Os Rolling xa cumpriron



Esta canción fixo que a coñece Beethoven, ou cando menos Johann Sebastian Mastropiero que nunca. Coñécena friquis e melómanos, políticos e deseñadores, albaneis e arquitectos, vivos e mortos. A Casa Real. As súas Satánicas Maxestades. Non é Angie nin (I can´t get no) Satisfaction, pero a súa popularidade e a nómina de artistas máis ou menos consagrados que a gravaron impón, non sei qué impón pero tanto ten.

Da versión que nos ocupa serviuse Budweiser para un anuncio a comenzos dos 90, que é o de menos; o que importa, por se alguén non se decatou, é que é dos Sundays. É xa outra canción, unha canción dos Sundays. Os Rolling xa poden presumir.
_

Muro de pago, fonte de auga pura

Chámanlle muro de pago a cobrar por ler o xornal en internet. O New York Times está ensaiando coa fórmula. Por unha banda busca recuperar a financiación que perdeu en axudas públicas e, sobre todo, en publicidade (gástase menos en publicidade, e o que se gasta está abondo máis repartido). Por outra busca diferenciarse dos medios gratuítos, vendendo unha imaxe de marca seria, histórica, contrastada, de-ca-li-da-de, colega.

Jaume Guillamet, catedrático de Xornalismo da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona, remataba onte na tribuna de El País coas seguintes palabras:

Ya en 1922, se quejaba Walter Lippmann, en su clásico La opinión pública, que "a nadie se le ocurre pensar ni por un momento que lo lógico es pagar a cambio de leer un periódico", que "todos esperamos a que mane el agua de la fuente de la verdad". Sus palabras no han perdido un ápice de actualidad.

A que queda ben? A min case me convence, porque esa “auga da fonte da verdade” non vai brotar por antollo, non é algo ao que se teña dereito, agora que todo o mundo sae á rúa con máis dereitos que un Borbón, haina que traballar contra a vontade dos potentados, aos que, casualmente, serven medios como El País, The New York Times e moitos outros. Ou sexa, que nin auga nin fonte nin verdade.

O neoiorquino vai cobrar non sei se 20 dólares por catro semanas de acceso ilimitado á súa web, que ficará de balde para os subscritores da edición impresa.

El País pode cobrar o equivalente, ou moito menos se quere; é a escusa perfecta para que os febles coma min deixemos definitivamente de lelo; son contados os bares que teñen El País en Santiago, camiñar pola zona vella é como mergullarse nunha fonte de auga pura de verdade.
_

Volve a caricatura dos banqueiros






















O home gordo, cara de poucos amigos e puro, os polgares metidos nos petos do chaleco, do que colga a cadea do reloxo de ouro, a verdade é que nunca perdera vixencia. Pode un lembrar a George Grosz (Life of a socialist, titúlase o debuxo de enriba), ou de preferir algo actual, ollar a breve entrevista que lle fixeron o outro día a Neil Hannon os de Mapa Sonoro nunha churrería de Madrid; está pavera. O líder de The Divine Comedy conta de qué vai unha das súas últimas cancións, The complete banker, que interpreta ao piano.

O descrédito dos banqueiros será pasaxeiro e sen consecuencias negativas para eles, ao contrario que a crise que sofremos os de abaixo, crise que será longa e nos empobrecerá máis, porque non nos rebelaremos (obviedade número 1). Deso fala, con británica educación, o artista norirlandés.
_

Dous días despois

Queremos facer outro chamamento á poboación, dende aquí, dende a súa casa, O Heraldo do Caramuxo, o boletín que sempre toca. A ver o, outro chamamento, si, agora que lle collemos o gusto, qué pasa, fano outros e ninguén os ameaza cun bombardeo da OTAN. Reláxense (o que non se debe dicir nunca a unha muller histérica). Ante todo reláxense porque temos a web ateigada co asunto das apostas.

1º) Os nosos informáticos están a traballar arreo para que todos poidan enviar a súa aposta antes de que finalice o prazo, lembren, hoxe ás 12 da noite.

2º) Quén foi o que puxo “Eu, Mourinho”? Esa é unha biografía autorizada do adestrador madridista que aínda non está nos escaparates das librerías. Manexa información privilexiada?

Outro chamamento faremos, xa comenza a cansar, aos concursantes e todo eso, polo xogo deportivo, non, cómo é, polo espírito olímpico, moito mellor, non fagan trampas, que queda feo. Pensen no Discóbolo, diantres.
_

(Alarmante) última hora

Os corresponsais do Heraldo do Caramuxo en Granada confirman que antes de comenzar o encontro entre as seleccións de España e a República Checa, encontro da liga de clasificación para a Eurocopa do 2012, o cuarto árbitro sorprendeu a Sergio Ramos nos servicios públicos lendo un libro. Conscientes de que o feito está xa, nestos precisos instantes, a causar unha hecatombe no ánimo da nación, dende o Heraldo do Caramuxo queremos facer un chamamento á calma, que non renda o pánico, espalládevos que vou centrar, non, en serio, lembren que moita xente le libros, xente tan (presuntamente) dispar como Pérez-Reverte, Almodóvar, Yolanda Castaño, Obama e mesmo Feijóo, si, o presidente de todos os galegos, e todos lles aplaudimos (o que estea libre de culpa que tire a primeira pedra; pero que apunte ben). O caso é que, si, compañeiros, gracias, si, os nosos compañeiros os enviados especiais, desta a súa e a nosa casa, O Heraldo do Caramuxo, o boletín que sempre toca, tiveron acceso ao libro que lía o lateral dereito español.

Adiviñen.
_

As coincidencias existen, amigos

Escribiu Ernesto Ekaizer, ex gurú de El País e ex gurú de Público (ao que regresou, como máis comedido, tras unha demanda laboral):

El martes 15 de marzo, dos días antes de la reunión del Consejo de Seguridad, 1.500 soldados de Arabia Saudí y Emiratos Árabes Unidos llegan a Bahrein para reprimir las movilizaciones y defender al príncipe coronado. El viernes 18, mientras se está preparando la renovada dosis de "conmoción y pavor" sobre Libia, incluido el ataque a la residencia del dictador Muamar Gadafi, tiene lugar la masacre de Yemen, con más de 50 civiles muertos y 200 heridos.

Poden ler o artigo enteiro.

Quere dicirse que a intervención en Libia non se debe só aos manidos intereses comerciais no país; armamento e recursos enerxéticos; redundando nunha manobra de distracción para protexer os intereses na rexión, que pasan por manter no poder, renovados, discretos, aos “nosos fillos de puta”.

Segue a política a ser teatro, como ensinan os clásicos? Se así é, o teatro é cada vez peor, reducido a golpes de efecto e maquillaxe, coa fin única de ser hipócrita voceira do mercado e esas simpáticas axencias de rating.

Claro que se sabes xogar as túas cartas, como Blair ou Aznar, podes rematar escribindo libros.
_

Galileo seguirá buscando












A grande onda de Kanagawa (1826-1833), Katsushika Hokusai

Dise que un buraco negro é unha singularidade onde a gravedade máis intensa curva infinitamente o espacio-tempo formando o pozo definitivo do que nada pode saír. A astrofísica explícase con metáforas ás veces preciosas, sempre desasosegantes. O de Xapón non foi un buraco negro, pero o océano amagou con tragarse o arquipélago; mar na terra, mar sobre o monte Fuji.

Pániker di que os poetas, os pensadores, abríndose ás ciencias, teñen que renovar o seu armario de metáforas.

No Ukiyo-e ocupáronse de retratar a forza da natureza. Ukiyo-e: estampas do mundo flotante (para nada se cinguían ás paisaxes); qué brutal sutileza. Un bolero agora é unha fórmula para os devanceiros de Ptolomeo e Galilei.
_

Asedio en directo á drag queen

Esta é a portada da folla parroquial de hoxe: “Dos F-18 españoles realizan su primera misión sobre Libia”. Impresionante, vaime estoupar o peito como un globo de orgullo nacionaldemócrata. Estamos cos bos, cos mellores. Non foron catro tractores e unha mula. Dous F-18.

O risco da intervención é moderado, polo que as familias dos militares poden estar tranquilas, o mesmo poden contactar cos heroes a través dalgún chat.
_

O sombreiro da pequena















Velaquí estou eu ataviado co sombreiro e o mostacho mexicanos que me agasallou a miña filla. Non, non era o entroido. Era o día do pai, outra desas datas que inventaron a Igrexa Católica e El Corte Inglés. A nena quere ao seu pai e sabe o que lle gusta. O sombreiro traía dentro tortas de millo, chiles jalapeños, aguacates, tomates, cebolas, pementos (papá, son de plástico), queixo, polo, raxo... todo o preciso.

Os chiles eran frescos, suaves, cun picante longo.

As cervexas voaban.

Despois a pequena foi xogar coas súas amigas, e os pais ficamos de longa sobremesa, escoitando a Jorge Negrete, Eydie Gorme, Los Panchos... o que pedía o sombreiro.

Voaba a botella de reposado cando nos decatamos de que o Spotify supuraba propaganda do PPdG; hora de botar o sombreiro cara adiante e perderse dentro.
_

Fíxense na foto











Está o noso experto en política internacional lendo a prensa, posiblemente a do domingo, polo gordo dos xornais. O fotógrafo soubo captar na instantánea a alma do home que le, reflexiona e escribe. Sen roubarlla, como din que fan algúns demos coas súas cámaras. A alma de Lluís Bassets, coa súa pátina de papel e tinta gastados polo exercicio dos días, esa rotativa desbocada que só os máis preparados son capaces de temperar. Reunión de sabios, todas las mañanas; Evaristo soubo velo hai xa moitos anos.

Hai que fixarse ben, eso si. Non vale unha ollada superficial, nin reparar nas tapas de cores dos libros (esa fonte de sabiduría) que atesoura detrás, porque entón escaparáselle ao lector a crucial mensaxe: Lluís Bassets está lendo a prensa, coa man esquerda a piques de sinalar un parágrafo importante.
_

Arquivo do blog

Outro

A seguir

ecoestadistica.com
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet