago e máis atrás, a un mundo de ratas e escravos, con cóengos de gravata italiana e iPad 4G.
_

Din que a herba é verde

Deixounos a finde de fútbol un sabor agridoce, como cando saes dun retrogravado restaurante chinés pero sen as desesperadas gañas de cepillarte os dentes e largarlle un grolo de xenebra (un que é moi limpo ou moi borracho). Inigualable exhibición do Barça durante uns cantos minutos e empate do Madrid, aínda que non sirva de nada. O Celta perdeu sen danos significativos hacia o ascenso. Un día malo nas Palmas teno calquera.

Que o Deportivo vaia primeiro non é algo que quite o sono; co repaso que vai levar en Balaídos os xogadores quererán deixar a profesión, un adicarase ao cultivo do percebe en catividade, outro montará un ximnasio, e Lendoiro será por fin alcalde.
_

Receita de libros á grella con vinagre balsámico “Democracia”

“Non hai documento de cultura que non o sexa, ao tempo, de barbarie”. Walter Benjamin

A frase lembrábaa o outro día Manuel Rivas. Hoxe esa boísima persoa que é Juan Cruz chamáballe bárbaro a un que quería incendiar a librería Machado de Madrid. O canario mostrábase estupefacto, como se ese tipo de vandalismo non se correspondera cos democráticos tempos que vivimos, e por suposto escandalizado, porque os libros son “materia sagrada de lectura, de conocimiento y de concordia”. Serano para el, que só traballa sobre as estadas da cursilería e o pensamento oficial.

Os libros non son bos en si mesmos, segundo os canons hainos bos e malos, e a última palabra sempre a terá o lector, que pode ser un lector bo, malo, potable, brillante, incendiario...

Que clase de lector es ti? Eu debo ser malo como a fame.

De calquera xeito o que me interesou de tan emotivo e ben levado relato foi que o tío “lanzó objetos contundentes (sillas que robó del bar de al lado) contra la potente cristalera, y luego intentó incendiar el interior lanzando contra las vidrieras deterioradas por él pastillas incendiarias propias de los asados y las barbacoas”.

Non leu as instruccións das “pastillas incendiarias propias de los asados y las barbacoas”, que inda por riba lanzábaas. Si home si, fixo que en Alexandría, cando o da biblioteca, tamén usaron “pastillas incendiarias propias de los asados y barbacoas”.

E os etarras, toda a vida con “pastillas incendiarias propias de los asados y barbacoas” nos petos, que nunca sabían cando as ían poder empregar.

Os libros arden mal, por certo, non é un título de Rivas? Non me estraña.
_

Outro logotipo para estafar á xente


















Teño que ler máis a prensa salmón, un valor seguro. Novagalicia crea unha marca para operar península adiante e eu entérome por unha páxina de deseño na que analizan a súa imaxe. É como se non nos quixeran deixar descansar dende que comezaron coa fusión das caixas, que tamén se pode entender como unha fisión atómica. Liberar enerxía, si, rescatalos por duplicado para que os directivos se prexubilen como maharajás.

Autodenomínase, nun exercicio de redundancia, banca intelixente, porque banca parva non se coñece en ningures. A min poden chamarme demagogo e curto sicario da revolución pendente untado, de unto, por Hugo Chávez.
_

Diñeiro e mentiras



Trátase de Paul Ansell, un inglés de outra época e lugar. A canción é do ano pasado. Como o vídeo soa tan mal, non lle rende xustiza á canción, e polo de agora non a consigo, deixo a súa ligazón a Spotify, e como a merda de Spotify só deixa escoitar a mesma canción cinco veces, aí vai a fonte, o podcast de El Sótano de Radio 3, a partir dos 22 minutos e 30 segundos.
_

Un deseño dos que desmoralizan

























Esta é a portada dun single do penúltimo grupo de Fernando Alfaro, Chucho. A canción, para os que seguimos a carreira do albaceteño (porque a súa é unha carreira e non a de outros), é ben coñecida, mais nunca reparara eu na portada do EP, que é xa obxecto de coleccionista. O rapaz sabe escoller deseñadores e ilustradores. Din con ela, coa portada, buscando traballos de Javier Aramburu, que non é o autor aínda que traballou sobre ela, facendo adhesivos promocionais.

O debuxo lémbrame un pouco a Agustín Sciammarella. O deseño ven dado; escolleron unha letra de contraste, non como Aramburu que se foi a unha terrorífica: dá igual porque as dúas funcionan. Véxome quecendo pola banda durante 300 anos.
_

Réquiem pola faneca brava

O carallo do director do Proceso de Rexistro decidiu, unilateralmente, baixar a persiana. Que publiquen outros. Pode ser unha decisión moi intelixente, mais dóenos ficar sen a primeira lectura da mañá, co café e o cigarro que pronto nos prohibirá o médico. Adeus Trabajar cansa de Isaac Rosa e adeus Proceso de Rexistro.
_

Cando unha foto é unha foto
















- Ola, es o presi de Afganistán?
- Si, son eu, Hamid Karzai.
- Chamábate polo asunto do soldado ese noso ao que se lle foi a pelota.
- Xa.
- Que o sinto moito, en fin, xa sabes que estas cousas pasan cando se loita contra as ditaduras e o narcotráfico.
- Si, home, tranquilo, gracias por chamar.
- Todo ben, entón?
- Todo ben.
- A familia?
- A familia ben. A semana que ven o mesmo imos á ópera aí en Nova York. Ah, Don Giovanni, Mozart...
- Así que vides a semana que ven! Pois chama antes e quedamos, coñezo unha hamburguesería a carón do Metropolitan impresionante.
- Vale.
- Xenial. Que tal a colleita deste ano?
- Impresionante, dígocho eu.
- Xenial, xenial, pois nada, quedamos, déixote que teño choio que non dou feito.
- Pois nada, vémonos, saúdos a Michelle.
- Igualmente, un pracer como sempre falar contigo, vémonos, chao.
- Chao.
_

A galaxia queda en Cangas

Xa postos. Que un futbolista, profesional en activo, que non pertence á disciplina nin do Madrid nin do Barça, solte nunha entrevista, con obscena simpleza, que o primeiro “xoga mellor” que o segundo, só se explica pola ansiedade e a estupidez de gañarse un titular, de saír na portada da sección de deportes do xornal de prestixio.

Coido que nin sequera son equipos comparables; como dicimos aquí regularmente, tódolos títulos para o Madrid. Se me apuran, o Celta xoga mellor que os mandados de Mourinho.
_

Eloxio da elasticidade



Aquí conflúen como globos de luces amarelas as opinións do Proceso de rexistro e de Hoy empieza todo, o programa de Radio 3; ámbolos dous consideran que Portico Quartet é a suma, ou superposición, de Radiohead con John Coltrane. Eu, que son de natural revirado, disinto, por deporte, non porque garde nada contra un ou outro: porque esa suma está máis preto de Erik Truffaz, corenta en bastos.

Erik Truffaz digamos que era inevitable que fora suízo, poden consultalo en Google, fichou pola mítica Blue Note e fai o que lle peta con calma, ou eso aparenta, antes chamábanlle acid jazz, pero hoxe non quero discutir.
_

Estás con Ángeles Pedraza ou Pilar Manjón, quintacolumnista

Aí atrás apuntaba Raúl del Pozo que agora os xornalistas queren ser, directamente, columnistas, insinuando que se saltan algúns pasos da realidade, esclavina de perlas e bordón que se pode pillar de oferta en eBay: vontade de estilo, ou sexa de sinatura, e un distanciamento, ofenderíalles chamalo cinismo, que lles permite ollarse ao espello, á hora de afeitarse, sen sentirse uns primos, como se escribir non fora, en xeral (sempre haberá excepcións), un acto de inxenuidade.

Atópanse, entón, ante unha inxenuidade dobre, pero nunca deben tomar demasiado partido, desexan posuír unha visión global que lles ofreza ilusión de poder e non os comprometa á hora de medrar. Dase nas facultades: os mestres (Camba, Umbral?) son malos para os pupilos. Queren causas e nomes? Pois non hai.
_

A culta linguaxe da corrupción

"Aqueles que utilicen o nome de calquera político en van, incluído o do presidente da Xunta, terán que enfrontarse a ese tipo de procesos nos que están incursos". Frijolito

Que non se diga que non saben palabras os políticos cando sentan na cadeira de veludo do poder. Téñoo claro dende hai tempo: cando non sei o que significa unha, non consulto un dicionario, pregúntolle a un ilustrado político. Incurso, menos mal que a difusión desta bitácora pasa desapercibida, que é un circunloquio para dicir que me len catro gatos, porque senón xa estaría incurso nun proceso á altura da Santa Inquisición, con tódalas veces que tomei o seu nome en van, nobody spects the Spanish Inquisition! Nobody spects a Frijolito!

Avisados quedan todos aqueles que se poñan a escaravellar onde non se debe, Frijolito é home de palabra, non hai máis que lembrar o fotografiado contrato que asinara cando foi proclamado presidente de todos os galegos con Galicia S.L., esa empresa que tantos beneficios lle garante aos seus correlixionarios.
_

Gallardón e o método Stanislavski



Unha actuación da neoiorquina Fiona Apple con Elvis Costello & The Imposters. Filla de cantante e actor e moi coñecida por un “carácter difícil”, padecendo na infancia conductas antisociais e un trastorno obsesivo-compulsivo, violada aos doce, desto xa se falou, semella aplicar no escenario as ensinanzas do actor e director ruso, ou mellor dito, a súa rutina debe ser o método Stanislavski. Sobran, aínda que nunca sobren, mulleres dotadas de mellor voz e formación académica e orixinalidade e o que un queira. A beleza asóllalle certo terror frío dos ollos.

Lembreime dela a raíz da que armou Gallardón co asunto do aborto, exercendo de voceiro da rancia, miserable dereita católica española reabrindo un debate superado pola maioría da sociedade en virtude exclusiva das súas taras e intereses, como se as mulleres foran idiotas, “violencia de género estructural”, é para matalos, para negarlles o teatro.
_

Aparcar no pobo está imposible

A Garda Civil irrompeu na Xerencia de Urbanismo do Concello de Sanxenxo, orde xudicial na guantera do coche discreto, imos revisar uns papeis e levarnos algunhas copias compulsadas, un par de días como moito, maiúsculas, medios de información, colisión de placas tectónicas, a falla de San Andrés é a espiña dorsal dos negocios da bisbarra e o sisudo analista da vida política do pobo non sabe que pensar, encoñado como está cunha aparelladora de Valladolid.

Catalina din que está tranquila, plácida, O Puma segue deixándose a saúde polos veciños a bordo do seu Mercedes case de época, algúns desagradecidos botan pestes. A pregunta do sisudo analista é onde aparcaron os picoletos sabidos.
_

A realidade é algo moi complexo, ignorantes






















Agora que o penso puxen as frechas ao revés. Debía comezar en Bankia hacia El País, do xornal ilustrado aos relatores destacados (a listaxe de mentes preclaras é longa, aboiando entre Rodrigo Rato e Ana Botella), unir estos co asunto sobre o que van iluminar aos asistentes e pechar o círculo no banco.
_

Problema de lóxica (Les problèmes de logique du maire)

Este é un exercicio para os estudantes de filosofía, aberto tamén aos propios filósofos, que deberán demostrar porqué son filósofos e non avogados ou vendedores de seguros. A ver quen é o Ludwing Wittgenstein que nos aclara aos mortais a seguinte sentencia de don Xerar Ilusión, pronunciada por el mesmo nunha homenaxe a Rosalía de Castro: “Entre o bo e o galego, eu quédome co bo”.

O galopante afrancesamento do subtítulo é que mo pedía o corpo, porque eu, entre o francés, o galego e o bo, ui, xa me estou liando, en fin, que pensen os filósofos, que é o seu traballo e por eso cobran.
_

A taberna Rikitrí cumpre 25 anos



O ano pasado veña a certificar a defunción de medios galegos, que caían como fichas de dominó, soldados de papel que sobraban, familias que sentaban arredor dunha gorentosa pota de lentellas, ese eterno símbolo da supervivencia e a dignidade. Este ano non. Resistencia (outra vella palabra que debera gozar da súa xubilación) e desenfado. Podes ser intelixente, ambiguo, moderno, ambicioso. Aos cínicos de hoxe non lles interesa Séneca. Escribo en El Mundo ou El País, escribo en castelán pero tamén sei escribir en galego, olla, “soy la firma más mordaz de un suplemento semanal”.

Hai unhas semanas saiu Praza Pública e onte Dioivo. Contar e contrariar é o lema desta última publicación. Botar luz onde non se quere: Islandia recoñeceu o Estado Palestino, coas fronteiras anteriores á Guerra dos Seis Días. A canteira do Celta conduce ao ascenso. Tolos, inxenuos e pouco serios, agardo que melloren a navegación da web.
_

Arquivo do blog

Outro

A seguir

ecoestadistica.com
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet