Imos coas estreas na carteleira de cine, que é venres. Queremos salientar a película Corcel de uranio, da que ollan a imaxe promocional (clic para ampliar). Película ambiciosa cun orzamento superior ao PIB de moitos países, como demostra o mesmo título, para o que a produtora contratou exclusivamente a seis guionistas, dirixida polo controvertido e oscarizado director norteamericano Arthur Gregorovius, e protagonizada por un espectacular elenco de actores e actrices. Corcel de uranio manterá aos espectadores cravados nas butacas ata o final, nun exercicio cinematográfico de vontade totalizadora que inclúe acción, drama, comedia, intriga, terror, sanguentos asasinatos e tórridas escenas de sexo. Non deixará indiferente a ninguén.
A polémica precede a Corcel de uranio dende a presentación do cartaz publicitario co que empapelaron as capitais do mundo enteiro (agás Teherán, Caracas e La Habana); acúsase á axencia responsable de sexismo, por empregar como reclamo un único fotograma no que se olla á actriz Scarlett Fox Terrier en lasciva postura, así como de falta de imaxinación, o que axudou, claro, a publicitala.
_

Nenhum comentário:
Postar um comentário