Standstill no teatro

O grupo catalán está a percorrer a península con dúas propostas distintas: unha, prodigándose en concertos, digamos, convencionais, repasando discografía, con fume, alcol, baile e bises; outra, con menos datas, presentando o seu espectáculo ROOOM, en teatros, onde interpretan sentados só o seu último traballo, o fabuloso triple EP “Adelante Bonaparte”, cunha pantalla de fondo sobre a que proxectan imaxes. A edá, como din os vellos, vaiche ser cousa da edá; puidemos escoller e escollemos ROOOM. Velaí as nosas impresións:

- Receo inicial: cheira tanto a rollo cultureta que abafa.
- Teatro Caixanova, en Vigo: rollo cultureta a maior gloria de políticos e banqueiros (¿obra social? chúpalle a polla ao da butaca do lado).
- As imaxes: decepcionantes, horribles. Só hai que lembrar o vídeo de “La risa funesta” ou o deseño da caixa de “Adelante Bonaparte”. Por qué non tiraron por aí? Quixeron facer algo conceptual (“el concepto es el concepto”) partindo de imaxes caseiras (evitando dereitos de autor, vale) que se ollaban cutres, obvias e molestas. Pode ser que facer unha película de hora e media lles resultara demasiado costoso, de cartos, tempo e persoal; puideron, non sei, difuminalas, distorsionalas, buscar texturas, luces e sombras, algo obrigadamente máis abstracto, non un cepillo de dentes rotando (a culpa non é do cepillo, un obxecto tan válido como calquera, coche, cable, martelo, pistola, porta, abrelatas).
- Música: as cancións aguantan o que lle boten, son moi boas; encantoume o concerto, subindo e baixando. Agardaba máis do son, pero non foi malo logo dos primeiros minutos (coas expectativas xa se sabe o que pasa). A canción que abre e pecha a obra é a mesma; a primeira, que narra o velorio e funeral do pai, foi máis ladaíña que no disco (a guitarra acústica soaba como un estropallo, o baixo acoplaba); a segunda, o nacemento do fillo, colleu un ritmo descoñecido, como de bossa nova, que se deixou querer. Das dúas versións de “Adelante Bonaparte” quédome coa segunda, arrancando coas palmas e rematando con toda a elegante cabalería. “Elefante”, para a que se trouxeron a tuba, non decepcionou: arrepiante.
- O público en pé aplaudindo; houbo quen se queixou de que non tocaran máis. Eles saíron a saudar e dicir que non había bises, como pedindo desculpas; aínda non lle colleron o pulso a este tipo de shows: debían inclinarse para agradecer o recoñecemento e desaparecer coa fronte alta; se alguén quere desculpas que acoda á oficina do consumidor e esixa un documento triplicado. Prenderon as luces e comenzou a soar unha canción de Radiohead, como admitindo unha influencia descarada.
- Pregunta: quén fede a cultureta, a pureta? Os outros ou eu?
<>

Nenhum comentário:

Arquivo do blog

Outro

A seguir

ecoestadistica.com
Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet