
"Búscanse homes para unha viaxe perigosa. Soldo baixo. Frío extremo. Longos meses de completa escuridade. Perigo constante. Non se asegura retorno con vida. Honor e recoñecemento en caso de éxito." Sir Ernest Shackleton
A este anuncio do explorador nos xornais de 1907 respostaron máis de 5.000 persoas, non sabemos se movidas pola fame, a guerra inminente, soños de gloria ou o bo gusto, porque os admitidos embarcaron rumbo ao Polo Sur con a lo menos 25 caixas de whisky de malta da afamada marca McKinlay & Co, que na actualidade distribúe a destilería Whyte & MacKay. Explorador irlandés, whisky escocés, a maior gloria do Imperio Británico. A expedición non logrou o seu obxectivo, pero regresou con todos os seus membros vivos e presumiblemente quentes. Un equipo de arqueólogos de Nova Zelanda vai desenterrar do xeo dúas desas caixas, para tomar mostras. En Whyte & MacKay cren que se os tapóns de cortiza aguantaron ben, o whisky estará aínda mellor, pero que se as botellas están ladeadas puideron corroerse os peches, corrompéndose o seu aroma. Non sabemos qué gradación tería para manterse líquido.
Logo de analizalo deben devolver o tesouro alcólico ao lugar no que o atoparon, obrigados por un tratado de preservación histórica asinado polos 12 países que co-administran a Antártida. Dan gañas de revirarse explorador (“ten que haber xente para todo”, asegura ese aventureiro lobo de mar que é Suso Leiro) só para exclamar: non camiñei con Shackleton nin Amundsen, pero tiven o honor de abrir unha desas botellas e beber: God (pausa) save (pausa) the Queen (dianas e alboradas).
_
Nenhum comentário:
Postar um comentário