Concordia universal: o novo disco de P. J. Harvey é a ostia en verso, insuperable, lo más de lo más y lo tope de lo tope, muñequita, e van os de Pitchfork e concédenlle un 8’8, os miserables. Quen asina a crítica é Scott Plagenhoef, nada menos que o editor xefe da biblia; el saberá o que fai gardándose o 1’2 restante para si, expoñéndose á ira do Altísimo. Cren que estará a tempo de rectificar?
A min polo disco non ten sentido que me pregunten, xa que non sei facer outra cousa que rirme dela (por diante), e envexar o seu talento e o seu éxito (por detrás). Linlle unha entrevista a semana pasada só para relamberme na miña malevolencia barata, porque, sexamos serios, ninguén se impón metas tan elevadas como Ela, ninguén é tan creativamente inquieto, tan honesto, tan radical, tan insubornable no seu afán de expresar con orixinalidade o que sinte, o que pensa. Obsérvese que para escribir o novo disco, ao que dotou como eixo temático da guerra (así, en conceptual, pero en concreto, claro), gardouse o seu rexio desprecio por internet aducindo que lle serviu, á hora de documentarse sobre sucesos bélicos, para coñecer testemuños de primeira man, complementarios á historiografía oficial, porque o que buscaba, di, era comprender todos os puntos de vista. Para alivio da humanidade, finaliza, non perdeu nin un minuto en internet que non lle axudara ao seu traballo, porque internet é malo, pero, para alivio da humanidade, desculpen a repetición, Ela é moi disciplinada.
(Inciso: un debate sobre a disciplina é patético; cada un traballa como mellor lle ben; precisar un Mac, retirarse ao monte sen cobertura, rezar, estudar, tomar notas, tomar drogas, erguerse ás oito da mañá, deitarse ás 11 da mañá... non quere dicir nada. A non ser que alguén cargado de prexuízos queira asocialo automaticamente cunha forma de ser que lle desagrada. Como é o meu caso).
Cada día, cada disco, a verdade, P. J. Harvey está máis guapa, joder. Eu xa lle escribín todo tipo de cartas, inspirándome en poemas de John Donne, en anuncios de contactos (con coiro e látego e esposas), sendo discreto, procaz, platónico, intelixente, parvo, decidido, humilde, tiránico, burgués, marxista, Mahatma Ghandi, Rocco Siffredi, indixente, Marianne Faithfull, altermundista, Aznar, Batman, procurador da propiedade, votante do PSOE e o PP e Tony Blair e o Bloque, mesturando, creando, crendo, sendo... non me respostou nunca, aínda que, agora que o penso, o mesmo é porque Ela nunca olla o seu correo, que é moi disciplinada.
E o Scott Plagenhoef concédelle un 8’8. Qué saberá el desta muller que te deixa pampo.
_
Assinar:
Postar comentários (Atom)
Arquivo do blog
-
▼
2011
(375)
-
▼
fevereiro
(35)
- Un canario que agora está durmindo
- A eternidade era esto
- Encontro no ascensor
- A culpa é de Lendoiro
- O último dos famosos playboys internacionais
- Remendo
- Qué opinas de The King of limbs?
- Homenaxe a Joe Strummer
- Din que foi a falta de vitamina B
- O banner da democracia
- Papá rifándolle ao fillo
- Razoamento
- Ganar por puntos
- A nova entrevista a Josele
- Nunha parada de bus
- Concerto no que se cumpren as normativas
- Hoxe escribe Ferlosio
- Nobody spects the Spanish Inquisition!
- A fratricida loita pola alcaldía de Santiago
- 25 anos de oprobio
- Hamlet sabe do que fala
- O amor é o que ten (II)
- O amor é o que ten
- Falso dominó
- Josep Pla e a F1
- Labor de presidente
- Os traballos distintos
- A solemnidade é espantosa
- Aliado de súpeto antidemocrático
- Canción do 2 de maio
- O xoves, callos
- Marqués de Vargas Llosa
- Marketing segundo Sánchez Ferlosio
- Unha cadeira de rodas en Canadá
- En solidariedade con David Bisbal
-
▼
fevereiro
(35)
Recomendacións
Marcadores
Miguel
Esta obra está baixo unha licenza Recoñecemento-Non comercial-Sen obras derivadas. 3.0 España de Creative Commons.
Nenhum comentário:
Postar um comentário