Tamén me gusta o cheddar

Dende hai uns poucos anos a Morrissey deulle por recuperar en directo cancións dos Smiths, unhas veces con máis fortuna que outras, pero logo de escoitar a actuación deste ano en Glastonbury (condado de Somerset, de onde saiu o queixo cheddar, na parroquia que lle dá nome) penso que o mellor é que pasara. This charming man négome directamente a poñela.

I want the one I can’t have, coa que abre:



Meat is murder; na presentación mándalle un recado a David Cameron e o final é un simulacro da fin do mundo:



Como se a un coche guapo, áxil e potente (cada un que pense na súa marca) lle meteras as rodas dunha apisoadora, bótalle piche á estrada, que imos a Somerset, asfaltaremos paisaxes, lameiras mentais.
_

Sempre atinado

Xurxo Borrazás parece ser dos que non erra un. Sobre as subvencións á cultura.
_

Faltas de ortografía

Non sei cantos días levan raiando coa carta que lles enviou Esperanza Aguirre, Condesa consorte de Murillo e Grande de España, aos profesores da súa comunidade, porque tamén é presidenta dunha comunidade, autónoma de Madrid, para notificarlles os recortes en educación pública e a ampliación da xornada lectiva, o normal nestos casos. Que se os acentos, como ou cómo, unha mala redacción, malos razoamentos, o corrector de Word que non hai quen o afine, a sintaxe, datos falsos, o bolseiro, Vargas Llosa.

A típica noticia de Público.

A próxima vez que vexa ao Rei no bar voulle comentar que me parece moi mal eso de que sexa Rei, con tantos privilexios e maiúsculas, e el vaime dicir que si, que non o pensara nunca e levo razón, a Miguel non lle cobres que o convido eu, un amigo que sabe escribir sen cometer faltas, todo un exemplo.
_

Carta aberta a Uxío Fernández

Estimado e ilustrísimo

Director de Imagen & Comunicación, primera revista de información corporativa institucional, empresarial y profesional de Galicia y Asturias, e León. Nº 137. Agosto 2011. 2’50 euros. Ti, que o sabes todo, dime, cando che van pegar un tiro por compaixón?

A cara de mala hostia responsable non cha quita ninguén, ti tranqui, es o puto amo en modesto, un crack dirixindo unha revista supermolona.
_

Raquel

As tres da madrugada repíteste
como un cromo pero quérote loira igual
chámalle confesional
                                             de clase baixa
sen estudios
non por quedar mal
                                           peor non te preocupes.
_

Carne cruda, non será a título póstumo











O programa das dúas de Radio 3. Non sexamos cenizos, non pensemos no 20 de novembro, que pouco pode empeorar o horizonte político, pero pode. Dígoo porque o de Javier Gallego é un desos programas aos que non lles auguras futuro, e que estrea tempada, logo das vacacións, con algo así como un día na xira de Juan Perro. Na hora hai pasaxes triviais, vale, tampouco fan ningún mal e son precisas como descanso, se hai bo rollo no grupo, se algún ritual antes do escenario, qué comen e qué beben, se Auserón é perfeccionista.

Logo están catro ou cinco cancións e algunhas reflexións desas que dis, joder, qué razón leva este home, completamente de acordo. Hacia o final fala do 15-M e descubres con entusiasmo (vaidade, se queres) que pensa o mesmo ca ti; non se trata de mudarse cun saco de durmir e un portátil a Sol ou ao Obradoiro.
_

Lunáticos na hemeroteca

Artigo de Gabriel García Márquez do 83, exercendo de turista en Galicia. Leña ao mito.
_

Yoani, meu amor

Xa saben quen é, a blogueira cubana para El País. Un exemplo, que se di, para todos.

E quéixanse de que non lle renovan ao Mauricio Vicent.
_

Un problema con denominación de orixe

















Corto e pego e amaño unha mensaxe que lle enviei a un amigo a modo de arroz SOS. Estou de volta cun problema chamado cabrales; por mor do seu magnífico arrecendo corro o risco de durmir abrazado a el, ao queixo, na rúa, polo que che pido a túa colaboración. Temos que quedar.

Seino, Lao Tsé, seino, quédame moito camiño para poder darme de baixa como individuo e idiota, pero ao rapaz do chigre non, el estaba en armonía co universo. El si que escanciaba ben.
_

Diario de sidra

A continuación vai o que escribín durante os días que nos tiramos sen cobertura nunha casa de Urbiés, Mieres. Omitín o íntimo, tirei o peor e amañei algunhas frases para que quedaran, unha contradicción como calquera outra, máis espontáneas. Hai grandes lagos, de sidra, porque un é ao que vai, non a escribir.

DÍA 1




Un anaco de madeira no muro da casa. Escosura 480 mt. Estamos en Urbiés, Mieres, rodeados de obrigadas montañas verdes. Serra de Urbiés, segundo leo nun dos moitos folletos que nos deixaron os caseiros. Viñen sen equipaxe, sobre todo de cabeza. Para qué ler, documentarse. Tampouco iamos a extremas virxes terras. Abondaba con saber cómo chegar, atravesando a cunca mineira. Instalarnos requeriu baixar a Mieres por provisións, o lugar máis próximo con tenda aberta, un centro comercial. Un centro comercial é triste. Un centro comercial case baleiro o é inda máis. Tivemos que baixar dúas veces porque se nos esqueceu o café. Xa controlo dous chigres con boa pinta. Perdinme o partido do Sporting. Sentado na terraza, ollo o fume das chemineas perdidas, afastadas, invisibles, entre montañas que se apretan como brécol (ao vapor).

Na casa que hai máis abaixo estiveron sachando nas patacas e as ovellas escintilan os cinzarros do último sol. Nubes cortadas por tellados de feluxe. Non hai cobertura. O verde faise máis negro. Tápase a pota. Luces de madeira amarela trazan unha constelación de camiños mestos.

A equipaxe mínima, dixen. Escribo cun rotulador que me deixou a pequena nas marxes de La Nueva España, o xornal co que se preocupou de recibirnos o caseiro. Deume por estas anotacións agora, tapada a pota, sentado na terraza. Cascos inaugura un campus universitario. En Xixón baten unha nova marca de escanciado simultáneo, 7.576 culetes. Noite pendurada de cinzarros e fiestras cegas, frías pálpebras dun tempo que recupera algo de verdade para esnobs.


DÍA 2

Hoxe nin chigres. Probaremos o asadeiro e a botella de sidra cortesía dos caseiros.

Mañá quero chigres e un llagar para levarme un camión. Sidra e cabrales, eso é o que máis me gusta de Asturias e non por identificarme coa rexión, trampas para presumir de liberdade e mundo. O mundo está aí enfronte, verde erguido con algún pequeno afeitado de machadas e vacas.

Nada de Google. Os últimos que pararon aquí, no campo valoración da web, enumeraron con rigor científico todos os defectos da casa. Vir para criticar que o baño non ten mampara.

Rego entre montañas. Estrema e cicatriz, tiritas brancas do ceo.

Asadeiro. Instruccións de uso.
















Confeso que era a miña primeira vez. Tiña o carbón vexetal e as pastillas de acendido. Procedín. As pastillas ardían, pero ningún lume contaxiaban ao carbón, que remexía para nada cun pao. Unhas follas de La Nueva España e tampouco. Entón lin as instruccións do carbón, porque o carbón tamén trae instruccións e eu cumpro anos e non aprendo, sempre leo as instruccións dos trebellos e os prólogos dos libros despois, así me vai. As instruccións dicían que rociar con líquido de acendido o carbón disposto en forma de pirámide. De dispor de pastillas de acendido o da pirámide de carbón non fai falta, pero o líquido de acendido sempre. Líquido de acendido, hai que botarlle un líquido de acendido. Queres gasolina? Vou prender todas as pirámides de Exipto. Con paciencia e botando pastillas de acendido precisamente como un carboneiro, a pas, máis carbón, máis pastillas, as mans negras, a faciana, o suor, tren con destino quérote, próxima estación, sidrina, conseguín un lume alto e feo e puxen a grella dos criollos na parte alta, hosanna!, descubrín que a graxa dos chourizos era un líquido caralludo, ao pingar formou un lume baixo, primeiro, e unhas brasas perfectas, logo.

O intre foi fotografiado ianqui total, faltábame o mandil sempre do trinque e os guantes ignífugos (lea as instruccións). Éxito rotundo. Só faltaba abrir a sidra, hora por fin de poñerse serios.























Eso que chaman lecturas de vran.

Dino os Suplementos de Cultura, coidadiño: en inverno atacámoslle ao tan profundamente calórico, colesterol, o que importa é quentar o corpo, “A primeira infancia de Goethe como iniciación á teoría das cores. Vol. I” (954 páxinas en corpo 7), “Marcelino Menéndez Pelayo, pensamientos de un egregio filólogo español sentado en el retrete”, cordeiro estofado, callos madrileños, cocido de Lalín, Camilojosecela de Iria Flavia con exabruptos caramelizados e reducción de PX; no vran non, no vran pratos frugais e refrescantes como A Caseira, “Area de paixón e outros relatos”, “Maruja Torres e as súas receitas libanesas para ser feliz”, 300.000 exemplares vendidos, “Arguiñano na praia, o gazpacho das Estrelas Michelín”.

Se o din os Suplementos de Cultura será certo.

Rosario Dinamitera está cos Indignados II e José Luis Sampedro. A licenciada en parques acuáticos con “Charlie e o ascensor de cristal”. Eu agarrei o primeiro que non armara moito na maleta, un de Italo Calvino que vai ser un libro de outono e xa a fastidiamos, aparecerá un Suplemento Cultural ao completo en quad para darme un toque, ese non é libro para esta tempada, merque calquera destos, lea as reseñas, aprenda, pesado.


DÍA 3

Oviedo, unha cidade distinta ao Xixón que eu lembraba. Será certo o de puta capital. Flipei co espírito nacional-español que gravaron ou gravan en cada estatua, en cada placa conmemorativa. Segundo unha no Concello, España existe gracias a eles, os ovetenses que se sublevaron contra as tropas francesas o 9 de maio, propiciando as Cortes de Cádiz e a súa Constitución, si señor, inclinaron a botella hacia o vaso, escanciaron unha España Constitucional logo de tirar a cortiza das casacas azuis e arriba España, pouco despois.

O xornal é La Nueva España. Na estrada un valo das pasadas eleccións de Álvarez-Cascos que rezaba así: “Más Asturias, mejor España”.

La Virgen de Covadonga!

O valo de Cascos era eclipsado por outro que había ao carón, dunha ferretería: foto da broca dun trade co slogan “una cosa que hace brrrrrrrrrr...”. Fantastic Plastic Machine.

Estabamos en Oviedo, zona nacional, vetusta, augusta e pouca temerosa de Deus, porque a catedral era unha trapallada, pobre ofrenda para O Señor Todopoderoso, eso nin era unha catedral, era unha igrexa que ben podía pasar por cuartel da Garda Civil. Non é por faltar, pero Santiago, a nivel de patrimonio relixioso e civil, xoga en primeira división; Oviedo está en terceira rexional preferente. Tamén poden dicir eles que ceibaron España mentras nós gastabamos o tempo na taberna cos gabachos, non temos problema: por eso somos ilustrados, sen tanta paranoia e Jovellanos e Campoamor.

Imos co serio da viaxe. Andivemos polo mercado de Fontán e arredores. Pillamos unhas botellas para estos días e un xeneroso anaco de cabrales. Sidra para levar será noutro sitio, a ver se dou cun llagar, porque aquelo é como o Corte Inglés ou o Franco. O queixo envasáronmo ao baleiro, ou como se diga, e me aguantarei para que non abra o seu magnífico podre arrecendo no coche. Qué sufrido e cortés son, a ver cando me conceden o Pulitzer ou un papel en Hollywood, ou mellor nunha obra de teatro de culto, algo radical, desas que non teñen público pero quedas de puta madre e fas contactos, adiñeirados contactos, porque o que eu quero é cambiar a ilusión da miña sidra por unha ilusión maior, moito maior onde vai parar, a fama, a gloria van, as mulleres de Malibú e os nobres escudos ovetenses, 28.857 reales.


DÍA 4



















Entre o pobo máis próximo, Turón, e a casa, ollabamos ao pasar o que tiña pinta de mina reconvertida en insidioso centro de interpretación. Mina ía ser; comezaran a perforar cando a Franco e os seus virís e xentís colegas se lles iluminou a lámpada: o burato feito era ideal como fosa común. O que se coñece como cavar a túa propia tumba, en colectivo.

Ai perdoen, que non se deben tocar feridas cicatrizadas, vivimos en democracia, somos todos (i)guais, ese outro xeito de obsolescencia programada. Miguel Hernández é un disco de Serrat. As pestilentes placas de Oviedo a media hora.
















Ao chigre escribinlle os seguintes sentidos versos:

Sidrería Monterrey, levareite sempre comigo
se non é no corazón será no fígado.

O rapaz do chigre, el si que escanciaba ben.
_

Arquivo do blog

Outro

A seguir

ecoestadistica.com
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet