Estaba o día a piques de abrir no porto, pero no Showboat era noite pechada; cores de vértigo perseguíndose na pista con pouca xente; abaneaba un borracho ollando como bailaban dúas mozas, unha detrás da outra, catro serpes de auga morena enredándose e deslizándose das cadeiras á bola de espellos, risos cambiantes, insoportablemente cachondas; parellas e restos de cuadrillas fundíndose nos sofás, a parede cuberta de ducias de televisores antigos disparando todos os videoclips do vran, un segurata que entraba nos baños a pór algo de orde. A esa hora, a meirande parte dos clientes eran de barra; camareiros que remataran nos seus locais, un mariñeiro sen hora, noctámbulos vocacionais, adultos, colonias caras e bebidas seguras. Antón estaba contento, pola tarde pechara unha importante venta cos do Hipercor que se inauguraría en xullo, sábado non se traballa, a muller e os nenos en casa dos sogros, domingo si, domingo ir por eles, xantar coa Gran Familia Unida. Pediulle outro Capitán Morgan con cola a Patricia mentras ollaba como o cu de Ana se perdía no outro extremo da barra, que daba ao almacén. Alex explicáballe como eran os portátiis que mercara a empresa para todos os seus axentes de ventas; e-mails, contabilidade, gigas, presentacións en Power Point, máis gigas, moitos gigas.
- Olla esta carteira, Alex.
- ¿Qué ten?
- Uns poucos cartos, tarxetas, a foto dos pequenos, qué vai ter! Olla esta carteira, esta carteira non vale nada, e os vosos ordenadores tampouco. ¿Qué digo eu sempre? Esta carteira non vale nada, a que vale é a outra, a carteira de clientes. ¿Capicce? Patri, ¿cuándo va a hacer acto de presencia el cabrón de tu jefe? Tengo que hablar con él, y luego que desaparezca, que aquí aún queda noche, ¿o no?
- Abuelo, que ya no estás para tanta velocidad...
- Humm... algunas cosas están bien a toda velocidad, y otras más despacio...
Unha fiestra aberta, cores que fuxían contra as velas ordeadas no primeiro pantalán; o vento axitando os triángulos dos mastros, Kylie Minogue nas pantallas, 2 hearts are beating together, oh oh oh, don’t let go! Alex, é Kylie Minogue, esa muller vendeu máis de 60 millóns de discos, dígoche eu que mexa Moët Chandon, mándalle un e-mail, dille que quedamos mañán, jaja, a estrela loira acariña o micro, a polla negra e diamantada e gorda, a caveira reducida; pagarías por bicar os seus zapatos, Alex, non digas que non, que te coñezo, fetichista do carallo, as tías piden polla. Patri, pon outros, que hoxe paga o amigo Alex.
Ao enfilar para os baños, Antón topou con Brais, que entraba no discopub.
- Coño, o meu curmán favorito, a qué andas ti a estas horas, can? Anda, ven comigo. - Botoulle un brazo por riba do ombro. Brais deixouse levar. Antón petou nunha porta, o tempo pasa, a xente ponse nerviosa, acabando; saíron dous rapaces coa ollada perdida, qué pasa, tío, ¿llegas tarde a casa de mamá?, ¿quieres algo?
- No, circulando...
Entraron, Antón pasou o pestillo (queda algún lugar con pestillos) e sacou a carteira. Aquí estamos os dous cans da familia, coa diferencia de que eu son respetado e ti... e ti es un perdedor. O luns teño que pasar pola axencia para que nos fagades un catálogo novo, fai un tutelo aí, ¿estará Fernando?
- Fernando vai nunha feira en Barcelona.
- Ti traballas e el vai ás feiras... es un perdedor, nin sequera aprendes nada novo.
- Coa trapallada de logo intocable que tedes fágovos uns traballos ben xeitosos, cala un pouco.
- O logo xa sabes que o fixo o fillo do xefe...
- Por eso é intocable, xa.
Antón tiña preparadas as raias. Brais pasoulle o billete enrollado, esnifou Antón, si, tampouco me vaias contar agora a túa aburrida vida, ¿aínda estás con esa histérica do ambulatorio? ¡respeten as quendas! o doutor non pode atender á xente cando a esta lle apetece, ten que traerme a tarxeta sanitaria... pordiós, dache cita para botar un maldito polbo? eso se é que sabe follar...
- Descansa...
Saíron do baño e Antón cantaba “¡no sabes lo rápido que corre mi tiempo, por eso soy, soy, el rey del insomnio!” Qué queres, un gin tonic? Patri, un gin tonic para nuestro artista.
- Beefeater? - preguntou a camareira.
- Patri, un poco más de clase! Ponle Sapphire.
- Qué hortera es, como se a Sapphire fora unha gran xenebra; Beefeater, Patricia; algunhas pequenas decisións aínda podo tomalas por min mesmo.
- Ah, non me estraña que non vaias chegar nunca a nada... Bueno, a Alex xa o coñeces, ¿non?
- Qué tal, Alex.
- Aquí, pasando un pouco o rato. Estáballe contando ao teu curmán...
- Que mentras se follaba a unha puta colombiana pensaba nos zapatos de Kylie Minogue, ¿a ti qué che parece? ¡É un pervertido! jaja.
Rematou de desfacer o nó da gravata e desabotoose o peito da camisa. “¡No sabes lo rápido que corre mi tiempo...!”
- De ónde sacaches esa canción? - preguntoulle Brais.
- Los Ilegales!
- Xa.
- Qué pasa! Só ti escoitas boa música? Escoiteina o outro día na radio do coche, que teño un aparato que sona a diós, e díxenlle ao maior que ma baixara de internés, oe, aínda teño no faio os vinilos de cando era xoven...
- Abuelo!
- Patri... reconócelo, este abuelo es mucho más barco que cualquiera que esté ahora aquí, lo sabes...
- Ay, yo cómo lo voy a saber...
- Humm, te gusta jugar...
Patricia foi atender a outros clientes, “la velocidad es mi verdadera vocación, en un mundo parado siempre voy buscando acción, no es cuestión de drogas es cuestión de convicción, no sabes lo rápido que corre mi tiempo...”
- Ño! ata te sabes a letra! - Brais arrepentiuse de contado da frase, aínda que non tivera ningunha importancia; frase de enterado, o policía interior estaba lento, van ser as sete da mañán, claro.
- Por certo, artista, qué se che perde por aquí a estas horas? Eu teño... excusa.
- Eu tamén - apresurouse a dicir Alex, rindo.
- Non hai moitos sitios a estas horas onde tomar unha copa en boa compaña.
- Ou dúas se son pequenas... e saben cómo facer cun bo instrumento.
- Luego podemos ir al Jungla - apuntou Alex.
- Síntoo, amigos, pero esta é a última para min.
- Oh, vaste rajar ahora! Levas toda a noite por aí y ahora resulta que es muy tarde, no me jodas, primo. ¿Necesitas ir ao baño? Toma a carteira, anda, pero con volta, eh, que é un regalo de Rosa.
- Qué conmovedor respeto pola muller.
- Oe, pois claro, a familia é sagrada, outra cousa é que un teña dereito a divertirse, qué carallo, toda a puta vida currando.
- Vale, vale, pero garda a carteira que a min xa me chega por hoxe.
- Bah, qué desastre, Alex, mírao, sin plan, sin nada, sólo salió a tomarse unas copas porque su vida es una mierda aburrida, con su “maquistosh” y su sargenta.
- Bueno, será cosa suya...
- ¡Ben aquí, artista! - Antón botoulle de novo o brazo polo ombro e apertouno contra si -. Sabes que te quiero y estoy aquí para lo que sea, eh?
- Ouy, esto se pone interesante...
- Alex, esas cousas para ti, deixa, xa pago eu, co xefe que tes non creo que teñas nin para Beefeater.
Bicouno na fronte, Patri, dos más, para mi y para Alex, el artista nos abandona.
- Aínda teño a metade da copa - Brais sacou o paquete de Chester e ofreceu.
- Chaval, las autoridades sanitarias advierten que fumar provoca impotencia.
- Es capaz de tomalo en serio...
- Non, polo menos no meu caso, jaja, pero tampouco é que sea bo, estou aí aí, deixeino pero fumo a veces, hai moito que non compro un paquete.
- Anda de gorrón y da lecciones de salud, está aí aí.
- Ti cala, eu polo menos non compro parches de nicotina.
Brais prendeu un pitillo, as cores atravesaban a néboa íntima, o pincha rematara a súa sesión, Ana, luces! fíxose un breve silencio, apurou o trago e saiu ao porto, algún mariñeiro na cafetería de Carlos, halo de gaivotas perseguindo un pesqueiro, nervioso trazo de grises no ceo branco.
_
Assinar:
Postar comentários (Atom)
Arquivo do blog
-
▼
2010
(351)
-
▼
março
(19)
- Boqueixón: publicidade negativa
- Todos os sombreiros de Sergio Makaroff
- A curar aos EE.UU.
- Antón está de viaxe (III)
- Teño un fillo etarra
- E despois do traballo, a festa
- Antón está de viaxe (II)
- Benjamin Netanyahu xogará ao golf en Sanxenxo
- Radiohead na tele
- Miguel Delibes
- Un público existe
- Antón está de viaxe (II)
- A proa manual do tempo
- Antón está de viaxe (I)
- Atopan autor para "El lazarillo de Tormes"
- Nunha aldea do sur
- De bata e pantuflas
- A sombra que coñece lugares
- Un enxeño de dúas cabezas
-
▼
março
(19)
Recomendacións
Marcadores
Miguel
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-Non comercial-Sen obras derivadas. 3.0 España de Creative Commons.
4 comentários:
Canto haberá de biográfico e canto de imaxinación?.
Xa estou enganchado á historia: aires mariños, gaivotas facendo ruído; Ana, luces!...
Devezo pola continuação!
Haberá continuação?
Si, haberá continuasión, pero aos poucos, que en seguida me estreso. O que non sei é se terá unha continuasión longa ou breve, e final fixo que non.
De biográfico a penas ten, pero esplícallo ti á xente. Cómo é o das pelis: calquer paresido coa realidade é pura coinsidensia.
Ou sexa, que non é 'virídico'.
Pois nada, que a continuasión sexa canto antes.
Mañá mesmo xa me poño co do club de fans, que con estas cousas é mellor estar prevido para cando as editorias se peguen por publicalo.
Por certo, falaches cos da SGAE como a do Lazarillo?
Non, e sabes que non é "por principios", é unha cuestión... "de forma"; prefiro morrer de asco antes que negociar con esa xente (perdón pola soberbia, é ao revés: prefiro morrer de asco antes de que esa xente negocie comigo).
Postar um comentário