Dimite o redactor de deportes

Agora síntese mal polo que escribiu a semana pasada mencionando a Paco Herrera. Non insinuaba a súa destitución, e a indignación por botalo e por como o botaron é máis poderosa que a culpa. Podía discrepar dalgunha decisión súa, mais nunca pensou que sabía máis de fútbol que el, eran opinións de seareiro que o respectaban, que valoraban e valorarán o compromiso do técnico barcelonés co club. A súa derradeira comparecencia ante os medios en Vigo non descubriu nada novo: non era un mercenario, e o Celta xogaba ao que nos gusta que xogue.

Miserable xeito de despedilo, por detrás e unha chamada de teléfono. Que merda se cren Mouriño e o resto? Semella que tódolos dirixentes do fútbol mundial rexen do mesmo xeito, uns hipócritas aos que se lles enche a boca falando de deporte limpo e exemplo para os nenos. Xa que tanto inciden nos resultados, nos “balances económicos”, podían deixar de pulirse unha pasta que non teñen (confío en que saberán desculpar a súa inxenuidade).

Se Mouriño dispuxera de cartos ficharía a Mourinho, como non dispón deles pilla a Abel Resino, que ha de ser bo cando pretendía traerse con el a ese iluminado fascista de Salva Ballesta. Quen carallo vai preservar a pequena idea do noso equipo, aquelo que nos define por riba dos malditos resultados?
_

Celeste cabeza de Medusa

Así a terán hoxe moitos celtistas, como ela, revolta de serpes e con gañas de petrificar ao primeiro que se poña diante. O empate na casa non era bo, perder no último minuto do tempo de desconto foi esmagador. Volveu Orellana para asociarse con Aspas e inda queda liga abondo. Non hai nada que perder, Paco Herrera, a túa responsabilidade estate a consumir a ti e ao equipo.

Segundo a mitoloxía, o sangue que brotaba do lado esquerdo da cabeza cortada de Medusa era un veleno mortal, e o do dereito resucitaba aos mortos.

Os corais do Mar Vermello, por outra banda, son algas que Perseo salpicou con ese sangue, ao tirar a cabeza nunha praia de Etiopía. Luis, pode ser unha de mexillóns e outra rolda?
_

Dead man walking entrevístase coa Fortuna

Unha cafetería do centro. Os farois son esqueletos de baixo consumo. Discreción.

- Ola, son o cadáver político que lle chamou; sente, por favor. Camareiro! Olle, todos son cadáveres políticos, en realidade, os do meu partido e máis os do outro.
- E que quere?
- Quero que se me entenda, en realidade o único cadáver que hai aquí é a sociedade, nós non temos fallo, é todo unha película, estamos ben vivos, e traballamos e aforramos, hai moitos xeitos, pero non sei como explicalo, os que redactan os meus discursos non saben, en realidade...
- Non estará pedindo demasiado, en-rea-li-da-de?
- Lémbrolle que vostede é nosa, mercámola.
- Lea a Maquiavelo, inda que sexa tarde, a ver se entende algo básico. Non se moleste, non ten que pagarme o café.
- Camareiro!!! Estame a chamar parvo?
- Por un lado si, parvo abondo, como para invalidar calquera mérito que puidera atesourar. Boa tarde.

O camareiro baixa a persiana do local.
_

Unha canción conmovedora dúas veces

Seguimos raiando con Dayna Kurtz, esta vez de xeito digamos oblicuo. A primeira, a orixinal, é de Sam Cook, i-ni-mi-ta-ble. Ela foi astuta (é a segunda) e, ao interpretala, evitou a comparación, inventouse outra canción, levouna ao blues, algodón deserto e negro, está vostede despedido, patético crítico.

 

Lost and Looking by Dayna Kurtz on Grooveshark
_

Se marcho a Nova Orleáns



Recuncamos con Tom Waits, desta volta cantando con, ou para, a Preservation Hall Jazz Band, que o ano pasado cumpriu 50 anos (algúns membros, outros non sei se xa estarán no pantanoso ceo do delta do Mississippi). Toca entroido, toca Mardi Gras. Prescrición médica: búrlense e gocen.

O de martes graxo sabemos de onde ven e nin así cadra co espírito institucional-turístico da feira do cocido de Lalín. Búrlense, búrlense e gocen.
_

Micromanifa

Subindo Cacheiras atopeime unha manifestación da CIG diante do supermercado “El Árbol”. Eran poucos, a megafonía non daba nin para que se lles escoitase no bar do lado, mais repartían uns panfletos esclarecedores (porque hai panfletos esclarecedores e escurecedores, abundan os exemplos na prensa). Unha traballadora está a sufrir acoso por parte da empresa, que acaba de suspendela de emprego e salario durante 14 días. Por delegada sindical que defende os dereitos das súas compañeiras non, por suposto, porque a pillaron co móbil na man e, atención, empregando cristasol para limpar, seica un produto altamente inflamable prohibidísimo, categoría TNT.

Ao chegar ao Aroski (termo aceptado no disionario morrasense) puiden ollar como saían dalí dous sindicalistas que, previo paso por caixa, corrían armados cadanseu coa súa botella de cristasol con pulverizador, que debeu ser o que lle atoparon Bush, Blair e Aznar a Saddam Hussein. E Martiño non mandou aos antidisturbios.
_

Arquivo do blog

Outro

A seguir

ecoestadistica.com
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet