Imprenta chinesa de tipos móbiles

Estase a elucubrar diariamente sobre o impacto que as novas tecnoloxías, resumidas no ordenador e o móbil, supoñen para o ser humano entendido como fenómeno cultural e social. Compárase o poder de computación destas tecnoloxías co invento da imprenta de Gutenberg; un salto cualitativo non exento de polémica. Dun xeito simplista, aínda hai quen pensa que o da imprenta foi un logro humanista, mentras o que vivimos nós agora non sería máis que unha revolución tan banal como perversa, un poderoso instrumento destinado a escravizarnos e deshumanizarnos, ao servizo do consabido consumismo. Alienación, berran, mentras os creadores da posmodernidade aducen que esta revolución significará a definitiva democratización integral dos homes, a verdadeira igualdade de oportunidades, a liberdade.

Pasan os séculos e o asunto da liberdade segue a inflamar mentes e corazóns. A liberdade, sempre dubidosa, como di Santiago Auserón neste artigo, “El lenguaje y los medios técnicos”. Nunca nos cansaremos de repetilo: a liberdade non é un atributo limpo e sólido que un poida adquirir como un ben de consumo. A liberdade é eso, sempre dubidosa, gozamos a súa procura, ás veces somos libres buscándoa, e cando pensamos que a atopamos perdémola. Mais non nos desviemos do que nos ocupa. Trouxo o invento de Gutenberg A Liberdade (maiúsculas)? Pode que potencialmente, pero si trouxo un pouco máis de liberdade (minúsculas). Dende logo, foi un paso brutal.

Damos por válida a comparación entre o S.XV e o XXI, polo de agora, mentras non se esclarece ese futuro do que falan os gurús, os visionarios, os profetas. Adaptámonos, uns con lentitude e receo, outros con alegría, pensando que estamos detrás do novo lume, do home novo, pero xa sabemos que o lume, a palabra, teñen propietarios, aínda que Richard Stallman proclame o contrario. Qué lle queren, sinto decepcionalos, pero como Albert Camus, escollo a intuición, e a miña intuición é alérxica aos sumos sacerdotes, chámense estos código aberto, Bieito XVI ou Steve Jobs.

Déixoos cun vídeo sobre o uso da imprenta chinesa de tipos móbiles de madeira, ao parecer inventada antes de que Gutenberg nacera, uso que se conserva no distrito de Rui’an, na provincia de Zhejiang. Estou encantado co Mac, pero non me disgustaría para nada traballar alí como traballan eles.


_

Nenhum comentário:

Arquivo do blog

Outro

A seguir

ecoestadistica.com
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet