O agradecido traballo de non saber

Love Where Did You Go? by Dayna Kurtz on Grooveshark

Andaba dividido, quería saber máis e negábame. Dita a experiencia que o exceso de información cárgase aquelo sobre o que tes tanta curiosidade. Dayna Kurtz non vai ser unha excepción; devecía por ler entrevistas e críticas, ollar fotos, embeberme. A loita dá os seus froitos porque si, sempre rematas lendo, mais cun control/descontrol que non te arruina o que buscas, que se hai sorte coincide coa imaxe idealizada que te creaches ao descubrir, neste caso, a Dayna Kurtz. Intre de deixalo. Nin saber nin ler nin falar nin escribir. Escoitar cancións.

Un pouco como o que comentaba hai uns días Rafael Reig sobre Constantino Bértolo e o seu libro, Lenin. El revolucionario que no sabía demasiado, pois sostiña o ruso que a revolución, a praxe, ensina o que non se sabe, aí queda eso! Como revolucionario guiado, todo pola causa, escoito a Dayna Kurtz.
_

A morte de Iván Dmitrievitch

Sombras do papel mollado da Praza da Quintana. Outono, papel de ourizos. Ana rematou a xornada na tenda, detén a carreira e agarra o sombreiro quente como se posara para un anuncio. Alguén tiña que ofrecerlle un paraugas, ourizo de auga que se pecha sobre a treboada. Iván chámaa con acenos para que se achegue ao seu posto de salchichas, baixo os soportais da Casa da Conga, leva tres días alí, é moi estraño; o Concello non permite máis postos de comida na zona vella, agás durante a feira medieval, que os de castañas agora e os de xeados no verán.

- Por favor, lévese un dos meus paraugas -dille Iván.
- Vivo aquí ao lado, grazas -respóstalle ela, sen pisar o chanzo, molesta polo cheiro a chucrut e aceite queimado.
- Por favor...
- Por que?
- Non entendo...
- Por que? Por que me ofrece un paraugas? Por que está aquí vendendo salchichas?

Unha moza tan guapa non debe camiñar así baixo a choiva, estropeará a bonita roupa, enfermará, e percibe o medo, non, non é nada malo, só o paraugas, para ela, e unha salchicha con mostaza doce, é máis fermosa que San Petersburgo pero non come, non alemán, ruso, por favor, eu xa me vou, a policía perségueme pero é normal e non pregunte.

- Que fai en Galicia? Fala galego...

Non pregunte, vaia, vaia, aceptou o paraugas e con el a salchicha, se mañá inda anda por aquí devólvollo, non quixo carto ningún e comezou a camiñar, Ana. Ficaba Iván Dmitrievitch ollando como se esvaía na auga o esqueleto da súa beleza cando o abordaron catro tipos de traxe caro malo, dous agarraron del, outro meteulle a cabeza nun saco negro e o cuarto arramplou co carro fumeante.
_

Crónica do Celta-Depor

O Celta gañou 3-0. O fúnebre soño do presidente no palco, entre un e outro, estableceu o 1-1. Somos os mellores!
_

O pasaporte está no corazón

O grupo El Correo celebrou onte a XXIII edición de los Gallegos del Año. Nada que obxectar sobre os galardoados, mais como puideron esquecerse de Vargas Llosa (prefiro pensar que se esqueceron)? Acaso non o merecía máis que o resto? Así nos vai, así nos vai. Que O Escribidor non é galego? Por favor, non me sexan mexericas, eso non é relevante para o caso. Tampouco era español e agora o é.
_

E hoxe, Premio FAES a la Libertad!


















Aquí teñen ao Escribidor preparado para recibir outro premio, uns días despois, esta vez, o que xa é un valor en si mesmo, de mans do ínclito Aznar, co que departe co enxeño e sabedoría característicos de ámbolos dous. A medida do profundo e alado da súa conversa está na expresión de Mariano, escoito pero non entendo o que din, estos intelectuais é que non saben falar como falamos as persoas normais, como esa maioría silenciosa que me apoia.

- Don Mario, es usted el puto amo.
- Llámame Mario a secas, hombre, que ya son años, y el puto amo lo eres tú; yo sólo soy un pobre escribidor al que nunca le otorgarán el Nobel.
- Pero no te lo dieron el año pasado?
- Hostia, es verdad, se me había olvidado!
- Hombre... se podría hacer algo... para que fueras el primero al que se lo dan dos veces.
- La verdad, uno también come y tiene familia, qué vulgar, verdad?, y el dinero me vendría muy bien, si... me vendría muy bien.
- Tú déjame a mi.

Inda non sabemos se o único que se vai levar é unha escultura alucinante como aquela do rei, mais supoñemos que non, sería de mal gusto non estenderlle un xeneroso cheque.
_

Paciencia hai que ter co sisudo analista

Chegou do pobo de madrugada, prexudicado e disposto a que ninguén lle arruinara o discurso, paciencia hai que ter, logo de pasar unha festiva xornada electoral entre familiares e amigos e sen enterarse de nada ata eso das dez. Mal Jorquera mal. Romántico, falando, nas escaleiras do colexio, decidira votar ao Bloque e non a AGE. É AGE presente e futuro? É, mais agárdannos catro obscenos negros anos. Quedemos con Isaac Rosa e a “análise directa e (pro)positiva”, que dixo un que sabe, do Días de Raia.

Paseaba pola estación cun polbo mutilado e un queixo de pau santo mentras se lle confundían horarios e declaracións do PP nas pantallas. Á farmacia por un bote xigante de vaselina; para esmagar ao repugnante presidente e o seu repugnante séquito.
_

Unha entrevista para a posteridade

Endexamais, na historia do invento da democracia, os cidadáns tivéramos oportunidade de ler unha entrevista na que o candidato a presidente respostara ás preguntas dun medio de comunicación con semellante franqueza e claridade. Foi posible grazas ao Dioivo e, naturalmente, ao candidato. Entrará nos anais todos. Pénseno (antes de votar) porque non é o mesmo un candidato que vai saír na Enciclopedia a outro que nin na folla parroquial. Pasma a interacción entrevistador-entrevistado, como o primeiro logra que o político, un político importante, se aveña a un cuestionario que xa na segunda pregunta se convirte en fluído diálogo. Unha xoia.
_

A miña filla é unha terrorista (eu non)

Volveron a facelo, meteron ETA nunha frase na que se referían á folga convocada para mañá polas ANPAs para lanzar a sospeita, para criminalizar ao colectivo. Desaparece ETA e os corifeos de Aznar e Mayor Oreja continúan. Tódolos xornalistas que van de civilizados coincidiron esta mañá en (pretender) denuncialo, cada un ao seu xeito. Habería que investigar a conexión desos profesionais.

Eu, como home e pai de lei, estou preocupado porque a miña filla non vai querer ir a clase, e teño que convencela de que eso está moi feo, que só van faltar os malos, os fillos de familias sanguinarias.
_

Os problemas de espacio do Midas da literatura (e xa)

O dereito de cita está regulado. Quero dicir que se ti citas a un novelista, pensador ou poeta, suponse que dos de prestixio, non tes que pagar nada, só tes que lembrarte de escribir a frase entre aspas. Podes meter algo que liches de Walter Benjamin nun texto teu, é legal e segundo como o fagas quedará ben ou quedarás como un pedante. Citas a Flaubert e Flaubert non vai ver un can na súa tumba, mais non porque estea morto, porque foi parvo.

Vargas Llosa, mesmo defunto, cada vez que o cites, logo de escoitar o son dunha caixa rexistradora, cobrarache unha pasta. Xa se encarga o teu banco.

- E por que cobra tanto como suxires por unha cita?
- Coño, quen o cita?
- De tódolos xeitos os teus febles, pobres argumentos nútrense da envexa, a frustración e a preguiza dos fracasados.
- Vale, non che digo que non, amigo nutricionista.
_

Os problemas de espacio do Midas da literatura (II)

- Hostia, que recibimos hoxe unha obra de Vargas Llosa!
- Mario Vargas Llosa preséntase ao noso certame? Pois terá que gañar el e non lle podemos dar catro pesos e unha ración de polbo.
- Bueno, unha ración de polbo si, que non se come como aquí.
- Por favor, señores... en todo caso unha ración deconstruída, haberá que contactar con algún cociñeiro moderno.
- Pepe Solla?
- Non, joder, ese é de aquí, eu digo un Ferran Adrià, non imos quedar mal.
- E o polbo á feira pódese deconstruír?
- Paco, ti sabes o que é deconstruír?
- Claro, por quen me tomas, pásano aí por uns trebellos e sae unha cousa distinta co sabor concentrado.
- Vale, si, algo así pero mellor contado... A ver... Contía económica?
- Onde vai o tesoureiro?
- Acaba de marchar, dixo que se sentía indisposto.
- Pois que se tome unha aspirina pero xa.
_

Os problemas de espacio do Midas da literatura

O goberno mexicano, que non ten nada mellor de que ocuparse, creou o Premio Internacional Carlos Fuentes a la Creación Literaria en Idioma Español. Dotárono con 250.000 dólares e o gañador desta primeira edición foi... Vargas Llosa! Este home é un fenómeno, penso que de presentarse ao XXIV certame de relato curto de Chandrexa de Queixa, tamén gañaría, e no concello apañaríanse para que non se levara un cheque que os deixara de miserables. Xa os do Planeta, se non lembro mal, subiran de 50 a 100 millóns de pesetas a contía do premio cando llo outorgaron a el.

Que asombrosa capacidade de cativalos a todos, editores, escritores, críticos, presidentes de goberno, banqueiros, Grandes Defensores da Liberdade en Xeral. Non sei se lle quedará sitio no faiado dalgunha das súas casas para gardar a escultura-para-quedar-ben coa que acompañan aos cartos.
_

Días de 2012

Fun eu quen escribiu unha frase como esta: “Analizar, analizar, non hai nada que analizar; é escribir; estaría ben se contando algo de interés para alguén, neste caso para a lexión de seguidores de Radiohead no país, que ben podía superar en número aos votantes do PPSOE”.

Pregunta: a quen carallo lle importa o estado creativo dunha banda de música pop (ou do que sexa)? A min non, dende logo, é dicir, si, proporcionalmente á medida na que fuxo da miña propia vida, da miña estúpida cabeza. A perpetua distracción. As treguas son falsas ata perder o pudor para soltarlle o rollo ao primeiro que pasa.

Baixei a Cacheiras e topeime nun bar cun ex veciño de Montouto, moi boa xente. Eviteino, porque non quería falar con ninguén, ata que saímos a fumar. Contoume a súa vida, seguín o seu relato e sentinme ben, polo que logo sentinme mal.

Na peixería do supermercado pillei un número que non cheguei a empregar. Pillei bacallau conxelado e trouxen o número nun peto, para botar en “papel e cartón”.

Estou ollando un documental sobre Morrissey, anos resistíndome. Morrissey alimentando o mito de Morrissey.

A quen hostias lle interesa algo tan patético como o autogoberno (el gobérnase para os seus) de Feijóo?

Hai que facilitarlle a vida ao inimigo.

Estou ata os putos collóns, o espacio sóbrame e fáltame e négome a instrumentalizar, falsa puta desculpa, e se o digo é porque o fago.

Oh, serenidade!
_

O estado das cousas de Radiohead


Watch Radiohead on PBS. See more from Austin City Limits.

Este é un concerto pequeno de Radiohead alá en Austin, Texas, terra de promisión, se nos agarramos aos tópicos, a lo menos para os Bush. Pequeno de curto, que non se tiran dúas ou catro horas, non íntimo nin acústico, que tampouco nos vai. Traémolo, unha porque case sempre nos gusta, e outra porque dá a medida de por onde anda o grupo despois de publicar o, deixémolo en difícil, The king of limbs. Apenas unha hora, comezan polo material novo e rematan co clásico. Ao que subscribe o novo non lle entra e non pensa esforzarse (máis), mais aplaude a coherencia, o son está moi ben, son profesionais.

Analizar, analizar, non hai nada que analizar; é escribir; estaría ben se contando algo de interés para alguén, neste caso para a lexión de seguidores de Radiohead no país, que ben podía superar en número aos votantes do PPSOE. E si, o título da entrada está sacado daquel disco de Kortatu.
_

Vicioso

O desexado afundimento da nave de Cebrián

Pere Rusiñol, ex El País, explica con claridade pedagóxica (pedagóxica, non demagóxica), a ruína do grupo PRISA, que ten outra desembocadura esta semana nun ERE que afectará a máis de 130 escuros traballadores. Tamén estiveron vivindo por riba das súas posibilidades. Os que fican son directivos, editorialistas e sinaturas. Esos non viviron por riba das súas posibilidades e conforman o valor da marca, claro que si.

Os despidos suponse que entristecen a calquera persoa cunha sensibilidade civilizada. O afundimento das empresas de Juan Luis Cebrián e a súa vontade de adoutrinamento, coido que non.
_

O café do noso presidente


Apetécelles outro? Visiten feijoo2012, a moka non ten límite.
_

Arquivo do blog

Outro

A seguir

ecoestadistica.com
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet