Segunda estimación da folga

Do mesmo xeito que esta folga foi un fracaso anunciado, tamén pode ser, dende o día despois, un éxito sen precedentes.
_

A gracia do espírito é negociable

A visita do Papa a Barcelona e Santiago costaralle á administración 3 millóns de euros. A administración pública limítase a administrar os seus cartos, non os nosos. O Sumo Pontífice será recibido polo presidente dun goberno aconfesional, ese ateo radical que responde ás siglas ZP. O secretario xeral da Conferencia Episcopal Española, Juan Antonio Martínez Camino, iluminado polo verbo do Señor, evitou a polémica: será un negocio espiritual e económico.

En verdade vos digo que a Igrexa Católica sabe de números máis que un economista da Escola de Chicago. Xa o dicía Evaristo coa Polla: “Compre un pedazo de cielo, pagando la cuota mensual. Salve Regina, Mater Misericordia”.
_

Primeira estimación da folga

En Santiago case todo o pequeno comercio pechou. Na zona vella. No ensanche eran máis de abrir e moitos abriron ata que se viron intimidados pola chegada de piquetes (non houbo máis violencia salientable que unha carga policial contra manifestantes en Santiago de Chile). Como para facer un estudio sociolóxico.

Os grandes abriron todos, algún con impedimentos menores, comenzando polo Eroski que teño ao lado do piso.

Tarasca e Curruncho pecharon ás doce, hora de inicio da folga, ou pasaron directamente de abrir. Tampouco é moito dicir: que o Tarasca non secundara a folga significaría que o mundo está definitivamente perdido. O carallo é que non din nada de outros locais, como por exemplo o Maycar.

E os que saen de marcha entre semana, fixeron folga? saíron celebrala? improvisaron piquetes invertidos porque se atopaban cos seus garitos preferidos pechados? Esta tarde preguntarei no bar.
_

Os deportistas de élite tampouco chegan a fin de mes

Agora resulta que Contador deu positivo por clembuterol. Agora non, o 21 de xullo, durante o Tour. A cantidade que lle detectaron é unha millonésima parte da sustancia, non serve para elevar o nivel de rendemento deportivo. Broncodilatador e desconxestionante, prohiben administrarlllo ata aos cabalos. Estaba no seu corpo, defende o ciclista, debido a uns filetes de carne en mal estado. O caso é que UCI e Axencia Mundial Antidopaxe consideran que unha análise é positiva sexa cal sexa a cantidade de fármaco ilegal revelado.

Tamén xa lle vale, xantar unha carne dubidosa porque “era unha mágoa tirala”. Podería andar Armstrong detrás, inxectando o clembuterol nos filetes. Armstrong nunca foi moi apreciado en Francia e de todos é sabido que non hai mellor amistade que a baseada no interés mutuo por foder a outro.
_

Edificio de esnobs

Cruceime no portal co presidente da comunidade, quen ladeou sen discreción a cabeza para ollar mellor o que levaba na man: un disco de Duke Ellington e John Coltrane, seica de portada inesquecible, que me pasara un amigo. Se con ese xesto non denunciara o meu propio esnobismo ata podería presumir de presidente de comunidade (que tampouco teño nada malo que dicir del).

- Qué buen disco. Te gusta el Jazz!
- Bueno, non a todas horas.

Qué liña separa o esnobismo da fame de deleitarte con algo novo (sexa antigo ou contemporáneo) e un mínimo bo gusto asimilado? O presidente da comunidade non sei, pero eu inda non din con esa liña.
_

Antón está de viaxe (X)

- ¿Me desnudo ya, mi amor, o prefieres que vayamos... más despacito?
- Desnúdate. Como diría Brais, es “más coherente”, jaja.
- Me dá la impresión de que ese tal Bras es un capullito de mierda, si me permites.
- Oh, no digas eso... es un primo mío muy inteligente.
- Ya se le nota, ya.
- ¿Por qué lo dices?
- Nadie dice “es más coherente”, por Dios...
- ¿Por qué? ¿Qué tiene de raro? ¿Tú sabes lo que quiere decir coherente?
- Oye, ¿por quién me tomas? Seré puta y no fui a la universidad, pero sé lo que significan las palabras y cómo las usa la gente según es. “Es más coherente” huele muy mal.
- Bueno, vale, profesora, ¿qué tal si nos dedicamos a lo nuestro, eh? Ven con papá, berberechiño, anda.

O touro embestía á coelliña de neóns intermitentes contra un ceo de ferro, axuntamento longamente silenciado polo Douro, fronte aos lucernarios miróns da catedral. Alex ordenara que alguén fora á cidade por caviar beluga e champaña potable; mentras Paola lle quitaba os zapatos cerimoniosamente, actualizaba o GPS; 268 km. para Madrid, saída segunda cara á E-82/A-11 en dirección a Toro/Valladolid/Madrid/A-66/Benavente, oh, mi angelito usa calcetines de cash-mere, incorpórese á E-80/A-62 mediante a rampla cara a A-6/Madrid/Valladolid/Burgos, qué suaves, dime, a un hombre fuerte como tú le gustan las cosas buenas y suaves, ¿me equivoco? tome a A-6, no, no te equivocas, preciosa, continúa ata AP-6 (sinais de dirección cara a Madrid), foron buscar o caviar ao Mar Caspio e perdéronse? estrada de peaxe parcial, ya vienen, mi amor, ya vienen, ohhhh... no prefieres dejarlo para después? no? seguro? continúa ata A-6, tome a saída 11 para incorporarse á Autopista M-40/M-40, M-40/M-40? no, princesa, espera un poco, llaman a la puerta, por fin, ya era hora, abre, anda, a ver como se menea tu culito de camarera italiana.
_

Eloxio do pan e o allo

“Tan mala era la ginebra que durante muchos años quedé saturado de tanta maldad y sólo he podido volver a ella gracias a la hipocresía del martini”.

Escribo con moito coidado de non romper nada, sobre todo non empregar palabras sancionables. Acabo de ler, ou máis ben devorar (-1), “El escriba sentado”, de Manuel Vázquez Montalbán. Non penso dicir o que me parece este libro sobre libros, autores e mesmo editores (-2). Lino tan rápido, sen ter presa, que xa non me lembro de nada.

Antes quedábanseme frases enteiras gravadas, agora reteño o recendo e pouco máis, o que tampouco é malo en si, vale (-3). Un libro escrito por un racionalista culto, é un dicir, e si, recende, recende a súa inquebrantable aposta por algo que non existe como é o ser humano; ignoro, francamente, se é que entendeu algo que a min se me escapou do marxismo ou se o seu é predisposición biolóxica, ou un pouco de todo. Recende, recende como un pan saído do forno.

Racionalista culto, é un dicir, culto, intelixente, comprometido (reivindicación de Sartre), vivido e vivo, contemporáneo, modesto no xusto e divertido, agudo, tranquilo, traballador. Non esaxero (-27). Igual é porque eu son estudiante fracasado e outros que triunfaron o ollarán como un igual, polo que nunca empregarán esta ristra de adxectivos que denota acomplexada admiración (-29).

Esto non durará; os seus libros, este, os de Carvalho, a súa semioculta poesía, os seus artigos e as receitas fixo, perdurarán, porque como di el referíndose a escritores considerados menores polos cultos racionalistas da literatura, falaban de algo máis que eso.

Montalbán non precisa explicar de qué lado está (os lados que machacan con que xa non existen), non é un retórico nin un turista de esquerdas, pero se queren unha explicación el a dá con sumo gusto. Pasou polo cárcere (o seu pai, e el 3 anos) e non considero que eso explique ese desencanto tenaz seu; de feito, moitos da súa xeración, furiosos antifranquistas, o ano que Franco morreu xa eran furiosos anticomunistas.
_

A vespa incombustible



O novo disco de Paul Weller, Wake up the nation, é distinto ao que acostuma. Si, acostuma publicar sempre bos discos, dende os Jam. Este, ademais de bo, é máis moderno e esperta máis ganas que as que poidan xuntar moitas promesas que o NME lanza en portada a cotío (o eterno sucesor dos Smiths). Non é de estranar que o nominen todos os anos nos British Adwards, por se hai que evitar o ridículo.

Din que comenzou cos Jam aos 14. Unha bagaxe musical e un talento como compositor recoñecidos moito máis alá do mod. E con ganas de guerra. Siga así este home elegante.
_

A noite de auga

Furia dos escaparates
espellos pisados por ourizos amarelos
canicas prematuramente cegas
                                                                estandartes
as contras pechan o tempo municipal
rodando na man
                                   estrela voraz
acta notarial
que consigna pálpebras dunha victoria de abril

quédanos o queixo e o viño
como tráfico entre dúas mortes pagadas
nin Homero poderá impedir
                                                           que pasemos do pub de Ítaca.
_

Qué guapo deixaron o logo



Este é o logo de Alianza Editorial antes e despois de pasar pola clínica de adelgazamento. Actualizar deseños anticuados non é complexo. Soltas unha pasta na clínica mimética minimalista e lle quitan a graxa ao logo da túa empresa en cinco minutos, aínda que logo facturen 18 días de traballo e che entreguen o logo co seu correspondente manual de identidade corporativa, onde che explican cómo manterlle o tipo.

Ollen o esvelto e sorrinte que o deixaron, como esas persoas obesas que despois da operación asinan contratos millonarios no cine porno. Os lectores van tirarse aos libros, sobre todo se recuperan aqueles precios a lapis da primeira páxina: 150 pesetas (vale, Os Irmáns Karamazov era un pouco máis caro).
_

Haiku

é a curuxa
alarma que ouvea
o pensamento
_

Bigotes de gato

Os gatos pensan que os seres humanos non somos serios, sobre todo cos horarios das comidas e do sexo. Son animais serios, os gatos, pero non serios coma nós, serios-pesados-patéticos disfrazados de entroido, non, son dunha seriedade sen peso algún, como unha seriedade grácil, anterior, eu son así, músculo e vento, felino e adorno.
_

Fixo que Bob Woodward tamén toma a súa medicación

Conta Bob Woodward, o xornalista que xunto a Carl Bernstein revelou o Watergate, que o presidente afgán, Hamid Karzai, foi diagnosticado como un maniacodepresivo: algunhas veces toma os seus medicamentos, e outras non, polo que “non é un aliado estratéxico axeitado”. Descobremos así que a política exterior estadounidense baséase nas pastillas que lle receitan aos mandatarios que colocan no mapa. Pinochet tomábase a súa medicación relixiosamente. Batista, en Cuba, tamén a tomaba, pero un día esquecéuselle e Fidel Castro rouboulle o poder. Uribe xa hai tempo que estará automedicándose, por non dicir meténdose de todo.

Voltando a Afganistán, salienta que a CIA ten destacados alí 3.000 paramilitares á caza de talibáns. Non se distingue entre soldados e axentes de intelixencia en misións para capturar ou matar; equipos de élite con alta instrucción militar. Ou operan na zona por intereses distintos aos que nos venden, o que sería inconcibible, intolerable, ou non lles receitaron as drogas correctas.
_

Munición para o inimigo

Descubro que tardo o mesmo tempo en darlle unha calada a un pitillo que en bicar á miña filla. Adorno tal descobremento cunha das famosas frases de Oscar Wilde: “Nunca deas explicacións. Os teus amigos non as precisan. Os teus inimigos non as cren.”

- Qué vergoña, non contento con desatender as necesidades afectivas da filla, relámbese na súa intoxicación.
- Votemos se lle abrimos un expediente contencioso-administrativo-criminal.

Incomunicados, si, sen escoitar babosadas avaladas polo ministerio de sanidade en beneficio das arcas públicas.
_

Qué fixeches, Uj

Onte paróuselle o corazón ao barcelonismo e aos amantes do fútbol, agás Cristiano Ronaldo, é de supoñer, porque Cristiano Ronaldo nunca amou nin amará o fútbol. O defensa do Atlético de Madrid Tomas Ujfalusi cravoulle os tacos nun nocello a Messi como se foran cabeiros de hiena monumental e fría. Non foi tan salvaxe como din, máis ben foi unha entrada de puta. Naturalmente, o xogador checo envioulle un sms ao arxentino pedíndolle desculpas, foi sen querer, cóidate moito, sempre teu, Uj. A dor mundial que se concentrara nos xestos do pibe remitía.

O comité de disciplina ou xogo limpo ou como lle chamen da federación ten acceso ás mensaxes que se mandan os deportistas? Un lenitivo infalible; desexoulle unha pronta recuperación, ah, sendo así, e Cristiano Ronaldo tamén lle chamou, moi doído polo que pagara a Uj confiando na súa profesionalidade como predador casual.
_

Non descansará ata que consiga arruinarnos



O ano pasado Morrissey lanzou unha soberbia recopilación de caras b, “Swords”. Estrelas de sona mundial matarían por colar como single un daqueles descartes. Botamos agora contas e, claro, eran 18 cortes. Pode entenderse como a punta do iceberg que aboia entre os moitos mares das discográficas polas que pasou. Todo o sumerxido irá comercializándose con dolorosa e excitante lentitude. Suponse que os devotos confesos estamos afeitos, pero nunca acabas de estalo (deso se trata, supoño). Morrissey tirando de controversia, traizoando o que escribira cos Smiths, “Paint a vulgar picture”, cando criticaba o negocio das reedicións e as rarezas.

Esta canción foi cara b de “Dagenham Dave”, single do LP “Southpaw Grammar”. Estamos a falar da época redonda do artista (os Smiths non contan), entre o 92 e o 95. As imaxes son da película de Tony Richardson “A taste of honey”, baseada nun guión da autora de teatro Shelagh Delaney, residente ilustre no panteón de mitos de Morrissey.
_

Leccións de xeografía sentida



Hai uns cantos meses colgamos un vídeo de Vetusta Morla. Falamos do grupo como loable exemplo a seguir nestos tempos nos que tanto escoitamos queixarse aos dinosauros da industria (si, temos unha empanada que non nos soportamos nin nós). Queremos completar aquela entrada limitándonos á súa música, ao disco co que se deron a coñecer.

Como mostra daquela formidable ducia de cancións escollemos esta, “La cuadratura del círculo”. Semella un repaso aos estragos do colonialismo español, pero a emoción e as ganas poden interpretarse con plena liberdade.
_

Teoría da cor de Visa

Goethe escribiu un tratado titulado “Teoría da cor” ao que non se deixa de acudir como texto fundacional da psicoloxía da cor moderna. Hainos de maior rigor científico, pero non serven para nada (reduccionismo científico); deseñadores e publicistas en xeral apóianse consciente ou inconscientemente nel (co seu tamén de reduccionismo, qué remedio). Unha especie de biógrafo chamado Johann Eckermann refire a seguinte cita, que demostra o valor que o autor do Fausto lle conferira ao seu estudio:

“De todo o que fixen como poeta, non obteño vanidade algunha. Tiven como contemporáneos bos poetas, viviron aínda mellores antes ca min e vivirán outros despois. Pero ter sido no meu século o único que veu claro nesta ciencia difícil das cores, delo vanaglóriome, e son consciente de ser superior a moitos sabios”.

Os da tarxeta Visa e Pantone alíanse agora, 200 anos despois, para actualizar o traballo do humanista alemán, enfocándoo ao home consumidor no que nos convertemos. Nesta captura da web de Pantone (clic para ampliar) pode lerse a explicación de qué cor (perdón, qué pantone) é a túa segundo o tipo de gastador que estás feito; explicación que encabezan cunha frase moi dos nosos fascinantes días: Style. It's not what you do. It's how you do it. Réndanse.


Italia seica é un país pobre

O mercado laboral funciona, gracias ás medidas do goberno e a responsabilidade da patronal. Se tes o que se coñece por conciencia social, estás de sorte, porque non dan cuberto prazas en penitenciarías. Traballo fixo. Requisitos? Cun roubo pequeno xa te admiten, un bolso falso a unha vella pintada, ou queimarlle o coche ao conselleiro, algo así; tampouco tes que excederte porque aos grandes delincuentes xa sabemos que non os queren.

Que non se queixen os folgazáns, porque traballo hai. Se eso non é o teu, ademais, sempre podes acollerte á fórmula de Berlusconi: largarte ao estranxeiro e casar con alguén rico (en Italia, agás el, deben ser todos pobres).
_

Ela está decidida

Acabouse o aburrimento. Aproveitando o comenzo do curso escolar, Galicia Bilingüe sacou a súa carraca. Tranquilos todos os pais, que tanto esta asociación como a Xunta de Feijóo critican abertamente o uso dos nenos para fins políticos. A súa é unha batalla pola democracia e a liberdade, por eso denuncian o “adoctrinamiento nacionalista en los colegios”. Xusto é recoñecerlles tan nobres propósitos, se ben debéramos advertirlles que pecan de inxenuidade, pois non son conscientes da radicalidade, do integrismo do adoutrinamento.

Nós temos unha filla que pediu polo seu cumpreanos un avión teledirixido. Saben qué pretende? É doado de adiviñar: cargalo de explosivos e guialo contra as torres da catedral en horario de misa. Con cruel refinamento, ademáis, meteralle uns bonecos que enfeitará coa bandeira galega a modo de turbante. Para que non poida evitar o acto terrorista, xa confesou que pensa botarme algo na comida.
_

O compoñente místico da reforma laboral

A escuadra de Fórmula 1 Sauber despediu a Pedro Fernández de la Rosa. Qué rápido se aprende dos necios (pedíronlle consello a ZP ou a Díaz Ferrán?). Viva a flexibilidade laboral. De la Rosa é un piloto experimentado ao que McLaren lle debe moito; Sauber, sen embargo, semella confundir a un profesional experimentado con Xesuscristo, capaz de converter un carro de vacas escarallado nun bólido insuperable. Rescindíronlle o contrato de xeito unilateral, sen dereito a indemnización algunha, a falta de cinco carreiras para que remate o mundial.

O piloto, teimudo, asegura que seguirá pelexando para competir o ano que ven. Ía ser eu: de pequeno, foron buscarme para xogar no equipo de fútbol do pobo, xa formado por un adestrador coas ideas máis pobres que Mourinho; chupei banquillo tres ou catro domingos, ata que decidín rescindir o contrato unilateralmente. O mundo perdeuse a Iniesta, Xavi e Messi xuntos nun so rapaz, pero qué alta a miña cabeza :))))
_

O primeiro é o restaurante

Aquí non somos cinéfilos. Ningún póster de Humphrey Bogart ou Marilyn. Nunca lle lemos unha entrevista a Orson Welles ou a Jean-Luc Godard. O cine francés pasa por ser un coñazo. Malia tanto prexuicio, sabiamos dun director chamado Claude Chabrol, que xa que estaba aproveitaba para rirse un pouco da burguesía do país. Buscando localizacións para as súas películas, contan que o primeiro que facía era coller a Guía Michelín; se había algún restaurante xeitoso na contorna, aprobaba o lugar para a rodaxe.

Quere dicirse que non era un xenio redentor coa obriga autoimposta de transmitir unha mensaxe sublime. Era director de cine, si, e procuraba ser honrado co seu oficio, pero era abondo máis importante vivir, comer ben. Que unha obra mestra non che arruine o xantar.
_

Se aínda estiveran calados

Non hai moito discutían moito os políticos sobre memoria histórica. Nós estamos radicalmente en contra. Esiximos ignorancia, amnesia. Silencio, en definitiva. Aquí e en calquera parte do mundo. O sábado, 11 de setembro, aniversario do golpe de estado que acabou coa vida de Salvador Allende e a democracia chilena, o presidente multimillonario Sebastián Piñera, abriu a boca, como non. Abriu a boca non só para comer ben, tamén para soltar babosadas ferintes, como que aquelo foi o “desenlace previsible” dunha “democracia enferma”, facendo un chamamento a non ficar atrapados en “querellas y visiones” do pasado.

Está ben. Está ben. Non o discutiremos porque acatamos todas e cada unha das medidas que a oligarquía toma para esquilmar a posible decencia deste planeta. É tanto pedir, logo, que permanezan calados? Aínda precisan rirse con esa necedade criminal?

Si, Pinochet é un fillo de puta, pero é o noso fillo de puta. Claro que si, amigo Kissinger, qué razón tiñas.

Neruda deixou escrito como final das súas memorias:
“Tenían que aprovechar una ocasión tan bella. Había que ametrallarlo porque jamás renunciaría a su cargo. Aquel cuerpo fue enterrado secretamente en un sitio cualquiera. Aquel cadáver que marchó a la sepultura acompañado por una sola mujer que llevaba en sí misma todo el dolor del mundo. Aquella gloriosa figura muerta iba acribillada y despedazada por las balas de las ametralladoras de los soldados de Chile, que otra vez habían traicionado a Chile.”

Morreu 12 días despois, o puto estalinista.

Unha visión do pasado, claro, simplista e sentimentalista.

Gracias a políticos da categoría de Piñera, Obama, Zapatero, Feijóo, Aznar, Blair... O seu verbo, os seus libros, seguirán iluminando os nosos escuros días.
_

A liña viguesa do tempo


Hoxe entrevistaron a Siniestro Total en “Hoy empieza todo”, actualmente un dos mellores programas da radio musical; áxil, desenfadado, moi profesional e interesante. Para entrar no curro de bo humor e escoitando boa música, tanto novedades como clásicos medio esquecidos. Xa temos dito aquí que Siniestro non é Siniestro dende que se abriu Miguel Costas, pero non deixa de ser un grupo... necesario.

Sen saírse do guión, lémbrannos que Julián Hernández presenta unha serie de catro programas en Radio 3, coido que os luns ás oito da tarde (hoxe, o segundo). É o seu, eso e escribir no Faro.
_

O eloxio forzadísimo



Pero non busco quedar mal para quedar ben. Nin ao contrario. Pode ser máis sinxelo, claro que si. O público participando da canción cos brazos e a voz lémbrame a un concerto de Johnny Winter en Pontevedra, na Ferrería. Johnny Winter, a nós, sentíndoo moito, aburríanos. El tiña que sacar fotos; profesional, como sempre, sen deixar de ser intuitivo, honesto, esixente, intelixente e discreto.

Non se preocupen porque segue e seguirá en activo. Esto só é unha pausa que eu fago para quedar ben e non, non é negociable. Nada máis que unha canción guapa. O importante, xa saben, é a miña conciencia.
_

Cabal

"É inevitable que certos autores se sintan en minoría, xa que moitas veces elixen códigos minoritarios. Pero sería perigoso no caso das minorías ter sentimentos de épica ou de elitismo. Formar parte dunha minoría non supón un valor especial. Por iso, contentarse con comunicar só para unha minoría non debería ser síntoma de mérito ou valentía creativa".

Miguelanxo Prado
_

O presidente pasa do traballo

Había dúas demandas de emprego. Unha era de sepultureiro, o enterrador de toda a vida; outra para formarte como empregado nunha morgue, recibindo clases do que chaman tanatoestética, tremendo palabro, e, conste en acta, educación. Agora resulta que os mortos precisan educación, man esixente para que non estraguen o seu propio funeral.

- Vostede compórtese cando veñan a familia e os amigos a darlle o derradeiro adeus. Xa sabe, as mans xuntas sobre o peito e caladiño, como Alain Delon na portada de “The Queen Is Dead”.
- Non me da a jana; a familia resibirá a herensia pola que tanto esperaron, que non veñan faserme aora a pelota, e aos amijos, que son dous, xa lles dixen antes de estar aquí que se querían honrar a miña memoria quedaran na taberna.
- Non sexa así, Miro; ten que ser considerado cos seres queridos.

O mesmo que pensou Feijóo nun descoido, cagándose na puta nai que o pariu; menos mal que era presidente da Xunta de Galicia, non tiña que render contas de goberno.
_

A columna errada

Non me gustou a columna de hoxe de Isaac Rosa. Debe ser a primeira vez dende que o leo. Escribe sobre a prohibición de fumar en espacios públicos esaxerando (mal), cargado de prexuicios. Eso de chegar a casa apestando a tabaco por tomar un café ou que o viciño non aguanta a saír do ascensor para prender un cigarro non se corresponde con normas de convivencia que a crecente preocupación pola saúde e a lei nos foron empurrando a aceptar. Ninguén fuma nun tren, bus, avión ou ascensor (será o seu viciño). Á hostalería obrigóuselle, en moitos casos, a gastarse unha pasta en reformas para illar aos que fumamos dos que non fuman; aceptámolo, mais agora considérase esa medida insuficiente, non se vai poder fumar en ningún bar e os propietarios síntense estafados. Si, mamá Estado toca moito os collóns e papá Estado recauda.

Admite que os non fumadores se volveron cada vez máis intolerantes, en plan pois si, e o digo coa cabeza moi alta, xa nos tocaba, logo de séculos intoxicados, agora por fin podemos respirar un ar limpo! (tío, reláxate). Remata poñendo o exemplo da avanzada Francia, o que me lembrou a aqueles emigrantes retornados que te contaban o impolutas que estaban as rúas en Suíza. Pois vale, qué ben, pedirei o pasaporte suízo para non pasar por porco.

Podía pasar un bo intre lendo ao seu ex compañeiro de xornal, Rafel Reig, aquí, que empalma con tino o dos mineiros chilenos co asunto que nos ocupa, apoiándose nun artigo de Juan Benet de 1988 do que deixa o enlace.

Lémbrame Rosa a esos moralistas de esquerdas que van por aí dicíndolle á xente cómo se debe guiar na vida, porque un mundo xusto constrúese dende o propio exemplo; qué comer e qué non, deixar o tabaco, a manifa ás doce en punto, música de-ca-li-da-de. Algunhas (algunhas) destas e outras normas poderán saltarse en horas sinaladas, permitíndose bailar unha canción de David Bisbal (de paso, presúmese de non ter prexuicios), tomar un par de copas e pedirlle un pitillo ao amigo díscolo (de paso, sermonéase).
_

Ante a desaparición dos medios galegos

Fuxo dos manifestos como da peste negra ou dos locais que pisa o presidente da Xunta (desculpen a redundancia). Asinei, sen embargo, os medios galegos importan. Se o asasinato está castigado pola lei, haberá que recurrir a este tipo de accións. Mais non fiquen satisfeitos dunha presumible boa acción; lean o texto, do que extraio este parágrafo:

“Algo falla nun país onde tanta xente se declara amante da súa lingua ou tantas empresas utilizan a galeguidade para posicionarse nos mercados, pero logo non hai nin lectores nin anunciantes para os medios que se fan en galego.”

Ou sexa, que a culpa non é para nada exclusiva do señor Feijóo nin de Fernández-Yo-Acuso-Latorre. Os que traballan en publicidade algo saben.
_

Un asasinato ben suave

O novo atentado de Radiohead contra a industria é un concerto en Praga que se pode descargar de balde no formato que cada un considere. Lembran o seu último disco de estudio, que se baixaba pagando a vontade, mesmo sen pagar nada? Daban o primeiro paso, dicíase, para cambiar definitivamente o comercio entre selos, artistas e público. Mágoa que polo de agora ninguén máis quixera dar tamén algún outro paso: o público encantado de non pagar, os selos molestos, aferrándose aos seus vellos privilexios, contraatacando torpemente, como no caso de EMI, a discográfica dos de Oxford, que lanzou unha caixa cos seis discos do grupo sobre os que mantén dereitos de explotación. EMI quere vender para o 2012 e busca beneficios a curto prazo; que pensen outros cómo traballar o futuro do negocio (o malo do asunto é a xestión do inmenso catálogo, que máis que xestión é xa un abandono co seu de desprecio e indiferencia).

A particularidade da gravación é que está feita polos fans; as imaxes, sen ser boas, capturan 50 ángulos distintos do escenario. O audio vai a cargo do grupo (ata 320 kbps). Suponse que é o que chaman interactividade, ese talismán baleiro e hortera, aínda que nesta ocasión está máis conseguido; non é facilitar o teu peso na web dunha clínica de adelgazamento para que che programen unha dieta e te envíen por correo unha mostra de champú. Está tamén no Youtube.

Como obrigado caramelo para este tipo de lanzamentos tocan unha canción nova:


_

Haiku

luz da poteira
que lle coseu a boca
a tinta e culler
_

Os deseñadores de Apple son humanos

Hai nova actualización de iTunes e non a entendo. Refírome ao deseño da aplicación, ou, como din os informáticos, á interface gráfica de usuario. Non te pases que te tiro a interface gráfica de usuario á cara. Está guapa, limparon as iconas da biblioteca de marcos, deixándoas en gris; óllase máis limpa, máis aberta. Sen embargo, coa icona para o Dock retrocederon, retrocederon tanto que semella retro, un chaveiro dos 80, co gloss e o aro que o pecha como un candeado.

Di ti que a quén lle importa mentras o programa funcione como ata agora. Dende logo. Só me choca porque, como dixen, o de dentro non casa co de fóra, e porque estamos a falar de Apple, non dos matados da competencia.
_

A colonia inevitable



Os Sex Pistols lanzan perfume ao mercado. O comercializará unha empresa inevitablemente francesa, Etat Libre d’Orange, en acordo con Live Nation Merchandise, a promotora da banda. O deseño está baseado, inevitablemente, no single “God Save the Queen”. Non finxan abraio ou decepción; Johnny Rotten é unha personaxe dotada cunha inevitable habilidade para os negocios. Como un avantaxado constante, defenderá o producto cunha razón inevitable: son tan punk que me cago na miña propia historia.

A qué cheirará eso, que, por certo, é unisex? Polo ben dos achegados aos punkis de postal, agardemos que non ao inevitable: botas Dr. Martens cuarteadas, cervexa quente e vómito. Van sacar tamén un xabón mais, inevitablemente, non debería lavar.
_

Unha pequena alegría

Para os que gustan do rock’n’roll. O luns 27 actúan Young Fresh Fellows e Mudhoney na Sala Capitol. Salientar aos primeiros, malia ser os segundos de máis tirón, a lo menos nestas terras, considerados como están pioneiros do grunge (un grunge, digamos, máis festeiro que o que se coñeceu maioritariamente gracias a Nirvana, Alice in Chains, Soundgarden ou Pearl Jam). Os Young Fresh Fellows son anteriores, comenzaron no 81, e, dentro do rock’n’roll, fan de todo. O grupo máis tolo de Seattle.

Scott McCaughey, un dos membros fundadores, é coñecido como o quinto R.E.M., pois leva dende o 94 gravando e saíndo de xira co grupo de Athens; o rapaz, que xa non é tan rapaz, ademais de conservar as ganas de divertirse, sabe tocar.

Velaquí un vídeo en plan popeiro:



E un aguerrido directo malgravado:


_

Imos a Iraq co sentido de Feijóo

Esta noite saiu Obama na tele, e non estaba nunha hamburguesería (por qué frecuenta os locais de comida rápida, por aquelo de demostrar que é un home do pobo ou porque non lle gusta a comida da Casa Branca?). Programou un discurso en prime time para anunciar a retirada de “preto de 100.000 soldados” de Iraq e a transferencia de “centenares de bases aos iraquíes”, instando aos seus líderes a “avanzar con sentido de urxencia”.

O país, por fin democratizado e sen armas de destrucción masiva, seguirá contando co apoio de 50.000 soldados, para adestrar ás forzas de seguridade locais, nunha nova operación bautizada como “Novo Amencer”. O dos 50.000 soldados non está mal, pero digo eu que se queren construír un país novo deberan chamar a especialistas como Feijóo e Telmo Martín (o que alí poderían facer, mimadriña do tren).

Agora entendo por fin o recoñecido poder da oratoria do presidente norteamericano, sobre todo polo de avanzar con sentido de urxencia. Nin con sentidiño nin xa, con sentido de urxencia, que non é o mesmo; é como o sentido do deber, pero en cinético; o caso é que o entendan esos salvaxes do Islam. Se ao final é o que di Ansar, hai que estar con quen hai que estar, sen complexos.

Lémbranse desta canción de Nicolás Guillén que canta Paco Ibáñez (ui, quita, quita, qué pereza)?

Soldadito de Bolivia,
soldadito boliviano,
armado vas con tu rifle,
que es un rifle americano,
soldadito de Bolivia,
que es un rifle americano. 



Te lo dio el señor Barrientos,
soldadito boliviano,

regalo de mister Johnson,

para matar a tu hermano,

para matar a tu hermano,

soldadito de Bolivia,

para matar a tu hermano.
[...]

Pois é algo así. Despois din que son outros tempos.
_

Haiku

corvos no millo
contempla o celeiro
volcán perdido
_

Haiku

abala o lume
de centolas calando
ondas no candil
_

Arquivo do blog

Outro

A seguir

ecoestadistica.com
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet