
Hai unha sección nas páxinas de cultura de El País que me encanta. Chámase El Rincón e consiste nunha foto comentada dos estudios dos artistas, escritores e intelectuais que lle confiren lustre e prestixio ao país (valga a redundancia). Este, como poden ver, é o recanto de José Ángel Mañas, aquel eximio novelista da Xeración X. Gustaríame ollar o recanto de Lucía Etxebarría ou Sánchez Dragó, de Pérez Reverte ou Juan Manuel de Prada, pero a miña preguiza, pecado capital polo que sen dúbiba estou condenado a un existir mediocre, impídeme buscalos. Mañas amósanos un xadrez (é un tipo intelixente), unha portada enmarcada do Marca (é un tipo do pobo, con afeccións normais e solidarias, nada rebuscadas), unha máquina de escribir e un teléfono de roda negro (é un tipo de fetichismos sobrios), un PC (é un tipo adaptado ás novas tecnoloxías) e libros, moitos libros.
Libros moitos libros moitos. Eu, de natural bruto, ignorante e, en consecuencia, escasamente recibido en fogares ilustrados, sei de persoas que atesouran esos interminables volumes que elevan o espírito e ennobrecen a intelixencia, vacinando contra as anacrónicas supersticións do poder e o costume. A unha viciña, por mercar a colección completa dos Premios Planeta e Nadal, agasalláronlle unha librería de formica con arabescos labrados e un forno microondas. Agora sae cun mozo ben parecido que traballa no rexistro do concello e quenta o almorzo nun minuto. Eso está ben. O que quero dicir, non sei se seguen o meu pobre raciocinio, é que poucos len os libros que acumulan nas súas bibliotecas e despachos para a fausta admiración das visitas; costume que acho, esta de non ler os libros, Diderot e D’Alembert desculpen a blasfemia, san e recomendable.
Vostedes que cren? Mañas leu (e conserva tras varias mudanzas) todos esos libros? Eu diría que si (é un tipo serio).
Vostedes leron algo de Mañas? Eu non (xa dixen que son un ignorante).
Chegados a este punto, feble como son en todo o que se refire ao exercicio e rigor do intelecto, e en xeral a todo o que supoña exercicio e rigor, e constancia, pregunto, pregúntome: cómo será o recanto do noso presidente, o presidente de todos os galegos e galegas? Afortunadamente, carezo da imaxinación necesaria para facerme unha idea.
_
2 comentários:
Lembras a foto da Rita Barberá en bikini e pose sexy?, pois tena enmarcada no salón, entre o altar a Ansar e o libro asinado de Berlusconi...
Non sigo que me mosiono!
Uf, coido que Goya pronunciou mal a famosa frase, era: os soños de Feijóo producen monstros.
Postar um comentário