Aguanta unha lexislatura e xa terás

A xente de goberno enfróntase a un grave problema: non pode gozar das súas vacacións, ou cando menos non pode deixar que a ollen gozando das súas vacacións, a imaxe dun político importante como Rajoy ficaría moi danada de ser sorprendido fumando na praza de touros de Pontevedra ou tomándose unha caña cos amigos na Taberna do Náutico en Sanxenxo, advírteno os seus correlixionarios, os fotógrafos axexan acazapados nos lugares máis inverosímiles, nos sumidoiros, detrás dos farois, soterrados na area, da soidade do pazo á tristura de contratar un camareiro para que te sirva na casa coas persianas baixadas, que vida máis puta nos tocou vivir, estimado colega italiano, que vida máis puta, comentará con resignación, coidándose de que ninguén máis oe o que di, en fin, aguanta unha lexislatura e xa terás tempo para un lecer de altura, escoita, estou feito un poeta, estimado colega español.

O sisudo analista da vida política do pobo recomenda para o caso ignorar lecturas para quedar ben, queimar a Maquiavelo, que non hai quen o entenda, e disfrazarse con eficacia, que para eso se lle paga ao equipo de asesores, sabendo escoller para cada ocasión entre un solemne abano de traxes, de Spiderman a chacal, de criado a turista ninfómana con pareu e sombreiro de palla, ponme outra, cariño, non sexas malo.

En Días de raia, desesperados na captura de lectores, enviamos un equipo de 64 fotógrafos, asesorados pola BBC, a Sanxenxo, na procura da instantánea sensacionalista do vran, mentras que para a praza pontevedresa servirémonos do sinal de Canal+, agardando que as cámaras que lle colocan aos miuras nas hastas capten o inefable intre no que presidente de España e presidente da Xunta, coa bendición do presidente Louzán, se tocan os collóns.
_

Nenhum comentário:

Arquivo do blog

Outro

A seguir

ecoestadistica.com
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet