Como se antes non se bailara
A fin de semana está aí. Preparados para ir á disco ou ao club a bailar. Quen precise practicar pode escoitar esta canción antes de quedar. “Not in love”, do dúo canadense de electrónica experimental Crystal Castle. Porqué experimental e non, por exemplo, vangardista, é algo que tardarei anos en averiguar, pois aínda estou cos subxéneros dentro do metal. Pero eso a quén lle importa, verdade? Hedonismo posindustrial, comunión de corpos e luces (ai, a envexa).
Para a gravación contaron coa voz de Robert Smith, que lle vai como unha luva. Sacúdanse os prexuicios, que o baile e a promiscuidade, san ou insán, non é patrimonio de rapaces e rapazas alucinados. Alucinemos nós tamén.
_
Etiquetas:
música
Chega de políticos e familia
Hai un par de días que morreu Néstor Kirchner. Os medios, nacionais e internacionais, convidan á contención, cando non ao loito. Nada de bromas. Os intelectuais arxentinos glosan a figura do finado e retratan a dor incólume da viúva, ao tempo que perfilan espontáneas cábalas sobre o futuro político do país. Presentouse Maradona na Casa Rosada e Chávez escribiu no Twitter: "Ay mi querida Cristina... Cuánto dolor! Qué gran pérdida sufre la Argentina y Nuestra América! Viva Kirchner para siempre!!"
Estaba pasando, coido, por un odiado Rasputín da Pampa, que seguía gobernando ao través da boneca vella da súa muller. Agora mesmo a súa gloria é inmortal. Nada do que sorprenderse. Mais confiemos en que o exemplo de familia política manifesta non se espalle.
_
Estaba pasando, coido, por un odiado Rasputín da Pampa, que seguía gobernando ao través da boneca vella da súa muller. Agora mesmo a súa gloria é inmortal. Nada do que sorprenderse. Mais confiemos en que o exemplo de familia política manifesta non se espalle.
_
Etiquetas:
política
O cemiterio moderno
Sacharon no ceo
regos brancos
estremas estrelas dun perito
para estimar a plantación
dame un bico
agora que choven patacas negras
sobre o avión
da Cidade da Cultura.
_
regos brancos
estremas estrelas dun perito
para estimar a plantación
dame un bico
agora que choven patacas negras
sobre o avión
da Cidade da Cultura.
_
Etiquetas:
literatura
Aquí tampouco está a verdade
Esta foto é de Ernesto Bazán, un siciliano que viviu e fotografiou Cuba durante 14 anos (casou alí). Está a presentar o primeiro libro dunha triloxía sobre a experiencia, que é a experiencia do pobo cubano, non a súa; non hai ideoloxía nin denuncia, non hai xornalismo nin máis literatura que o seu amor ao branco e negro. O primeiro que confesa é que el non é “un predicador”, e que atopou na Habana a súa infancia en Palermo.
Aos de El País interésalles contar que foi expulsado da illa en 2006 por impartir talleres de xornalismo. A ver se nos queda claro dunha vez, mentras o utilizan sen cortarse, aproveitando que o rollo freudiano xa non vende.
_
Etiquetas:
fotografía
Os homes explicados por un bote de tinta
Neste vídeo amósannos o proceso de elaboración das tintas para artes gráficas con amable música clásica de fondo (poden quitarlla). Limpos traballadores especializados que aman o seu traballo. Un proba as emulsións facendo e desfacendo con dúas pequenas espátulas fortuítos cadros de Kandinsky.
Non hai explotación. Nin rastro dos Tempos Modernos de Chaplin. Atractivas tintas caíndo en botes de aluminio.
_
Etiquetas:
publicidade
Agardando a Bieito XVI
Un podería gabarse dun índice de tolerancia alto, alto tirando a estúpido. Visita do Papa a Compostela, vale; a cidade non é propiedade da nosa falta de fe. Un pastón escandaloso que non sei se duplica o de Barcelona, cando alí vai botar un día enteiro e aquí ven dar unha misa, vale, os galegos de Feijóo somos xenerosos para estos asuntos. Un escenario que están a montar no Obradoiro que nin os Rolling cando se sinten... xenerosos, vale. 6.000 axentes da orde e 2.000 cadetes (estos últimos non irán armados), vale. Controis constantes para entrar e saír da cidade, ou para moverse por ela, non importa se vas currar, vale. Secuestro dunha revista, Retranca, por satirizar a visita, e non xa por un xuíz alcólico, non, pola imprenta coa que traballa a revista, que considera a sátira desproporcionada. Unha sátira é unha sátira, desproporcionado é arrogarse unha autoridade moral anacrónica para romper un contrato e, casualmente, sen tempo para que a revista busque outra imprenta; aínda que o director, vale, asegura que non están vinculados coa revista por contrato algún.
Nun dos comentarios desta nova pode lerse o seguinte: “Yo trabajo en la industria gráfica, ésta empresa también nos imprime cosas es un gigante a nivel estatal porque tira precios si por mi fuese no les envia ni un trabajo más.”
Antes do apocalipse católico-policial irei ao súper por provisións (“deja ya de buscar en los demás lo que hubieras podido encontrar en unha farmacia”), baixarei as persianas e subireille o volume a Eilen Jewell.
_
Etiquetas:
relixión
Xa temos a Boise no mapa
Unha aclaración sobre o vídeo anterior, no que se pode ver perfectamente que actúan nun local de Austin, Texas. Non vaian pensar que Eilen Jewell se criou a dúas mazás do rancho dos Bush. De paletos con éxito andamos sobrados (e non confundan paletos con xente de aldea). Non sei qué será peor, así e todo, porque naceu en Boise, Idaho; a quén se lle perdeu nada alí?
No Google din que lle chaman o estado xema pola súa riqueza en recursos naturais, e que recibe influencia do océano malia atoparse a uns 500 km. Bueno, si, agora que teñen a Eilen Jewell.
_
No Google din que lle chaman o estado xema pola súa riqueza en recursos naturais, e que recibe influencia do océano malia atoparse a uns 500 km. Bueno, si, agora que teñen a Eilen Jewell.
_
Etiquetas:
música
As botas de Eilen Jewell
Esta rapariga chámase Eilen Jewell, non sei se o dixen. Podo repetilo. Baixo esa apariencia de universitaria solícita, boas notas, nunca contradí a papá e axuda a pór a mesa os domingos, está a muller que escoita obsesivamente a Billie Holiday e a catrocentos e catrocentas máis; con apenas 31 anos manéxase polo infinito mapa da música dun xeito alucinante. Fáltalle sal e pementa pero, contradictoriamente, con esa voz que non é extraordinaria, transmite con convicción o potente contido das súas cancións, ou das cancións alleas coas que se atreve (acaba de publicar un disco de homenaxe a Loreta Lynn). Pégalle a todo, gospel, blues, jazz, rockabilly, folk, rock’n'roll, o que lle boten, con desconcertante naturalidade. Entre Emmylou Harris (diáfano pasado) e Jolie Holland (retorcido presente), semella ficar nunha cómoda terra de ninguén onde se adica gozar do que máis lle gusta.
En directo nótase que o pasa ben, que emociona e entretén, qué máis se pode pedir. Soe acompañarse dunha base rítmica solvente e un guitarrista, Jerry Miller, que eu, que son un ignorante, non coñecía e me deixou flipado; nada de masturbarse co mástil: ao servizo da canción e, sen embargo, qué linguaxe, tan limpa que doe e cargada de olor, de sabor, de paisaxes interiores. Ben pode presumir ela, Eilen Jewell, de telo fichado. Con todos vostedes, señoras e señores, Eilen Jewell cantando "Sea of tears".
_
Etiquetas:
música
Antón está de viaxe (XI)
O idiota subía da praia encaramado ao lombo de algas do carro, agarrando a gancha como se fora o báculo dun bispo, a lanza victoriosa dun emperador romano, hasta, summa Imperii, e a radiocasete a pilas retumbando no outro ombreiro, superpoñendo un ritmo de discoteca ao ritmo das vacas. A avoa ía diante, encorvada dentro dun loito antigo coma o mar, pano e chal comidos de lixivia, curto e vivo camiñar servíndose do caxato co que, retrasándose, vareaba ás bestas cando se detían, cornos atravesados, lentos látegos azoutando costras de bosta perseguidas polas moscas. El sabía que esa non era a súa avoa, mentireira, pequenas casas encaladas, aboladas, de entradas tomadas por aparellos estragados e testos con xeranios, o barrio non quería ollar e el fitaba ao barrio dende o seu trono verde e brando e esvaradío, podía matala coa súa lanza, ninguén sairía a chorala ou socorrela, tampouco viría o seu pai, que traballaba nunha plataforma e gañaba moitos cartos. Do chalé do señor notario, no alto, saía unha rapaza en chándal, era a quinta mañá, activaba o cronómetro e botaba a correr. Soltou a gancha para comprobar que levaba a revista debaixo do xersei remendado; xiraban a casete e as rodas co carro, que ao coller os buratos do piche soltaba algas entre as madeiras rebentadas.
_
Etiquetas:
literatura
Había que matar aos exquisitos
Esta semana pasáronse pola península os vellos The Psychedelic Furs. Vellos ou non tan vellos, porque retomaron o grupo con algúns cambios e material novo que editarán a comenzos do ano que ven. Penseino dúas veces, e se temos que soportar a mercenaria volta de bandas que forman parte do pasado, agradécese que sexan aquelas que nos gustaron sen importarnos en exceso e que o fagan con xeito.
Deixaran “Pretty in pink” e pouco máis, pero a verdade é que só por esa canción xa se merecen un respecto. Por esa e pola versión que o cantante, co grupo Love Spit Love, fixo do “How soon is now” dos Smiths.
_
Etiquetas:
música
O chigrero que cruzou a ponte
Mañán non vou estar. Teño que ir recoller o Príncipe de Asturias ao Teatro Campoamor, en Oviedo, e bueno, se hai que ir vaise. Qué premio me concederon? Tamén fan vostedes cada pregunta; Escanciador Mayor del Reino, cal senón? Pero non pensen que vou alí a escanciarlle sidra aos convidados, non, para eso xa están os camareiros, eu, en-ca-li-da-de-de-pre-mi-a-do, escanciarei unicamente unha botella para a Princesa Letizia. A brasa que lle penso dar aos meus netos.
- E conteivos cando o voso avó lle achegou xentilmente o primeiro culín á Princesa?
- Si, avó, unhas duascentas veces, e xa che dixemos que eso dos reis só sae nos libros.
- Os reis non existen nunha sociedade avanzada como a nosa, avó!
- A calar! Agora castigados sen lambonadas...
Sempre sospeitarei da educación que reciben os nenos. Podes ter 27 netos e os 27 republicanos. Eso non está ben, non señor, estase a perder... estase a perder o respecto, polo que lles convido a gozar deste intre tan doce.
_
- E conteivos cando o voso avó lle achegou xentilmente o primeiro culín á Princesa?
- Si, avó, unhas duascentas veces, e xa che dixemos que eso dos reis só sae nos libros.
- Os reis non existen nunha sociedade avanzada como a nosa, avó!
- A calar! Agora castigados sen lambonadas...
Sempre sospeitarei da educación que reciben os nenos. Podes ter 27 netos e os 27 republicanos. Eso non está ben, non señor, estase a perder... estase a perder o respecto, polo que lles convido a gozar deste intre tan doce.
_
Etiquetas:
política
A neta sindicalista de Catherine Deneuve
Continúan as movilizacións en Francia. Folgas e manifas. Unhas detrás de outras, queimando as esquinas, como dixo Raúl del Pozo. Será a tradición ou Sarkozy, que tirou de manual sobre a democracia para desautorizar formas de expresarse como “a violencia máis cobarde, máis gratuita”. Non lle falta razón, porque a violencia de estado nunca é gratuita; trata de preservar o negocio. En España, gracias a Deus, rexeitamos historicamente o exemplo francés (un mal exemplo, non tanto polo seu pernicioso contido moral como polo baixo que chega, non se escoita, qué exemplo é ese?).
Hai outra foto desta mesma rapaza ante os mesmos antidisturbios na que se lle ve a faciana que aquí promete, podendo ser tranquilamente unha neta de Catherine Deneuve (non a atopo en internet). No país viciño son preguiceiros, eso si nos chega alto e claro, e as estrelas de cine malcrían aos fillos, que se cren con poderes para rexeitar as pelotas de goma.
_
Etiquetas:
política
O que hai que oír (en castelán)
Están á volta da esquina as eleccións municipais; os candidados e candidatas intensifican a súa campaña antes da precampaña. A avezada Corina Porro xa abriu blog e twitter. Logo de pasar polo primeiro, arrepíntome do que escribín o outro día sobre os gustos de Feijóo. Corina pon unha lista en Spotify do que escoita cando vai currar ao Porto: Celine Dion, Diego Torres, Carlos Baute, Beyoncé, Lady Gaga, Carlos Núñez, Cómplices... e para cando ten que poñerse dura “The final countdown” de Europe ou “Don’t stop me now” de Queen.
Mais non todo ía ficar nunha ordinaria lista de gustos musicais. Colgan un vídeo cun cantautor galego, Carlos Bau, adicándolle unha canción a alcaldable. O tío é un crack, mesmo lembra que colaborou con Antonio Vega. Escóiteno porque non ten desperdicio.
_
Mais non todo ía ficar nunha ordinaria lista de gustos musicais. Colgan un vídeo cun cantautor galego, Carlos Bau, adicándolle unha canción a alcaldable. O tío é un crack, mesmo lembra que colaborou con Antonio Vega. Escóiteno porque non ten desperdicio.
_
Etiquetas:
política
O xornalista avalia as súas queridas limitacións
Hoxe tragueime o retrato de Rubalcaba que lle mandaron ir buscar a Juán José Millás ao Ministerio de Interior. Nun longo artigo/entrevista, algo así como 48 horas na vida de, o escritor e xornalista deixa entrever que o seu único propósito, como un cazador, é traerlle aos lectores a alma do político, e que non descansará ata conseguilo. Cóntao sen ningunha convicción, como pedindo perdón polo baixo, por un lado, e cumprindo, polo outro, aínda que o resultado final, con diálogos breves e citas enxeñosas, inclina a balanza hacia o traballo ben feito (se non es capaz de aprecialo é que es un ignorante).
Teño a mesma impresión do ministro que antes de ler a reportaxe. Un tipo intelixente e preparado, escandalosamente máis preparado que todos os gabinetes de Aznar e Zapatero xuntos, pero que encarna el mesmo un poder gris que perpetuará as nosas estatísticas. Herr Rubalcaba, chamáballe Reig.
_
Teño a mesma impresión do ministro que antes de ler a reportaxe. Un tipo intelixente e preparado, escandalosamente máis preparado que todos os gabinetes de Aznar e Zapatero xuntos, pero que encarna el mesmo un poder gris que perpetuará as nosas estatísticas. Herr Rubalcaba, chamáballe Reig.
_
Etiquetas:
política
Os bolseiros teñen alma
Hoxe en día, na retransmisión dos partidos de fútbol, José Ángel de la Casa, un funcionario en perigo de extinción, xa non está só, nin moito menos. Non importa a canle; mesmo para un partido de terceira rexional preferente, na cobertura publicitan tecnoloxía de vangarda, dúas persoas encargadas de conducir a narración, un ex xogador e un ex adestrador para as análises dos-que-saben, un ex árbitro para as xogadas conflictivas, e a pé de campo un bolseiro e unha modelo que está a ler un libro de Roberto Bolaño.
No Real Madrid - Milan escoitouse unha voz dicindo que Mourinho debería sacar inmediatamente a Ronaldo do campo, porque empezaba a facer o parvo, a cegarse el so, co partido encarrilado. Se atopan un cadáver nunha cuneta de Madrid, compadézanse da alma do bolseiro.
_
No Real Madrid - Milan escoitouse unha voz dicindo que Mourinho debería sacar inmediatamente a Ronaldo do campo, porque empezaba a facer o parvo, a cegarse el so, co partido encarrilado. Se atopan un cadáver nunha cuneta de Madrid, compadézanse da alma do bolseiro.
_
Etiquetas:
fútbol
O gas dos desconfiados
Aos investigadores non lles queda máis remedio que chorar nas distintas administracións para financiar as súas investigacións, a non ser que o que investiguen sexa de interés multinacional, como semella o caso deso que chamaron O Gran Burato, a uns quilómetros da costa. Foi a Consellería de Industria quen se puxo en contacto cos investigadores para preguntarlles cántos cartos precisaban. Mal rollo. Aceptamos vivir colonizados por unha cultura que dá noxo, unha cultura resumida nas películas e series de televisión norteamericanas e nas receitas económicas do FMI. Aceptámolo, pero xa non sei se aceptaríamos unha invasión militar. Ao mellor aí abaixo non hai máis que dúas bombonas de butano dun pesqueiro afundido, e sería peor, porque a explotación do xacemento apunta ao oligopolio das petroleiras. U-lo gas?
Érgueste pola mañán e ollas a US Navy na boca da ría. En Santiago, o edificio de Historia empregaríano de cárcere, e o de Mediciña de hospital psiquiátrico, para reprimir aos catro insurxentes bloqueiros que Feijóo en primeiro lugar tacharía de perigosos e trasnoitados. O gas é de todos. O gas é progreso para todos. Cajo no jás. Estou delirando, obviamente, pero non pensen que lle andamos tan lonxe.
_
Érgueste pola mañán e ollas a US Navy na boca da ría. En Santiago, o edificio de Historia empregaríano de cárcere, e o de Mediciña de hospital psiquiátrico, para reprimir aos catro insurxentes bloqueiros que Feijóo en primeiro lugar tacharía de perigosos e trasnoitados. O gas é de todos. O gas é progreso para todos. Cajo no jás. Estou delirando, obviamente, pero non pensen que lle andamos tan lonxe.
_
Etiquetas:
política
Eduardo Mendoza lévase o Planeta
Supoño que non haberá ningún energúmeno que erga a voz para criticar ao gañador do Premio Planeta deste ano. Eduardo Mendoza é un novelista, e o demais son pallas mentais. Parabéns.
_
_
Etiquetas:
literatura
Comic Sans para un fax da Deputación
Pode considerarse á Deputación de Pontevedra como o viveiro ideolóxico do PPdG. Algún pensará nunha xuntanza bizantina de persoeiros que debaten a proxección metafísica do galego nas aldeas do S.XIII, trabucándose, porque a Excma. Deturpación, perdón, Deputación, é a primeira en pór en práctica políticas de benestar social e crecemento económico. ILoveLouzán, aínda que o meu corazón lle pertenza, é notorio, a Feijóo.
Accidental lector, non te sintas so no camiño hacia a luz e o bilingüismo harmónico. En feijoomente dan conta das fazañas democráticas que o noso amado presidente cultiva na ría, unha a unha, de aí o acertado título do blog.
_
Etiquetas:
política
Os gustos do presidente
Hoxe tiven unha revelación, como Pablo de Tarso cando, chamándose aínda Saulo e sendo un bandido, O Señor lle largou un lóstrego que o tirou do cabalo, deixándoo tres días cego (eso é coacción). Qué música escoita o presidente de todos os galegos (só por curiosidade antropolóxica, porque eu son finlandés de toda a vida)? El dirá que, tanto na música como na política, os seus gustos son eclécticos. A clase política moderna é así, obscenamente baleira, recorrendo sempre a un vocabulario de opositor a inspector de facenda de canas relambidas, xersei de pico e subscrición a unha revista de viños.
O meu propósito, sen embargo, non é criticar ou ridiculizar. Deus, cos anos, foi suavizando as súas maneiras, e xa non te queima os fusibles nin o router nos seus accesos de cólera; entra no subconsciente da moza para que polo Nadal che agasalle o novo disco de Phil Collins. Pregunten na Xunta.
_
O meu propósito, sen embargo, non é criticar ou ridiculizar. Deus, cos anos, foi suavizando as súas maneiras, e xa non te queima os fusibles nin o router nos seus accesos de cólera; entra no subconsciente da moza para que polo Nadal che agasalle o novo disco de Phil Collins. Pregunten na Xunta.
_
Etiquetas:
política
A publicidade é importante pero non tanto
Non perdan o tempo aquí e entren na páxina de andaime, que ten moito mérito e non enganan a ninguén con ese subtítulo de Engenharia social e cultural. Non me gusta o logo nin o fondo do blog, pero si o deseño dos folletos do Mercado entre lusco e fusco e, qué carallo, eso é o de menos.
Hai xente aí traballando desinteresadamente por unha idea que son moitas ideas, ou esa é a miña impresión.
_
Hai xente aí traballando desinteresadamente por unha idea que son moitas ideas, ou esa é a miña impresión.
_
Etiquetas:
publicidade
Concurso de sensacionalismo sabido
E o gañador é o xornal español El País, polo seu intento de colar unha cobertura totalizadora dende postulados dificilmente éticos do rescate dos mineiros chilenos. Velaquí unha proba. Trending Topics, lentes de sol marca Oakley, Serrat, Alejandro Sanz, un grupo en Facebook chamado "Mineros chilenos emergiendo de las entrañas de la tierra como Kylie Minogue".
Todo son escusas; o dereito á información, a obriga económica de satisfacer ao moderno mercado dos medios e, por suposto, o final feliz que ocultará unha miseria profunda e sen relevancia.
_
Todo son escusas; o dereito á información, a obriga económica de satisfacer ao moderno mercado dos medios e, por suposto, o final feliz que ocultará unha miseria profunda e sen relevancia.
_
Etiquetas:
prensa
Se García Lorca o fixo
Esta canción, “La Misteriosa”, está no disco “Cantares de Vela”, de Juan Perro. Como fala dos barcos galegos que faenan no norte de África, aproveitando que andaba por aquí facendo algo máis que cobrar por subirse a un escenario, decidiu, ou o empurraron, non sei, a traducila. Rechía, si, pero é o primeiro intento; faise gracioso, e logo colleu soltura, seguridade, como contan que demostrou o sábado no San Froilán. Unha choiva sen tregua e unha carpa ben pensada que permitiu gozar do concerto (acústico, el e Joan Vinyals).
Tamén cantou “Poco talento” na nosa lingua, que vou traducir agora mesmo con curiosidade e respecto. O máis divertido de "A misteriosa" é cando lle choca a palabra Marrocos, que na orixinal si lle rima, e claro, cómo pronuncia o x. Non sexades malos.
_
Etiquetas:
música
Cando lles pasará por fin algo serio aos nenos?
Están nais e pais coraxe, ollándose no espello de películas norteamericanas, enrarecendo eso que chaman xuntanza no colexio, propósitos para o novo curso. A moitos ninguén lles gana a intelixentes e preocupados, aquí é onde senta o meu Gustavo Adolfo, verdade? seino polo estoxo dos lapis, e quería preguntar, quería preguntar se van mandar un resumo exhaustivo do que aquí estamos a tratar por e-mail; paréceme, na miña modesta opinión, importante.
Óllanse os dous profesores de primaria (uns incompetentes, por suposto) e acordan que si, enviarase un correo electrónico aos pais con todos os puntos tratados, se arranxan algún dos dez ordenadores que hai. Hora de marchar con moito que dicir.
_
Óllanse os dous profesores de primaria (uns incompetentes, por suposto) e acordan que si, enviarase un correo electrónico aos pais con todos os puntos tratados, se arranxan algún dos dez ordenadores que hai. Hora de marchar con moito que dicir.
_
Etiquetas:
educación
As nubes galegas non venden
Que fixeran un selo coa Muralla de Lugo é estupendo. Nada que obxectar. Como reza a publicidade, “contribuirá a que Lugo desfrute de máis proxección internacional, especialmente no ámbito do turismo”, e como asegura Pepiño Blanco, “este selo non conmemora só unha efeméride senón unha forma de facer cidade”. Vale, moi ben. 10 anos de patrimonio da humanidade e o San Froilán.
Pero por qué lle puxeron ese basto ceo laranxa que vai cegar os ollos da humanidade (e España en violeta, por se alguén leva lentes de sol)? Podían deixar o ceo normal, por moitas nubes negras que aloxara. Nubes galegas, qué pasa.
Agarden, recapacitei, está ben así; imaxínense a ocorrencia de Feijóo mentras da conta dunha ración de polbo ante as cámaras, coas nubes galegas sempre chove, con las castellanas, no, los ciudadanos tienen derecho a elegir qué nubes quieren en su cielo, el lunes estudiaremos cómo realizar una consulta popular y democrática con la máxima brevedad y eficiencia posibles, oh, qué brillante estadista estoy hecho, está bueno el pulpo este, no es el del mundial, ¿verdad? claro que sería un honor para mi... no, eso estaría mal, Alberto, la dieta, piensa en la dieta.
_
Etiquetas:
política
Cando a dádiva de Billy Corgan
Esto ten os seus anos, cando os Smashing Pumpkins eran os reis do Rock mundial a todos os efectos. Regresarían máis tarde, sen fortuna, sen inspiración; unha sombra desesperada por recuperar o seu trono da que non paga a pena falar, así que centrémonos na época gloriosa. Non empregamos termos superlativos caprichosamente: entre o 95 e o 2000 foi o grupo que dominou o mainstream dende preceptos underground, o máis influínte, o que máis vendía, o que congregaba a unha multitude devota en calquera recanto do planeta, o que sacaba os discos máis ampulosos e longos. Billy Corgan era un tipo raro (máis raro do normal) e infantiloide, como o resto do grupo (un nome estúpido, letras patéticas), pera facía unha canción demoledora no tempo no que un se prepara un café.
O día que actuaron nos estudios de Radio 3 contan que colapsaron os arredores cos tres tráilers que se trouxeran de material, tres tráilers para un miniconcerto de presentación do que por entón era o seu novo disco, “Adore”, podendo solicitar unha guitarra española, soltar dúas idioteces e largarse. Non, tiñan que presentarse aparatosos, espectaculares, incontestables, como unha corte amosando ao mundo a súa magnificencia, e proba delo foi que, como maxestades seguras do seu poder soberano, convidaron ao público a achegarse ao escenario, a estar á súa mesma altura durante o concerto.
Insisto no de superlativos: non eramos fanáticos para nada, a súa grandeza asentábase no extremo oposto ao noso gusto polo pequeno e comedido (amargao!), ao costume de criticar ou ignorar a esas bandas grandilocuentes que petaban estadios de fútbol, dende Led Zeppelin a Metállica, U2 ou Queen, e agora Muse; pero tiñan un puñado de cancións que che daban un subidón importante, sendo moi socorridas como música para sentarse a deseñar, dou fe.
_
Etiquetas:
música
Caneo de Iniesta
Recibira un balón aburrido nunha xogada sen debuxo, pegado á banda, no medio do campo, rodeado de catro lituanos con licencia para sachar, catro lituanos e un metro cadrado, e dos catro se foi, deixándoos coa picha feita un lío, pero non se foi como unha bala de canón, non, foise camiñando, ao mellor botou a correr pero todos ollabamos que ía tranquilo, camiñando.
Góstame pensar que nun intre así gravita e levita co cerebro transparente, unha pelota de coiro e as medidas do campo por suficiente corazón.
_
Góstame pensar que nun intre así gravita e levita co cerebro transparente, unha pelota de coiro e as medidas do campo por suficiente corazón.
_
Etiquetas:
fútbol
Un nó exposto no baño
Os segundos gotean negros
do saco de sangue
e sorrí
sorrí agardando que sobrio alguén
venza a porta
para descobrelo na intimidade
drenando unha denuncia
no azulexo
de augas mexos frases papel
para limparse o cu.
_
do saco de sangue
e sorrí
sorrí agardando que sobrio alguén
venza a porta
para descobrelo na intimidade
drenando unha denuncia
no azulexo
de augas mexos frases papel
para limparse o cu.
_
Etiquetas:
literatura
Está de moda o deseño forte
Hoxe é día de premios. Na séptima edición do concurso ÑH ao mellor deseño xornalístico de España e Portugal, organizado polo Capítulo Español de la Society for News Design (así se chaman), repartiron a esgalla. La Voz de Cádiz, El Correo Gallego e i (lisboeta), foron recoñecidos como os xornais mellor deseñados do ano nas súas correspondentes categorías: ata 20.000 exemplares de tirada, entre 20 e 60.000 e máis de 60.000. A mellor portada de xornal foi para La Verdad de Murcia e a de revista para o Magazine de El Mundo, moi patrióticas ámbalas dúas co do mundial de fútbol; estilos diferentes, o mesmo efectismo.
Trabállase unha erótica da publicidade e o deseño, vale, pero dubido que no fútbol esa erótica (por outra parte tan abaratada) chame aos seareiros tradicionais, porque non entran nas análises dun mercado que os considera fieis. A quen buscan é a nenos soñadores e nenas que mollan as bragas e as súas nais. O de Murcia é sinxelamente desagradable. O outro non precisa Photoshop, senón un podólogo.
_
Etiquetas:
deseño
A modestia como signo de perspicacia
Onte concedéronlle o Nobel a Vargas Llosa. Por fin. Xa podemos todos, lectores e detractores, morrer tranquilos. Acaso pensan que a el lle preocupaba O Premio? Carece de vanidade, non desexaba ganalo, dáballe igual. Os vanidosos, os que estos últimos anos fixemos quinielas escribindo en todas elas o seu nome e falando mal, somos nós. Explicáballo onte a Juan Cruz por teléfono; dicíase convencido de non ser un escritor para este premio, e porqué? “Porque llegué a la conclusión de que yo no estaba en la identikit del Nobel; yo soy un escritor conflictivo, tomo posiciones incómodas, me equivoque o no siempre digo lo que me parecen las cosas, y todo eso me hizo creer que no era el escritor que encajara con la manera de ver la literatura por parte del jurado”.
Está a asegurar que os Nobel de literatura só llos dan aos servís e aos cobardes? Semella. Harold Pinter, un cobarde; Faulkner, un cobarde; Camus, outro cobarde; Saramago e Darío Fo, dous cobardes consecutivos. Este ano fixeron unha excepción e premiaron a un valente, a un bravo defensor da liberdade da palabra no mercado, e, sobre todo, premiaron a un home polo súa Obra, non polas súas ideas políticas, e leva razón porque a Obama concedéronlle o da Paz sen ter feito nada, só por estar aí.
Gracias, don Mario, moitísimas gracias polo premio.
_
Está a asegurar que os Nobel de literatura só llos dan aos servís e aos cobardes? Semella. Harold Pinter, un cobarde; Faulkner, un cobarde; Camus, outro cobarde; Saramago e Darío Fo, dous cobardes consecutivos. Este ano fixeron unha excepción e premiaron a un valente, a un bravo defensor da liberdade da palabra no mercado, e, sobre todo, premiaron a un home polo súa Obra, non polas súas ideas políticas, e leva razón porque a Obama concedéronlle o da Paz sen ter feito nada, só por estar aí.
Gracias, don Mario, moitísimas gracias polo premio.
_
Etiquetas:
literatura
Eloxio de Mishima
Cando se fundou, Mishima era un xeitoso grupo de pop entre miles de xeitosos grupos de pop, ata que a interiorización das súas lecturas agromou en dous discos ambiciosos, sólidos, razonablemente orixinais, limpos. “Set tota la vida” (2007) e “Ordre i aventura” (2010). Os críticos coinciden á hora de buscarlle referentes como The Divine Comedy e The Magnetic Fields. A nós gustaríanos engadirlle a etiqueta de pop literario, que non é un eloxio senón unha carga e unha cursilería da que, sen embargo, eles saen vivos.
Cataluña semella ser a día de hoxe para o pop ibérico o que Inglaterra para o pop anglosaxón, co atractivo engadido de que compositores como David Caraben non se conforman cunha fórmula para a melodía e os arreglos, tamén escriben bos textos (cataláns e universais, que se di pronto).
_
Etiquetas:
música
A motivación dos terroristas
UPyD, o partido de Rosa-Fashion-Victim-Díez, tamén sacou a súa carraca sobre a persecución que está a sofrer o castelán en Galicia, acusando a Feijóo de continuar a política lingüística do bipartito, de porfiar no adoutrinamento nacionalista. Aseguran con claridade nun comunicado: "Incumprindo as súas promesas electorais, o presidente Núñez Feijóo consinte que se siga atentando contra a liberdade lingüística dos galegos e que se utilicen os centros educativos para fomentar nos mozos actitudes violentas".
Os pais non podemos permitir que aios dementes instrúan aos nosos fillos no terrorismo (e sen necesidade de voar a Caracas). Eu descobrín, ademais, que subiron a oferta do integrismo islámico: se se inmolan no nome da Lingua Galega, garántenlles un harén de huríes, un Citröen e un chalé na praia.
_
Os pais non podemos permitir que aios dementes instrúan aos nosos fillos no terrorismo (e sen necesidade de voar a Caracas). Eu descobrín, ademais, que subiron a oferta do integrismo islámico: se se inmolan no nome da Lingua Galega, garántenlles un harén de huríes, un Citröen e un chalé na praia.
_
Etiquetas:
política
Euforia na redacción
Cinco victorias consecutivas do Celta, colíder de Segunda. O cronista do Faro hoxe pagou as cañas, que ata recurriu á épica histórica para falar da defensa, unha Liña Maginot infranqueable para o Huesca! Anunciou o regreso das épocas douradas, con forza mental, contraataques letais, asistencias marabillosas...
A verdade é que unha liga dura demasiado, sempre o dixen; podía rematar esta semana, carallo, e, ascendidos, a ver como pasa Cristiano Ronaldo a Liña Maginot; nin el nin a Wehrmacht. Esas cañas!
_
A verdade é que unha liga dura demasiado, sempre o dixen; podía rematar esta semana, carallo, e, ascendidos, a ver como pasa Cristiano Ronaldo a Liña Maginot; nin el nin a Wehrmacht. Esas cañas!
_
Etiquetas:
fútbol
O máis recente delirio de Rubén Albarrán
Este é un proxecto do cantante de Café Tacuba, Rubén Albarrán (agora K’kame), chamado HopPo!, que en lingua dakota ou siux seica significa “imos”. Formouno con dous músicos chilenos, Rodrigo Aros e Juan Pablo Villanueva, e Alejandro Flores, músico e folclorista coñecido polas súas colaboracións co grupo mexicano. Interpretan temas bandeira de América Latina e composicións propias dun xeito que escandalizará, ao mellor, aos ortodoxos, mesturando instrumentos tradicionais latinoamericanos e orientais con guitarras eléctricas.
Non é Fusión, esa etiqueta que o mesmo serve para vender flamenco sen identidade que receitas de cociña. Como dixo non lembro quén, a verdadeira fusión surxe sempre dunha necesidade. Aquí Albarrán explica a súa necesidade de cantar esas cancións e, como era de prever, vólveas imprevisibles.
_
Etiquetas:
música
O mexo do presidente

A choiva está a lavar as pancartas de Cacheiras en apoio a Ezequiel Mosquera, pechado na súa casa. O taberneiro, home inxenuo que usa unha rectitude moral de trabe antiga, aínda non rompeu o póster asinado polo ciclista que pegou en lugar preferente, a carón da tragaperras; ou agarda a contraanálise ou foi matricularse á facultade de farmacia, porque agora segundo algúns para ser afeccionado ao ciclismo hai que estudiar.
Desa xente intelixente que forma parte do ciclismo eu salientaría ao presidente da UCI, un tal Pat McQuaid, quen asegurou que en España hai un problema coas drogas e o goberno debería poñerse duro (comprendemos que a retranca non é o forte dos seres superiores). Por qué non analizan os ouriños (o mexo, por favor; a urina, se queren) de todos os directivos de todas as federacións deportivas?
En canto ao hidroxeitil almidón, que xa o sei escribir sen copiar, fixo que por aquí todos o temos metido no corpo, gracias aos pinchos de lacón que serven para acompañar o viño os mércores (os martes, cocido!). Eso si, o outro día fun coa bici polo monte e as subidas rebentáronme igual; claro que non é comparable ao de Mosquera e Nibali na Bóla do Mundo.
_
Etiquetas:
ciclismo
Actriz con futuro
Na estación pasan bocas veloces
minutos zapatos
pitillos furtivos
e un tren de mercancías
para o ordeado hangar da túa espera
inútil
esa postal do destino que lle mercaches
a un director de cine profundamente
premiado en Cannes.
_
minutos zapatos
pitillos furtivos
e un tren de mercancías
para o ordeado hangar da túa espera
inútil
esa postal do destino que lle mercaches
a un director de cine profundamente
premiado en Cannes.
_
Etiquetas:
literatura
O flash do moucho
O moucho na póla
crava sobre a lúa branca
orellas mestas
persegue o silencio pola túa pel
de pipa
lacerada de fraga
cabeza que con aquilino clic tensa
a ballesta escondida.
_
crava sobre a lúa branca
orellas mestas
persegue o silencio pola túa pel
de pipa
lacerada de fraga
cabeza que con aquilino clic tensa
a ballesta escondida.
_
Etiquetas:
literatura
Assinar:
Postagens (Atom)
Arquivo do blog
-
▼
2010
(351)
-
▼
outubro
(36)
- Como se antes non se bailara
- Chega de políticos e familia
- O cemiterio moderno
- Aquí tampouco está a verdade
- Os homes explicados por un bote de tinta
- Agardando a Bieito XVI
- Xa temos a Boise no mapa
- As botas de Eilen Jewell
- Antón está de viaxe (XI)
- Había que matar aos exquisitos
- O chigrero que cruzou a ponte
- A neta sindicalista de Catherine Deneuve
- O que hai que oír (en castelán)
- O xornalista avalia as súas queridas limitacións
- Os bolseiros teñen alma
- O gas dos desconfiados
- Eduardo Mendoza lévase o Planeta
- Comic Sans para un fax da Deputación
- Os gustos do presidente
- A publicidade é importante pero non tanto
- Concurso de sensacionalismo sabido
- Se García Lorca o fixo
- Cando lles pasará por fin algo serio aos nenos?
- As nubes galegas non venden
- Cando a dádiva de Billy Corgan
- Caneo de Iniesta
- Un nó exposto no baño
- Está de moda o deseño forte
- A modestia como signo de perspicacia
- Eloxio de Mishima
- A motivación dos terroristas
- Euforia na redacción
- O máis recente delirio de Rubén Albarrán
- O mexo do presidente
- Actriz con futuro
- O flash do moucho
-
▼
outubro
(36)
Recomendacións
Marcadores
Miguel
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-Non comercial-Sen obras derivadas. 3.0 España de Creative Commons.





