Os Rolling xa cumpriron



Esta canción fixo que a coñece Beethoven, ou cando menos Johann Sebastian Mastropiero que nunca. Coñécena friquis e melómanos, políticos e deseñadores, albaneis e arquitectos, vivos e mortos. A Casa Real. As súas Satánicas Maxestades. Non é Angie nin (I can´t get no) Satisfaction, pero a súa popularidade e a nómina de artistas máis ou menos consagrados que a gravaron impón, non sei qué impón pero tanto ten.

Da versión que nos ocupa serviuse Budweiser para un anuncio a comenzos dos 90, que é o de menos; o que importa, por se alguén non se decatou, é que é dos Sundays. É xa outra canción, unha canción dos Sundays. Os Rolling xa poden presumir.
_

Muro de pago, fonte de auga pura

Chámanlle muro de pago a cobrar por ler o xornal en internet. O New York Times está ensaiando coa fórmula. Por unha banda busca recuperar a financiación que perdeu en axudas públicas e, sobre todo, en publicidade (gástase menos en publicidade, e o que se gasta está abondo máis repartido). Por outra busca diferenciarse dos medios gratuítos, vendendo unha imaxe de marca seria, histórica, contrastada, de-ca-li-da-de, colega.

Jaume Guillamet, catedrático de Xornalismo da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona, remataba onte na tribuna de El País coas seguintes palabras:

Ya en 1922, se quejaba Walter Lippmann, en su clásico La opinión pública, que "a nadie se le ocurre pensar ni por un momento que lo lógico es pagar a cambio de leer un periódico", que "todos esperamos a que mane el agua de la fuente de la verdad". Sus palabras no han perdido un ápice de actualidad.

A que queda ben? A min case me convence, porque esa “auga da fonte da verdade” non vai brotar por antollo, non é algo ao que se teña dereito, agora que todo o mundo sae á rúa con máis dereitos que un Borbón, haina que traballar contra a vontade dos potentados, aos que, casualmente, serven medios como El País, The New York Times e moitos outros. Ou sexa, que nin auga nin fonte nin verdade.

O neoiorquino vai cobrar non sei se 20 dólares por catro semanas de acceso ilimitado á súa web, que ficará de balde para os subscritores da edición impresa.

El País pode cobrar o equivalente, ou moito menos se quere; é a escusa perfecta para que os febles coma min deixemos definitivamente de lelo; son contados os bares que teñen El País en Santiago, camiñar pola zona vella é como mergullarse nunha fonte de auga pura de verdade.
_

Volve a caricatura dos banqueiros






















O home gordo, cara de poucos amigos e puro, os polgares metidos nos petos do chaleco, do que colga a cadea do reloxo de ouro, a verdade é que nunca perdera vixencia. Pode un lembrar a George Grosz (Life of a socialist, titúlase o debuxo de enriba), ou de preferir algo actual, ollar a breve entrevista que lle fixeron o outro día a Neil Hannon os de Mapa Sonoro nunha churrería de Madrid; está pavera. O líder de The Divine Comedy conta de qué vai unha das súas últimas cancións, The complete banker, que interpreta ao piano.

O descrédito dos banqueiros será pasaxeiro e sen consecuencias negativas para eles, ao contrario que a crise que sofremos os de abaixo, crise que será longa e nos empobrecerá máis, porque non nos rebelaremos (obviedade número 1). Deso fala, con británica educación, o artista norirlandés.
_

Dous días despois

Queremos facer outro chamamento á poboación, dende aquí, dende a súa casa, O Heraldo do Caramuxo, o boletín que sempre toca. A ver o, outro chamamento, si, agora que lle collemos o gusto, qué pasa, fano outros e ninguén os ameaza cun bombardeo da OTAN. Reláxense (o que non se debe dicir nunca a unha muller histérica). Ante todo reláxense porque temos a web ateigada co asunto das apostas.

1º) Os nosos informáticos están a traballar arreo para que todos poidan enviar a súa aposta antes de que finalice o prazo, lembren, hoxe ás 12 da noite.

2º) Quén foi o que puxo “Eu, Mourinho”? Esa é unha biografía autorizada do adestrador madridista que aínda non está nos escaparates das librerías. Manexa información privilexiada?

Outro chamamento faremos, xa comenza a cansar, aos concursantes e todo eso, polo xogo deportivo, non, cómo é, polo espírito olímpico, moito mellor, non fagan trampas, que queda feo. Pensen no Discóbolo, diantres.
_

(Alarmante) última hora

Os corresponsais do Heraldo do Caramuxo en Granada confirman que antes de comenzar o encontro entre as seleccións de España e a República Checa, encontro da liga de clasificación para a Eurocopa do 2012, o cuarto árbitro sorprendeu a Sergio Ramos nos servicios públicos lendo un libro. Conscientes de que o feito está xa, nestos precisos instantes, a causar unha hecatombe no ánimo da nación, dende o Heraldo do Caramuxo queremos facer un chamamento á calma, que non renda o pánico, espalládevos que vou centrar, non, en serio, lembren que moita xente le libros, xente tan (presuntamente) dispar como Pérez-Reverte, Almodóvar, Yolanda Castaño, Obama e mesmo Feijóo, si, o presidente de todos os galegos, e todos lles aplaudimos (o que estea libre de culpa que tire a primeira pedra; pero que apunte ben). O caso é que, si, compañeiros, gracias, si, os nosos compañeiros os enviados especiais, desta a súa e a nosa casa, O Heraldo do Caramuxo, o boletín que sempre toca, tiveron acceso ao libro que lía o lateral dereito español.

Adiviñen.
_

As coincidencias existen, amigos

Escribiu Ernesto Ekaizer, ex gurú de El País e ex gurú de Público (ao que regresou, como máis comedido, tras unha demanda laboral):

El martes 15 de marzo, dos días antes de la reunión del Consejo de Seguridad, 1.500 soldados de Arabia Saudí y Emiratos Árabes Unidos llegan a Bahrein para reprimir las movilizaciones y defender al príncipe coronado. El viernes 18, mientras se está preparando la renovada dosis de "conmoción y pavor" sobre Libia, incluido el ataque a la residencia del dictador Muamar Gadafi, tiene lugar la masacre de Yemen, con más de 50 civiles muertos y 200 heridos.

Poden ler o artigo enteiro.

Quere dicirse que a intervención en Libia non se debe só aos manidos intereses comerciais no país; armamento e recursos enerxéticos; redundando nunha manobra de distracción para protexer os intereses na rexión, que pasan por manter no poder, renovados, discretos, aos “nosos fillos de puta”.

Segue a política a ser teatro, como ensinan os clásicos? Se así é, o teatro é cada vez peor, reducido a golpes de efecto e maquillaxe, coa fin única de ser hipócrita voceira do mercado e esas simpáticas axencias de rating.

Claro que se sabes xogar as túas cartas, como Blair ou Aznar, podes rematar escribindo libros.
_

Galileo seguirá buscando












A grande onda de Kanagawa (1826-1833), Katsushika Hokusai

Dise que un buraco negro é unha singularidade onde a gravedade máis intensa curva infinitamente o espacio-tempo formando o pozo definitivo do que nada pode saír. A astrofísica explícase con metáforas ás veces preciosas, sempre desasosegantes. O de Xapón non foi un buraco negro, pero o océano amagou con tragarse o arquipélago; mar na terra, mar sobre o monte Fuji.

Pániker di que os poetas, os pensadores, abríndose ás ciencias, teñen que renovar o seu armario de metáforas.

No Ukiyo-e ocupáronse de retratar a forza da natureza. Ukiyo-e: estampas do mundo flotante (para nada se cinguían ás paisaxes); qué brutal sutileza. Un bolero agora é unha fórmula para os devanceiros de Ptolomeo e Galilei.
_

Asedio en directo á drag queen

Esta é a portada da folla parroquial de hoxe: “Dos F-18 españoles realizan su primera misión sobre Libia”. Impresionante, vaime estoupar o peito como un globo de orgullo nacionaldemócrata. Estamos cos bos, cos mellores. Non foron catro tractores e unha mula. Dous F-18.

O risco da intervención é moderado, polo que as familias dos militares poden estar tranquilas, o mesmo poden contactar cos heroes a través dalgún chat.
_

O sombreiro da pequena















Velaquí estou eu ataviado co sombreiro e o mostacho mexicanos que me agasallou a miña filla. Non, non era o entroido. Era o día do pai, outra desas datas que inventaron a Igrexa Católica e El Corte Inglés. A nena quere ao seu pai e sabe o que lle gusta. O sombreiro traía dentro tortas de millo, chiles jalapeños, aguacates, tomates, cebolas, pementos (papá, son de plástico), queixo, polo, raxo... todo o preciso.

Os chiles eran frescos, suaves, cun picante longo.

As cervexas voaban.

Despois a pequena foi xogar coas súas amigas, e os pais ficamos de longa sobremesa, escoitando a Jorge Negrete, Eydie Gorme, Los Panchos... o que pedía o sombreiro.

Voaba a botella de reposado cando nos decatamos de que o Spotify supuraba propaganda do PPdG; hora de botar o sombreiro cara adiante e perderse dentro.
_

Fíxense na foto











Está o noso experto en política internacional lendo a prensa, posiblemente a do domingo, polo gordo dos xornais. O fotógrafo soubo captar na instantánea a alma do home que le, reflexiona e escribe. Sen roubarlla, como din que fan algúns demos coas súas cámaras. A alma de Lluís Bassets, coa súa pátina de papel e tinta gastados polo exercicio dos días, esa rotativa desbocada que só os máis preparados son capaces de temperar. Reunión de sabios, todas las mañanas; Evaristo soubo velo hai xa moitos anos.

Hai que fixarse ben, eso si. Non vale unha ollada superficial, nin reparar nas tapas de cores dos libros (esa fonte de sabiduría) que atesoura detrás, porque entón escaparáselle ao lector a crucial mensaxe: Lluís Bassets está lendo a prensa, coa man esquerda a piques de sinalar un parágrafo importante.
_

Damos crédito, estúpidos

Cabeza de arame
que o xirasol vira
                                     río pulverizado
tras o rastro animal
avións que anuncian morte nova
bandeira das boas intencións
                                                             barato
merque un pouco de conciencia
agasallarémoslle pan e leite
                                                          pague con tarxeta.
_

Noite de marzo

O lombo verde do cervo
semienterrado contra a lúa
                                                         espigas de metal
escintilan no carro que o amor
lle contratou no ceo aos mil ollos
                                                                     da trompeta
non culpable unha liberdade vella
como unha chaqueta
                                            armada con tizóns.
_

O cabaré ambulante da democracia

O que faltaba. O Gurú, o Sir, o Primeiro Presidente Negro dos EE.UU., o Home do Pobo, o Ser Humano, o Home que dixo que non ía ser doado, Moisés, Xesús, Buda, Premio Nobel da Paz, o Grande Orador, o Presidente de Todos os Galegos, oh, nós enaltecémoste, quere invadir Libia, pero suliña que non con tropas de terra (que soa máis abusivo para os libios e máis costoso para A Alianza Democrática).

Non con tropas de terra. Ou sexa, a aviación, apuntando para o búnker de Gadafi, cargarase a media poboación, e tres meses despois sairá Gadafi actuando nun cabaré de Berlín.

Zapatero pedirá permiso o mércores ao Congreso, non para actuar no cabaré, un pouco de seriedade, para estar con Obama, yes we can, ostiandios.
_

Sen rastro do avó Carlos















Estou a falar moi ben de Marxophone ultimamente, así que vou falar mal. O logo non me gusta, nada. O círculo, suponse que perfecto para unha casa de discos, non pega coa tipografía, nin vía contraste. A tipografía non anda tan lonxe do que a marca suxire, pero coido que as hai moito máis guapas, máis acertadas, e non necesariamente sucias. Podía ser o logo de Drácula ou o dun taller de reparación de neumáticos. Non vexo a Marx nin a Parlophone (si, a composición é a mesma, inutilmente).

No que non erraron foi no peto e a tinta; se Marxophone é algo así como unha pequena cooperativa de músicos que se autoeditan, é lóxico que partan dunha imaxe de marca efectiva, doada á hora de aplicala en web e económica en imprenta. Nada máis.
_

Os títulos de Alfaro















Xa se pode escoitar un adianto do novo disco de Fernando Alfaro, quen fora venerado líder de Surfin’ Bichos (algúns non teñen medida), gracias aos de Marxophone, que é un pouco como dicir gracias ao propio Alfaro. O disco, que sairá a comenzos de abril, titúlase “La vida es extraña y rara”, e está producido por Raül Fernández, Refree, co que promete sorpresas.

A portada, do ilustrador Joaquín Gómez Gálvez, é sensacional, e para que eu escriba sensacional hai que ir ao libro e poñerlle unhas candeas a alguén. Eu, para certas movidas, a verdade, tampouco mido moi ben.
_

Dúas entrevistas a Antonio Orejudo

Buscando Antonio Orejudo, a quen tanto eloxia Rafael Reig, en internet, din de entrada con dúas entrevistas. Orejudo semella un tío intelixente, culto e ben sinxelo. Non se trata de entrar en gustos literarios. A primeira entrevista, esta, é tan espesa que se o culto responsable me di que entrevistaba a Menéndez Pelayo eu créollo; puideron invertir os papeis, facendo Orejudo de entrevistador. Qué blog máis chungo (está claro que teñen moita máis Cultura ca min).

A segunda entrevista é a do seguinte vídeo:



Hai un entrevistador, ausente para os nosos ollos e oídos; presente nas respostas do escritor, respostas a preguntas concisas e interesantes, respostas nada esaxeradas. Nada pro-fun-do-que-te-ca-gas, Menéndez Pelayo, pero ben.
_

A charanga que lle faltou a Trotski















A tremenda cantiga de onte está sacada (literalmente) da película de Aki Kaurismäki “Leningrand Cowboys go America”. Os Leningrand Cowboys son un grupo inventado polo xenial director finlandés que logo cobrou vida máis aló do seu cine. A estética é tan excesiva como as cancións, con esos tupés e botas de punta imposibles, traxeados como os Blues Brothers, percorrendo unha Norteamérica de postal gastada na procura dun éxito que culminará na voda dun compatriota en México.

Cinco anos despois, no 94, gravaron a película “Leningrad Cowboys meet Moses” e o documental “Total Balalaika Show”, cos 160 membros do Coro, aí queda eso, do Exército Vermello, en Helsinki. Ten que ser unha experiencia brutal, inesquecible.
_

Leningrad Cowboys go America


_

Qué pasa con Wisconsin

Hai que silenciar aquelas novas que non son de interese para o lector, e son os medios os que saben e deciden, naturalmente, o que é e o que non é de interese para o lector. Wisconsin non o é. O que está a pasar nese estado norteamericano é demasiado grave, podería prender a mecha da conciencia do lector, o que non se pode tolerar en ningún caso, non imos estragar agora o traballo de tantos anos axudándolle ao noso querido lector a pensar correcta e incorrectamente.

Scott Walker, gobernador gracias aos sinistros irmáns Koch, coa escusa do déficit presupuestario, estase cargando dereitos fundamentais dos traballadores públicos, involucionando hacia un capitalismo cavernícola que a ultradereita quere exportar ao resto de estados.

As análises en profundidade non son o meu. Déixolle ao lector as ligazóns a un artigo de Noam Chomsky e a algúns medios que si se fan eco da nova, como Kaos en la red e Rebelión.

A caixa de texto tamén sabe dirixir ao lector, aínda que o lector non lle faga nin puto caso.
_

Eles críanse e o Empresario xúntaos



Por falar. Anunciei un dueto con Antonio Vega e case case. A canción, que lle toca o carallo, é de Antonio Vega. A interpretación é de Enrique Morente, rexistrada nos estudios da SGAE de Madrid, cinco días antes de que palmara.

Oh, A Cultura! claro claro, e inda por riba eu sigo sen pechar a boca.
_

Hai liberais no pobo (II)

O outro día enterámonos de que ALS xa non existe; curta foi a fermosa vida. Pero qué poderosos os perfumes, en qué leitos espléndidos caemos, a qué praceres demos os nosos corpos, di Kavafis. Mais non corramos tanto; o partido aínda existe e segue a chamarse igual; acontece que en Xixón había uns que empregaban as mesmas siglas, que aos liberais vailles a promiscuidade, tendo que cambiar a orde das mesmas. Agora é SAL.

Da anécdota ao abuso do erario, se reparamos nas Cousas de Sanxenxo. O aluguer dun baixo na rúa Luis Rocafort que paga a Xunta, antes aproveitada aula de dinamización informática, será a sede do novo partido. Louzán sabe quén lle quere ben.
_

Un respecto para R.E.M.



Os anos de gloria e fame, de curiosidade e sorpresa, de seguridade e risco, pasaron, pero queda o oficio, o compromiso, por qué non. A canción pertence ao novo traballo do grupo, Collapse into now. O vídeo é obra da famosa artista francesa Sophie Calle, que será moi famosa pero eu non a coñecía de nada.

En Vanity Fair din que é unha artista conceptual, polo que non é raro que a ignorara, que para eso ten un prexuízos. Sérvese dun cabalo mexando para provocar.
_

Atención, residentes do arrabalde

Unha vaga de delincuencia e terrorismo arrasa as aforas de Compostela. Non o digo eu, senón a policía, a raíz do enfrontamento que mantén co deputado nacionalista Bieito Lobeira. Qué calado o tiñan. As dimensións semellan equiparables ao sismo que embestiu Xapón (8’9º na escala Richter). Rumanos, kosovares, bloqueiros e un serbocroata que entrou a roubar no domicilio dun garda civil (esto contáronmo no bar) con mofa incluída, pois aproveitou as existencias fumándose in situ un puro e tomándolle unha copa de coñac “do bo”.

Paseime a noite cravando madeiros nas fiestras, e corrín un armario Segundo Imperio contra a porta da entrada. Non vaia ser o demo. Preguntarase o amable lector de ónde sacamos nós un armario Segundo Imperio, pero non satisfarei a súa curiosidade, que o mesmo chama a policía á porta.
_

Estudio sobre a creatividade

Estou máis tranquilo cando non se me ocorre nada que cando o que se me ocorre é malo; entón teño gañas de escachar a cabeza contra as paredes.

E se todo o que se me ocorre é malo, innecesariamente malo? É moi probable, e non o digo por masoquismo nin, dende logo, por malditismo.
_

Unha humillación sen importancia

Saberán mellor ca min o que lle pasou a Bieito Lobeira con Tráfico. A estas alturas (unha vez máis). Fixo que non tiña nada que ver, aínda que el igual non puido evitar algo de teatro, como os futbolistas, árbitro, árbitro, que esos animais van por min, e eu tampouco son Messi.

O carallo é que ao árbitro xa sabemos quen lle paga, por moito que diga o SUP, Sindicato Unificado de Policía. Ou non. Por qué non poñer todo no seu sitio.
_

Nacionalicemos a Barreiro Rivas

I don´t need you, or your morality to save me [...] or your benevolence to make sense [...] or your homespun philosophy. Morrissey

Escollen os xornais a folga programada polos traballadores de AENA, que iniciaban hoxe as xuntanzas coa empresa para evitala, como nova a vender, a vender como unha ameaza para os cidadáns, lembrando a infame folga dos controladores aéreos. O dereito a folga está moi ben, pero non me fodas as vacacións ás que teño dereito. É como vender insolidariedade. AENA será privatizada (o goberno, como sempre, xoga ao engano e di que será “pouca cousa”).

Quédome cunha columna, logo de ler a Isaac Rosa, que o pobre porfía en defender os dereitos dos traballadores: a columna de Xosé Luís Barreiro Rivas en La Voz de Galicia (qué sería de nós sen La Voz). O politólogo, tan liberal e independente, oes, apela aos números e o sentido común; AENA, como Telefónica e tantas outras, debe ser privatizada porque dá perdas (que pagamos todos) e un servizo malo; só gracias á privatización gañará competitividade e eficiencia, que é como dicir que toda empresa estatal é ruinosa por definición.

A min de pequeno ensináronme que eso é ser tendencioso, pero se o politólogo independente o di, vale, haberá que tragar coa autoridade dos seus números.

Unha vez máis, sacrificarémonos polo ben do Mercado, reflectido en favores entre políticos, directivos de empresa, banqueiros, xornalistas e demais fauna. A privatización cargarase moitos postos de traballo, incentivará a precariedade, e coa escusa de defender o dereito a unhas vacacións patéticas, non se atopará coa resistencia dunha poboación necesitada de vacacións patéticas.
_

Amor non correspondido


















Aínda hai xente que se resiste a abandonar a vella correspondencia, manuscrita, timbrada, sentimental. Como José Mª Ruíz Mateos, Marqués de Olivares, escribíndolle a Emilio Botín (para qué precisa el un marquesado). O e-mail é unha fría vulgaridade e Ruíz Mateos o sabe, que para eso naceu dotado de intelixencia e sensibilidade. Pensar que os traballadores e traballadoras de Clesa só se preocupan por traballar e cobrar, os desconsiderados.

O que non acabo de entender é por qué nuns medios publican esta carta sen típex e noutros con el, tapando o enderezo, número de teléfono incluído, do inefable marqués e empresario. Descoñezo a razón, non sei se Emilio Botín tamén.
_

Qué foi da escola holandesa (para os holandeses)

Tanta polémica coa expulsión de Van Pierse, o carniceiro de Rotterdam. A segunda amarela, obviamente, foi unha estupidez do árbitro, pero levaba méritos acumulados. Punto. Escudarse nela para xustificar o resultado é unha estupidez maior que a do árbitro, porque o xogador estaba no campo só para dar patadas, qué importaban 18 ou 20 pernas, e calquera troco do exquisito Arsène Wenger non ía cambiar esa mesquiña dinámica.

O colexiado repartiu xustiza con torpeza, pero repartiu xustiza sen ser decisivo. Resulta que ata lle recriminaron pitar tantas faltas, como se non as fixeran, esos que din que xogan ao fútbol e tiraron do manual de Mou.
_

Os porcos sempre van de cabaleiros

Díxolle Florentino Pérez a Salvador Garró, presidente de Gas Natural e culé, antes do partido de onte contra o Arsenal: “Son un cabaleiro e non quero que perdades. Confórmome cun empate”. Se invertéramos a situación atopariámonos co mesmo; esto non é unha crítica ao madridismo.
_

O tridente oficial

Pois foron Messi, Iniesta e Xavi. A ese equipo que din que xoga ao fútbol tivo que marcarlle o seu gol o propio Barça. E Van Pierse, a qué din que se adica o rapaz? E Arshavin din que é ruso; teño as miñas dúbidas, eu que adoro á alma rusa dende que lin por primeira vez a Dostoievski; Arshavin non é ruso nin inglés; non é de ningún sitio.

Iniesta (permítanme a idealización), pode estar tranquilo; non tivo que facer de heroe como en Sudáfrica; nin os de TVE repararon no que fixo, gracias a Messi, sen dúbida, o mellor xogador do mundo. Ónde se metería o fojeteiro madridista.
_

Expectativas contra o Arsenal

Villa Villa. Villa, xa pode facer algo máis que escanciar sidra para os colegas e escoitar eloxios, porque Messi, si, é o mellor xogador do mundo, pero Deus non existe (a estas alturas do partido, se existe, mellor que permaneza calado, desaparecido; Deus, quero dicir, non Messi).

A Xavi que o deixen ao seu, co compás e o tiraliñas, e Iniesta invisible, repartindo debuxos e espacios; o lume, qué é o lume? O Arsenal, esos que din que xogan ao fútbol?
_

O mundo despois de Phil Collins

O de hoxe é un día tráxico, un día de loito do que o mundo enteiro tardará en recuperarse, pois o peso de dito loito afundirá mesmo aos máis fortes corazóns. Non hai para min diferenza, permítanme unha comparación que só é frívola en apariencia, entre os atentados do 11-S e este aciago día, 7-M, no que Phil Collins anuncia a súa xubilación. Qué será de nós sen as súas cancións, e, sobre todo, qué será dos nosos nenos, a qué aberracións musicais fican condenados.

Afincado en Suíza, unha vértebra dislocada e algo xordo, 150 millóns de discos vendidos sen contar Genesis, o inigualable artista retírase, non cantará nin comporá máis nada. Lembro os discos que escoitaba un viciño cando eu era un mocoso.
_

Antón está de viaxe (XIV)

As dependencias policiais, nunha torre contigua ao Concello, ascendían en andares labiríntos que semellaban deseñados para que o propio Corpo Municipal se perdera; xeneroso edificio ao que como primeira misión se lle encomendara trasnmitir que o Alcalde velaba pola seguridade de paisanos e turistas; cubo de aceiro cun milleiro de espellos, ás veces abríase algún desos ollos vixía que enxergaban a orde e a calma de praias e porto, mentras as bandeiras oficiais ondeaban erguidas, duras, resplandecentes, cravadas no ceo do amencer. A Rosa mandárona ao terceiro andar, podía preguntar de novo no posto de información que atoparía ao saír do ascensor. Nun dos despachos do soto, coas Nike Backboard sobre a mesa, sen separarse do cubata de White Label, Ramón Tirofijo xogaba ao póker con tres policías; agora era o puto amo, the master of the universe, un deus escuro co poder de outorgar ou negar vidas, non, nunca un confidente, quen corta o bacallao, puaj, eso non, o rei do mambo, si, eso si, o puto amo, ostiandios, bícame as zapatillas, pringado.

- Brais! — Rosa atopouno estudiando o mecanismo das fiestras, fumando, nunha ampla sala de espera que tamén facía de cuarto da limpeza; un chaise longue de coiro vermello, revistas, vasoiras, fregonas industriais, botellas de lixivia e outros produtos.
- Qué, xa saímos no Heraldo de Negra Esmeralda, posiblemente a cabeceira máis longa da prensa mundial?
- Por favor, Brais, esto ten que ser un pesadelo. Antón e Alex aparecerán, non é a primeira vez que se perden nunha das súas viaxes, e logo resulta...
- Que pararan a tomar un café.

Convidouna a sentar; o sofá era do trinque, chegará a ser cómodo, aínda non se lle deu case uso, este é o símbolo da emancipación das mulleres da limpeza de Negra Esmeralda, oh, Ilmo. Sr. Alcalde, nós perdemos as bragas por ti!

- Brais, din que non pasaches a proba do polígrafo.
- Certo.
- Pero te declaras inocente...
- Obviamente, se non pasara a proba e me declarara...
- Brais!
- Qué queres, púxenme nervioso, pero non penses que me intimidaron, o que pasa é que precisan un culpable rápido.
- Culpable de qué?
- De qué vai ser, Rosa, terás que empezar a asumilo.
- Non.
- Si.
- Entón por qué te declaras inocente! Esto... esto... se é un xogo non ten ningunha gracia.
- Xa.
- Non hai probas, non hai nada, esto... non ten sentido!
- Pode, visto así, pero xa verás como acaba por cobralo.
- Qué queres dicir?
- Para comenzar, precisan un culpable, xa cho dixen, e teño que ser eu. Son a persoa máis indicada. Aínda que non teña valor para confesarche a ti...
- Pero Brais, non empeces...! — A Rosa desagradáballe o lugar, o chaise long, o cheiro a lixivia e a actitude de Brais, malia collelo das mans buscándoo, buscando algo claro na súa ollada, Brais, faino por min.
- Teño que ser eu, por eso colaboro. Non penses que non mo agradecen; a aquel que colabora coa xustiza permítenselle certos privilexios, por qué cres que me deixan recibir tan con-for-ta-bles, tan re-con-for-tan-tes visitas? Unha mágoa que eles e eu non empreguemos a mesma escala de valores, porque o de recibir visitas non é que me apeteza moito.
- Xa veu Inés?
- Por suposto! Interpretando o papel de Jackie Kennedy logo de que disparara o... cómo se chamaba o tipo aquel, Oswald, ou quen fora... Bueno, facendo de Jackie Kennedy; sempre se trabuca escollendo os seus papeis, eso si, ben que se entrega a eles, carallo, qué traxedia, qué cargante, apareceu de rigoroso negro e con kleenex brancos, fíxate, ela que sempre usa panos de cores infantís rechamantes e aparece con kleenex brancos, debeu parar no súper máis próximo e mercar unha ducia de caixas.
- Esto é moi duro para ela... para calquera.
- Pois semella como se para ti non o fora tanto, cando es ti quen ten que estar realmente histérica e rota, e non fas o ridículo. Es marabillosa, non por esto, claro, para nada, esto só é unha pequena mostra civil, digamos...
- Ela é boa, e quérete.
- As escalas de valores...
- Por favor, Brais! Veña, ven comigo, falaremos con quen haxa que falar, ti aquí non pintas nada, qué foi da presunción da inocencia?
- Rosa, presunción de inocencia, non sexas hortera; ademais, para qué soltarme se van ter que prenderme dentro dunhas poucas horas, hai que economizar medios e tempo.
- Con quén hai que falar aquí?
- Supoño que co señor comisario, ti sabías que en Negra Esmeralda temos comisario, comisario dos de película? Impresionante, e a modo, que é un tipo cojonudo, sabe facer o seu traballo e distingue a rectitude dos negocios deso que antigamente se chamaba rectitude moral, expresión esta que mesmo emprega sen falsedade, pregúntome cómo o deixaron chegar ata onde está; debe ser un estorbo para os manexos diarios ao que lle terán moitas gañas, ou tamén está no allo, pero non o vexo.
- E qué máis che dará a ti eso? Ai, sempre coas túas rapazadas... Imos falar con el, a-go-ra, e logo buscaremos a Antón — revolvéndolle o pelo, dándolle un bico furtivo, que o sitio non convidaba a máis, sorríndolle, un ollo negro, unha lúa como unha mazá aberta, con bágoas duras dentro, alfinetes de eneldo e a boca criminal a un lado, sombra e carmín e o sabes, esvelto catálogo de brisas furia de fanecas mornas rochas, antes, por favor antes imos, veña, atoparemos a Antón.
_

O poste repetidor de iniciativas

Inspired by Iceland Video from Inspired By Iceland on Vimeo.


Imprescindible entrada a do Proceso de rexistro sobre Islandia, unha revolución silenciada. Imprescindible porque, dado o ostracismo ao que está sometida, agora, a illa do géiser e Björk por parte dos medios, o único xeito de dar a coñecer o que fixo a súa cidadanía é tomándoo como unha carreira de substitucións. Como se de marketing viral se tratara, aínda que para Xosé Manuel Pereiro se reduza ao onanismo das redes sociais.

Remítolles ao artigo citado, nada teño que engadir eu. Como todas as revolucións, suponse que buscarán como pervertila e anulala, pero ninguén lle poderá roubar xa ao xeo este ano tan diferente, cun pobo soberano.
_

Arquivo do blog

Outro

A seguir

ecoestadistica.com
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet