
Os que leron o post anterior saberán que non baixamos a Porto, senon a Ikea, en Matosinhos. Durmimos en Porto e andivemos por Porto, si, pero a razón da viaxe era o Ikea. Pouco lle puidemos “sacar” nunhas horas e non está mal así.
¿Por qué temos que aproveitar algo das viaxes, por modestas que sexan, en vez de aproveitar as viaxes algo de nós?
“A baixa” encantoume. Ía predisposto, claro. O esteiro do Douro, chumbo e verde; as barcas cos bocois de viño, aínda que xa só estiveran aí para que os guiris lles sacaramos fotos; as adegas, a maioría ametralladas con enormes marcas inglesas, á outra beira do río; unhas gaivotas orondas roubándolle os restos a gatos sibilantes, nun calexón de mariñeiros onde se repartían cruces pintadas nalgunhas portas; o lixo con esclerose múltiple; o novo tranvía, con forma de tren de alta velocidade, cruzando a ponte Dom Luis, baixo un ceo de azulexos grises e húmidos; a vella de delantal con lamparóns transparentes de lexía, que nos foi por unha cervexa á froitería do lado.
Non imos apuntar nada máis aquí. Non queremos ferir a sensibilidade de catro nacións e algunhas persoas, e apenas foron unhas horas. Gustounos (ou nos facía moita falla).
Um comentário:
Ben falado!, as viaxes tamén aproveitan algo de nós.
Unhas horas en Porto fan esa cidade máis rica...
Postar um comentário