Un nó exposto no baño

Os segundos gotean negros
do saco de sangue
                                       e sorrí
sorrí agardando que sobrio alguén
                                                                         venza a porta
para descobrelo na intimidade
drenando unha denuncia
                                                     no azulexo
de augas mexos frases papel
                                                            para limparse o cu.
_

Está de moda o deseño forte














Hoxe é día de premios. Na séptima edición do concurso ÑH ao mellor deseño xornalístico de España e Portugal, organizado polo Capítulo Español de la Society for News Design (así se chaman), repartiron a esgalla. La Voz de Cádiz, El Correo Gallego e i (lisboeta), foron recoñecidos como os xornais mellor deseñados do ano nas súas correspondentes categorías: ata 20.000 exemplares de tirada, entre 20 e 60.000 e máis de 60.000. A mellor portada de xornal foi para La Verdad de Murcia e a de revista para o Magazine de El Mundo, moi patrióticas ámbalas dúas co do mundial de fútbol; estilos diferentes, o mesmo efectismo.

Trabállase unha erótica da publicidade e o deseño, vale, pero dubido que no fútbol esa erótica (por outra parte tan abaratada) chame aos seareiros tradicionais, porque non entran nas análises dun mercado que os considera fieis. A quen buscan é a nenos soñadores e nenas que mollan as bragas e as súas nais. O de Murcia é sinxelamente desagradable. O outro non precisa Photoshop, senón un podólogo.
_

A modestia como signo de perspicacia

Onte concedéronlle o Nobel a Vargas Llosa. Por fin. Xa podemos todos, lectores e detractores, morrer tranquilos. Acaso pensan que a el lle preocupaba O Premio? Carece de vanidade, non desexaba ganalo, dáballe igual. Os vanidosos, os que estos últimos anos fixemos quinielas escribindo en todas elas o seu nome e falando mal, somos nós. Explicáballo onte a Juan Cruz por teléfono; dicíase convencido de non ser un escritor para este premio, e porqué? “Porque llegué a la conclusión de que yo no estaba en la identikit del Nobel; yo soy un escritor conflictivo, tomo posiciones incómodas, me equivoque o no siempre digo lo que me parecen las cosas, y todo eso me hizo creer que no era el escritor que encajara con la manera de ver la literatura por parte del jurado”.

Está a asegurar que os Nobel de literatura só llos dan aos servís e aos cobardes? Semella. Harold Pinter, un cobarde; Faulkner, un cobarde; Camus, outro cobarde; Saramago e Darío Fo, dous cobardes consecutivos. Este ano fixeron unha excepción e premiaron a un valente, a un bravo defensor da liberdade da palabra no mercado, e, sobre todo, premiaron a un home polo súa Obra, non polas súas ideas políticas, e leva razón porque a Obama concedéronlle o da Paz sen ter feito nada, só por estar aí.

Gracias, don Mario, moitísimas gracias polo premio.
_

Eloxio de Mishima



Cando se fundou, Mishima era un xeitoso grupo de pop entre miles de xeitosos grupos de pop, ata que a interiorización das súas lecturas agromou en dous discos ambiciosos, sólidos, razonablemente orixinais, limpos. “Set tota la vida” (2007) e “Ordre i aventura” (2010). Os críticos coinciden á hora de buscarlle referentes como The Divine Comedy e The Magnetic Fields. A nós gustaríanos engadirlle a etiqueta de pop literario, que non é un eloxio senón unha carga e unha cursilería da que, sen embargo, eles saen vivos.

Cataluña semella ser a día de hoxe para o pop ibérico o que Inglaterra para o pop anglosaxón, co atractivo engadido de que compositores como David Caraben non se conforman cunha fórmula para a melodía e os arreglos, tamén escriben bos textos (cataláns e universais, que se di pronto).
_

A motivación dos terroristas

UPyD, o partido de Rosa-Fashion-Victim-Díez, tamén sacou a súa carraca sobre a persecución que está a sofrer o castelán en Galicia, acusando a Feijóo de continuar a política lingüística do bipartito, de porfiar no adoutrinamento nacionalista. Aseguran con claridade nun comunicado: "Incumprindo as súas promesas electorais, o presidente Núñez Feijóo consinte que se siga atentando contra a liberdade lingüística dos galegos e que se utilicen os centros educativos para fomentar nos mozos actitudes violentas".

Os pais non podemos permitir que aios dementes instrúan aos nosos fillos no terrorismo (e sen necesidade de voar a Caracas). Eu descobrín, ademais, que subiron a oferta do integrismo islámico: se se inmolan no nome da Lingua Galega, garántenlles un harén de huríes, un Citröen e un chalé na praia.
_

Euforia na redacción

Cinco victorias consecutivas do Celta, colíder de Segunda. O cronista do Faro hoxe pagou as cañas, que ata recurriu á épica histórica para falar da defensa, unha Liña Maginot infranqueable para o Huesca! Anunciou o regreso das épocas douradas, con forza mental, contraataques letais, asistencias marabillosas...

A verdade é que unha liga dura demasiado, sempre o dixen; podía rematar esta semana, carallo, e, ascendidos, a ver como pasa Cristiano Ronaldo a Liña Maginot; nin el nin a Wehrmacht. Esas cañas!
_

O máis recente delirio de Rubén Albarrán



Este é un proxecto do cantante de Café Tacuba, Rubén Albarrán (agora K’kame), chamado HopPo!, que en lingua dakota ou siux seica significa “imos”. Formouno con dous músicos chilenos, Rodrigo Aros e Juan Pablo Villanueva, e Alejandro Flores, músico e folclorista coñecido polas súas colaboracións co grupo mexicano. Interpretan temas bandeira de América Latina e composicións propias dun xeito que escandalizará, ao mellor, aos ortodoxos, mesturando instrumentos tradicionais latinoamericanos e orientais con guitarras eléctricas.

Non é Fusión, esa etiqueta que o mesmo serve para vender flamenco sen identidade que receitas de cociña. Como dixo non lembro quén, a verdadeira fusión surxe sempre dunha necesidade. Aquí Albarrán explica a súa necesidade de cantar esas cancións e, como era de prever, vólveas imprevisibles.
_

O mexo do presidente






















A choiva está a lavar as pancartas de Cacheiras en apoio a Ezequiel Mosquera, pechado na súa casa. O taberneiro, home inxenuo que usa unha rectitude moral de trabe antiga, aínda non rompeu o póster asinado polo ciclista que pegou en lugar preferente, a carón da tragaperras; ou agarda a contraanálise ou foi matricularse á facultade de farmacia, porque agora segundo algúns para ser afeccionado ao ciclismo hai que estudiar.

Desa xente intelixente que forma parte do ciclismo eu salientaría ao presidente da UCI, un tal Pat McQuaid, quen asegurou que en España hai un problema coas drogas e o goberno debería poñerse duro (comprendemos que a retranca non é o forte dos seres superiores). Por qué non analizan os ouriños (o mexo, por favor; a urina, se queren) de todos os directivos de todas as federacións deportivas?

En canto ao hidroxeitil almidón, que xa o sei escribir sen copiar, fixo que por aquí todos o temos metido no corpo, gracias aos pinchos de lacón que serven para acompañar o viño os mércores (os martes, cocido!). Eso si, o outro día fun coa bici polo monte e as subidas rebentáronme igual; claro que non é comparable ao de Mosquera e Nibali na Bóla do Mundo.
_

Actriz con futuro

Na estación pasan bocas veloces
minutos zapatos
                                   pitillos furtivos
e un tren de mercancías
para o ordeado hangar da túa espera
                                                                             inútil
esa postal do destino que lle mercaches
a un director de cine profundamente
                                                                            premiado en Cannes.
_

O flash do moucho

O moucho na póla
crava sobre a lúa branca
                                                   orellas mestas
persegue o silencio pola túa pel
                                                                 de pipa
lacerada de fraga
cabeza que con aquilino clic tensa
                                                                     a ballesta escondida.
_

Arquivo do blog

Outro

A seguir

ecoestadistica.com
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet