A independencia de Brasil

Cada vez entendo menos aos que entenden de fútbol. Agora que hai que supoñer, Brasil xoga ben ou mal? Holanda podía cascarlle seis goles e eu contento, e non me estou a queixar de que renuncien a esa cursilería de tintura paternalista e neocolonial denominada “jogo bonito”, porque non renuncian a ela, o que fan é administrala dentro dun contexto táctico máis ben pobre. Un equipo descaradamente físico, tirando dunha soa fórmula chabacana. Unha defensa dura agardando á fantasía dos dianteiros.

Postos a alucinar (bambearse), pregúntome se a selección é o reflexo dos cambios no país. Unha economía emerxente, unha riqueza por aproveitar, como sempre, copiando o peor da antiga metrópole. Se non ganan que boten a Dunga e fichen a Capello.
<>

O maxisterio do ex presidente

Transcribimos a nova publicada en Galicia Hoxe:

Touriño falará na UDC da utopía tras o poder político

O ex presidente da Xunta de Galicia Emilio Pérez Touriño será o encargado de abrir o Curso de Pensamento Carlos Gurméndez organizado polo Club de Prensa de Ferrol en colaboración coa Universidade da Coruña, cun relatorio sobre o período posterior ó "poder político". Co título Pensando na sociedade de valores, o estado de dereito, a ética pública, os principios e a moral, o curso -do 21 ó 23 de xuño- analizará os valores de esquerdas no século XXI, a ética militar e as crenzas relixiosas.

Se se cotiza como un Aznar ou un Clinton, ben podía falar tamén da ética no esquí acuático e o valor do pensamento de neopreno, moi importante.
<>

Ronaldo vai cambiar de país

Qué partidazo de Cristiano Ronaldo; non marcou nove goles por compaixón, porque xoga no Real Madrid. O que confiaba erixirse en mellor xogador do mundial (díxoo) ficou bloqueado por un conflicto de intereses. Ou polo entrenador, se queren; mesmo cando Portugal recibiu o gol que o eliminaba pasou de subir con máis intención, cun medo férreo a desordenarse atrás. España, como sempre neste mundial, con algún detalle como o do gol: Xavi e Iniesta podendo xogar ao seu. O gol, de Villa, que é o que conta.

Para a próxima a ver se a federación de fútbol portuguesa lle paga a Ronaldo o que pide, porque de seguir así non descartaría que se nacionalizara español. Será por cartos, dirá Ángel María Villar, e os do Marca cambiando a rotativa para sacar o xornal máis grande.
<>

A docencia da demandante e os marcos

A presidenta de Galicia Bilingüe, Gloria Lago, pide que Galiza Nova a indemnice con 30.000 euros por tela deshonrado, desacreditando o seu labor como profesora. As mocidades do BNG repartiron uns boletíns á porta do IES San Tomé, en Vigo, onde exerce a inocencia, digo a docencia, a demandante, boletíns nos que “apelaban á inspección educativa a actuar e evitar agresións contra a lingua galega nas aulas”. Ela tomouno como unha afronta persoal, claro. Os nacionalistas non é que non saiban contra quen se enfrontan, e que non saben en qué marco.

Agarden que estou comenzando a entender o asunto. Gloria Lago é profesora. Gloria Lago é profesora! Non sabía eu eso. Subo a poxa a 100.000, pero a favor da liberdade de expresión dos nacionalistas que loitan contra a necedade. Para qué están os xuíces senón para deixarse levar silandeira, que non sibilinamente.
<>

A fogueira de Fabio Capello

A estas horas debe estar todo o Reino Unido debatindo a quen matar, se ao árbitro ou a Capello. O colexiado tivo a súa culpa anulando o gol do 2-2, que era válido, pero eu decantaríame polo seleccionador. Para un xogo pobre e unha defensa mala trouxeron a ese castrense histrión italiano. O seu orgullo non pode estar máis ferido. Un que debía estar contento, antes do partido, era Morrissey, tan nacionalista inglés el, navegando dende hai uns anos con bandeira italiana (ollabas nalgún escenario o bombo pintado coas súas cores); que ben se vive en Italia, o clima, os mozos... Hoxe cancela concerto, aínda que non teña concerto programado.

Inglaterra inventou o fútbol, ou eso din. Gañou como anfitriona o mundial do 66, vencendo a Alemaña na final con axuda do árbitro, xa saben. Nunca máis. A Raíña estará preparándose para recibir ao novo primeiro ministro (esto non pasaría con Tony Blair) e decidir qué se fai con Capello (Blair mandaríao a Iraq). Deixámolo cunha das viñetas de Forges sobre o partido.





E outra sobre o partido que comenza


<>

O negocio das estrelas esixe horas de ximnasio

A vida está moi cara, ou máis cara do normal. Partindo deste axioma, algunha xente bota contas para xustificar os seus hábitos de consumo, aínda que cobra máis sentido ao revés, xustifica os seus hábitos de consumo botando contas. A música é un exemplo moi coñecido polo debate das descargas ilegais, debate que algúns pretenden adiar co precio dos concertos. Mentras os servidores de internet estafan nas súas tarifas (hai moitas descargas ilegais, pero ningunha gratuita), as discográficas ollan como mingua o seu suntuoso negocio, reaccionando os artistas segundo o seu status. A estas alturas e co horizonte sen despexar, moitos dos grandes optaron por rendibilizar a súa figura no directo; precios escandalosos, mais polos que lle garanten ao público un escenario visualmente potente, cambios de traxe e tres horas de suor. O consumidor medio dise, joder, 90 euros, vale, vou, pero ti garántesme un escenario máis orixinal que o da túa última xira e non te me moves de aí enriba a lo menos en dúas horas e media, logo xa negociaremos as quendas de bises.
<>

Lévome o mando Wii ao G-8

"Nós, o G8, estamos decididos a exercer liderazgo e a cumprir coas nosas obrigas". Solemne comunicado oficial da xuntanza.

Esta finde estarei en Toronto, no cumio dos países máis ricos do mundo, convidado por Obama. Dende que é presidente, ten por costume chamarme para estas citas transcendentais. Non crean que o fai porque vexa en min a un experto decidido a revelar a tan selecto grupo as pautas a seguir para reactivar a economía mundial, aplacar a coviza dos mercados, dotar de ética ao capitalismo, abolir a pobreza no primeiro e no terceiro mundo e condenar a Irán a unha transición democrática e o ostracismo nuclear. El e os seus colegas precisan de expertos, dende logo, pero só para as fotos; cos seus antecesores, levan dende 1975 asinando acordos e resolucións gracias aos cales o mundo no que vivimos é un mundo mellor.

Obama chámame para retarme ao ping-pong na Wii; unhas partidas fanlle máis levadeiras as tensas, duras xornadas de debates e negociacións (filosofía de traballo Google). Gábase de ser rápido e despregar un amplo abano (sen h) de recursos, pero só unha vez conseguiu ganarme, logo dunha noite de champaña, gambas brancas e loiras saídas oficiada por Berlusconi.
<>

O dubidoso mérito das marcas

Esta semana en Wimbledon John Isner e Nicolas Mahut batiron unha marca histórica; tres días co mesmo partido, que durou 11 horas e 5 minutos; ganou o estadounidense por 6-4, 3-6, 6-7 (7), 7-6 (3) e 70-68. Qué barbaridade, os señoritos da ATP deberían pensar en permitir o tie break no quinto set. Ningún dos dous cedía o seu saque; no quinto set disputaron 138 xogos; sumo 70 + 68 e case desfalezo. Eso non se lle fai nin aos espectadores; son capaz de imaxinar a tensión interminable, mais a xente fai plans, queda para cear, ten choio.

Pasaron á historia, si, pero Mahut, o francés, logo de duelo titánico, desorbitado, descomunal, esaxerado, caiu eliminado. Se lle deran a escoller entre o Guiness e pasar a segunda rolda, o normal, mesmo o plausible, é que se quedara coa segunda opción. E facer algo máis que sacar con man firme.
<>

O sexo de Sergio Ramos

Ollaron cando a expulsión do xogador chileno (descúlpenme, tardo moito en quedarme cos nomes)?. Tivo que ir Xavi a sacar a Sergio Ramos da liorta; vai daí, o, vai daí, expulsáronlle a un, xa está, cala a boca, papán.
<>

Iniesta, gracias a Deus, é de Fuentealbilla

Verticalidade verticalidade verticalidade. Aprenderon unha palabra e jodeuse o invento. O segundo gol de Villa contra Honduras foi obra de Xavi, que nin flipou nin conservou, ollou a xogada e fixo o que tiña que facer. O gol de Iniesta, lanzando o sombreiro pola herba, contra Chile, non foi por correr como un tolo hacia a portería. Están no descanso, Chile e España, e o resultado é inxusto; un chileno trabucouse de perna ao finalizar, ata o gol de Iniesta o centro do campo español non cheirou a pelota. Unha merda de primeira parte.

O Barça é un equipo inofensivo, sen veleno, nin velocidade, nin chegada, nin intelixencia (¿intelixencia? Xavi no gol antes mencionado, pero eso non se apreciará xamais). Non me gusta Villa cando se empalma e pensa que o vai meter todo. España non lle debe nada ao Barça, obviamente.
<>

Arquivo do blog

Outro

A seguir

ecoestadistica.com
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet