A segunda privatización dos callos

A doutrina do shock é un produto de think tank, de partidos maioritarios e corporacións multinacionais. Goldman Sachs, que dixo o artista. Think tank, tanque de pensamento que aquí adoita traducirse en eufemismos como laboratorio de ideas ou centro de pensamento. Canto máis neoliberais son, máis se esforzan en vendernos centrismo e moderación, mentras aplican a política do medo diario, non protestemos, non nos queixemos, agradezamos o pouco ou nada que temos. Nas vilas esa política aplícase peneirada polo carácter e a información dos alcaldes. Haberá algúns que nin saiban de qué falamos, outros pensarán que é algo de fóra, como a morte en México, que non afecta á súa comunidade, e outros, con delirios de grandeza, acomodarán a prestixiosa teoría aos seus intereses. E logo está don Xerar Ilusión.

Don Xerar Ilusión non aplica a doutrina do shock. El é anterior e superior a ela, como se nacera así, amo, estúpido, maleducado, paranoico, agre, arrogante e analfabeto. Poden estar seguros, este home é alcalde de Santiago de Compostela, e entre ocorrencia e ocorrencia, é capaz de prohibir ata o uso de condóns. Polo de agora eu xa temo que quite os callos dos xoves nos bares, os que che poñen co viño ou a caña, qué dispendio é ese, o que queira unha tapa de callos que a pague.

Ademáis, os callos, agás cando te nomean encomendador de honra da confraría da festa dos callos, é unha comida vulgar e mala para a saúde, con toda esa graxa e tantas calorías; o médico quitoullos; o señor alcalde tomará de primeiro unha ensalada de percebes do Roncudo con escuma de crisantemos moderados e reducción de PP.

Marchando.
_

Nenhum comentário:

Arquivo do blog

Outro

A seguir

ecoestadistica.com
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet