Tomás F. Flores é un cabrón

É todo o que teño que engadir logo de ler a carta de despedida de Javier Gallego en Zona Crítica. Inda que reciba ordes “de arriba”, non podía negarse, mesmo dimitir para non ser cómplice da caza de bruxas (sempre patéticas)? Non, non podía, ti alucinas, non é parvo. Nunca me cheirou ben.
_

Disciplina inglesa 15815



Un título para un bestseller, non me digan que non, Mariano a dama de ferro, Mariano e o misterio da cripta embruxada, O código Frijolito, mais este non, este ten que ser Mariano e a dama de ferro, bondage, como pronunciaría Mariano a palabra bondage, con máscara? BDSM, as siglas dánselle ben. Escravo e ama que, a través das nádegas translúcidas e grises do primeiro, flaxela ás poboacións. Disciplina inglesa, pouco importa que a imparta unha alemá.

Habería cancións moi axeitadas para o caso de grupos como Radiohead, 2+2=5, mais prefiro a Parálisis Permanente, que había tempo que non os escoitaba e son máis suxerentes, máis abertos, podes sentir o coiro, saborear a bóla da mordaza.
_

Queda un doce goberno


















Adiantaron como prevían as eleccións para o da Xunta, decisión de Patxi López e asesores e Mariano e asesores que o presidente de todos os galegos se coidou de anunciar en Galicia, o parafuso fixando o ruxido de tigre ao corazón, cumprindo a súa palabra. Non imos entrar nos motivos do lehendakari, abonda cos do PP, que quere dous anos sen molestias en Madrid, entoando o seu éxito estival “Temos maioría absoluta”, para rematar as obras de demolición.

- Que tampoco son tantas hai que dacatarse, non se trata só de recuperar uns poucos dereitos, senón de reformar en profundidade o sistema, non, non, de rachar cunha democracia falsa, inxusta, ominosa, colonialista...!

Un que vai quecendo pola banda, desculpen, a verdade é que só quedan 55 días, ao que lle abafen estas présas da política sempre pode tirar para Sanxenxo, onde a vida é apracible, doce, como demostran os seus concelleiros nesta foto da Feira do mel; tulipas e iogures e filloas.
_

Que ben fixen en quedar na casa, noxo queixo

Do Praza Pública:



















Pola capela ardente pasou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, que cualificou a Pousa Antelo de "galego cen por cento", un galego "dos que necesitamos nos momentos de dificultade”, dixo. Feijoo concluíu que “Pousa Antelo é un dos derradeiros que marcaron unha forma de entender o país, unha forma de defender o país, dentro e fóra de Galicia. É un galego dos pés á cabeza que dedicou case un século da súa vida a sortear obstáculos sen cambiar de forma de entender a súa defensa de Galicia e poñendo sempre a defensa de Galicia por riba dos distintos obstáculos que tivo a súa vida”.

Vendo queixo do país, vendo queixo do país!, barato!, vexan!, vexan e proben o meu queixo do país!, au-tén-ti-co, au-tén-ti-co-quei-xo-do-país, desconto espacial para os empadroados en Lugo e Ourense, achéguense, comproben a calidade dos nosos queixos, elaborados con tanto esforzo e agarimo en Génova, ai Frijolito, non sabes o emocionante que é ollarte aí, transido e marcial, non sabes o que te quero, non o sabes ben.
_

Facturas escatolóxicas sen declarar

Terei que escribir a necrolóxica, pensei ao enterarme da morte de Avelino Pousa Antelo, este ano que me empurra á especialización no xénero (sentimento, afastamento, documentación, habilidade), fino xeito de dicir este ano que me meteu a cabeza no váter e aquí estamos, tira da cadea se queres. Afortunadamente, antes de poñerme ollei o vídeo que colgaron en Praza Pública e logo fun xantar que eran horas. Así remata el a súa intervención na Quintana 2009, “vai sendo hora de pensar que temos que facer algunha función importante que é ir xantar”, quitándolle importancia ao resto, é dicir, dándolla, mais ríndose do eco da megafonía.

Mañá ás doce instalarán a capela ardente no centro cultural da Ramallosa, a carón do Concello de Teo. Eu desta non vou, o mesmo me atopo co vómito ofimático de Frijolito e non teño gañas de montala, o mestre non se merece espectáculo tan pobre. O que queira saber del non ten máis que escoitar a nova cicatriz do vento. Bo proveito.
_

Un palanquín de pancartas coléricas

Non hai manifestación seria dende aquela esquecida Ronda Non; en canto conseguiron protexer as súas parcelas, moitos dos afectados recoñeceron que só defendían o seu interés particular, non abertamente, enténdese, se hai que facer unha estrada para unha urbanización que fenda o rural do concello con sacho sen escrúpulo, pois bueno, home, tampouco é para tanto, son cartos, mentres non pase pola miña casa. Mais para mañá ás 11 está convocada unha inédita, a dos afectados polas preferentes de Novagalicia Banco, que promete trasladar por un día a protesta do país de Santiago a Sanxenxo.

Fálase dunhas cinco mil persoas, ignoramos o número exacto de estafados polos ladróns de colo amidonado e piso coa sinatura de Telmo; suponse que a Praza do Mar será a Quintana; será a Taberna do Náutico o María Castaña (aproveitamos para facer un algo de publicidade subliminar)? Algún que eu me sei vai ter choio abondo.
_

O xuíz que saca petróleo dos casos perdidos

Que opinar de Julian Assange? Un non atopa moita diferencia entre chegar a presidente de goberno ou de escaleira e chegar a fundador de Wikileaks; algún mecanismo lento e retorcido ten que traballar aí dentro. Lembremos que foron xornais como El País os primeiros en vendernos a súa interminable mercancía desclasificada, e que esa mercancía que ía tumbar gobernos podía ser publicada na prensa rosa. Non é por pasarnos con el, semella unha vítima inxenua, ou cando menos enganada.

Ecuador concédelle asilo diplomático e seguimos igual: pasaríallo Suecia a EE.UU. para que alí o axustizaran como lles gusta? O único que ten claro o sisudo analista da vida política do pobo é que non debeu aceptar a defensa de Garzón.
_

Efectos secundarios do litio

Un murmurio expándese por internet como ondas na auga: que Iago Aspas só faga retweets de frases de Bob Marley non pode ser coincidencia. Picado pola cóbrega da curiosidade inútil, decidín investigar, e que o de Moaña tome por ideólogo de 140 caracteres a un xamaicano universal pode ou non pode ser coincidencia, daríalle por aí como lle podía dar por Phil Collins ou Loquillo, que me perdoe a comparación, pero é irrelevante para o caso. O que non é coincidencia é o seguinte retweet: 

“El Depor ficha a Marchena y se pone en cabeza en la pugna por el descenso a Segunda División”

Esto si é Iago Aspas, sen coincidencia, rivalidade futbolística, con franqueza futbolística, nada de baballóns reprimidos que logo a van montando por aí, Iago Aspas sempre lle desexará o peor ao Depor e non pasa nada, non mata coruñeses. Everyhing’s gonna be alright.
_

O que non me gusta do mercado ecolóxico dos Tilos

Sen pudor. Á hora de pesar e cobrar, case todos redondean hacia baixo, e piden permiso ou perdón se non teñen unha desas luvas de plástico para “manipular” froita e verdura; non valoran o seu traballo e eu enténdoos porque, que me desculpen, non traballo no campo, a min tamén me pasa. O traballo de cada un pode estar máis ou menos conseguido, pero todos están traballados: fica o longo cambio de mentalidade, pero xa se vai andando.
_

Sesión de terapia no Hórreo

O foco na cara, que se vexa ben. Os demócratas interrogan a un preso de idiotez, polo seu ben:

- Sofre vostede neurose obsesiva en relación ao noso presidente?
- Si.
(Electrochoque)
- Sofre vostede neurose obsesiva en relación ao noso presidente?
- Si.
(Electrochoque)
- Sofre vostede neurose obsesiva en relación ao noso presidente?
- Si.
(Electrochoque)
- Sinte vostede atracción sexual polo noso...
- Esa si que é boa!
(Dous electrochoques)
- Sinte vostede atracción sexual polo noso presidente?
(Vómito, un electrochoque)
- Medite as súas respostas: é o noso presidente azul o príncipe da austeridade e a democracia?
- Ti que cres?
(Tres electrochoques)
- O noso presidente é galego?
- Si home si, como Galicia Bilingüe e Rosa Díez e Fernando...
(Catro electrochoques)
- Sofre vostede neurose obsesiva en relación a...?
- Si.
(Cinco electrochoques)
- Envexa xudeomasónica pola maioría absoluta do presidente de todos os galegos, o noso presidente?
- Chúpame...
(Cinco electrochoques, fel)
- Como andamos de marxismo trasnoitado?
- En forma, inda que se pode mellorar.
(Seis electrochoques e unha patada nos collóns, máis fel)

Remata a sesión. Chaman á señora da limpeza.
_

Instrucións para o salto de pértega

Despois non vaian dicindo por aí que non cubrimos as olimpíadas, enviamos a todos os nosos atletas frustrados a dar severa conta do que facían os conxéneres en Londres, caso do presidente, que como os reis de antes, na batalla, van diante, para insuflarlle valor ás tropas (non se confunda insuflar con sulfatar, termo abondo máis nobre). Como nos xogos non se pode ir armado de espada nin con estandartes de lingua de dragón, o presidente decidiu que atacaría con pértega, espalládevos que vou centrar.

O presidente, a quen as aspiracións non lle impiden ser un rapaz guiado, agarrou a pértega por un extremo e botou a correr cravándoa, a pértega, na fenda metálica que o elevou por riba do listón dos 6,14 da democracia de Serguéi Bubka, récord mundial, ovación do público, antes de caír fóra do colchón.
_

Capítulo serenísimo de terror















Andaba o noso presidente xogando cunha pantasma, tirándolle da corda, confiado, escoltado por unha muller guapa e un home serio, se tiro por aquí deixo espida á pantasma, Paloma, son un mago, un bruxo capaz de comunicarse co máis alá, olla, e Paloma ría cun riso perfecto que non lle costou manter cando se desvelou a identidade da pantasma, mesmo semella dirixirse a el, ola, señor Fraga, que ben o vexo, mentras Frijolito revelaba unha falsa sorpresa e unha curiosa repugnancia, ahhhhhhh, esto non pode ser real.

Que lle desagradaba tanto, a entreperna de don Manuel, os dous metros e máis de seiscentos quilos de bronce? Tanto ten porque o finado xa non manda, máis albariño, para un día que pode deixádeo gozar, porque el tamén ten ao Estado na cabeza.
_

Aguanta unha lexislatura e xa terás

A xente de goberno enfróntase a un grave problema: non pode gozar das súas vacacións, ou cando menos non pode deixar que a ollen gozando das súas vacacións, a imaxe dun político importante como Rajoy ficaría moi danada de ser sorprendido fumando na praza de touros de Pontevedra ou tomándose unha caña cos amigos na Taberna do Náutico en Sanxenxo, advírteno os seus correlixionarios, os fotógrafos axexan acazapados nos lugares máis inverosímiles, nos sumidoiros, detrás dos farois, soterrados na area, da soidade do pazo á tristura de contratar un camareiro para que te sirva na casa coas persianas baixadas, que vida máis puta nos tocou vivir, estimado colega italiano, que vida máis puta, comentará con resignación, coidándose de que ninguén máis oe o que di, en fin, aguanta unha lexislatura e xa terás tempo para un lecer de altura, escoita, estou feito un poeta, estimado colega español.

O sisudo analista da vida política do pobo recomenda para o caso ignorar lecturas para quedar ben, queimar a Maquiavelo, que non hai quen o entenda, e disfrazarse con eficacia, que para eso se lle paga ao equipo de asesores, sabendo escoller para cada ocasión entre un solemne abano de traxes, de Spiderman a chacal, de criado a turista ninfómana con pareu e sombreiro de palla, ponme outra, cariño, non sexas malo.

En Días de raia, desesperados na captura de lectores, enviamos un equipo de 64 fotógrafos, asesorados pola BBC, a Sanxenxo, na procura da instantánea sensacionalista do vran, mentras que para a praza pontevedresa servirémonos do sinal de Canal+, agardando que as cámaras que lle colocan aos miuras nas hastas capten o inefable intre no que presidente de España e presidente da Xunta, coa bendición do presidente Louzán, se tocan os collóns.
_

Arquivo do blog

Outro

A seguir

ecoestadistica.com
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet