Un calote de segunda

Tivo que saír outro intelixente a criticar aos seareiros de fútbol. Chámase Pablo Dorado e comeza así o seu artigo en Sermos Galiza: “Entendo perfectamente a ledicia de milleiros de galegos e galegas polo ascenso do Deportivo da Coruña e do Celta de Vigo a primeira división.” Con esa frase xa sabes o que vai vir despois, e máis se reparas no título, Uns calotes de primeira. Pode un aforrarse a lectura porque si, o fútbol é un negocio pouco exemplar para os nenos, os clubes deben unha pasta, os xogadores asinan contratos escandalosos, as federacións son niños de corrupción... e por último, de colofón: esos milleiros de galegos e galegas deberían saír á rúa, non para celebrar triunfos ou ascensos, senón para esixir que os seus clubes paguen os seus impostos, que non ten porqué ser sempre a clase traballadora a que apoquine, ou sexa, que esos milleiros e milleiras de galegos e galegas son uns pobres alienados, a ver se vos enterades.

Menos mal que o rapaz, ademais de intelixente, é clase traballadora, demostra conciencia de clase. Os galegos e galegas deberían estarlle agradecido por abrirlles os ollos.

Un currante ten que ler libros, informarse correctamente, prescindir do fútbol e a tele e o alcohol e o tabaco e o bocata de salchichón que fabrica unha truculenta multinacional, tantos opios.

Un currante, ao chegar a casa, o que ten que facer é ler a “cráneos previlegiados” como Pablo Dorado, ou a calquera outro porque non sei se se decataron, pero neste mundo retrasados apenas hai, case todos son de intelixentes para arriba.
_

Nenhum comentário:

Arquivo do blog

Outro

A seguir

ecoestadistica.com
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet