
A choiva está a lavar as pancartas de Cacheiras en apoio a Ezequiel Mosquera, pechado na súa casa. O taberneiro, home inxenuo que usa unha rectitude moral de trabe antiga, aínda non rompeu o póster asinado polo ciclista que pegou en lugar preferente, a carón da tragaperras; ou agarda a contraanálise ou foi matricularse á facultade de farmacia, porque agora segundo algúns para ser afeccionado ao ciclismo hai que estudiar.
Desa xente intelixente que forma parte do ciclismo eu salientaría ao presidente da UCI, un tal Pat McQuaid, quen asegurou que en España hai un problema coas drogas e o goberno debería poñerse duro (comprendemos que a retranca non é o forte dos seres superiores). Por qué non analizan os ouriños (o mexo, por favor; a urina, se queren) de todos os directivos de todas as federacións deportivas?
En canto ao hidroxeitil almidón, que xa o sei escribir sen copiar, fixo que por aquí todos o temos metido no corpo, gracias aos pinchos de lacón que serven para acompañar o viño os mércores (os martes, cocido!). Eso si, o outro día fun coa bici polo monte e as subidas rebentáronme igual; claro que non é comparable ao de Mosquera e Nibali na Bóla do Mundo.
_
Nenhum comentário:
Postar um comentário