Sintaxe contra o primeiro ministro

O primeiro ministro británico, David Cameron, declarouse fan dos Smiths. Jonnhy Marr escribiu no seu twitter: “David Cameron, por favor, deixe de dicir que lle gustan os Smiths. Prohíbolle que lle gusten”. Foi unha polémica branda, residual, unha polémica sen polémica á que contribuíu o propio guitarrista e compositor armado dunha razón que, non por obvia, deixaba de precisar unha explicación satisfactoria, explicación da que se encargou Morrissey logo de enterarse:

“Gustaríame, se mo permiten, ofrecer o meu apoio a Johnny Marr, quen falou aos medios de comunicación esta semana en contra de David Cameron. Para aqueles que expresaron a súa preocupación polas palabras de Johnny en vista de que David Cameron prometeu fidelidade inmensa á música dos Smiths. É certo que a música é unha linguaxe universal, a única linguaxe universal, e é de todos, dun xeito ou outro. Sen embargo, con crueza debo informar de que David Cameron caza e dispara e mata veados; aparentemente, por pracer. ‘Meat is murder’ ou ‘The queen is dead’ non se gravaron para esa xente; de feito, fixéronse como unha reacción contra ese tipo de violencia.”

É unha explicación tan restritiva (Morrissey e a súa interminable cruzada a favor das espinacas) como incontestable. Perdeu reflexos e veleno (a idade non entende de mitos), pero conserva a flema, a intelixencia e a boa letra.

Aproveitou, por certo, para dispararlle, máis gratuitamente, a outras iconas do poder, como o príncipe Guillermo, a súa prometida e a raíña. De Beckham dixo: “É tan idiota que aínda ten que aprender a manexar as súas primeiras palabras”.

Podemos achacarlle moitos defectos, pero dubido que a envexa hacia xente con diñeiro e influencia sexa un deles.
_

Nenhum comentário:

Arquivo do blog

Outro

A seguir

ecoestadistica.com
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet