Cancións sen filtros en xaneiro



Hai quen está a escribir, gravar e publicar unha canción ao día, durante todo este mes. As cancións pódense descargar de balde en Soundcloud entre o primeiro e o segundo día, logo pasan a Bandcamp, onde as pon á venda por unha libra (cada unha). O rapaz explica en Tumblr a arroutada, asegurando nunha insólita mostra de cordura que non van ser todas boas, pero igual algunha cae (remata cun elocuente wish me luck).

As cancións, a 192 kbps, van acompañadas de vídeos caseiros (en Vimeo, para completar o sarampión de enlaces), debuxos e bosquexos das letras. Sen medo a un novo xeito de vender e consumir música. Diríase que sen medo ningún.
_

O cliente é un colibrí








O de crear tendencia non é ningunha parvada, hai moitos cartos detrás, ou sexa diante, por eso Pantone publicitou hai varias semanas que a cor do 2011 é o madreselva (Pantone 205). Suponse que a marca pensa no mercado da moda, onde crear tendencia é máis importante que coser un botón ou escoller unha tea.

Haberá algúns deseñadores gráficos que apliquen a tendencia como se fora un mandamento divino e outros que nin se enteren; se vostede pertence ao primeiro grupo, lea as propiedades da cor na web, que o mesmo lle axudan á hora de convencer aos clientes incómodos. Como di Leatrice Eiseman, directora executiva de Pantone Color Institute: esta cor é a que atrae aos colibríes hacia o néctar, e non o doce recendo das flores.

- Ola, bos días, eu quería un logotipo para a miña nova empresa.
- Bos días, sente, sente, pois xa estou a ver ese logotipo.
- Ah si?
- Será un logotipo, señor...
- Losada, Eladio Losada, de Demolicións Losada S.L.
- Si, Demolicións Losada, pois o logotipo será -estendendo as mans hacia o alto como se enmarcara un espectacular horizonte- en madreselva.
- Ah...
- Bueno, a lo menos como cor corporativa principal, sabe, logo teríamos que analizar máis detidamente as características complementarias dunha segunda cor e, se fora preciso, modificar o que se coñece por efectos actitudinais da experiencia directa... Demolicións Losada, me dixo?
- Si...
- E a qué se adican aí?
_

Se o tachan de antiamericano

Hai unha tendencia manipulada, poñamos dende os anos 60, para desacreditar a aqueles que porfían nas críticas aos EE.UU. Os analistas táchanos, táchannos de esquerdistas trasnoitados, cargados de prexuízos, idealismo barato, irresponsabilidade, unha contemplación reductora, de corto alcance, e un maniqueísmo sen base dende que se afundiu esclerótico o buque da Unión Soviética. Bailar e tragar. Como cidadáns podemos sentirnos insignificantes, pero porqué, cómo crer o que nos din, cando nin facía falta Wikileaks para saber que a santa democracia norteamericana mangonea polo mundo adiante cunha inercia paranoica.

Logo está eso de que os dirixentes son malos, pero o pobo grande, que o asunto está en Wall Street. Non era unha democracia? Para comenzar, grande é ese continente chamado América, que os listos insisten en reducir á bandeira estadounidense. Se o tachan de antiamericano, xa sabe, pasando e, por favor, siga así.
_

Cando Bertolt Brecht se pinchaba


_

Un concerto aburre



Estou ollando/escoitando un concerto de Elvis Costello and The Imposters en Memphis, terra de promisión para todo aquel que se declare amante da música, non sei, tradicional, e se atreva a visitar Graceland. Rancio, rancia e lonxana e imaxinada e mentida Memphis. A Costello gárdolle un respecto dende que a moza me trouxo “Kinder murder” nunha casete.

Vale, non era por eso, é que en tres cancións canta Emmylou Harris. Non discuto a-ca-li-da-de-de-Cos-te-llo, pero un concerto enteiro aburre un pouco.
_

Morto ante o espello

Hai sinais conservando un significado
asubía o óso a súa morte
                                                   no calendario
outra morte constelación de chinchetas
angosto campo de minas
                                                   na fronte
que pechas como un coñac esvaído
antes de certificar que o avaro teu
                                                                       era o culpable.
_

O prefixo Mou

Xa estamos a 2 de xaneiro e aínda non falamos de Mourinho. Vai pensar que xa non o queremos. Dixo Mou que o gol de Iniesta ben o podía meter un lateral dereito, mesmo un lateral esquerdo, e que ese gol, polo tanto, considerando que o xogador manchego estivo cinco meses da tempada sen xogar, mancado, non xustifica que lle outorguen o Balón de Ouro. Estarán todos os laterais do mundo cunha ilusión de nenos agardando a Mou Papá, sobre todo os dereitos, non pregunten porqué, e os anónimos.

Como mesquiño xeito de meter presión está ben, mais como ponderación dun ano futbolístico é para escarallarse. Debería levalo Sneijder, polos títulos? Non me amoles. Xavi, ou senón, Messi ou Iniesta. Mou bos días, que dirían no Marca.
_

Feijóo interroga á esfinxe

Gárdasme o segredo? preguntoulle Feijóo, o presidente de todos os galegos, a Galicia, amosándolle a factura na que se detallaban os costes da campaña publicitaria coa que inauguraban unha nova marca de turismo. Unha marca nova cánto costa, unha desas marcas que non son nin públicas nin privadas senón todo o contrario, home, ti é que non te enteras (en Sanxenxo non sei cántas hai).

A esfinxe, como todas as esfinxes, non lle respostou, non lle vai dar as respostas por adiantado. Ademais, sabe que así tampouco nos ceibará desta tortura.
_

Antón está de viaxe (XII)

Aos 40, demasiado tarde, descobrerá a estupidez de matar, gardándose para si unha opinión sobre o suicidio. A Corcobado, pensa Brais, cando se pon a sermonear sobre o valor da vida con tanta puerilidade, que se o tomiño e o romeo, dan gañas de tirarlle os discos todos ao lixo.
_

Lector adolescente busca autor

“El cuaderno amarillo” de Salvador Pániker reconcilia de xeito obrigatoriamente precario coa lectura. Para o adolescente a lectura de libros é un lume sen fin; identifícase con personaxes, ideas, autores, épocas, lugares, todo, o bo e o malo, de tal xeito que anula a fisura e porta invencible o facho do sagrado, por empregar as súas palabras. Le con sentido crítico, pero un sentido crítico embebido de certidume, de sentido, cando non eleva o que fai a violenta predestinación e outras aberracións semellantes. Hai que pasar por aí, ou algúns temos que pasar por aí. Logo, querendo madurar, non dubida con calma nin lucidez, o templo arruínase, escagállase por completo. Comenza a penosa reconstrucción do libro, un libro que xa lerá con distancia, un libro que non será máxico nin outro-libro-de-merda, pero co que poderá retomar o diálogo, diálogo xa outro, máis deportivo, diría Montalbán, pero diálogo ao fin e ao cabo, diálogo ao que non queremos renunciar para tentar explicarnos, buscarnos un pouco entre tanto fastío e absurdo sen caír nun consumismo de intelectual avezado (que naturalmente non pisa El Corte Inglés).

Novelas? Quén le hoxe novelas novas? As novelas novas son as vellas, xa lidas. Algunha hai, poucas, o que non deixa de ser o normal; o inxente volume de publicacións só resposta ao vertixinoso negocio das editoriais e dos grandes grupos de comunicación que as absorben para cobrer a demanda de chabacanería en diferentes graos que eles mesmos cultivan dende a escola.

Algún autor vivo sempre hai. Algún ensaio. E os manuais da Suite de Adobe ou os cursos de HTML.
_

Arquivo do blog

Outro

A seguir

ecoestadistica.com
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet