Xa sabemos (tarde) onde quedaron españois e alemáns

Terei que morderme a boca, non vaia ser que rompa o establecido revelando o nome dun “coñecido hotel compostelán de catro estrelas, coñecido pola súa tranquilidade e o seu spa”, vaia trapallada, o guapo era averigualo con antelación para poder deslumbrar aos privilexiados padais de Europa con pratos de cociña molecular deconstruídos con dinamita. O spa sempre se podería reconstruír, alguén traballaría. Fundación Konrad Adenauer: Reaxustando a relación entre Europa e os Estados nación - As leccións da crise

Supoño que formo parte da Unidade de Xestión de Activos Singulares de Novagalicia Banco.

Frijolito non, tamén estivo alí, de anfitrión, eloxiado (en castelán feminino) como “pioneiro á vangarda” da austeridade, aínda que en Madrid non o queiran ver. Fican, sen atentado terrorista, as leccións que, máis que impartir, se reparten entre eles, e unha “masaxe de relaxación xeral con aceite de ouro” (existe).
_

Gaivotas na caluga de Valladolid

Un peixe lúa aparece ás veces nas nosas costas. Peixe grande e raro, cando asoma vello ou esgotado, ergue a aleta dorsal sobre as ondas de chumbo como se fora unha vela (non unha quenlla), ladeándose para que o vento o leve, servindo de branco ás gaivotas. Un exemplar chegou hoxe a Balaídos na segunda parte. As gaivotas sobrevoaban a herba diante das cámaras, o Barça B perdeu o balón e o Celta atopou por fin a rede de Oier. Primeiro atopouna, logo percutiu ata catro veces.

Perdera o Deportivo e gañara o Valladolid e o siso pediría esos resultados ao revés, non importa, todo é posible, aínda poden as gaivotas albiscar máis peixes lúa. O equipo demostrou xogo, estado de forma e fame predadora. E falta a media hora de Cartaxena.
_

O segredo está na pel

Poden ler en Gràffica o que opina un deseñador sobre os concursos tan de moda. Ao que convocou Heineken agora hai que sumarlle, por exemplo, o de Telepizza, empresas prósperas que non poden permitirse pagarlle a uns profesionais, + democracia, calquera pode ser o autor dun logotipo importante, vencer entre milleiros de propostas, alimentar o seu ego e levarse 1.000 euros.

Empresas prósperas, empresas modernas, pretas, adoran á xente, son coma ti e coma nin, son como as enerxéticas, sensibles, sempre preocupadas pola túa ledicia e a salvación do planeta verde que te quiero verde, verde viento, verdes ramas.

Eu presentareime ao de Telepizza; como queren algo continuista, simple, voulles mandar un bongó; a pel será a pizza e os triángulos na madeira, as porcións: telepizza, o segredo está na pel (dos traballadores). 

Como se dicía antigamente, cada un que obre en conciencia.
_

A vila foi visitada por María Cristina de Habsburgo-Lorena

Imos cun pouco de punk da casa (o da casa é un claim infalible, intocable, dende antes de que nos meteran o anglicismo). Chámanse Terbutalina e saíron do fermoso e castigado concello de Muros. Agradecidos ficamos a quen nos puxo sobre a súa pista. O seu primeiro disco, Broncodilatador, pódese escoitar e descargar aquí, onde explican marabillosamente de que van. Resume:

“Cada dose de BRONCODILATADOR contén vinte e pico minutos de gastropunk a toda hostia”

Lembran aos primeiros Siniestro Total, o sisudo analista mareará con que se punk e garaxe e ska e surf, a quen lle importa se nos quitan vinte anos do lombo en minuto e medio, eso si, baixo receita médica.
_

Gloria a Mourinho nas alturas

Todo para el e os que o imitan (non é difícil imitar a un mediocre). Longa vida ao fútbol avaro disfrazado de estupideces. É certo que o Barça perdeu inspiración e criterio, acosado permanentemente por ducias de equipos miserables, mais nada que reprocharlle, ao contrario, merécese tódolos recoñecementos, á marxe de títulos para aparentemente machos. Case mellor así, a ver se os de Guardiola poden volver a xogar nun campo de fútbol e non nun puto campo de minas.

Por certo, estou co PP, hai moito que cambiar en TVE, comezando polos que retransmiten os partidos, que producen arcadas e non por madridismo.

Desta volta o Barça era, é, algo máis que un club cinguíndose ao futbolístico. Que lles aproveite a todos os comemerdas.

E a comparación entre Messi e Ronaldo é e sempre será gratuíta e grotesca.

Ala, xa poden ler o Marca, a David Gistau e a Manuel Jabois (ai a envexa).
_

Deseñador un pouco anticapitalista

















Esto é de Andrés Requena. Se queren ollar máis, entren na súa web. Se queren saber, piquen onde about, aí ten o pertinente autorretrato: contra a non información diaria e a favor de Guardiola, remata declarándolle amor eterno a Messi. Os deseñadores son xente moi rara, e agora que o penso, poucos debe haber do Madrid. Por algo será.
_

Descalabro do PNV pensando nas vindeiras eleccións

















A esto os que saben chámanlle restyling; vas ao taller de confianza e pídeslle ao xefe que saquen lume contemporáneo dun cacharro do 77. Como cobra ben, o xefe asegura que se tiraron seis arrepiantes meses coa faena. Imaxinade o que opinan os deseñadores, con esas curvas, con máis que remates, remaches, con esas sombras/degradados, pero eso si, letra moderna caixa baixa. Se a forza comunicativa dun logotipo fora decisiva nunhas eleccións, o PNV debería non presentarse; sorte teñen con este invento da democracia porque compiten con partidos igual de asentados e negados.

Ademais alimenta o enxeño barato do sector, tan proclive a un internacionalismo de postal e consumo, política non, son creativos e viven en democracia, poden votar a Apple ou a Microsoft ou a Linux, por eso opinan que esta monstruosidade lles leva por inercia a unha Pepsikola. Agardo que en beneficio de Amaiur.
_

Recursos cubanos para a RAG

É todo o que se precisa: uns Cohibas ou Habanos para que o presidente os fume cando queira e con quen queira. No pouco tempo que leva á fronte da institución actualizou o dicionario, incorporándolle un feixe de entradas, modernizou o portal en internet, ven de publiclar as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (pódese descargar en PDF), e mesmo arranxou o tellado do edificio na Coruña, que debía meter auga, ademais de pór a traballar aos académicos noutros proxectos de altura.

Que o critiquen canto queiran aqueles que viven á esquerda da esquerda da realidade, no seu mundo perfecto. A min gustoume ollalo saír de San Caetano e subir ao Audi da época de Fraga. Faltaba que lle meteran tamén unhas botellas de Matusalén no maleteiro.
_

Os venres toca enterro

A comparecencia dos voceiros do goberno, de todos os gobernos, perante os xornalistas, despois do consello de ministros, xa non lle envexa nada a un funeral. Traballo para os asesores de imaxe, que agora deben ensinar aos seus clientes a repartir condolencias con naturalidade, con fondo pesar, e asemade, collendo polo ombreiro aos máis afectados, ofrecer palabras de apoio, sabemos que é duro pero hai que superalo, confiade en nós (licenciados en pompas fúnebres).

Asistimos de corpo ausente ao noso propio funeral, que para eso están os micros e as gravadoras dos medios. Despedimos pola televisión aos dereitos queridos, o traballo, a dignidade, os servizos públicos e a mesma televisión. Sen anís nin galletas sobre o tapete penumbroso.
_

Partidos que te poñen sentimental

Aínda hai e haberá xente, non só madridistas franquistas, que seguirán negando as históricas virtudes deste Barcelona. Franquistas queda ben. Franquista Mourinho. Franquista Chelsea. Drogba xogando de defensa e tirándose como Pepe. Vestir de orgullo e oficio manifesta inferioridade, como na vida cotiá. O máis gracioso é cando presumen, cando sacan peito, despois de tirarse 90 minutos achicando auga e sen os culés máis inspirados.
De querer ser coherente calaría, ou repetiría aquelo dos títulos, todos para equipos como o Madrid e o Chelsea e o Inter.
Sonche máis dos alemáns que recibiron sete goles e remataron pelexándose a ver quen se levaba a camiseta de Messi.
É como se me sentaran a min nun pupitre a carón de Marcel Proust, teñen vostedes media hora para un relato, o tempo comeza xa, que ía facer eu?, estirar e retorcer o pescozo, disimulando mal, para tentar copiarlle, e nin así, o esforzo aumentaría o ridículo. Por eso, desculpen que me poña categórico hortera, un ten que coñecer ás súas limitacións, e a partir de aí, tentar ser creativo e correcto, nunca negar o mérito de outros.

[Escrito a catro mans entre Mourinho e Abramovich, distinguidos amantes da democracia e o libre mercado, billetes cos que mercar unha entrada na Wikipedia]
_

Aqueles elefantes de papel cuadriculado

Agás na prensa seria, abondosa como eucaliptos, xa tardamos en poder ler os chistes sobre o Borbón á caza de elefantes en Botsuana. Queren facer unha cuestión de estado co seu accidentado safari, baixando unhas escadas da África Negra, negando que sexa unha cuestión de estado. Non é diplomática unha caste política de analfabetos funcionais avaros; a diplomacia fica reservada a xornalistas e banqueiros (analfabetos funcionais, pero sobre todo avaros e funcionais).

O malo non son as ancas que se rompeu a súa maxestade nin a foto do elefante, senón que siga vivindo como o que representa porque a xente, inda que non sexa moita, vota a partidos que sempre o manterán, aburrido, certo, temos que ir á caza da cortina.
_

Seica don Xerar Ilusión dimite mañá

Qué significa o seu xesto? Que retomará “a súa actividade na avogacía e disposto a facer fronte ás súas obrigas”. Non se cambia de goberno, só perdemos un histrión.

Por certo, así como coñecía a súa militancia no Opus (e unha amante obrigatoriamente latinoamericana que xa tarda en saír en Interviú), descoñecía que fora avogado; sempre o metín no saco simple dos constructores: non hai tranquilidade comparable á do non saber, tes que contratar os servizos dun avogado, non gracias, deixa, xa sei que se tiraba á miña muller, que lles dean, que queden con todo, o Audi, o Citroën e a finca do Espiño, o que me amola é que se adique profesionalmente ao que se adica.
_

O burás non é un peixe con forma de político

Querendo coñecer lendas mariñeiras galegas pregúntanme a min, que recoñezo ser un ignorante. As lendas do mar son internacionais, unhas máis que outras. Aquí houbo un silencio secular imposto por Castela que agora quixeron disimular os energúmenos da democracia con centros de interpretación, cidades da cultura a escala. Entendo un centro de interpretación exactamente como poñer o carro diante dos bois, un cacharro novo sen forza nin sentido, unha memoria baleira para o lucro de arquitectos con delirios de grandeza.

Ignoramos quen somos, fardamos do que non somos. Venme ao maxín Billy Budd, o mariñeiro de Herman Melville. Non lles vou desvelar o argumento: o libro debería estar nas bibliotecas e Morrissey escribiu unha canción na que apunta unha lectura un pouco diferente da súa historia, don’t leave us in the dark, levándoa ao seu terreo.
_

Outro roubo posible

Houbo un equipo que saiu ao céspede cunha formulación de xogo e outro a expensas dos erros nesa formulación. Primeiro foi a sorte do primeiro gol no minuto dous de partido, porque un gol tan cedo sempre se debe á sorte e non ás virtudes de ningún conxunto. Despois, cando o Celta axexaba con xeito a portería visitante, Riki prolongou unha doenza muscular ata exasperar a todos. Fin da primeira parte, antes dun remate de Orellana que se chega ser Messi, coa mesma única pelota e ao mesmo tempo, marca dous goles, un ao poste e outro por debaixo de Aranzubia. Nunca será unha crítica ao noso xogador, lembreime de Messi porque o clásico lembrábame a un Barça - Madrid de orzamento curto: un pon fútbol e talonario, o outro, o talonario e o desagradable carácter do adestrador.

Mala sorte na primeira parte e peor na segunda; como poden comprobar, estou a ser comedido, mesmo son quen de facer autocrítica: os vigueses sortearon demasiados balóns por alto, mais o xogo, o campo, eran seus. E cando conseguen empatar, cando inda restaban uns minutos suficientes para o gol da xusta victoria, morre o encontro e, despois de morto, os outros marcan o terceiro, o gol da victoria.

Nin sequera pedín outra cervexa. Larguei a casa e púxenme a mondar patacas como quen practica vudú, cada tubérculo un xogador coruñés.

Queimei a tortilla. A familia quixo ser amable e comprensiva e dixo que estaba un pouco seca, pero que estaba boa.

Antes ou despois a cidade de La Coruña formará parte do estado español e nós seremos independentes. Verémonos de novo en competicións europeas.
_

O universo é difícil de entender

Atopan un marciano no deserto de Sonora que asegura entender o que di Jota nas cancións dos Planetas. O bicho con antenas está en corentena con Zetal. A comunidade científica está preparando un comunicado no que manifestará a súa estupefacción. Sexamos honestos: eu entendo o que di porque me molestei en entendelo, aínda que, no ventre do previsible como Jonás, soubera que o mellor era non entendelo.

Os planetas son globos cos que Galileo xoga ao xadrez, non admito un xaque mate por resposta, non mentras don Xerar Ilusión non dimita, que se baixe dese cabalo de espellos fuga mazorca muiñeira. Non entendo a este home, non entendo que pinta aí.
_

Eloxio a pouco gas

Hoxe é día de celebración, pois Cristina Lliso vai publicar aí por xuño o seu primeiro disco en solitario. A min sóbranme artistas que me chamen máis que esta muller e a súa tropa de Esclarecidos, mais lles gardo o que considero un limpo agarimo, sen memoria prostituída. Titulouno Si alguna vez e en Radio 3 xa picaron unha canción de adianto, Hola amor.

Nunca será Billie Holiday e non hai unha voz como a súa na península e Alfonso Pérez sigue escribindo letras magníficas, que é como non dicir nada e sempre queda ben se es alcalde elixido democraticamente.
 _

Quen é o pallaso no concello

"Os militantes do PP pagan menos por ver os meus espectáculos, fago desconto aos discapacitados". Leo Bassi



Mentras don Xerar Ilusión declara nos xulgados de Fontiñas, a Leo Bassi péchanlle a porta da sala de prensa do Pazo de Raxoi, despois de serlle pechada a porta do Teatro Principal. Esperpéntico. Publicidade gratuíta. Costa crer que esta personaxe exista, que sexa real, e non pola súa ideoloxía, que se debe respectar (desgraciadamente), senón pola súa estupidez. A vida municipal é un espectáculo gracias a el, mais os risos que nos garante saen moi caros.

Leo Bassi paga os seus impostos, vive do que saca no despacho de billetes, non de subvencións. O Bloque non perdeu un minuto en arrimarse a el. Puido seguirse en streaming. Compostela está no mapa do ridículo, aplaudan, aplaudan.
_

A débeda odiosa non é un concepto

“Pero hai unha parte ilexítima da débeda pública. Kant dicía que unha persoa podía tomar parte legal en actos ilexítimos. Un goberno elixido legalmente emite títulos de débeda legal, pero esa débeda convírtese en ilexítima porque non respecta principios básicos de equidade nin de xustiza. Contratan débedas para rescatar banqueiros e sociedades inmobiliarias que tomaron posicións arriscadas e causaron crise. Este aumento da débeda pública é ilexítimo, non serve aos deberes do Estado sobre a súa poboación xeral. Por iso afirmo que hai débedas odiosas na UE”. Éric Toussaint

Despois non queda moi claro se quen fala é Éric Toussaint ou Marga Tojo que seu é o artigo no Dioivo ou Alexander Sack, que non está nada mal:

A débeda odiosa é unha doutrina do dereito internacional elaborada por Alexander Sack, antigo ministro do Zar, emigrado en Francia logo da Revolución de 1917, profesor de Dereito en París, en 1927, que di exactamente: “Se un poder despótico contrae unha débeda, non para as súas necesidades ou as necesidades do Estado, senón para fortalecer o seu réxime despótico, para reprimir á poboación que lle combate, esta débeda é odiosa para a poboación do Estado enteiro. Esta débeda non é obligatoria para a nación: é unha débeda de réxime, débeda persoal do poder que a contraeu; en consecuencia, desaparece coa caída dese poder”.

Gústalles a música? Se lles gusta saian correndo de aquí e vaian á Semana de Filosofía coa que enredan estos días en Pontevedra.
_

Un chifre para os ósos

Suspendeu o colexiado o Cartaxena - Celta no minuto 15 da segunda parte, cando un avión de papel aterrou contra o “parietal dereito” dun dos seus asistentes, ao pouco de empatar os locais. Querería prever Pino Zamorano, de profesión anatomista; amoestar para evitar obxectos futuros máis contundentes; unha decisión quizais excesiva para un deporte afeito a episodios de violencia que rebaixan o suceso a inocente anécdota. Delgada a liña entre a osteoloxía e o protagonismo.

Os seareiros do pechacancelas de Segunda gastan sona de bravos e, curioso, de falsos: cámbianse de equipo cada vez que baixan de categoría (escoiteillo a un murciano), pero non é asunto noso, que gozamos concedéndolle vantaxe psicolóxica ás canelas do Depor.
_

A penitente carteira de don Xerar Ilusión






















“Francamente me llama poderosísimamente la atención el tener conocimiento de que parece ser vuelvo a insistir porque es una información periodística que existe un una querella presentada por parte del ministerio fiscal eh contra mi persona no bueno no sé si contra mi porque vuelvo a repetir porque es que no sé nada no por lo tanto hombre yo lo primero que tengo que manifestar es que bueno no tengo conocimiento de la presentación de esa querella yo no he sido notificado de nada no tengo ninguna notificación no conozco los términos de la misma y por lo tanto bueno pues lógicamente hasta que no conozca los términos de la misma en que se fundamenta cuales son eh bueno pues las peticiones que formula etc. etc. pues hombre resulta muy difícil resulta muy difícil defenderse no.” Don Xerar Ilusión

Pensaban que despreciar o galego non servía para nada? Trabucábanse: serve para falar un castelán primoroso e defenderse do acoso dos cans da prensa e os lobos do Ministerio de Facenda. Sen levar o discurso preparado, aforrando en escribáns, que só por darlle a corrixir ortografía no Word xa cobran unha pasta, esos si que son defraudadores, premen F13 e fican sentados como místicos mentras a impresora comeza a cuspir as palabras transcendentes.

Don Xerar Ilusión non precisa farsantes que vivan do erario municipal; hai que ser austeros como Frijolito, aforrar por tódolos lados, así que non lle recriminen que non pagara 291.000 euros de IVE a Facenda cando está a investir na súa santa cidade.
_

Confeso que me vai o lume

Estou para que me pechen nun psiquiátrico con tódalas garantías; electroshocks e camisa de forza, imposibilidade de reinserción na sociedade, reclusión perpetua, e non, non prendín eu o lume nas Fragas do Eume; a queimar carballos ou abeleiros ou ameneiros non lle saco pracer, mais a mollar políticos con gasolina e tirarlles un misto, si; ningunha substitución sexual ollando como arde Frijolito e os seus amigos, un acto de responsabilidade, sen remorsos, obtería a cambio o pracer, a paz, se queren, que dispensa un traballo ben feito.

Nos vindeiros días prenderán a algún matado, untado ou non, tanto ten porque no fondo todos van untados, porque os verdadeiros pirómanos gastan baleira e torpe prosodia de marketing e residen en espacios protexidos como Monte Pío ou Moncloa. Xa me vexo cos ollos idos, aferrado a uns barrotes baixo unha luz branca morta.
_

Saca a túa mangueira, Frijolito

Chove, chove co teu abraiante aparato sobre as Fragas do Eume, apáganos. Prometemos foto para unha segunda eternidade túa.
 _

Arquivo do blog

Outro

A seguir

ecoestadistica.com
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet