Aproveitando uns días no D.F.

Eu tamén asinei un contrato con Pemex, e polo precio de dous floteis desos agasallo un puticlub con todo o que ten que ter un puticlub dentro, maiormente altos cargos da Xunta (sublime depravación!). Vou arrasar nas vindeiras eleccións, xa veredes. Se ao final se constrúen ou non, os floteis, eso a quen carallo lle importa?
_

Tres puntos e a emoción da moza

Entrou e marcou e todos descobremos que se trouxera de Corea á súa Sara Carbonero. Moito máis guapa que a orixinal, por suposto, a un lado da portería que Park Chu-Young perforou con tranquilidade e alegría. Non se pode dicir que se gañara gracias a el, gañou o equipo xogando ao que sabe, esta vez con recompensa, de novo desordenado e inseguro atrás, por iso lle empatou o Xetafe e o gol de Park foi o dos tres puntos. Arsène Wenger, o do Arsenal, non sabe o que se perde, claro que os ingleses non xogan como os galegos. Agora a gozar, que veñen as xornadas máis duras, primeiro vingarse do Granada e logo, todo seguido, Sevilla, Real Madrid, Deportivo e Barcelona.

O pracer da vitoria, anécdota, foi dobre, en tanto este cronista ollou a retransmisión por unha canle boliviana: dous profesionais que sabían falar e seguir o partido e non ocultaban o moito que lles gustaba o Celta, tanto polo xogo que despregan na actualidade como pola súa historia. Ademais de rirse das imaxes que lles servían dende España.
_

Deshabilitáronse os comentarios para este vídeo

Hai que recoñecer que é moi cómodo sobrevivir, porque vivir non é, contra PP e PSOE, atrincheirarse nun lugar con Wi-Fi e indignarse e rirse coas que montan os dous. Algúns estáncanse para sempre nesa postura, negra auga, imposible movelos ou alentalos a participar nunha alternativa, como esos rapaces que se tiran horas co portátil na cafetería sen tomar nada, falando polo Skype, nun intre histórico: moitos terán que erguerse (inclúome) da trincheira, xa non confortable, unha trincheira de Guerra Civil, con arames de espiños, sen munición, con fame e frío e lama e asediados... polos cascos azuis.

Non é doado, certo, un escoita este rock publicitario (case unha redundancia) das xuventudes do PP e non pode evitar escachar coa risa e a vergoña allea. Por iso o avezado community manager deshabilitou os comentarios para o vídeo, estarían queimándose con el un usuario detrás de outro.
_

Cales son os móbiles das súas señorías?

Porque ese é o carallo, cales on os móbiles dos parlamentarios para perpetrar semellante desafección por aqueles que os elixiron? Como a pregunta se nos queda grande, reformulámola: cales son os móbiles dos parlamentarios? Nos últimos anos, Blackberry. Coa escusa-comodín de aforrar e modernizarse, o Parlamento sacou a concurso o suministro, mantemento e consumo durante tres anos de internet, telefonía fixa e móbil. Internet e fixo xa están adxudicados a Telefónica, fica o dos móbiles, que antes era obrigatorio que viñeran en galego e agora xa non, seica pillalos para configurar en galego é máis caro ou imposible segundo a marca. Serán iPhones: os usuarios de Mac sabemos da xordeira en Cupertino coa nosa lingua.

Por outra banda, Parlamento/Xunta/PP/Amigos si considera innegociable que os novos ordenadores portátiles empreguen Windows 7 Professional, en detrimento do software libre introducido na anterior lexislatura. Esta xa é unha pregunta máis doada de respostar, mesmo estúpida: Por que? Porque temos que mover os cartos, ti tamén fas cada pregunta. Cada portátil será adquirido coa súa correspondente indivisible impresora, non vaia ser que as súas señorías teñan que compartir tinta, 1.200 euros + IVE a parella, e entón a seguinte, última pregunta que nos facemos é: outroraio, que tanto teñen que imprimir, as listas de convidados das vodas das súas fillas e fillos?
_

Dayna Kurtz non estivo en Galicia



Hai unha elegante tempestade nesta muller, intérprete apaixoada e medida, compositora audaz, perseguidora de cancións esquecidas, unha e outra vez desforrando os caixóns baleiros de jazz, blues, soul, rock, folk. Como adoita pasarlle aos grandes artistas norteamericanos, como lle pasou á súa adorada Nina Simone, o recoñecemento gózao en Europa, porque ao outro lado do Atlántico están demasiado ocupados descobrendo produtos de mercadotecnia, fetiches prefabricados e melosos ata a náusea como Diana Krall.

Contan que tocou por algún garito da península, sen a súa estupenda banda, a guitarra rota, trasfegando coñac ao ritmo dunha fecha por tema. A Galicia non veu, así que haberá que situarlle o país no mapa porque lle gusta o bo xantar, como aos de Nova Orleáns.
_

Os miserables por Gabriel Pacheco








































O ilustrador mexicano adapta o libro de Víctor Hugo. Soberbio. Aquí poden ler algunhas consideracións sobre o seu propio traballo. Aquí o seu blog.
_

Os horizontes titulares do presidente

Deixen de queixarse polos recortes en educación, abandoen a loita, tiren as súas erradas reivindicacións á papeleira, rápido, antes de que un veciño se lles ría na cara; non é que se estean cargando a educación, é que sobra; para que se lle vai pagar a 100 profesores de historia, por exemplo, cando xa o noso presidente imparte leccións sobre a materia nas roldas de prensa? Só hai que poñer a tele!

- Y tú, hijo de quien vienes siendo?
- Yo trabajo en el grupo PRISA, señor presidente.
- Muy bien, muy bien, un gran grupo de comunicación; pues escribe, hijo, escribe lo que voy a decir con solemnidad: “uno no puede declararse independiente de la realidad, y la realidad es que Cataluña, Galicia, País Vasco, Andalucía... el conjunto de comunidades autónomas... la realidad es que todas somos España desde hace 500 años”.

Un non pode declararse independente da realidade, profunda observación, algúns poetas deben estar alucinando nas súas tumbas, este home é unha mina, non sei que vou facer cando o deixe ou o boten.
_

O acento no erro

Esto dixerono uns cantos comentando o novo logotipo de General Optica: canto dano fixeron esos “deseñadores” que convencidos afirmaban: as maiusculas non se acentuan. Optica, non vaias a optica, por moitos lentes que te poñas non lle vas pillar o acento a palabra. Somos uns repugnantes, se nos puxeramos a traballar e non criticaramos tanto, fixo que o mundo iria mellor, Mairena non sexas coñazo.

E unha guerra perdida, grandes e pequenos estan convencidos de que as maiusculas non se acentuan, un xefe meu mesmo dicia que quedaban mal acentuadas, que era antiestetico, e sabia moito do asunto.

É unha guerra perdida, mais como dicía o outro, eu quero darme o gusto de gañar unha batalla, e meter aos prisioneiros nun campo de concentración con cursos intensivos de ortotipografía, vocábulo desagradable, que remedio, como zapatos ortopédicos para corrixir a edición de texto.
_

Esta é das que se fan cortas


_

Arquivo do blog

Outro

A seguir

ecoestadistica.com
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet