Un histérico canto á amizade e o amor

Esta noite ollamos “Buscando a Eric”, non sen agudas interferencias, porque saltou a alarma dunha viciña ausente; todo o edificio congregado en torno ao trebello histérico, berrando e tapándose as ourellas. Armados de paciencia, ollamos a película enteira, deténdoa cada vez que nos tocaba saír ao pasillo para deliberar as medidas a tomar (a tía non pensaba vir, a policía estaba moi ocupada, un do segundo quería calala co cu do extintor, eu mañán traballo). Estivo ben, a película. A mesma de sempre de Ken Loach, dirán os sobrados que buscan que os sorprendan, e así é; todo autor se pasa a vida dándolle voltas aos mesmos temas. Realismo social ao que esta vez lle engade un elemento fantástico, cando se lle aparece Eric Cantona ao protagonista, un carteiro coa vida rota por case todos os lados. O fútbol é unha parte importante do fondo afectivo da comunidade traballadora que retrata, e o ex xogador entra en escena para despertar ao carteiro das súas miserias. Non rechía porque o rumbo dos acontecementos é case intrascendente. O carteiro e os seus amigos de reparto (de correo) gañan, coas súas contradiccións e medos, divertíndose e divertíndonos, unha gran batalla persoal, pero sabemos que a guerra na rúa continuará.

Hai como unha invitación ao optimismo que só por prexuicios se pode considerar inxenua, como se o director quixera dicir: vale, está todo moi jodido, pero podemos, e debéramos, enfrontalo; que nos rouben no traballo, no centro comercial, na comisaría, na cama, no cine mesmo, que nos rouben o que queiran, non nos roubarán a nosa resistencia, a capacidade última de vivir a nosa propia vida con dignidade (ai, as vellas palabras). Ao final, a viciña apareceu; desactivaron a alarma, primeiro, e arrancárona, despois. Quedaron os cables saíndo da parede como un trofeo de caza eléctrico.
_

Nenhum comentário:

Arquivo do blog

Outro

A seguir

ecoestadistica.com
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet