Soidade contra unha montaña, como sempre
















Hai algo de leprosería, de balneario desbordado polo persistente pingar de persoas negras na lumieira da entrada que se van correndo hacia os resortes vencidos dunhas poucas camas, coa pel marcada cunha pobreza que identificamos con tempos pasados. Non é unha desas fotos de Nike ou El País Semanal nas que minten, máis que recalcan, o suor, a cicatriz, o músculo e o rostro con ridículas pinturas de guerra. Queren vendernos a humanidade primitiva dos seus deportistas de élite, ao tempo que verten sobre eles a sombra de tramposos e drogadictos. Poden vendernos o que queiran; os tramposos e drogadictos son eles, e si, algún ciclista ao que lle poden os negocios.

Non se trata de xestas, de evocar época ou épica algunha. Pedro Horrillo (retratado aquí ao finalizar a súa proba favorita, unha Paris-Roubaix), caeu por un barranco de máis de 60 metros no Giro do 2009; sobreviviu, leva unha vida normal. Correndo como profesional, fillo de currantes, sacouse a carreira de filosofía. Trabucábase un dos seus directores deportivos, Javier Mínguez, ao dicir: “nunca será un bo ciclista, pensa demasiado”.
_

Giro de Italia, antimateria

Unha das carreiras de tres semanas máis duras da historia do ciclismo, a que arranca mañá. O director, Angelo Zomegnan, non quixo que se escatimara no deseño das etapas, remachadas pola ancha xeografía de portos de montaña de vertixe, tanto para baixar como para subir; Alpes, Dolomitas e o Etna dúas veces, a saber se unha co volcán apagado e outra botando lava. A organización esgrime dúas razóns explícitas para xustificar o percorrido, que son gañar audiencia e conmemorar o 150 aniversario da gloriosa unificación da república. Agardo que se apunte Lance Armstrong.

Algún malpensado pode atopar unha razón implícita: a min como se vos metedes antimateria (ocorrente xiro que lle escoitei a Josele Santiago), nin patrocinadores nin directores nin médicos de equipo, o que queira a maglia rosa terá que enfrontarse cunha natureza secularmente ignorada polos orzamentos de obras públicas.
_

Un baile na festa da democracia












Non se escandalicen os roqueiros; en todo caso, que asistan a un dos mítines do PSOE lucense e logo que xulguen se o que toca o alcalde, Xosé López Orozco, paga a pena ou non. Ten o mesmo dereito a animar o inicio da campaña electoral cun grupo de música como calquera dos charramangueiros que saen na MTV. Supón un exercicio de honestidade, non temos nada que dicir e sóbranos qué calar, polo que nos cinguiremos a facer o que mellor sabemos, que é amenizar esta gran festa da democracia. Ademais, os roqueiros, esos que gastan sona de disolutos e contraculturais (dúas palabras perfectamente podres), agás excepcións, atópanse na mesma situación, nada que dicir e moito que calar.

O Tribunal Constitucional revogou a última hora a sentencia do Supremo sobre Bildu, permitindo que se presente ás eleccións, o que non gustou a PSOE nin PP, que para sorte da democracia son previsores e teñen pactadas “vías sucesivas de impugnación”. Todo en orde, podemos rir e bailar. En Madrid os socialistas contrataron a Jaime Urrutia.
_

Mañá venres no CGAC














Información na Asociación Galega de Deseñadores. Sempre poderán cantarlle a unha guapa moza aquelo de "déjese usted de museos de arte contemporáneo y véngase conmigo a la hera".
_

Cidadán con dereitos

Hoxe que non está Mourinho ata podemos ollar un partido de fútbol, mellor ou peor, pero un partido de fútbol, co que ata puiden decatarme de que dende os micrófonos de TVE non é un partido equilibrado. Ao narrador acompáñano dous ex xogadores como analistas en representación cada un do seu vello equipo, Eusebio e Sanchís. Mentras ao do Barça semella non costarlle ser correcto ata a estupidez, preocupándose en louvar por igual a uns e outros, Sanchís só fala do Madrid e do guapos que son.

Os cidadáns temos dereito a queixarnos formalmente ante un desagravio semellante, protesto, ti non sabes con quen estás a falar, esto non quedará así, vou chamar á UEFA. Agora entendo a Dolores de Cospedal, e a Florentino no palco alimentando a súa ansiedade con facturas.
_

A outra Interpol

A Interpol ten prohibida nos seus estatutos meterse en "crimes políticos, militares, relixiosos ou raciais"; o que non é obstáculo para que a súa tarefa se centre, cito á Wikipedia, "na seguridade pública, o terrorismo, o crime organizado, tráfico de drogas, tráfico de armas, tráfico de persoas, branqueo de cartos, pornografía infantil, crimes económicos e corrupción". A qué se adican entón, a perseguir aos amantes infieis dunha telenovela? Grande parte do terrorismo non se basea en reivindicacións políticas, militares, relixiosas ou raciais? Crimes políticos, militares, etc., non están relacionados co tráfico de armas ou drogas? A pornografía infantil carece de antecedentes relixiosos? Etcéteraetcétera.

Escoitemos a Interpol, a banda neoiorquina. Escoitémolos, nada máis, porque o vídeo oficial desta canción semella propaganda da outra Interpol, traballando despois dun atentado que deixará cicatrices íntimas e un prato de sopa arrefriándose, que diría o Premio Nobel.



Escoitaron o seu sentido discurso, logo de cazar o holograma de Bin Laden?

Interpol, a banda, comenzou como eco do novo século de Joy Division en Norteamérica. Esta canción, Evil, do seu segundo LP, pertence a esa época. Logo adicáronse a ensanchar obxectivos, a eso que chaman crecer musicalmente e buscar unha identidade propia. Como pasa ás veces con este tipo de grupos prometedores, si, creceron, mais perderon a súa identidade, o que non impide que gocemos das primeiras cancións.
_

Puido escoller unha vida normal

Poñamos que si, os ianquis mataron a Bin Laden, triunfou a democracia e os neoiorquinos contemplan marabillados un ceo de confeti no que se van formando palabras grandiosas que nin sequera ditou o Pentágono. Fíxose xustiza. Descansa a aguia en todos os corazóns. Aparece Obama co xesto solemne do deber cumprido.

Non sexan escépticos porque tiraron o cadáver ao mar (e outras moitas informacións). Alégrense e pensen como un: a culpa foi súa, se escollera España para esconderse non o pillaban.
_

Unha gozada ollar como traballa

The Art of Hermann Zapf from Johnny Dib on Vimeo.


Convido a deseñadores e tipógrafos a pescudar, no tempo que dura este pequeno documental, o nome do protagonista, alemán nacido ao final da I Guerra Mundial, autor de tipografías como Optima, Palatino ou Zapfino. Non se trata de gustos persoais. A Palatino plaxioulla Microsoft, é dicir, escarallouna e cambioulle con sutileza o nome polo de Book Antiqua (a SGAE non se pronunciou).

Está casado cunha calígrafa e as súas mans son firmes, exactas e cultas. Como última pista deixo a ligazón á web que lle fixeron. Calquera escusa vale para pasar un intre con tan respectado mestre.
_

Xeitos de perder a cabeza

Está feito todo un axitador, Antón Losada. Dende a súa bitácora e o seu twitter queixouse dos políticos que non aceptan debates nin preguntas nas roldas de prensa, convidando aos seus compañeiros de profesión a non cubrir comparecencias reducidas con silandeiro fascismo a propaganda, o que se materializou rapidamente na iniciativa #sinpreguntasnocobertura, aplaudida e apoiada por nomes de peso do xornalismo nacional.

Desculpen o meu receo, pero grupos como o PSOE e UPyD adhíronse con entusiasmo e a mesma rapidez, tamén asinan, encántalles respostar preguntas, qué fará vostede para combater o desemprego?, poñelos a todos a traballar, o meu é un programa serio, oia, quero que quede ben claro; malversou vostede fondos públicos?, quén, eu?, non, amigo da prensa, claro que non, e non quererá arriscar vostede o seu posto de traballo, verdade?, porque podería acusalo de difamación, ou, cunha simple chamada, facer que me traian a súa sucia cabeza nunha bandexa de prata, como naquela película.

Xa me dirán qué cambia. Losada podía preocuparse primeiro por escribir mellor, e se non lle é moi difícil, en galego.

Por certo, aínda hai xente que se traga a pantomima dos debates entre candidatos? Eso é para que te leven de urxencias ao hospital, doutor, doutor, o meu home perdeu a cabeza, non difamaría a un poderoso político?, qué va, moito peor, chega do traballo e ponse a ollar os debates da televisión.
_

Unha frase para Telmo



Os publicistas gozan dunha mina coas campañas e precampañas electorais, días que conforman un único tempo, dende a morte de Franco ata hoxe. Suculentos contratos non expostos a graves nin leves crises económicas, co tráfico de influencias inherente ao asinado entre partidos e empresarios ante a tutela última dos banqueiros. Non descubro nada novo, só pretendo criticar o traballo dese gremio encargado de venderlle as propostas dos candidatos á cidadanía, traballo ao que acordaron colocarlle un antes e despois de Obama, xa saben, programas 2.0, democracia e internet, xuventude, participación, rexeneración, interacción, inmediatez, proximidade.

Detéñome hoxe na “caravana da ilusión” de Telmo Martín, firme, optimista aspirante á alcaldía de Pontevedra. Suponse que idearon “caravana da ilusión” como un claim. Aínda que tecnicamente non o sexa, os creativos, que acharon neste anglicismo o que denominarei con redundancia un amuleto multifunción, pensarán que si, que é un claim e dos bos, e tampouco semellan errados, óllase a Telmo contento e convencido.
_

Arquivo do blog

Outro

A seguir

ecoestadistica.com
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet